9/4/2010
Distribuiron máis de 45.000 follas informativas e están a trasladar con megafonía á saída dos estaleiros a súa problemática
O 1 de marzo a asemblea de parados do naval comezaba a súa acampada no parque de Montero Ríos, diante da delegación da Xunta en Vigo. Con esta mobilización queren visibilizar o seu conflito e como a falta de regulación na contratación no sector naval, a precarización e o aumento do desemprego, están a deixar a centos de traballadores deste sector fóra do mercado laboral, chegando a non percibir nestes momentos tampouco o desemprego nin ningunha axuda. Estas situacións reais son as que conflúen neste acampamento, no que con grande valentía, esta asemblea de parados puxo os seus esforzos e demandan das institucións solucións para un colectivo de desempregados que cada mes atinxe a un maior número de persoas.
23/3/2010
Levan 23 dias, nos que melloraron a súa infraestrutura neste espazo, e edian unha nova tirada de folla informativa
A asemblea de parados do naval comezou o pasado 1 de marzo unha acampada que, con carácter indefinido, se situou fronte ao edificio da Xunta en Vigo, nos xardíns de Montero Ríos. Desde alí, continúan as súas protestas, na defensa do emprego e pola regulación da contratación no sector naval, recollendo sinaturas en apoio desta loita e visibilizando o drama invisíbel de milleiros de traballadores e traballadoras galegas que ficaron no desemprego e afastados do mercado laboral. Moitas son as actividades e distintas solidariedades que conseguiron nestes dias, mais para achegar máis persoas do sector a súa iniciativa, asi como informar á cidadania editaron 10.000 follas informativas dando a coñecer a súa situación.
4/3/2010
Delegados/as da CIG-Metal concentraronse nesta acampada no mediodia do 4 de marzo
No cuarto dia da acampada da asemblea de parados do naval fronte á Delegación da Xunta en Vigo estes compañeiros continúan a somar apoios na defensa do emprego no sector e pola regulación da contratación. Xa son máis de 30 as persoas que están a facer vida neste singular acampamento, que vai mellorando a súa infraestrutura, cun comedor, cociña, e onde comezaron xa a recoller sinaturas en apoio ás súas reivindicacións.
1/3/2010
Comezaron este novo acto de protesta na mañá do 1 de marzo e continuarán indefinidamente
O 1 de marzo a media mañá comezaban a chegar coas súas tendas de campaña un pequeno grupo da asemblea de parados do naval, que ao longo de toda a xornada xuntaron ao redor de vinte tendas nos xardíns fronte á Delegación da Xunta en Vigo. Esta nova protesta, co xeito de acampada, quere continuar a visibilizar a situación que están a vivir os traballadores do sector naval, que están a ficar no desemprego pola subcontratación ilegal de man de obra barata e pola falta de regulación da contratación do sector.
12/2/2010
Conseguen parar a vontade de sancións contra estes dous compañeiros de Barreras
Ás dez da mañá, á hora do bocadillo, realizabase unha asemblea no interior do estaleiro de Barreras, na que baixaban do guindastre os dous parados da asemblea de desempregados deste sector en protesta desde habia 30 horas pola contratación irregular que se está a dar no sector. Despois dunha durísima noite, na que non contaron nin con corrente eléctrica, nin con alimentos, nin bebida, nin mantas, e que tiveron que soportar unhas baixísimas temperaturas decidiron baixar despois de adquirir o compromiso de que non habería sancións.
10/2/2010
Nova acción destes desempregados do sector
Os traballadores do sector naval que forman parte da asemblea de parados o martes 9 de febreiro realizaron unha nova acción de protesta e visibilización da situación na que se atopan, pola falta de regulación de contratación no sector. Asi, ás once da mañá ocupaban a Delegación da Inspección de Traballo en Vigo, onde se mantiveron até ser recibidos polo Xefe de Inspección de Traballo, Xesús Casas de Ron, ao que lle trasladaron as súas demandas e inquedanzas.
5/2/2010
Rodearon aos vinte traballadores da asemblea de parado e afastáronnos da porta
A asemblea de parados do naval repartía a primeira hora da mañá follas informativas aos compañeiros do estaleiro de Freire para dar a coñecer a súa situación e a problemática do sector na cuestión da contratación, facendo un chamamento para que saíran tomar o bocadillo con eles ás 10.30. De novo as portas pecháronse para a asemblea de parados e unha presenza e presión policial desproporcionada impediu que esta asemblea puidera ter lugar.