17/3/2010
Adolfo Naya permaneceu retido durante dúas horas e foi fichado por uns supostos feitos acontecidos durante a folga de instalacións deportivas
A CIG rexeita a detención do sindicalista da Federación de Servizos, Adolfo Naya, quen esta tarde foi retido de xeito ilegal durante dúas horas na comisaría de policía onde foi fichado por un suposto delito de coaccións que tería acontecido durante a folga de instalacións deportivas. Ao igual que aconteceu a pasada semana, un membro da CIG volve ser obxecto de persecución inxustificada, afondando o proceso de criminalización contra a central sindical por terse destacado na defensa dos dereitos da clase traballadora galega.
9/3/2010
O Secretario nacional de Servizos, Paulo Rubido, tamén foi identificado por “ser susceptíbel” de ter cometido algún delito
A CIG amosa a súa máis enérxica repulsa á detención ilegal do Secretario comarcal da CIG-Servizos de A Coruña, Salvador Cerqueiro, quen na tarde deste martes foi conducido á Xefatura Superior de Policía, retido e fichado, sen que en ningún momento se lle explicasen as razóns de tal actuación. Así mesmo, a policía procedeu á identificación de dous delegados desta central que participaban nunha concentración diante da Xefatura, mentres que ao Secretario Nacional da Federación tomáronselle os datos por ser “susceptíbel” de ter cometido algún acto delituoso. A CIG denuncia este violación dos dereitos fundamentais e á persecución a que está sendo sometida a central sindical.
5/3/2010
Pola regulación da contratación, polo cumprimento do convenio e contra a represión sindical
Ás 11.30 da mañá o 5 de marzo houbo unha rolda de prensa da CIG-Metal para dar a coñecer a convocatoria de folga no sector naval da central sindical nacionalista para o 10 de marzo contra a desaparición da bolsa de emprego e na defensa da regulación da contratación no sector. A folga terá unha duración de 24 horas e a convocatoria atinxe a todos os traballadores e traballadoras do sector naval con ou sen convenio propio da provincia de Pontevedra. Promóvese tamén esta folga polo incumprimento do Convenio Colectivo do Metal, contra a flexibilidade horaria e contra a represión sindical.
3/3/2010
O banco trasladou a un delegado da CIG como represalia por ter defendido a un traballador despedido inxustamente
Por segundo martes consecutivo delegados e delegadas da CIG-Banca concentráronse diante da oficina principal do Banesto en Ourense para protestar polo traslado do Presidente do Comité de Empresa e delegado da CIG para unha oficina nas aforas de Ourense, establecéndolle ademais un control diario sobre a súa actividade. Posteriormente a protesta trasladouse ao interior da entidade para informar ao persoal da oficina.
2/3/2010
Os feitos foron denunciados á Garda Civil, quen iniciou unha investigación ao respecto
O sector de Transporte da CIG denunciou esta mañá publicamente a tentativa criminal contra o delegado sindical da central en Ambulancias do Eume ao que hai unhas semanas lle manipularon á roda do seu vehículo particular coa intención clara de provocarlle un accidente. Afortunadamente o delegado non sufriu danos, pero tres mecánicos confirmaron que as torcas do coche foran afrouxadas dun xeito intencionado. Os feitos xa foron postos en coñecemento da Garda Civil, que está a realizar investigacións.
3/2/2010
O sindicato tampouco descarta presentar unha querela criminal por coaccións contra a Directora de Recursos Humanos
A CIG denunciou publicamente a situación que están a padecer os traballadores e traballadoras de Arriva Noroeste, especialmente no caso dos delegados e o persoal afiliado/a á central nacionalista, aos que a empresa de transportes somete a unha persecución constante. Diante desta situación a CIG xa ten presentado denuncias na Inspección de Traballo (quen xa actuou no centro de Ferrol) e nos vindeiros días vai presentar demanda de tutela de liberdade sindical diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, aínda que tampouco se descarta levar adiante unha querela criminal contra a responsábel de Recursos Humanos por coaccións e vulneración dos dereitos.