26/2/2010
Infórmase das mobilizacións convocadas en todas as comarcas con motivo do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega
A CIG vén de editar un novo boletín, dirixido a delegados e delegadas da CIG, para explicar a posición da central sindical respecto das medidas que se están a barallar polo goberno para afrontar a crise económica e para presentar as súas alternativas. Infórmase tamén das convocatorias da mobilizacións do 10 de marzo en cada comarca, que desta volta celébranse baixo o lema: O emprego, os salarios e as pensións deféndense loitando!
24/2/2010
A caída no sector industrial constata que non estamos diante dunha crise que afecta unicamente ao ladrillo
No decurso de 2009 rexistráronse 638.131 contratos nas Oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal, un 14% menos que durante 2008; en termos relativos descenderon máis os inscritos baixo algunha modalidade de duración indefinida, concretamente un 19,3%. Este descenso foi maior no caso das conversións a indefinidos, un 29% menos que en 2008. Estes son algúns dos datos máis salientábeis do estudo sobre “Contratos de Traballo 2009”, realizado polo Gabinete de Economía da CIG.
12/2/2010
Na asemblea denunciouse a conxelación salarial, a reforma das pensións, a proposta de reforma laboral
Delegados e delegadas da CIG de Compostela, reuníanse en asemblea na mañá deste venres día 12 de febreiro, para analizar as consecuencias que a crise está a ter para a clase traballadora, tanto pola situación económica na que se atopan as familias, como polas medidas que se están a adoptar –reforma do sistema de pensións, conxelación salarial e proposta de reforma laboral- desde o goberno central. Ao remate da xuntanza celebrouse unha concentración na Praza de Galiza baixo o lema “Ningún recorte aos nosos dereitos. Traballo e pensións dignas. A crise que a pague o capital”
11/2/2010
Manifestan a súa oposición ás medidas adoptadas polos gobernos central e autonómico e denuncian as súas graves repercusións para Galiza e as/os traballadoras/es
Analizar a actual situación de crise económica e as causas que nos levaron a ela, as repercusións que está a ter na economía galega e na súa clase traballadora e pór en común as medidas políticas e sindicais que cada organización entende que se deberían aplicar, fronte ás que está a adoptar o goberno central e a inacción do goberno galego, foron os temas abordados na xuntanza que mantiveron na mañá de onte as executivas da CIG e do BNG.
9/2/2010
O mércores 10 de febreiro haberá concentracións en Ourense e A Coruña, tras das correspondentes asembleas de delegados/as
Na súa xuntanza de 9 de febreiro de 2010, o Secretariado Confederal da CIG acordou pór en marcha unha campaña de mobilizacións que ten como obxectivo amosar a oposición da central sindical á reforma da Seguridade Social, á anunciada reforma laboral e o acordo estatal de negociación colectiva asinado entre CCOO, UGT e a patronal. Ás asembleas celebradas en Vigo e Pontevedra o pasado día 4 de febreiro seguirán, mañá día 10 de febreiro, asembleas e concentracións na Coruña e Ourense; o venres día 12 en Ferrol e Santiago e o próximo xoves 18 de febreiro en Lugo. Estas mobilizacións culminarán con manifestacións en todas as comarcas o próximo día 10 de marzo.
4/2/2010
Esta xuntanza analizou a situación das caixas galegas asi como outros conflitos laborais importantes na comarca
Desde as dez da mañá no Salón de Actos dos Capuchinos na cidade de Vigo tiña lugar a primeira asemblea de delegados e delegadas da Unión Comarcal da CIG de Vigo do ano 2010. Neste encontro analizouse a situación da comarca no actual contexto da crise, asi como se tratou a problemática da fusión das caixas, a tentativa de privatización do novo hospital de Vigo, as accións da asemblea de parados do naval, o conflito do Alcampo polos despedimentos de todos o persoal da limpeza, e a loita de Alfageme polo mantemento dos seus postos de traballo. Ademais Suso Seixo, secretario xeral da CIG, presentou o Documento Confederal de Alternativas para facer fronte á crise.