11/6/2010
O pacto entre a entidade financeira e as organizacións CCOO, UGT e FITC legaliza a extensión irregular da xornada laboral
CIG e ELA veñen de rexeitar o acordo acado entre Banco Pastor e as organizacións sindicais CCOO, UGT e FITC, que consagra a flexibilidade horaria para o 90% do cadro do persoal, legalizando a extensión irregular da xornada laboral, xa que non se habilita ningún tipo de control horario. Ademais, denuncian dende a CIG-Banca, permitirá implantar a xornada partida 3 días ao mes, cun horario de 8 a 19:00 horas, no que os traballadores e as traballadoras terá unha hora e media para xantar por quendas, xa que non se pecharán as oficinas.
12/3/2010
As seccións sindicais de CCOO, UGT, FITC, ELA e CIG denuncian que a empresa pretende crear un ambiente de terror entre o persoal
As seccións sindicais da CIG, ELA, CCOO, UGT e FITC compareceron este mediodía ante os medios de comunicación para denunciar os despedimentos que a dirección do Banco Pastor está a realizar nas oficinas de todo o Estado, con especial incidencia na Dirección Rexional Galiza-Sur. Até o momento, a entidade xa despediu a cinco empregados/as na Galiza, cunha antigüidade media na empresa de 25 anos, alegando problemas de actitude e falta de cumprimento de obxectivos, mais recoñecendo a improcedencia da súa decisión.
12/2/2010
A CIG lembra que cumprir a xornada nas entidades financeiras suporía crear 1.250 empregos
O día 11 de febreiro a CIG volveu saír á rúa, en Vigo e Lugo, para denunciar os acordos de “flexibilidade horaria” que están impoñendo os grandes bancos coa complicidade de CCOO e UGT. Acordos que rematan coa xornada regulada, dando paso ao traballo por obxectivos. Estes acordos consagran a impunidade para realizar milleiros de horas extras, que impiden a conciliación da vida laboral e persoal dos traballadores e traballadoras.
29/1/2010
As mobilizacións estenderanse a outras cidades galegas
Delegados e delegadas da CIG-Banca desenvolveron na mañá do xoves 28 de xaneiro dúas concentracións simultáneas diante das oficinas principais do BBVA nas cidades de Ourense e A Coruña para denunciar a desregulación dos horarios de traballo que a entidade pretende levar adiante. A falta de regulación da xornada é un problema que está afectando á maior parte do sector da banca, que a cambio de pechar as oficinas os sábados pola mañá pretende estabelecer un flexibilidade horaria absoluta. Por esta razón, a protesta celebrada en ambas cidades tamén se trasladou até as portas das oficinas doutras entidades bancarias.