1/2/2012
Reclaman unha xuntanza co goberno local, logo de que non respondese á solicitude de reunión cursada hai máis de un mes
Os traballadores e traballadoras da Torre iniciaron un peche no mediodía deste mércores nas oficinas do Consorcio de Turismo como medida para forzar unha reunión co Concello, logo de que nin a concelleira nin o alcalde atendesen a petición de xuntanza cursada polo persoal hai máis de un mes. O persoal tiña intención de permanecer nas oficinas até seren recibidos polo goberno local, mais pasada a media tarde acordaron levantar a medida de presión tras sufrir unha indisposición un dos compañeiros, que tivo que ser trasladado en ambulancia ao CHUAC, e así poder acompañalo até o hospital.
28/12/2011
Dende a central nacionalista denuncian as represalias da concesionaria da limpeza dos colexios públicos por participar nunha folga
Arredor de medio cento de delegados e delegadas da federación de Servizos da CIG ocuparon esta mañá as oficinas da empresa Linorsa, na estrada do Vao, para reclamar a readmisión de 12 traballadoras. Dende a central nacionalista denuncian que a concesionaria da limpeza dos colexios públicos de Vigo tomou a decisión en represalia por teren participado nunha folga convocada na compañía.
4/11/2011
Os tres secretarios comarcais animaron á cidadanía a participar na manifestación deste domingo en defensa do emprego
Máis
de medio cento de membros da CIG, CCOO e UGT de Vigo, cos secretarios
comarcais á cabeza, realizaron esta mañá unha ocupación simbólica
da sede de Novagalicia Banco para rexeitar a especulación financeira
e lembrar que foi precisamente a mala praxe por parte das entidades
crediticias o que xerou a actual crise económica que padecen millóns
de persoas en todo o mundo. O acto reivindicativo enmárcase dentro
da campaña en defensa do emprego na comarca que culminará este
domingo coa manifestación conxunta que sairá da Praza dos Cabalos a
partir das 12.00 horas.
8/9/2010
Coa mobilización, enmarcada nos actos previos á folga xeral, quérese amosar tamén o rexeitamento á reforma laboral que mañá será ratificada no Congreso
A CIG, dentro do calendario de mobilizacións organizadas para preparar a folga xeral do 29 de setembro, realizou esta mañá asembleas de delegados/as e concentracións nas sete cidades galegas en contra da ratificación definitiva da reforma laboral, que terá lugar o xoves día 9 no Congreso dos Deputados. Desta volta, os delegados e delegadas da central sindical desenvolveron peches simbólicos en diferentes entidades bancarias do País co obxecto de denunciar aos verdadeiros culpábeis desta crise e visibilizar a necesidade de saír desta conxuntura encamiñados cara a un novo modelo económico, social e político.
1/3/2010
Coa protesta quérese denunciar a situación socioeconómica da comarca e as reformas propostas polo goberno
Delegados e delegadas da CIG mantiveron esta mañá un peche na oficina do Servizo Público de Emprego de Ferrol e da delegación territorial da Xunta para denunciar a situación socioeconómica da comarca de Ferrolterra, a proposta de reforma laboral e das pensións anunciadas polo Goberno, así como a actitude mantida por CCOO e UGT diante desta situación, actuando como cómplices das tentativas de recortar os dereitos da clase obreira e apoiando a perda do poder adquisitivo dos salarios.
11/2/2010
Anuncian que pode haber máis accións como esta nos outros estaleuris da ría de Vigo nos próximos días
Desde as 4 da mañá do xoves 11 de febreiro dous traballadores da asemblea de parados do naval permanecen nun dos guindastres do estaleiro Barreras. "Esta é unha acción desesperada porque a nosa situación tamén o é, non temos xa con que manter as nosas familias", sinalan desde esta asemblea de desempregados do sector naval. A dirección do estaleiro decidiu cortarlles o suministro eléctrico ao guindastre e non permitiron que se lles sumistrase nin auga nin alimentos. Estes dous traballadores manteñen a súa firme vontade de continuar neste guindastre até que a dirección de Barreras se reúna coa asemblea de parados do naval para escoitar as súas reivindicacións.
12/1/2010
O persoal acordou iniciar un encerro indefinido nas fábricas de Vigo e Ribadumia e mañá manterá unha xuntanza co grupo municipal do BNG
As traballadoras e os traballadores das factorías de Alfageme en Vigo e Ribadumia, que dende as doce do mediodía permanecían pechados no Concello de Vigo, acordaron suspender a protesta logo de que acadasen un compromiso para manter unha xuntanza co alcalde, Abel Caballero. A entrevista, que foi posíbel grazas as xestións realizadas polo grupo municipal do BNG, terá lugar o vindeiro xoves ás 11:00 horas e estará marcada polo peche indefinido que o persoal de ambas fábricas, apoiado pola CIG, vai iniciar dende este mércores até que finalmente se adopte a decisión de apartar a Juan Lago da empresa.