15/12/2010
A central continuará a vindeira semana coas mobilizacións contra os recortes de dereitos e xa prepara unha nova convocatoria de folga xeral
Centos de delegados e delegadas da CIG concentráronse este mediodía diante das oficinas do servizo público de emprego das cidades galegas e de varias vilas para esixir do goberno que manteña a axuda de 426 euros para os parados e paradas que esgotaron a prestación por desemprego e contra do conxunto de medidas regresivas que os gobernos están a levar adiante. En Ferrol, un grupo duns 30 sindicalistas e delegados/as encadeáronse ás columnas da oficina situada na Avenida de Vigo, onde permanecen pechados/as até as seis e media da tarde, momento no que foron desaloxados/as polas forzas policiais. Durante as protestas non se rexistraron incidentes, mais si unha forte presenza policial que mesmo levou en Compostela á identificación de delegados e delegadas da central e dun fotografo dun medio, previo inicio das concentracións.
10/3/2009
3.000 persoas en Vigo e 1.000 en Ferrol maniféstanse á tarde
“En defensa do emprego e as prestación sociais” foi o lema baixo o que a CIG desenvolveu este ano a campaña do Día da Clase Obreira Galega. Traballadores e traballadoras de todo o país, delegados e delegadas, participaron nas asembleas, concentracións e manifestacións organizadas en cada unha das comarcas na defensa dos postos de traballo. Desta volta as reivindicacións céntranse en dous dos temas que máis preocupan á clase traballadora neste momento: a caída do emprego e a garantía das prestacións sociais. As cidades de Vigo e Ferrol foron as cidades que acolleron as dúas mobilizacións nacionais nesta data, e que xuntaron a 4.000 traballadores conxuntamente.
7/3/2009
A central desenvolverá, con motivo do Día da Clase Obreira Galega, mobilizacións en todas as comarcas
“En defensa do emprego e as prestación
sociais” será o lema baixo o que a CIG vai desenvolver este ano a campaña do
Día da Clase Obreira Galega. O vindeiro 10 de marzo a central convoca aos
traballadores e traballadoras a participar nas concentración e manifestacións
organizadas en cada unha das comarcas na defensa dos postos de traballo.
Ademais, o 11 de Marzo farase entrega en Compostela do premio co que a central
quere recoñecer publicamente aquela loita dos traballadores e traballadoras que
sobresaíra durante o ano anterior polas súas características e por servir de
exemplo para o futuro. Desta volta as reivindicacións céntranse nos dous temas prioritarios
que máis preocupan á clase traballadora neste momento: a caída do
emprego e a garantía das prestacións sociais. O Secretario Xeral da
CIG, Suso Seixo, referiuse neste senso ás elevadas taxas de destrución
de emprego que se veñen rexistrando nos últimos meses na Galiza, e que
afectaron fundamentalmente ás contratacións temporais.