Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 1/7/2009
Aínda que o cansazo fixo acto de presenza e houbo baixas, de novo a cidade de Vigo volvia amencer con marchas e piquetes polas distintas zonas industriais. Pouco despois das dez da mañá saía de Barreras unha marcha até a Praza do Concello, que subiu até a Praza de América, para despois continuar por Camelias.
Asemblea na Praza do Concello
Na Praza do Concello, ás doce e media, tivo lugar unha asemblea para analizar e informar da reunión mantida na xornada anterior coa patronal e os mediadores.
Ameazas e presións
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, comezou informando de que "nestas alturas e nestes momentos hai xa moitisimas empresas que están transmitindolle aos seus traballadores e hoxe como prazo límiten en moitos sitios, en Ponteareas, en Marin, en Pontevedra, en Vilagarcía, no Porriño, na Guarda, dixéronlles que se hoxe non se incorporaban ao traballo que estaban despedidos. Fomos quen de aguantar en determinados lugares falando cos traballadores para que permaneceran en folga e aguanten o conflito. Estamos seguros de que o imos resolver de maneira favorábel a nós".
Reconstruir a folga
Asi, admitiu que "é certo que nalgúns lugares comeza a haber fendas, que comezan a meter a xente a traballar, a través desa presión e coa ameaza de despidos. Imos reconstruir a folga, imos facer que a folga volva partir con toda forza, tal e como foi todos estes dias atrás. Imos asegurar que non vai producir ningunha fisura".
Despidos improcedentes na folga
"Aquí houbo xa empresas que despediron á xente estando en folga. Logísticas Andamios, de Barreras, despediu a 40 traballadores, Covsa despediu a outros, é unha forma de dinamitar o conflito, de quitarnos forza na rúa, pero non se pode despedir en folga porque os contratos están suspendidos, aínda que sexan contratos de obra. Son despidos improcedentes e non imos transixir con estes despidos e aquí non vai quedar ninguén tirado, ningún traballador pode quedar atrás, nin por sancións económicas, nin porque o despidan. A estas empresas xa lles comunicamos que cando haxa normalidade eles non van poder traballar, mentres non reincorporen aos seus postos de traballo a estas persoas", engadiu.
Outra presión máis que están utilizando é o tema das nóminas, sobre o que Alcántara subliñou que "teñen estes dias para cumprir coas nóminas. Non hai ningunha escusa para que unha empresa non pague unha nómina. Todas estas decisións patronais o que queren provocar é o desánimo, a intranquilidade. Queren romper a fortaleza da xente e tampouco llo podemos permitir".
Lección de solidariedade en Compostela
Sobre a marcha a pé, o secretario confederal de Negociación Colectiva indicou que "confiaban en que a marcha a Compostela fora o inicio dun camiño en descenso para esta mobilización. Equivocáronse, porque onte puideron comprobar que isto está aínda con moita forza e que se vai manter. Ademais recibimos nós mesmos unha lección, polo xeito no que nos acolleron, no xeito no que nos apoiaron solidariamente por todas as vilas polas que pasamos, en cada quilómetro, a xente que saía ás portas da súa casa.. Cando entramos en Compostela e en todos aqueles lugares, aqueles bares que nos convidaron, que non quixeron cobrar, porque érades traballadores en folga, e deron un exemplo de dignidade, que moitos aquí na hostelaria en Vigo non teñen, que comecen a aprender, porque aquí viven dos traballadores do Metal e en Compostela non, e ali portáronse como ninguén".
Antolín Alcántara rematou explicando que "imos ter unha asemblea para decidir e reconfigurar esta folga, para mirar de que xeito continuamos a loitar, de que maneira lle facemos fronte, como imos gañar o conflito".
Marcha até a Xunta
Pouco antes da unha saía unha manifestación cos folguistas asistentes a esta asemblea, que baixou por Gran Via, Urzáiz e Colón, até chegar á Praza da Estrela, fronte ao edificio na xunta, onde houbo unha última intervención sindical.
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG Metal, criticou a excesiva presenza policial de novo "porque isto é un conflito laboral, non policial".
"Somos orgullosos"
"É certo que somos menos que outro dias e que hai moitos compañeiros tocados, pero hai algo que queremos transmitir claramente porque falamos de firmeza, de dignidade, de convenio xusto, e eu hoxe dígovos: e somos orgullosos", enfatizou.
Agradecemento aos compañeiros da CIG
Malvido agradeceu "a todos aqueles compañeiros da CIG mesmo doutras comarcas que colaboraron na organización da marcha que fixemos estes dous dias. Grazas a eles puidemos milleiros de traballadores do Metal da provincia de Pontevedra facer os máis de 60 quilómetros, poder xantar, beber e ter un sitio onde durmir".
"Unha consigna: Vigo, escoita o metal está en loita! Porque parece que hai xente nesta cidade que non se quere enterar que se o Metal é o pulmón industrial de Galiza é grazas aos traballadores que somos os que traballamos, os que cobramos un salario e despois consumimos nas súas tendas e comercios", lembrou o secretario nacional da CIG-Metal.
Sobre o porque desta marcha até á Praza da Estrela, fronte á delegación da Xunta de Vigo, sinalou que "hoxe rematamos aquí porque temos que volver dicir que a Xunta non está facendo o que ten que facer, púxose dun determinado lado, e por iso hoxe rematamos aquí".
Decisión sobre novas estratexias nas asembleas
Por último, Malvido concluiu dicindo que "é importante que participemos nas asembleas porque é fundamental decidir o que imos facer de aquí en adiante".
Máis imaxes
Na galería de imaxes, na sección multimedia da nosa web, podedes encontrar corenta imaxes desta vixésimo primeira xornada de folga, ou tamén nesta ligazón.
Tamén podes consultar os anteriores videos nesta outra ligazón.