21/7/2011
Delegados e delegadas da central concentráronse ás portas de Palexco para rexeitar a privatización da caixa galega e os custos laborais do proceso
Delegados e delegadas da CIG concentráronse esta tarde diante das portas do Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco), onde tivo lugar a Asemblea Xeral de Novacaixagalicia na que se aprobou o traspaso do negocio financeiro da caixa ao novo banco. Con esta protesta a CIG, que votou negativamente cada un dos puntos da orde do día da Asemblea, quixo amosar novamente o rexeitamento á privatización da caixa galega, a perda de soberanía financeira que supón e denunciar o custe laboral que este proceso está tendo para os traballadores e traballadoras, xa que implica a destrución de 1.700 empregos.
1/3/2011
A CIG-Servizos demanda a apertura dunha mesa de negociación para buscar solucións á situación laboral nas auxiliares
Delegados e delegadas da CIG nos servizos de limpeza e seguridade de novacaixagalicia retomaron esta mañá as mobilizacións na defensa dos postos de traballo, ameazados polo peche de oficinas iniciado pola entidade tras do proceso de fusión. Dende a central sindical reclámase á dirección da caixa que abra unha mesa de negociación específica para abordar as posibilidades de recolocacións, indemnizacións, prexubilacións, xubilacións, etc., do persoal afectado.
26/1/2011
O proceso conta co respaldo, tanto do PP, como do PSOE
A semana pasada unha misión do FMI, organismo que defende a privatización dende ano 1999, reuníase co Goberno e co Banco de España, para, ao igual que fixo no seu momento coa da reforma laboral, a reforma das pensións ou a da negociación colectiva, indicarlle as directrices que o capital financeiro internacional tiña para as Caixas de Aforros, que non son outras que a súa inmediata privatización.
30/11/2010
Os representantes da CIG tampouco asistiron ao acto inaugural da nova entidade de aforro galega por entender que será privatizada
O pasado día 29 de novembro nacía a nova entidade froito da fusión de
Caixa Galicia e Caixanova. Media hora antes pechábase o período de consultas do
ERE de extinción para 900 postos de traballo en Galiza. A CIG optou por non
asistir ao acto de sinatura co que se daba por constituída a nova entidade, porque entende que se abre o camiño cara a súa
inminente privatización, previa reconversión vía ERE.
12/11/2010
Denuncia que o proceso de fusión deseñado polas cúpulas de Caixa Galicia e Caixanova, co apoio do PP e do PSOE, encobre o seu de desmantelamento, liquidación e privatización
As direccións de Caixa Galicia e Caixanova
citaban este xoves aos delegados sindicais de ambas as dúas entidades para
iniciar o proceso de tramitación do ERE co que se eliminarán 1.200 postos de
traballo. Segundo explica Clodomiro Montero, secretario nacional da Federación
de Banca da CIG, os representantes das entidades limitáronse a entregar un CD
que contén, supostamente, toda a documentación xustificativa do expediente. Os
aproximadamente 250 delegados sindicais presentes tiveron que pasar polo
trámite de agardar en fila india para recibir o soporte informático e quedaron
emprazados para unha próxima xuntanza o mércores 17 de novembro ás 17:30 horas.
A CIG xa anunciou que se reserva o dereito de impugnar o que considera un
proceso, cando menos “irregular”.
10/11/2010
A extinción de empregos afectará a máis de 1.200 persoas e suporá unha modificación substancial das condicións laborais
O vindeiro xoves 11 de novembro, Caixa Galicia e Caixanova citaron a todos os delegados e delegadas de ambas empresas para dar inicio ao proceso de tramitación do Expediente de Regulación de Emprego, que será de extinción para cando menos 1.235 persoas vía prexubilacións e, nun número non determinado, a través das baixas incentivadas. Ese mesmo día, a CIG-Banca ten convocada unha concentración de delegados e delegadas para protestar polos recortes no emprego e nas condicións laborais que suporá a aplicación do ERE.
2/11/2010
A oficina da entidade permaneceu practicamente pechada durante o tempo que durou a concentración
Máis dun cento de delegados e delegadas da CIG permaneceron concentrados durante dúas horas diante da Oficina Principal de Caixa Galicia en A Coruña para rexeitar os despedimentos previstos nas contratas da limpeza e seguridade, por mor da fusión das dúas caixas galegas. A protesta realizada na mañá deste martes, subliñou o Secretario Nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, terá continuidade nas vindeiras semanas, pois a pesar da xuntanza mantida coas direccións de recursos humanos de ambas entidades, estas non se comprometeron a abrir unha mesa de diálogo a respecto dos máis de 300 postos de traballo das empresas auxiliares que agora están en perigo.