21/5/2012
No marco dunha mobilización da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que se está a desenvolver en centros educativos de todo o país
Pais
e nais, estudantes e docentes iniciaron hoxe luns día 21 un peche no
Instituto de Educación Secundaria San Tomé de Freixeiro de Vigo
para esixir da Consellaría de Educación que non aplique no noso
país ningún dos recortes que recolle o RD Lei 14/2012 ou que o
recorra por invadir as competencias que en materia educativa ten a
Xunta. O peche, promovido pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público, iniciouse ás 16.00 horas e está previsto que remate ás
9.00 horas do martes 22.
12/5/2012
CIG, CCOO e UGT esíxenlle a Xunta e Goberno español que fagan unha aposta política seria para salvar unha industria estratéxica para Galiza
Máis de 10.000 persoas manifestáronse hoxe polas rúas de Vigo convocadas polos tres sindicatos maioritarios da comarca -CIG, CCOO e UGT- para reclamarlle a Xunta e Goberno español “medidas urxentes” que permitan salvar o sector naval. En concreto, apostan polo desbloqueo do tax lease, pola recuperación do sistema de crédito e avais ás empresas e polo apoio a equipos humanos e financeiros con capacidade real de xestión.
10/5/2012
Trátase dunha iniciativa lúdico-educativa para reivindicar a normalización da lingua galega
Vigo foi escenario hoxe dunha nova edición do Correlingua, actividade lúdico-educativa de reinvindicación da
lingua galega organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG–Ensino
e a Mesa pola Normalización Lingüística xunto cos Concellos de Lugo, Ourense,
Pontevedra e Vigo. Arredor de 1.500 rapaces e rapazas percorreron as rúas da cidade antes de rematar no parque de Castrelos, onde tiveron lugar as actuacións musicais e as actividades lúdicas para os máis pequenos.
30/4/2012
Máis de 400 persoas recibiron un pequeno agasallo en recoñecemento á súa traxectoria de loita en defensa dos intereses colectivos
A CIG de Vigo e a de Ourense aproveitaron esta fin de semana para homenaxear os seus afiliados e afiliadas con 25 anos ou máis de compromiso co proxecto sindical nacionalista. Na cidade olívica máis de 300 persoas recibiron un pequeno agasallo de mans do secretario xeral da CIG, mentres que no caso de Ourense foron homenaxeadas arredor dun cento.
24/4/2012
Mantiveron un encerro de tres horas para reclamar unha xuntanza coa delegada do Goberno galego na provincia
Un grupo de traballadores e representantes sindicais do naval de CIG, CCOO e UGT pechouse hoxe nas dependencias da Xunta en Vigo para esixir información sobre a reunión entre o comisario europeo da Competencia e o ministro de Industria español. O encerro, co que pretendían forzar á delegada do Goberno galego na provincia a recibilos, rematou co desaloxo e a identificación dos participantes na protesta por parte da Policía española.
24/4/2012
O comité de empresa (CIG e CCOO) baralla a posibilidade de convocar unha xornada de folga
Arredor de medio cento de traballadores/as participaron hoxe na concentración convocada polo comité do Grupo AMS diante da sede da empresa en Vigo para rexeitar o despedimento de 10 compañeiros. A protesta, que terá continuidade nos vindeiros días desenvolveuse entre as 18.00 e as 20.00 horas no polígono do Freixo, en Sárdoma.
17/4/2012
Centos de persoas concentráronse ás portas dos Xulgados de Vigo en solidariedade co secretario de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara
A titular do Xulgado do Penal número 2 de Vigo decidiu atender a petición da Fiscalía e da defensa e adiou o xuízo contra o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, que está acusado de desordes públicos e danos durante a ocupación da estación marítima da cidade na folga do metal en 2009. Centos de persoas concentráronse ás portas do edificio xudicial para amosar a súa solidariedade co representante sindical e rexeitar a petición de catro anos de cadea.