30/9/2011
Balance de 100 días de xestión
Cando xa pasan os 100 días dende que o
Consello de Administración de novacaixagalicia aprobou o nomeamento de José
María Castellano como Presidente Executivo con plenos poderes, coincidindo coa
nacionalización temporal por parte do FROB, estimamos preciso facer un balance
da situación da entidade que é considerablemente pior que fai 100 días.
11/5/2011
Denuncia que a Xunta de Galiza autorizou hai seis meses unha suba salarial para os directivos
CIG-Banca vén de
cuestionar as declaracións da conselleira de Economía, Marta Fernández Currás,
que dixo entender as rebaixas salariais anunciadas por novacaixagalicia como
parte do plan de recapitalización que lle exixe o Banco de España, que inclúe
un aforro de custos. Para a CIG-Banca resulta incoherente esta comprensión cos
recortes nos salarios dos empregados e empregadas da caixa cando hai apenas 6
meses a Xunta de Galiza autorizou un incremento salarial para os directivos.
22/12/2010
Denuncian que se perpetúa aos anteriores xestores e o seu modelo de xestión
A Asemblea Xeral é, para a federación de Banca e Aforros da CIG, o máximo
órgano de goberno nas Caixas de Aforros, non é un foro de negociación laboral. Por iso, considera que o seu papel na mesma debe estar centrado en conseguir
unha boa xestión que garanta a viabilidade e a solvencia da entidade como
garantía de futuro e, polo tanto, dos postos de traballo que queden. Porén, aprobouse
co único voto en contra da CIG, que novacaixagalicia poda endebedarse ata en
21.162 millóns de euros (3,5 billóns das antigas pesetas), perpetuando o modelo
de xestión que nos levou a situación actual. Neste senso os catro
representantes da CIG na Asemblea
Xeral de novacaixagalicia interviron explicando o voto
negativo como noutros puntos do orde do día.
15/1/2010
“O SIP supón desguazar a caixa e tería graves repercusións laborais”
O venres 15 de xaneiro ás 11.30 da mañá tivo lugar unha rolda de prensa convocada pola comarca de Vigo da CIG para clarificar a postura da CIG diante da cuestión das caixas, diante das numerosas novas que sobre este tema apareceron nas últimas semanas nos medios de comunicación. Asi, compareceron o secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero e Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG-Banca.
29/10/2009
A CIG subliña que non vai tolerar un só despedimento derivado da unión das entidades e insta á Xunta a buscar un consenso social
No medio do intenso debate sobre o futuro das Caixas de Aforro galegas e as posíbeis saídas, a CIG vén de presentar un informe sobre o impacto que tería a hipotética fusión de Caixa Galicia e Caixanova sobre o emprego. Os datos tirados do documento revelan que a medida crearía un excedente de persoal que superaría os 1.500 traballadores e traballadoras en Galiza, sen contar a incidencia sobre os postos indirectos nin os centros do resto do Estado. Fronte a estes resultados, a CIG quere deixar moi claro que non vai tolerar nin un só despedimento derivado dunha fusión, realizada ademais en termos políticos e obviando a participación das organizacións sindicais neste proceso.