20/12/2011
Denuncia que pretende reducilos a departamentos de actividades culturais en galego
A CIG-Ensino
considera que é inaceptábel que, “ao servizo da propaganda”, o Secretario Xeral de Política
Lingüística dedique os seus esforzos a saír nos medios de comunicación
difundindo unha imaxe “falsa” da verdadeira implicación do seu departamento e a
Consellaría de Educación, á que pertence, con profesorado que día a día
traballa pola normalización do noso idioma.
12/12/2011
En protesta polo ditame supostamente favorábel á retirada dun libro de texto escolar por reproducir que “o galego é a lingua propia de Galiza"
A plataforma cidadá Queremos Galego, integrada por
máis de 700 entidades sociais de diferente tipoloxía, entre elas a CIG, convoca
para esta quinta feira (xoves) 15 de decembro ás 11.30 da mañá unha
concentración diante da sede do Valedor do Pobo, en Santiago de Compostela.
17/10/2011
O 16 de outubro rematou o prazo para os presentar proxectos de normalización
Despois das reiteradas denuncias da CIG-Ensino, a Consellaría de
Educación atendeu dúas das demandas realizadas sobre a convocatoria de premios
á innovación en dinamización lingüística: que se publicasen no DOG e que se
publicasen no inicio do curso escolar. Deste xeito, o pasado 15 de setembro
publicábase no DOG a convocatoria para este curso. Porén os prazos marcados recollen
que a resolución pode demorarse até o 15 de decembro, o que suporá que se perda
o primeiro trimestre para a posta en marcha do proxecto.
12/9/2011
Considera que se confirma así que a Consellaría ten por obxecto destruír o noso idioma e o ensino público
A Consellaría de Educación publicou no DOG do pasado venres día 9 unha
orde pola que se deixa sen efecto a do 1 de marzo de 2011 que regulaba as bases
para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos
didácticos curriculares para niveis non universitarios. Segundo
se argumenta na propia orde “A política
orzamentaria .. exixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos
inicialmente asignados …, ante os posibles incumprimentos, por parte do Estado,
dos compromisos de achegas de anticipo do fondo …” En definitiva, a
Consellaría de Educación aplícalle un novo e importante recorte á lingua
galega, mais aproveita para facer política en contra do goberno do Estado,
adxudicándolle a “culpa” deste incumprimento institucional.
18/5/2011
Nos distintos actos léronse textos de Castelao, Lois Pereiro e de autores e autoras de cada localidade ou comarca
Os galegos e
galegas saíron de novo ás rúas das cidades e vilas de Galiza para conmemorar o
Día das Letras Galegas, neste 17 de maio, e participar na mobilización
expansiva convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego. Unha mobilización
celebrada baixo o lema “Paremos os ataques o galego!” que se estendeu a cidades
como Nova York, Belfast, Barcelona, Bos Aires, Oxford, Bruxelas ou Madrid.
12/5/2011
Unha acción reivindicativa simultánea, no maior número de localidades posíbel, no Día das Letras Galegas
A Plataforma Cidadá Queremos Galego, da que forma
parte a CIG, está a promover para este martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha acción
reivindicativa expansiva e simultánea no maior número posíbel de localidades en
defensa do galego. Ao coincidir o Día das Letras Galegas en plena campaña das eleccións municipais, un dos eixos reivindicativos da
convocatoria será a galeguización efectiva dos concellos.
10/5/2011
Anxo Louzao, secretario nacional, asegura que non vai solucionar os problemas e que está concibida unicamente para avalar a consulta sobre lingua aos pais e nais
A CIG-Ensino entregou, no rexistro xeral da Xunta de Galiza, en San Caetano, unha primeira quenda de 3.512 sinaturas recollidas entre o profesorado, contra o proxecto de Lei de Convivencia que vén de presentarse no parlamento para a súa toma en consideración. Unha lei que, segundo explicou Anxo Louzao, aposta por métodos autoritarios e represivos para enfrontar os conflitos; non vai acompañada nin de recursos, nin de medios para reforzar a autoridade do profesorado e que ten como verdadeiro obxectivo dar o aval legal ás consultas a pais e nais para reducir a presenza do galego no sistema educativo.