11/1/2010
Admite que o concurso de acredores constitúe un defraudamento de lei
A CIG, diante das últimas novas aparecidas nos medios de comunicación nos últimos dias sobre o conflito da Vidreira do Atlántico, emitiu un comunicado da prensa no que sinala que "aínda que, aos traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico, nos tería gustado ollar unha actitude activa dos Alcaldes da Limia en defensa dos postos de traballo, acompañada da presentación dunha protesta perante o Presidente do Grupo BA, polo tratamento discriminatorio e represaliante que se está a infrinxir á nosa comarca e a este País; o certo é que as noticias publicadas, relativas á reunión mantida o 8 de xaneiro na
cidade do Porto entre Alcaldes e Presidente do Grupo BA, veñen confirmar e ratificar todo o que, dende Xaneiro do 2009, denunciamos os traballadores e traballadoras da Vidreira e a CIG".
2/11/2009
Información fronte ás tentativas de manipulación da empresa
Diante da desconvocatoria de folga que tivo lugar na pasada semana desde a CIG nesta factoría se editou unha folla informativa repartida entre as operarias e operarios desta fábrica para explicar os últimos acontecementos, asi como facer fronte á manipulación da empresa, que tamén emitiu o seu comunicado propio, e que está a tentar presionar e meter medo aos traballadores e traballadoras da Vidreira, para que abandonen a súa incansábel loita.
7/7/2009
Para retomar o camiño do diálogo e tentar desbloquear o conflito
O Comité de Folga da Vidreira do Atlántico vén de remitir unha oferta de diálogo á dirección da empresa, logo da suspensión da folga, instándoa a convocar nos vindeiros 15 días a Mesa de Negociación, co obxecto de desbloquear o conflito “e vehiculizalo polo vieiro da negociación e o diálogo, tirándoo da canle de confrontación na que se atopa”. Neste senso, ofreceuse á dirección da fábrica a posibilidade de que a xuntanza estea mediada pola Inspección de Traballo.
6/4/2009
Haberá máis xornadas de folga e manifestación en León
O persoal da Vidreira do Atlántico iniciou a oitava xornada de folga o domingo 5 de abril desde as dez da noite, que se prolongará até as seis da mañá do martes, 32 horas continuadas. Os traballadores e traballadoras mantiveron o sábado 4 de abril unha asemblea, na que acordaron que se non se dá unha solución ao conflito neste mes, estenderanse as xornadas de folga fixadas. Ademais convocará unha nova mobilización, que desta volta será en León, cidade na que o grupo Ba Glass, donos da Vidreira, teñen unha factoría, como continuación á que se realizou no Porto, co apoio dos compañeiros da CGTP.
23/3/2009
De non mellorar a actual situación do conflito, manteranse as convocatorias de folga e novas mobilizacións
Os traballadores e traballadoras da Vidreira do Atántico de Xinzo manterán unha nova xuntanza o martes 24 de abril, co obxectivo de tentar abrir unha nova vía de diálogo e de solución ao conflito laboral. Sinalan desde o Comité de folga que de non aceitar o acordo de mínimos que exporán os traballadores manteranse as próximas folgas do 29 ao 31 de marzo, ademais doutras mobilizacións e novas medidas xudiciais en materia laboral.
16/3/2009
Xuntáronse no Porto con Comités portugueses de BA Glass
O domingo 15 de marzo retomábanse as xornadas de folga na fábrica da Vidreira do Atlántico, en Xinzo de Limia, que se manterán até o martes 17 de marzo. Os compañeiros e compañeiras desta factoría continúan na acción sindical tentando solucionar este conflito aberto. Asi, o pasado xoves 12 de marzo mantiveron unha reunión con delegados de persoal da CGTP en BA Glass, para coordenar e fixar mobilizacións conxuntas. Despois desta reunión celebraron unha rolda de prensa conxunta, desde a que se emitiu unha moción de solidariedade da CGTP. Tamén teñen previsto convocar mobilizacións para a factoría desta empresa que está situada na provincia de León.
2/3/2009
Perto dun millar de persoas protagonizan unha mobilización histórica nesta vila ourensá
Ás cinco e media da tarde por volta de trescentas persoas se achegaban até o Concello de Xinzo de Limia, onde daba comezo unha marcha convocada polo Comité de Empresa da Vidreira do Atlántico, e que en poucos minutos xa contaba con case un millar de persoas, que detrás dun grupo de gaiteiros e dunha faixa co lema "A Limia ten futuro", percorrían as rúas desta vila, onde os comercios estaban pechados en solidariedade con estes máis de 120 traballadores e traballadoras. Emoción, berros e moita unidade foi o que se viviu nesta mobilización na defensa dos postos de traballo nesta factoría da Limia, pola solución ao conflito laboral e pola negociación dun convenio colectivo co que non perdan poder adquisitivo.