14/2/2011
O responsábel provincial xustificou o envío de libros e xogos só en castelán nos resultados da enquisa realizada aos pais e nais
A CIG-Ensino vén de denunciar que a Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra enviou ao colexio de Randufe en Tui material só en español para a nova aula de infantil. O Xefe Territorial xustificou o envío do devandito material, unha ducia de libros e varios xogos para adquisición da lectoescritura, botando man dos resultados da enquisa realizada aos pais e nais sobre a lingua materna dos nenos e das nenas.
11/6/2010
A Federación advirte que o alumnado pode quedar privado do uso da lingua galega
A CIG-Ensino denuncia que o cuestionario enviado esta semana pola Consellaría de Educación aos centros para a súa distribución entre os pais e nais vai dar lugar ao incumprimento dos dereitos lingüísticos do alumnado, pois pode dar como resultado a falta de contacto coa súa lingua propia, incumprindo así a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e procura a desaparición do galego como lingua vehicular na educación infantil.
31/7/2009
A Federación do Ensino afirma que os datos xa estaban previstos e supoñen unha agresión máis ao noso idioma
A CIG-Ensino rexeitou os resultados da enquisa sobre o uso do galego no ensino, presentados na mañá deste 31 de xullo pola Consellaría de Educación, xa que considera que son “ilexítimos e fraudulentos”, e supoñen a culminación dun proceso pensado exclusivamente para xustificar unha política de agresión lingüística contra o noso idioma. Dende a CIG lembran que a consulta bota por terra o consenso acadado no seu día en materia de normalización e que na práctica suporá que sexa o ensino privado o que decida sobre a presenza da nosa lingua no ensino público.
28/7/2009
CIG-Ensino critica que sexa unha empresa privada a que este a tratar os datos da consulta
A CIG-Ensino considera que estamos ante a culminación do proceso fraudulento iniciado pola Consellaría de Educación co único propósito de reducir a presenza do noso idioma no ensino. A CIG-Ensino veu denunciando ao longo das últimas semanas a tendenciosidade da Consellaría de Educación ao iniciar un proceso de consulta aos pais, preparado e precociñado para que o seu resultado lle permitise á Consellaría proceder á modificación do Decreto 124 nunha única dirección, a de reducir a presenza do noso idioma nas aulas, por tanto reducir o número de materias a impartir en galego.
24/6/2009
Uns 300 delegados/as da CIG-Ensino e directores/as de colexios amosaron o seu rexeitamento á consulta a pais e nais
A CIG-Ensino desenvolveu concentracións simbólicas
nas catro Delegacións Provinciais da Consellaría de Educación para chamar a
atención sobre a fraude que representou a enquisa contra o galego. Así mesmo,
presentou un escrito á Consellaría no que transmiten o profundo malestar por
unha consulta que, como se vén denunciando dende a Federación do Ensino, é ilexítima,
inadecuada e carece de garantías, e cun único obxectivo: “xustificar a postura
intransixente da Consellaría empeñada na derrogación do Decreto 124/2007 de uso
da nosa lingua no ensino”.
18/6/2009
O TSXG desautoriza deste xeito a circular enviada por Educación ás equipas directivas á respecto da consulta a pais e nais
O Tribunal Superior
de Xustiza de Galiza vén de resolver o recurso contencioso-administrativo,
presentando pola CIG, solicitando a suspensión da instrución emitida pola
Consellaría na que se ordena aos directores que prohiban actos a favor ou en
contra do inquérito contra o galego. O Tribunal Superior non considera
necesario suspender a instrución por canto nunca se pode ler no sentido de que
restrinxa o exercicio dos dereitos fundamentais á liberdade de expresión e
información, reunión, asociación e liberdade sindical.
17/6/2009
A Federación do Ensino manifesta o seu apoio a todos os centros na súa labor na defensa dos dereitos lingüísticos
Dende a CIG-Ensino manifestaron o total
rexeitamento ás declaracións e denuncias públicas feitas polo senador do PP,
Juan Juncal, contra a dirección do CEIP Isaac Peral. A CIG-ENSINO criticou a
actitude do Senador, así como a de toda
a Consellaría de Educación ante o proceso de consulta a pais e nais sobre o uso
da lingua.