12/12/2011
A central sindical denuncia que as reformas introducidas impulsan a temporalidade e precarizan aínda máis o emprego da xente nova
A Secretaría da Mocidade da CIG pon en marcha unha campaña dirixida a mozos e mozas identificando as últimas medidas laborais postas en marcha polo goberno do Estado. Organizaranse repartos específicos da campaña en puntos concretos: oficinas do INEM, centros de ensino superior, formación profesional, Universidades, alén de centros de traballo, co obxectivo de achegar información ao respecto das distintas modalidades de contratación existentes na actualidade, bolsas e prácticas dirixidas á mocidade.
25/11/2011
O pasado venres 18 de novembro saíu publicado no BOE o Real Decreto 1543/2011 polo que se regulan as prácticas “non laborais” nas empresas
A Secretaría Confederal da Mocidade da CIG vén de denunciar o uso fraudulento que se está a facer das bolsas para encubrir postos de traballo. Con esta medida afóndase, unha vez máis, na desprotección da mocidade no acceso ao mercado laboral, xa que supón o amparo legal da “contratación” –pero sen contrato- de aprendices, que teñan entre 18 e 25 anos.
21/10/2011
Só afectará aos bolseiros/as que perciban unha contraprestación económica e non xerará dereito a cobrar as prestacións por desemprego
A Secretaria da Mocidade da CIG considera insuficiente a medida que regulará a cotización dos bolseiros e bolseiras, que este venres aprobou o Consello de Ministros, xa que serán os propios traballadores e traballadoras os que se verán obrigados a facerse cargo de dita cotización. Dende a CIG-Mocidade laméntase, ademais, que non se teña aproveitado a ocasión para regular unha figura que, até o de agora, segue a estar á marxe da protección por non ter ningunha relación laboral contractual, “máis aínda cando se deixa fóra da proposta aos bolseiros e bolseiras sen contraprestación, e que, por tanto, traballan de balde”.
21/1/2011
Organizada pola CIG-Mocidade da comarca de Ferrol
A CIG-Mocidade desenvolveu na mañá deste venres unha concentración de apoio a dous compañeiros da central, acusados de supostos desordes públicos durante a xornada de folga xeral do pasado 29 de setembro. A protesta, coa que tamén se quería denunciar a persecución do movemento obreiro, realizouse ás portas do xulgado de Ferrol onde ía ter lugar a comparecencia.
20/1/2011
A central desenvolveu unha xornada de protesta nas cidades Lugo, Compostela, Pontevedra, Ourense, Ferrol e A Coruña, enmarcadas nos actos previos á folga xeral
Ducias de persoas concentráronse este xoves 20 de xaneiro diante dos edificios da Xunta, o Goberno español e as oficinas do Inem, en demanda de políticas de creación de emprego e contra da reforma laboral, así como para rexeitar a reforma das pensións e a negociación colectiva que nos pretenden impor. As mobilizacións, realizadas nas cidades de Lugo, Ourense, Compostela, A Coruña, Ferrol e Pontevedra, foron convocadas pola CIG-Mocidade e enmárcanse dentro da campaña de actos previos á folga xeral do vindeiro 27 de xaneiro.
20/1/2011
Os afectados están acusados por feitos acontecidos durante a folga xeral do 29 de setembro
A CIG-Mocidade de Ferrol ten convocada para mañá, venres 21 de xaneiro, unha concentración en apoio e solidariedade a dous compañeiros da central, acusados de desordes públicos pola súa participación na folga xeral do pasado 29 de setembro. A mobilización desenvolverase a partir das 09:30 horas, diante dos xulgados de Ferrol, onde os afectados están chamados a declarar.
18/1/2011
As mobilizacións, encadradas nos actos previos á folga xeral, realizaranse baixo o lema “Precisamos emprego para termos futuro”
A CIG pon en marcha unha campaña para que a mocidade galega se sume á folga xeral do 27 de xaneiro, denunciando as altas cifras de desemprego e a inexistencia de políticas que muden esta situación, así como para rexeitar a reforma laboral, da negociación colectiva e do sistema de pensións. Como punto de partida da campaña, que se desenvolverá baixo o lema “Precisamos emprego para termos futuro”, mañá xoves 20 de xaneiro terá lugar unha xornada de mobilizacións por todo o país, con concentracións diante de edificios da Xunta, Subdelegacións do Goberno e oficinas de emprego.