3/7/2011
Suso seixo, secretario xeral da CIG, anuncia que a central sindical promoverá unha grande mobilización a finais de outubro de cara a preparar unha nova convocatoria de folga xeral
As
marchas de desempregados e desempregadas que percorreron Galiza desde Ferrol, A Coruña, Vigo,
Pontevedra, Ourense, Lugo e Vilagarcía confluíron este domingo na Alameda
compostelá. Entre aplausos e malia o cansazo acumulado, sumáronse aos milleiros de galegos e galegas que saíron en manifestación convocados pola CIG para
percorrer as rúas da capital de Galiza até a praza da Quintana. Alí foi onde
Suso Seixo, secretario
xeral da CIG, anunciou que a central sindical promoverá unha
grande mobilización, a finais de outubro, xunto con outras
organizacións políticas e sociais do país, que se intentará facer confluír con
convocatorias similares noutras nacións do estado, de cara a preparar, se é posíbel,
unha nova folga xeral, mesmo a nivel do estado español.
2/7/2011
Os desempregados e desempregadas percorrerán na mañá do domingo os últimos quilómetros antes de unirse á manifestación que sairá ás 12 da Alameda
As Marchas polo Emprego chegaron este sábado até as proximidades de Santiago de Compostela. Sigüeiro (Concello de Oroso), Milladoiro (Concello de Ames) ou o lugar da Lavacolla serán os puntos onde os grupos de desempregados e desempregadas que conforman as marchas organicen as últimas asembleas. Alí pasarán tamén a noite do sábado e xa na mañá do domingo retomarán o camiño para cubrir os derradeiros quilómetros antes de unirse á manifestación que ás 12 do mediodía partirá da Alameda.
1/7/2011
Avanzan cara Compostela para chegar á manifestación do día 3 de xullo, que sairá da Alameda compostelá ás 12:00 horas
Unha vez unificadas as distintas marchas que
avanzan desde as cidades e vilas de Galiza cara Compostela, para participar na
manifestación que sairá da Alameda compostelá, o vindeiro domingo día 3,de
xullo, mañá farán a súa penúltima etapa. Recollemos as previsións de saída,
chegada e os horarios de celebración das distintas asembleas.
1/7/2011
Os desempregados e desempregadas da Coruña e Ferrol continúan o seu percorrido xuntos, os/as de Ourense chegan a Bandeira e as/os de Lugo avanzan cara o Pino
Esquivando o cansazo acumulado, as pendentes do camiño e as elevadas temperaturas que abrasan o País, as marchas polo emprego que dende o mércores percorren Galiza continuaban este venres a bo ritmo. Ademais, un grupo de desempregados e desempregadas de Pontevedra sumábase a marcha que o xoves partiu de Vigo. O Secretario Xeral da CIG, que se achegou até a cidade do Lérez para apoiar a iniciativa, asegurou que nestes momentos resulta fundamental chamar a atención da cidadanía e pedir a solidariedade cos traballadores e traballadoras afectados pola falta de traballo. Mentres os e as participantes das marchas de Ferrol e A Coruña xuntaban os seus pasos para continuar o camiño até Ordes, onde pasarán a noite.
30/6/2011
Saen as marchas de Vigo e A Coruña, que este venres confluirán coas de Pontevedra e Salnés e coa de Ferrol
A Marcha Galega
polo Emprego da CIG continúa a súa andaina cara Compostela. Ás que saíron onte
de Lugo, Ourense e Ferrol incorporáronse, nesta segunda xornada, as de Vigo e A
Coruña. Mañá sairán tamén as de Pontevedra e Vilagarcía. Son desempregados que
camiñan cara Compostela para manifestarse o vindeiro domingo día 3 de xullo na
capital de Galiza. Exíxenlle ao goberno central e ao goberno galego que non
fagan pagar a crise aos traballadores/as e que se poñan en marcha medidas para
frear a sangría do paro.
30/6/2011
Centos de desempregados/as súmanse ao percorrido cara a Compostela que organiza a CIG
A Marcha
galega polo emprego da CIG segue a sumar efectivos na súa segunda
xornada. Hoxe incorporáronse á mobilización cara a Compostela
parados e paradas da Coruña e de Vigo. O grupo máis numeroso,
integrado por máis de 100 persoas, partiu da cidade olívica pouco
antes das nove da mañá acompañado polo secretario comarcal,
Serafín Otero, que percorreu xunto a eles os primeiros quilómetros.
A mobilización da Coruña, na que tamén participa o secretario comarcal, Paulo Carril, contou coa presenza do secretario xeral da
CIG, Suso Seixo, quen sinalou que con estas marchas preténdese
chamar a atención sobre o gran problema que golpea nestes momentos a
Galiza: o desemprego.
29/6/2011
Grupos de parados e paradas, aos que o xoves se sumarán as marchas de Vigo e A Coruña, percorren Galiza para demandar políticas que favorezan a creación de emprego digno e de calidade
A Marcha Galego polo Emprego convocada pola CIG daba os seus primeiros pasos na mañá deste mércores coa saída das mobilizacións dende as cidades de Ferrol, Lugo e Ourense, de onde grupos de desempregados e desempregadas partiron cara a Compostela. Polo camiño, as marchas fixeron altos nos concellos de paso para concienciar a poboación ante o grande problema que supón o paro e exixir a aplicación de medidas que permitan o crecemento económico e a creación de emprego, fronte ás políticas neoliberais desenvolvidas até o momento. Mañá xoves sairán tamén as marchas de Vigo e A Coruña e o venres tocaralle a quenda á de Pontevedra.