12/3/2010
Alerta da intención da consellaría de facer público o Decreto coincidindo coa ponte do 19 de marzo ou coas vacacións de Semana Santa
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación “alardea unha vez máis do desprezo á nosa lingua”. Na Mesa Sectorial celebrada o xoves 11 de marzo, a CIG-Ensino denunciou que todo apunta a que a Consellaría de Educación está a agardar á chegada da próxima ponte do 19 de marzo, ou ao mesmo inicio das vacacións de Semana Santa, para facer público o texto do Decreto co que pretenden derrogar o actualmente en vigor. A CIG insiste novamente en que non aceptará propostas que signifiquen un retroceso na presenza da nosa lingua no ensino e seguirá reclamando o mantemento do Decreto actual.
21/1/2010
Convida a Feijoo e ao conselleiro a tomar nota e a retirar as bases do decreto do plurilingüismo
A CIG-Ensino valora a participación na folga convocada en demanda da retirada das bases do decreto do plurilingüismo como un éxito rotundo, xa que en todos os centros as aulas estaban maioritariamente baleiras de alumnado. Desde a CIG-Ensino considérase que tanto Feijoo como o conselleiro deberían tomar boa nota e recoñecer que o ensino galego rexeita esta proposta de bases, por ser un ataque sen precedentes ao noso idioma.
30/12/2009
A central esixe a retirada deste documento e o mantemento da normativa vixente
A CIG rexeita rotundamente a proposta de novo decreto presentado hoxe por Núñez Feijoo para derrogar o Decreto 124/2007. Este borrador é unha nova agresión ao noso idioma e un paso máis do Partido Popular para reducir os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos. Unha agresión que se efectiviza durante as festas do Nadal, en plenas vacacións escolares, agardando ao día 30, con nocturnidade e covardía, procurando que non haxa contestación social, o que pon en evidencia a mala conciencia deste goberno que sabe que está a atacar os dereitos das galegas e dos galegos.
29/12/2009
Baixo o lema “Non ao decreto contra o galego”, a plataforma cidadá quere “que non pase sen resposta o maior ataque contra o idioma en toda a democracia”
Ante a política galegófoba do actual goberno da Xunta e como resposta ao anunciado decreto contra a presenza do idioma de Galiza no sistema educativo, a plataforma cidadá Queremos Galego convoca unha “concentración de urxencia” na praza do Obradoiro de Santiago este mércores, 30 de decembro, a partir das cinco da tarde.
17/11/2009
A resolución valida a normativa legal en vigor sobre normalización lingüística
A CIG-Ensino valorou positivamente que o Tribunal Supremo teña pechado definitivamente a vía xurídica aberta tras a reclamación dun pai que pedía que o seu fillo fose escolarizado exclusivamente en castelán. Para a CIG-Ensino, esta sentenza pon en cuestión as enquisas realizadas por Educación no mes de xuño e os seus resultados.
7/9/2009
Lembra que este curso, en cinco grandes cidades, o ensino privado será maioritario, mentres se continúan a suprimir prazas públicas
A CIG Ensino compareceu esta mañá en rolda de prensa para valorar a situación da educación no noso País, diante do inicio do novo curso escolar 2009-2010, un curso marcado por unha intensa conflitividade e a toma de medidas orientadas a favorecer o ensino privado. “Por primeira vez, asegurou o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, está convocada unha folga antes de que comecen as aulas”.
31/7/2009
A Federación do Ensino afirma que os datos xa estaban previstos e supoñen unha agresión máis ao noso idioma
A CIG-Ensino rexeitou os resultados da enquisa sobre o uso do galego no ensino, presentados na mañá deste 31 de xullo pola Consellaría de Educación, xa que considera que son “ilexítimos e fraudulentos”, e supoñen a culminación dun proceso pensado exclusivamente para xustificar unha política de agresión lingüística contra o noso idioma. Dende a CIG lembran que a consulta bota por terra o consenso acadado no seu día en materia de normalización e que na práctica suporá que sexa o ensino privado o que decida sobre a presenza da nosa lingua no ensino público.