19/12/2011
Alerta de que o recorte do gasto público e as medidas para reducir a débeda pública provocarán máis desemprego
Austeridade, control do déficit público e, en
consecuencia recorte do gasto público, nova reforma laboral, máis bonificacións
empresariais como única fórmula para crear emprego, nova restruturación do
sistema financeiro e concentración bancaria, adelgazamento das administracións
públicas, recentralización administrativa... Estas son algunhas das medidas que
adoptará o PP no decurso destes catro anos. Medidas que van na liña das xa
adoptadas polo PSOE e que o único que conseguiron, até o de agora, foi afondar a
situación de crise económica na que estamos inmersos.
23/10/2011
Preto de 3.000 persoas percorreron as rúas de Compostela, malia a chuvia e o vento, para exixir outras políticas económicas e sociais
Preto de 3.000
persoas sumáronse á convocatoria da CIG, na primeira mañá de chuvia e frío deste
outono, para exixir un cambio radical nas políticas que os gobernos da Xunta e
do Estado veñen aplicando. Así o demandou o secretario xeral, Suso
Seixo, quen denunciou que hoxe, as traballadoras e traballadores galegos “estamos
claramente ameazados por políticas económicas de recorte do gasto social” que
levan, dixo, a un “incremento do desemprego, á destrución do tecido produtivo” e
que poñen en perigo servizos sociais básicos como a sanidade e o ensino públicos.
2/9/2011
A CIG denuncia que o 93,5% dos contratos formalizados neste período foron temporais
Galiza pechou agosto cun
total de 224.582 persoas desempregadas, o que supón un incremento do
0,71% (1.582) con respecto ao mes anterior. Aínda que se trata dunha
subida menor que a rexistrada no conxunto do Estado español, a taxa
interanual no noso país situouse no 6,17%, o que se traduce en
13.050 novos demandantes de emprego con respecto a agosto do ano
2010. Tamén destaca a elevada temporalidade dos contratos, xa que o
93,5% dos 59.850 contratos rexistrados o mes pasado foron deste tipo.
19/8/2011
Suso Seixo afirma que "dá a impresión de que quen lles está pagando é a CEOE, en vez dos seus afiliados e afiliadas”.
A CIG manifesta o seu total rexeitamento á proposta presentada polos
secretarios de CCOO e UGT, en carta dirixida ao Presidente do Goberno español,
referida a aceptar un novo acordo de moderación salarial para vindeiros anos,
ampliando o período de tres anos que xa contemplaba o Acordo Interconfederal de
Negociación Colectiva aínda vixente. Suso Seixo, secretario xeral da
CIG, considera que con este tipo de propostas “dá a impresión que quen lles
está pagando é a CEOE, en vez dos seus afiliados e afiliadas”.
2/8/2011
O paro rexistrado increméntase en Galiza con respecto ao ano anterior nun 6,30%, mentres que na media estatal o incremento foi do 4,38%
A Confederación Intersindical Galega considera altamente negativos e preocupantes os datos de paro
rexistrado no mes de xullo, con 223.000 desempregados/as, o que sitúa a taxa de
paro en Galiza nun 17,01%, fronte o 16,19% que se rexistraba en xullo de 2010.
Uns datos que veñen confirmar as predicións da central sindical, que desde que
comezou a crise vén denunciando as políticas que se estaban a aplicar e
advertindo que con elas contribuiríase a deteriorar aínda máis a economía e,
polo tanto, a incrementar o desemprego. A CIG considera que os/as 10.557 desempregados/as menos rexistrados no mes
de xullo, con respecto do mes anterior, obedecen exclusivamente a razóns de
estacionalidade.
9/6/2011
A prevalencia dos convenios de empresa fronte os provinciais xeneralizará a precarización, provocando incrementos da xornada laboral e redución salarial
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, valorou moi negativamente o borrador da reforma da negociación colectiva que se deu a coñecer e que previsibelmente será aprobado mañá polo Consello de Ministros. No marco da rolda de prensa de presentación da Marcha Galega polo Emprego, declarou que o modelo que se pretende impor, dando prevalencia aos convenios de empresa fronte os provinciais afectará especialmente aos traballadores/as galegos/as. “O 90% das empresas galegas teñen menos de 6 traballadores que non terán capacidade para presionar á empresa, que imporá unha maior precarización, con incrementos de xornada e reducións salariais”.
9/6/2011
Demanda a creación dun Salario de Inserción Social para garantir que os parados que non cobran xa ningunha prestación, un 40% do total, non caian na “pobreza e a marxinalidade”
A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, a “Marcha Galega polo Emprego”. Unha gran mobilización na que se agarda que participen desempregados/as de toda Galiza, que percorrerán a pé o país, partindo inicialmente das cidades, o día 29 de xuño, para rematar o 3 de xullo en Compostela, cunha manifestación nacional. Con esta marcha preténdese sensibilizar á poboación ante o grande problema que supón o paro e exixir a posta en marcha de toda unha serie de medidas que permitan o crecemento económico e a creación de emprego, fronte as políticas neoliberais aplicadas até o de agora, que provocaron unicamente a precarización das condicións laborais.