1/5/2010
Exixen unha reforma estrutural, para que se potencien os sectores produtivos, un incremento do gasto social e unha reforma fiscal para que pague máis quen máis ten
Miles de persoas saíron á rúa neste Primeiro de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, para manifestarse coa CIG en demanda de emprego e salarios dignos e para reclamar unha reforma do sistema fiscal para que se garanta a súa progresividade para que a crise non a pague a clase traballadora, senón aqueles que a provocaron. A manifestación central, e a máis numerosa, foi a convocada en Vigo, onde participaron 8.000 de persoas.
27/4/2010
Baixo os lemas “ Emprego e salarios dignos. Non ao pacto social” e “O déficit público que o pague o capital. Reforma fiscal xa!”
A CIG convocará para o Primeiro de Maio, ‘Día do Internacionalismo Proletario’ manifestacións en todas as comarcas baixo os lemas “Emprego e salarios dignos. Non ao pacto social” e “O déficit público que o pague o capital. Reforma fiscal xa!”. A manifestación central, como en anos anteriores, terá lugar en Vigo, con saída do Cruce da Doblada ás 12:00 horas.
Nestes dous lemas preténdense sintetizar os
eixos nos que a central sindical centrará a campaña a desenvolver arredor desta
significativa data. Por unha banda, salientando os principais problemas que
padece a clase traballadora por mor da crise: emprego e salarios e, pola outra,
reclamando unha reforma fiscal para que se garanta a progresividade do sistema
e que paguen máis quen máis teñen.
1/5/2009
Baixo o lema “Polo Emprego, os Dereitos e as Prestacións Sociais”, nas sete cidades galegas, Ribeira e A Mariña
A Confederación Intersindical Galega mobilizou nas manifestacións convocadas nas sete cidades, na Mariña e en Ribeira a máis de 20.000 traballadores e traballadoras que baixo o lema “Polo Emprego, Dereitos e Prestacións Sociais” se sumaron ás reivindicacións realizadas pola central, fronte á continuidade da aposta polo modelo neoliberal feita polos goberno e a patronal e a prol dun modelo económico e social máis xusto e solidario. A manifestación máis numerosa foi a celebrada en Vigo, onde participaron preto de 12.000 persoas.
29/4/2009
Manifestación o Primeiro de Maio ás 12:00 horas con saída na Doblada
A CIG Vigo pediu á clase traballadora que
ofreza unha resposta contundente a actitude mantida pola patronal e as febles
medidas adoptadas pola administración fronte a situación de crise que vive a
comarca. O secretario da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, lembrou que na comarca
xa hai rexistrados máis de 38.000 parados e paradas, demandou a urxente creación
do salario social, criticou as axudas a fondo perdido entregadas polo goberno
aos bancos e animou a todos os traballadores/as a participar o venres 1 de maio
na manifestación convocada ás 12:00 horas na Doblada.
29/4/2009
O secretario comarcal anima á clase traballadora a asistir á manifestación do Primeiro de Maio ás 12:00 horas na Praza de Vigo
Baixo o lema “polo emprego, os dereitos e as
prestacións sociais” a CIG da comarca de A Coruña fixo un chamamento a clase traballadora
a mobilizarse “entendendo que a intensidade da crise económica está xerando a destrución
de miles de postos e que as empresas aproveitan a caída de actividade para
impor despedimentos baratos a través dos EREs, aos que se suman as rescisións de
contratos temporais de miles de empregados na comarca”. Con estas palabras animaba
o secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril a participar na manifestación
convocada para o Primeiro de Maio ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo.
29/4/2009
A CIG convoca manifestacións en todas as comarcas do País no Día Internacional da Clase Traballadora
A CIG vai desenvolver o vindeiro 1 de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, unha campaña de manifestacións por
todo o País, continuando as mobilizacións que nos últimos meses a central veu desenvolvendo para reclamar que a crise a pague o capital. Este ano o lema das manifestacións será “Emprego, Dereitos e Prestacións Sociais” reivindicacións históricas
que cobran especial importancia nestes tempos de crise non só económica, senón tamén de sistema. A intensidade coa que se está a desenvolver a crise do capitalismo, está provocando de xeito acelerado a destrución de miles de emprego en Galiza. As empresas aproveitan a caída da actividade para impoñer despedimentos baratos do persoal con contratos fixos por medio de ERE. Non debemos esquecer as cifras do paro dos últimos meses, que superan xa os 200.000 desempregados/as no País, a falla de cobertura das prestacións sociais, a presentación diaria de expedientes de regulación ou a paralización interesada da negociación dos convenios colectivos por parte da patronal.
24/4/2009
A central comarcal convoca manifestación ás 12:00 horas con saída na Avenida do Esteiro
“A crise agudízase, as
condicións de traballo empeoran, o desemprego continúa medrandro e aumentan os
expedientes de regulación nas empresas”. Con estas premisas, a CIG da comarca
de Ferrol lanzou un chamamento aos traballadores e traballadoras da comarca
para que o vindeiro Primeiro de Maio saian as rúas na defensa dun novo modelo económico
e social. A manifestación está convocada para ás 12:00 horas e saíra dende a
Avenida do Esteiro até o Cantón ferrolá.