Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 24/6/2009
Máis de 250 persoas participarán na xornada do venres 26 de xuño, organizada polo Gabinete de Saúde Laboral
A CIG leva ás rúas de Ferrol a “necesidade inescusábel” da avaliación dos riscos laborais
O vindeiro venres 26 de xuño o Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG celebrará a Xornada Técnica “A avaliación de Riscos: unha necesidade inescusábel”, na que se poñerá de manifesto a importancia da avaliación de riscos laborais como o instrumento básico para lograr unha xestión eficaz da seguridade e a saúde no traballo. A xornada trasladarase até a rúa para aproximar a transcendencia desta cuestión a toda a poboación, desenvolvéndose nunha carpa instalada para tal fin no Cantón de Molíns de Ferrol.

09-06-24 RP Xornada Avaliación Riscos Ferrol 1
Cristóbal Carneiro, presidente de Agavida, Anxo López Pintos,  Secretario Comarcal da CIG de Ferrol, Alfonso Tellado Sande, Director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral, e Antonio París, presidente de Agacamt.

A xornada, que contará coa participación de máis de 250 persoas, foi presentada na mañá do 24 de xuño polo secretario comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, o director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral, Alfonso Tellado, o presidente de Agavida, Cristóbal Carneiro, e o presidente de Agacamt, Antonio París, que destacaron a importancia da avaliación de riscos laborais como un instrumento básico para lograr unha xestión eficaz da seguridade e saúde no traballo e como un elemento imprescindíbel de cara a evitar que unhas condicións de traballo inadecuadas poidan seguir a minar a saúde de traballadores e traballadoras.

López Pintos destacou que a CIG vai sacar á xornada “á rúa para aproximar” a temática á xente e reivindicar a importancia da avaliación e a prevención de riscos, porque “se durante a época da chamada bonanza as empresas apostaban pouco pola prevención, agora en tempos de crise esta cuestión aínda se desatende máis. Non hai que esquecer que a avaliación e prevención de riscos debe estar á orde do día”.

Pola súa banda, Alfonso Tellado, denunciou que durante o desenvolvemento desta Xornada os asistentes poderán comprobar como “case catorce anos despois de promulgarse a Lei de Prevención de Riscos Laborais, lamentablemente, non ter avaliado correctamente os riscos laborais ten o resultado final do rostro humano de centos de traballadores e traballadoras que padecen unha enfermidade de tipo laboral sen que, en moitos dos casos, esta fose tratada e rexistrada como tal, o que ocasionaría cambios substanciais nas condicións dos seus postos de traballo”.

Campaña europea

A CIG, quere, deste xeito sumarse á campaña promovida pola Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, e propiciar tamén, como obxectivo dun enfoque integrado da avaliación de riscos laborais, a achega de toda a información precisa de como realizar unha correcta Avaliación de Riscos, a todos os delegados e delegadas de Prevención, Comités de empresa, Comités de Seguridade e Saúde, Traballadores Autónomos e aos traballadores e traballadoras en xeral.

Este compromiso leva á CIG a promover, conxuntamente coa Asociación Galega de Vítimas do Amianto (Agavida) e a Asociación Galega contra o Acoso Moral no Traballo (Agacamt), nun intento de evidenciar que a non avaliación ten consecuencias para a saúde de traballadores e traballadoras, a celebración desta Xornada Técnica.

Desenvolvemento da xornada

A xornada terá lugar nunha carpa situada no Cantón de Molíns, a partir das 10.00h. do venres 26 de xuño, e a presentación da mesma correrá da man de Alfonso Tellado Sande e Anxo López Pintos. As intervencións, a cargo de recoñecidos especialistas, prolongaranse até ás 18.00 horas.

Durante todo o día o ISSGA terá instalado un stand promocional no que se poderá conseguir material do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

1