17/3/2011
A plataforma cidadá convocará un gran acto nacional en Compostela o 30 de abril e concentracións simultáneas en distintas localidades o Día das Letras Galegas
Queremos Galego impulsará un calendario de mobilizacións cando se fan dous anos de goberno de Alberto Núñez Feijoo na presidencia da Xunta. Así o vén de anunciar a plataforma cidadá, formada por máis de 700 entidades de diferentes ámbitos sociais, que ten previsto organizar un grande acto nacional de carácter lúdico-reivindicativo en Santiago de Compostela o sábado 30 de abril e mobilizacións simultáneas en distintas localidades do País para o vindeiro 17 de maio.
7/7/2010
Educación publicou o martes no DOG a orde pola que inicia a implantación do terzo das materias en inglés
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación segue a súa “folla de ruta contra o galego sen reparar nin en gastos nin en consecuencias”. O martes publicouse no DOG a Orde do 30 de xuño de 2010 pola que se regulan, con carácter experimental, os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso 2010/2011, que ten por único obxecto reducir a presenza da nosa lingua no ensino mediante a implantación dunha medida que o Consello Consultivo valorou como contraproducente e que é un dos motivos do seu informe desfavorábel. Tal e como recolle o Consello Consultivo “ese máximo dun terzo do horario podería resultar desproporcionado con relación ao horario que se dispensa ás dúas linguas oficiais… pode supor un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística… e da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.”
11/6/2010
A CIG-Ensino denuncia que a Xunta dilapida orzamento para cambiar libros de texto que non esgotaron os catro anos de vixencia
A CIG-Ensino vén de denunciar a medida adoptada pola Consellaría de Educación contra a nosa lingua e que, ademais, se traduce no malgasto de diñeiro público. A Consellaría acaba de anunciar na súa web que amplía a axuda para a adquisición de libros para cambiar os textos de matemáticas, física e química e tecnoloxía, cando neste momento os libros destas materias non esgotaron o seu período de vixencia, pois non transcorreron os catros anos estipulados par a súa renovación. Esta cambio suporá un gasto de entre cinco e oito millóns de euros, dependendo das materias en que se cambie o libro.
25/5/2010
Denuncia que Educación impón un decreto que atenta contra o galego e que suscitou o maior rexeitamento da historia da normalización lingüística
A CIG-Ensino vén de anunciar a presentación dun recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o decreto de Plurilingüismo, que sae publicado este martes, 25 de maio, no Diario Oficial de Galiza. A CIG-Ensino denuncia que a consellaría de Educación impón así un decreto que atenta contra o galego e que suscitou o maior rexeitamento da historia da normalización lingüística.
20/5/2010
CIG-Ensino afirma que Núñez Feijóo impón un decreto elaborado para reducir a presenza do noso idioma
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, vén de manifestar que, “para a CIG-Ensino, a aprobación do Decreto de Plurilingüismo polo Consello da Xunta é unha mostra máis do desprezo deste goberno do Partido Popular polo pobo galego e pola súa lingua”. O Consello da Xunta, no canto de escoitar e atender as demandas de toda a sociedade galega, que nun ano de mobilizacións deixou patente o seu rexeitamento ás pretensións galegófobas de Feijoo e o seu equipo, teima en levar adiante o seu proxecto, un proxecto elaborado para reducir a presenza do noso idioma nas aulas e que recibiu todos os rexeitamentos posíbeis.
20/5/2010
Núñez Feijóo desoe a miles de persoas, organizacións sociais, institucións e mesmo ao Consello Consultivo
A plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 700 diversas entidades que teñen como nexo común a defensa da lingua propia de Galiza, rexeita o “decretazo contra o galego” que volveu presentar esta mañá o presidente da Xunta “con só unha pequeniña nova capa de maquillaxe”.
17/5/2010
O máis reivindicativo Día das Letras Galegas celébrase cunha histórica manifestación
Unha multitudinaria manifestación percorreu as rúas de Compostela convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego, baixo o lema “O galego, o noso existir”, para celebrar un histórico e reivindicativo Día das Letras Galegas. Unha xornada na que estivo presente na memoria de todos e todas as asistentes Uxío Novoneyra, ao que se homenaxeaba nesta data, porque o galego, a forza do noso amor, non pode ser inútil, como se lembrou, unha e outra vez nas diferentes intervencións.