31/7/2012
Demandan tamén á dirección que aclare a situación da planta en canto á carga de traballo e as perspectivas de emprego
O Comité de Elaborados Metálicos Emesa, pertencente ao Grupo Islux Corsán, iniciou o luns 30 de xullo un peche de 48 horas nas instalacións de Coirós para denunciar o bloqueo da negociación do convenio colectivo, paralizada dende o ano 2008, e demandar información sobre as perspectivas de carga de traballo para a factoría máis alá de 2012.
25/11/2011
O persoal realizou unha concentración diante da Delegación de Traballo na Coruña
Con motivo da presentación do recurso de alzada contra a autorización do cuarto expediente de regulación de emprego, traballadores e traballadoras de Elaborados Metálicos Emesa concentráronse este venres diante da Delegación da Consellaría de Traballo na Coruña. Neste senso, o Presidente do Comité de Empresa, Andrés Rodríguez, sinalou que a intención do persoal era realizar unha manifestación mais “as autoridades non consideraron correcto autorizar esa mobilización”.
21/11/2011
A representación do persoal entende que se trata dun novo caso de persecución sindical
A representación dos traballadores/as de EMESA vén denunciar diante da Inspección de Traballo á dirección da empresa por negarse a recoñecer na constitución da Mesa de Seguimento do ERE a pluralidade sindical do Comité.
31/10/2011
A Xunta de Galiza acaba de aprobar o ERE en EMESA e a Dirección da mesma xa está a obrigar a traballadores a realizar horas extraordinarias
O Comité de Emesa quere denunciar publicamente que, un día despois de coñecida a resolución da Consellería de Traballo a respecto do cuarto ERE de suspensión, a dirección da empresa impuxo a obriga de realizar horas extraordinarias a dous traballadores. Estes empregados terán que acudir a traballar o este luns 31 de outubro, sendo este día, ademais, festivo no calendario laboral da empresa.
28/10/2011
O persoal estuda elaborar tamén un novo calendario de mobilizacións
O Comité de EMESA quere denunciar publicamente a ilegalidade cometida pola Xunta de Galiza na resolución favorábel do cuarto ERE de suspensión para a planta de Coirós. A representación do persoal xa anunciou que presentará recurso de alzada contra a decisión da Consellaría e vai elaborar un novo calendario de mobilizacións.
19/10/2011
O persoal solicita á Xefa Territorial de Traballo que posibilite unha xuntanza entre Comité e a conselleira
O Comité de Emesa continuou este mércores co calendario de mobilizacións en contra do cuarto ERE de suspensión presentado pola dirección. Nesta ocasión, os traballadores/as mantiveron unha concentración diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza na Coruña, onde rexistraron un escritor dirixido á Xefa Territorial de Traballo para solicitarlle que promova unha reunión coa titular do departamento autonómico e demandar da Consellaría que revise “con lupa” a documentación do expediente.
14/10/2011
O persoal, que se concentrou ás portas da Consellaría na Coruña, demanda da administración galega que denegue o ERE
O Comité de Emesa fixo entrega na mañá deste venres, na Delegación da Consellaría de Traballo da Coruña, das alegacións contra o cuarto ERE de suspensión presentado pola dirección, que en quince días deberá resolver a administración. Aproveitando a ocasión, traballadores da factoría de Coirós desenvolveron unha nova concentración ás portas das dependencias da administración provincial para reclamar á Xunta que denegue o expediente por falta de xustificación e documentación.