13/5/2011
A central revalida a súa maioría ao conseguir o apoio do 78% dos traballadores/as
A CIG vén de revalidar a súa maioría entre o persoal laboral do Concello de Limia ao obter, por cuarta vez consecutiva, o 78% dos votos nas eleccións sindicais, polo que a central acadou sete dos/as nove delegados/as en xogo.
28/12/2010
A sentenza considera tamén que a institución provincial e o Concello de Xinzo vulneraron o dereito fundamental dun empregado á tutela xudicial efectiva
A Deputación Provincial de Ourense e, solidariamente, o Concello de Xinzo de Limia veñen de ser condenados polo xulgado do Social número 1 de Ourense por cesión ilegal dun traballador e por violación da súa garantía de indemnidade e do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva. A sentenza obriga a readmitir ao empregado, que fora despedido a a finais de xuño, no seu posto de traballo.
14/12/2010
O alto tribunal recoñece a plena vixencia do Convenio Colectivo e do Plano de Viabilidade
O tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de confirmar o ditame do Consello Consultivo polo que se ratificara a validez do Plano de Viabilidade e o Convenio Colectivo da Mancomunidade de A Limia, aprobados no ano 2005, logo dunha folga dos traballadores/as que durou máis de 90 días. Con esta decisión impídese a disolución do ente supramunicipal, tal e como viñan pretendendo os seus dirixentes. A consecuencia máis inmediata da sentenza do TSXG é que a institución terá que pagar ao persoal, en concepto de atrasos de convenio, máis de 160.000 euros en conxunto.
29/4/2010
Logo dun ano e medio de loita, as resolucións e sentenzas permitiron ao grupo empresarial pechar a factoría da Limia
Os traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico desenvolveron na mañá deste xoves unha concentración fronte ao edificio dos xulgados de Ourense en demanda de “xustiza para as súas reivindicacións e en protesta polo tratamento recibido polas administracións xudiciais e Autonómica”. Tanto a CIG como os traballadores/as consideran que, logo de ano e medio de loita, tanto a administración galega como a xustiza teñen abandonado os dereitos dos traballadores/as e ditado sentenzas contraditorias e inxustas que só favoreceron aos intereses da Vidreira e o Grupo BA de pechar a factoría de Xinzo, deixando un regueiro de débedas na provincia.
22/4/2010
O vindeiro 29 de abril está convocada unha concentración para esixir xustiza
O proceso de peche definitivo da Vidreira do Atlántico vén de camiñar un paso máis logo da autorización por parte do xulgado do mercantil de Ourense de proceder á extinción das relacións laborais dos máis de 120 traballadores e traballadoras da factoría da Limia. Dende a CIG sublíñase que tanto a central como o Comité teñen impugnado todas as resolucións xudiciais adoptadas neste proceso, que ten deixado na máis absoluta indefensión á parte máis vulnerábel: o conxunto dos traballadores e traballadoras. Así, o vindeiro 29 de abril está prevista unha concentración diante do Pazo de Xustiza de Ourense para esixir verdadeira xustiza.
11/3/2010
Durante a celebración do xuízo por demanda de rescisión de contratos
Os traballadores e as traballadoras da Vidreira do Atlántico acudían o mércores 10 de Marzo ao Xulgado do Social número 3 de Ourense, onde ía ter lugar a vista pola demanda de extinción dos contratos de máis de 75 empregados/as da factoría limiá. Na vista quedou demostrado que o proceso de concurso de acredores foi inducido polo Grupo ao que pertence a fábrica e que se produciu unha violación sistemática, no último ano, dos dereitos fundamentais dos traballadores/as, polo que dende a CIG e o persoal se solicita unha indemnización de 45 días por ano traballado, máis outra indemnización complementar por vulneración de dereitos. Dende a CIG de Verín destacan tamén que, durante o xuízo, os administradores concursais ratificaron nas súas declaracións os argumentos esgrimidos pola parte social, cualificando de fraudulenta a actuación da empresa.
4/3/2010
O alto tribunal galego elimina o pronunciamento do Xulgado do Social sobre esta cuestión
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de invalidar o pronunciamento que o Xulgado do Social número 1 de Ourense realizara sobre o plus de actividade no marco do conflito colectivo presentado sobre a legalidade ou non da xornada imposta pola empresa en xaneiro do 2009. A sentenza do TSXG vén dar a razón aos argumentos manexados pola CIG e os traballadores/as, quen no seu día denunciaron a incrongruencia das consideracións xudiciais sobre uns feitos que se estaban a dirimir no ámbito laboral.