25/6/2009
Proponse en asemblea comezar o luns unha manifestación a pé dos traballadores do Metal a Compostela
Van xa 17 dias de folga pola negociación do convenio provincial do Metal de Pontevedra, e dúas convocatorias coa do xoves 25 de xuño de folga xeral do sector do Metal, en solidariedade e apoio destes folguistas. E de novo foi un éxito de xornada. Un éxito polos milleiros e milleiros de traballadores que volveron sair ás rúas de Vigo, e polas accións que se levaron adiante, como o colapso de todas as rotondas de acceso a Citroen. Tamén porque esta convocatoria a realizou a CIG en solitario, e demostrou a forza colectiva deste sector, que non se rende, e que nun dia máis con represión policial, volveu dar a cara e non se amedrentou. Para a semana unha nova acción: camiñar o luns até Compostela todos os folguistas.
24/6/2009
"Este non é o acordo polo que estivemos a pelexar e polo que continuaremos a pelexar. Nós non nos rendemos"
A decimosexta xornada de folga estivo marcada de novo polas marchas mais tamén por unha proposta realizada polos mediadores para poñer fin ao conflito. Unha proposta insuficiente e que coa vontade de desactivar a mobilización e a convocatoria de folga xeral do xoves 25 foi presentada o martes 23 de xuño, reclamando que se desconvoque calquera mobilización até o 30 de xuño. A CIG, diante da asemblea realizada na Praza do Concello, nesta nova xornada de folga rexeitaba esta proposta, xa que "non é o acordo polo que levamos a pelexar tantos e tantos dias, e pola que imos continuar a pelexar. Porque nós non nos rendemos, que se saiba".
12/6/2009
Piquetes desde as catro da mañá e marchas moi numerosas polo centro de Vigo que remataron diante de Citroen
Oitava xornada de folga pola negociación do convenio provincial do Metal, e desta volta a convocatoria tamén afectaba a aqueles empresas que teñen convenio propio e son deste sector, como Citroen ou todas as súas auxiliares. A folga contou cun amplo seguimento e cualificouse como todo un éxito desde as centrais sindicais, porque ademais neste novo dia de folga eran moitos os traballadores e traballadoras do Sector que visibilizaban a loita polo convenio do Metal nas rúas de Vigo, con imensas marchas e bloqueos en zonas industriais desde primeirisima hora da mañá. Con esta forza e contundencia o Metal volvia enviar unha mensaxe: este sector non se rende e cada dia ten máis razóns para continuar a dar esta batalla.