23/2/2010
Diante do incremento alarmante de parados/as, da falta de investimentos públicos e contra as reformas anunciadas polo goberno
Delegados e delegadas da CIG manifestáronse na tarde deste martes en defensa do emprego, do mantemento do poder adquisitivo dos salarios e contra as reformas do sistema de pensións que o goberno estatal ten presentado. Coa manifestación, que partiu dende o local da CIG en As Pontes, quérese demandar, ademais, que o Goberno do Estado realice, coa máxima inmediatez, os investimentos en infraestruturas pendentes do Plano do Carbón, que apoie con medidas económicas concretas aos actuais parados/as, así como a necesidade de abrir unha Mesa de Diálogo permanente, no ámbito municipal, para procurar adiantarse aos problemas que están padecendo moitas empresas da zona.
25/6/2009
O cadro de persoal estivo desenvolvendo paros dunha hora e concentracións nos centros dende o pasado 27 de maio
Coincidindo coa xunta de accionistas, o martes
23 de xuño desenvolveuse a derradeira xornada de paros e mobilizacións en
defensa do emprego colectivo en Telefónica, lideradas na Galiza pola sección
sindical da CIG na empresa. Dende o pasado 27 de maio o persoal da empresa
estivo mantendo paros semanais dunha hora e concentracións nos centros de
traballo para rexeitar os proxectos de externalización, na defensa das condicións
laborais e contra a conxelación salarial decretada pola dirección de Telefónica.
1/5/2009
Baixo o lema “Polo Emprego, os Dereitos e as Prestacións Sociais”, nas sete cidades galegas, Ribeira e A Mariña
A Confederación Intersindical Galega mobilizou nas manifestacións convocadas nas sete cidades, na Mariña e en Ribeira a máis de 20.000 traballadores e traballadoras que baixo o lema “Polo Emprego, Dereitos e Prestacións Sociais” se sumaron ás reivindicacións realizadas pola central, fronte á continuidade da aposta polo modelo neoliberal feita polos goberno e a patronal e a prol dun modelo económico e social máis xusto e solidario. A manifestación máis numerosa foi a celebrada en Vigo, onde participaron preto de 12.000 persoas.
10/3/2009
3.000 persoas en Vigo e 1.000 en Ferrol maniféstanse á tarde
“En defensa do emprego e as prestación sociais” foi o lema baixo o que a CIG desenvolveu este ano a campaña do Día da Clase Obreira Galega. Traballadores e traballadoras de todo o país, delegados e delegadas, participaron nas asembleas, concentracións e manifestacións organizadas en cada unha das comarcas na defensa dos postos de traballo. Desta volta as reivindicacións céntranse en dous dos temas que máis preocupan á clase traballadora neste momento: a caída do emprego e a garantía das prestacións sociais. As cidades de Vigo e Ferrol foron as cidades que acolleron as dúas mobilizacións nacionais nesta data, e que xuntaron a 4.000 traballadores conxuntamente.