3/9/2010
A empresa, dedicada á atención a domicilio, acumula tres nóminas sen pagar e hai traballadoras que levan nove meses sen librar
A CIG-Sevizos de Ferrol vén de iniciar accións xudiciais contra Serviasistencia, e contra o Concello de Ferrol como responsábel solidario, por mor das cantidades adebedadas ás traballadoras/es, que levan tres meses sen cobrar os seus salarios. Dende a Federación subliñan que a empresa, dedicada á axuda a domicilio, está a incumprir sistematicamente o convenio colectivo e parte do persoal leva nove meses sen gozar das libranzas legalmente estabelecidas.
6/4/2010
A FGAMT de Lugo denuncia que a empresa de ambulancias despediu ao condutor por reclamar "o que legalmente lle correspondía"
Ás 00:00 horas deste martes daba comezo a folga convocada en Ambulancias Calvo Chantada para esixir a readmisión dun traballador afiliado á CIG, despedido por reclamar o que legalmente lle corresponde, e denunciar a represión laboral e os reiterados incumprimentos do convenio que padece o persoal desta empresa. A FGAMT-CIG de Lugo xa anunciou que vai impugnar os servizos mínimos estabelecidos, xa que abranguen o 100% do transporte sanitario urxente e unha parte moi significativa do non urxente, desvirtuándo deste xeito a convocatoria da folga.
29/3/2010
A FGAMT de Lugo denuncia a continuada situación de represión que padecen os/as traballadores/as
Diante do despedimento inxusto dun dos traballadores e afiliado á CIG, a FGAMT de Lugo vén de convocar folga indefinida na empresa de ambulancias Calvo Chantada S.L., a partir do vindeiro 6 de abril. Dende a Federación denuncian tamén a situación de continuada represión laboral e os reiterados incumprimentos do convenio que padece o persoal desta empresa, polo que xa se teñen demandado entrevistas cos responsábeis provinciais do Sergas e da Consellería de Sanidade, responsábeis das concesións do transporte sanitario de Galiza.
16/3/2010
Permaneceron nas instalacións até as 16 da tarde, e o mércores convocaron unha rolda de prensa de analise e avaliación
Ás 16 horas do martes 16 de marzo os traballadores e delegados/as da CIG que estaban ocupando as obras do Auditorio en Beiramar decidiron abandonar este espazo, xa que o obxectivo de paralizar as obras en toda a xornada, facer unha asemblea con todo o persoal, e informar sobre os incumprimentos do convenio que nesta obra se dan xa se conseguira. O mércores 17 ás 11.30 comparecerán diante dos medios de comunicación no local da CIG de Vigo ara dar a coñecer a convocatoria de novas accións de mobilización, responder ás declaracións do alcalde de Vigo sobre a súa responsabilidade nas obras do Auditorio e no que alí poda acontecer, asi como para valorar a acción desta xornada.
12/3/2010
As seccións sindicais de CCOO, UGT, FITC, ELA e CIG denuncian que a empresa pretende crear un ambiente de terror entre o persoal
As seccións sindicais da CIG, ELA, CCOO, UGT e FITC compareceron este mediodía ante os medios de comunicación para denunciar os despedimentos que a dirección do Banco Pastor está a realizar nas oficinas de todo o Estado, con especial incidencia na Dirección Rexional Galiza-Sur. Até o momento, a entidade xa despediu a cinco empregados/as na Galiza, cunha antigüidade media na empresa de 25 anos, alegando problemas de actitude e falta de cumprimento de obxectivos, mais recoñecendo a improcedencia da súa decisión.
2/2/2010
Denuncian o incumprimento do convenio en materia de xornada e salario
O martes 2 de febreiro tivo lugar ás 11.30 da mañá unha rolda de prensa para abordar a situación da empresa da construción Indeza, da que é dono Angel Fernández Presas, presidente da Patronal da Construción, e nesta firma 43 traballadores poderían perder o seu posto de traballo pola presentación dun ERE de extinción mentres ao mesmo tempo se están a dar casos de subcontratación ilegal e incumprimentos de xornada e salarios en obras da propia Indeza.
22/1/2010
Os paros afectarán ás fábricas de Pontevedra, Huelva, Navia e as oficinas pontevedresas e de Madrid
O Comité Intercentros do grupo ENCE vén de convocar folga xeral para os días 18 e 19 de febreiro en contra dos reiterados incumprimentos dos convenios colectivos e acordos, ante a falla de seguridade nos centros de traballo e para demandar un plano estratéxico de xestión empresarial viábel, que garanta o futuro dos empregos. A folga afectará ás fábricas de Pontevedra, Huelva, Navia e ás oficinas centrais de Pontevedra e Madrid.