6/5/2010
Entenden que a resolución da Consellaría, que estima parcialmente o ERE, é “irresponsábel e fraudulenta”
O Comité de Sykes en A Coruña amosou este mediodía a súa total oposición á resolución da Consellaría de Traballo, polo cal autoriza parcialmente o ERE de extinción presentado pola multinacional do telemárketing, aceptando o despedimento de 68 traballadores/as do centro de Agrela. Dende o Comité enténdese que a empresa non acredita ningunha das causas alegadas no expediente e que o ditame da Xunta é “irresponsábel e fraudulento” porque estima despedimentos de persoal que mesmo está recolocado noutras campañas da plataforma. Por iso, xa solicitou unha reunión urxente coa titular de Traballo, Beatriz Mato.
5/5/2010
Hoxe remata o prazo para resolver o ERE tramitado pola empresa, pero a única resposta que obtiveron foi o desaloxo policial
O Comité de Empresa de Sykes e representantes sindicais pecháronse na mañá de onte na consellaría de Traballo, no edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, para demandar unha xuntanza urxente coa conselleira de Traballo. Porén, no canto da entrevista, o xefe de gabinete respondeu, primeiro, que tiñan que presentar a petición por escrito, despois que non tiña sentido manter esa xuntanza coa conselleira porque non había motivos que a xustificaran e, finalmente, que se non marchaban serían desaloxados pola policía. E esa foi, unha vez máis, a única resposta da administración.
5/5/2010
A nova propietaria, HP, ten intención de pasar ao persoal convenio do telemárketing
O Comité da antiga CxG Gestión Operativa, acompañado por delegados e delegadas da CIG, desenvolveron esta mañá unha nova concentración diante da Oficina Principal de Caixa Galicia en A Coruña para esixir garantías da continuidade do emprego e o mantemento das súas condicións laborais.
4/5/2010
A Xunta continúa sen achegar información sobre o proceso de tramitación de ERE, sobre o que terá que pronunciarse esta semana
Por terceira xornada consecutiva, o Comité de Sykes e representantes sindicais pecháronse nun edificio da administración galega, nesta ocasión nas oficinas do superdelegado da Xunta en A Coruña. E tamén como nos dous peches anteriores, a única resposta recibida foi a presenza da policía autonómica para proceder ao desaloxo dos/as protestantes, a pesar de que o expediente ten que estar resolto esta mesma semana.
3/5/2010
O martes, ás 11:00horas, terá lugar o acto de conciliación polo despedimento de 40 traballadores/as con contrato por obra aos que está asesorando a CIG
Diante do desinterese amosado pola Consellaría de Traballo durante a protesta do pasado venres, o Comité de Sykes e as organizacións sindicais con representación na empresa desenvolveron esta mañá un novo peche, desta volta nas oficinas da Xefatura Territorial de Traballo, situadas no andar 12 do edificio Proa, en Matogrande. Coa medida quérese esixir á administración galega que non aprobe o expediente de regulación de emprego presentado pola multinacional do telemárketing, que suporía o despedimento de case 300 traballadores e traballadoras.
30/4/2010
A Xunta nin sequera escoitou as demandas dos traballadores/as, senón que se limitou a enviar efectivos policiais para desaloxar o edificio
O comité de empresa de Sykes en A Coruña e Lugo desenvolveron na mañá deste venres un peche na delegación territorial da Consellaría de Traballo para esixir á administración que rexeite unha regulación de emprego que suporía o despedimento de case 300 persoas. A pesar de permanecer no edificio máis de cinco horas, ningún responsábel da Consellaría de Traballo se dirixiu aos traballadores/as para recibir as súas reivindicacións nin se amosou o máis mínimo interese por parte da Xunta en asumir a defensa dos empregos neste empresa, senón que se limitou a enviar efectivos da policía autonómica para desaloxar o edificio.