30/11/2010
Os representantes da CIG tampouco asistiron ao acto inaugural da nova entidade de aforro galega por entender que será privatizada
O pasado día 29 de novembro nacía a nova entidade froito da fusión de
Caixa Galicia e Caixanova. Media hora antes pechábase o período de consultas do
ERE de extinción para 900 postos de traballo en Galiza. A CIG optou por non
asistir ao acto de sinatura co que se daba por constituída a nova entidade, porque entende que se abre o camiño cara a súa
inminente privatización, previa reconversión vía ERE.
10/11/2010
A extinción de empregos afectará a máis de 1.200 persoas e suporá unha modificación substancial das condicións laborais
O vindeiro xoves 11 de novembro, Caixa Galicia e Caixanova citaron a todos os delegados e delegadas de ambas empresas para dar inicio ao proceso de tramitación do Expediente de Regulación de Emprego, que será de extinción para cando menos 1.235 persoas vía prexubilacións e, nun número non determinado, a través das baixas incentivadas. Ese mesmo día, a CIG-Banca ten convocada unha concentración de delegados e delegadas para protestar polos recortes no emprego e nas condicións laborais que suporá a aplicación do ERE.
2/11/2010
A oficina da entidade permaneceu practicamente pechada durante o tempo que durou a concentración
Máis dun cento de delegados e delegadas da CIG permaneceron concentrados durante dúas horas diante da Oficina Principal de Caixa Galicia en A Coruña para rexeitar os despedimentos previstos nas contratas da limpeza e seguridade, por mor da fusión das dúas caixas galegas. A protesta realizada na mañá deste martes, subliñou o Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, terá continuidade nas vindeiras semanas, pois a pesar da xuntanza mantida coas direccións de recursos humanos de ambas entidades, estas non se comprometeron a abrir unha mesa de diálogo a respecto dos máis de 300 postos de traballo das empresas auxiliares que agora están en perigo.
18/10/2010
Delegados e delegadas da central concentráronse en Vigo e A Coruña coincidindo coa celebración das asembleas xerais das entidades
Ducias de delegados e delegados da CIG concentráronse na tarde do luns 18 de outubro diante da sede da Fundación Caixa Galicia en A Coruña e do Centro Socio Cultural de Caixanova en Vigo para denunciar o desmantelamento, liquidación e privatización das caixas galegas. As protestas desenvolvéronse de xeito simultáneo en ambas cidades coincidindo coa celebración das asembleas xerais de Caixanova e Caixa Galicia, nas que a CIG reiterou o seu apoio á fusión das caixas, mais denunciou o proceso deseñado polas cúpulas das entidades para garantir a súa propia continuidade sen ter en conta os miles de empregos que se van destruír nin a precarización que supón para o conxunto dos traballadores e traballadoras o plan de integración e o acordo laboral.
27/8/2010
Os/as traballadores/as están convocados a unha asemblea xeral o vindeiro 7 de setembro para avaliar o inicio de mobilizacións
A sección sindical da CIG no Banco Gallego vén de denunciar o despedimento dos traballadores e traballadoras da entidade adscritos ao Departamento de Estranxeiro, logo de que a empresa decidise externalizar este servizo. Dende a sección sindical sublíñase que nos dous últimos anos se está a producir un desmantelamento progresivo dos servizos centrais de A Coruña mediante o traslado a Madrid ou a exteriorización de departamentos.
Diante destes reaxustes, os traballadores e traballadoras están convocados a unha asemblea xeral o vindeiro 7 de setembro, na que se abordarán posíbeis mobilizacións de cara a evitar máis despedimentos.
30/6/2010
CIG-Banca alerta que a negociación laboral estará condicionada polas reformas decretadas polo goberno
A CIG-Banca rexeitou a actitude que están a manter Caixa Galicia e Caixanova nas xuntanzas coa representación sindical, pois ambas entidades teiman en manter a súa actitude opaca, negándose a achegar documentación concreta sobre o impacto laboral que terá a fusión. A Federación, que sospeita que as caixas pretenden adiar a negociación laboral até ter pechada a venda das oficinas, ampliou a denuncia presentada o pasado 21 de xuño na Inspección de Traballo. Así mesmo, a CIG-Banca advertiu que todo o proceso de negociación estará marcado polos reaxustes decretados dende o goberno estatal, que afectarán especialmente ás xubilacións anticipadas e prexubilacións.
22/6/2010
Tamén se concentraron na sede de Banesto para denunciar despidos e horas extras a pesar das axudas estatais
Arredor
dun cento de delegados e delegadas da CIG-Banca realizaron dúas concentracións de protesta este
martes 22 en Vigo para, por unha
banda, reclamar un plan de futuro negociado nas caixas de aforro
galegas en proceso de fusión e, pola outra, denunciar os
despedimentos que está a realizar Banesto a pesar das axudas
estatais recibidas nos últimos meses.