10/1/2012
O secretariado confederal acorda pór en marcha unha campaña para denunciar as súas consecuencias, reclamar políticas alternativas e esixir maior soberanía
O Secretariado Confederal da CIG, reunido este martes en Compostela, acordou convocar concentracións de delegados/as para este xoves, 12 de xaneiro, diante das delegacións de Facenda da administración central para manifestar o seu rexeitamento ás medidas aprobadas, vía decreto, polo goberno do PP. A central sindical, que tamén celebrará asembleas para analizar o novo escenario, considera que estas decisións son claramente negativas para a clase traballadora porque “os recortes do investimento público provocarán máis destrución de emprego e o deterioro dos servizos públicos e as medidas fiscais adoptadas nada teñen que ver coa reforma fiscal que sería necesario acometer”, afirma o Secretario Xeral, Suso Seixo.
13/5/2011
Posicionamento das Federacións de Área Pública ante os rumores insistentes que apuntan a próximos ataques contra o persoal das administracións públicas
Diante dos insistentes rumores, as Federacións da Área Pública da CIG (Administración, Saúde e Ensino) queren manifestar o seu absoluto rexeitamento a calquera posíbel novo recorte salarial dos empregados/as das administracións públicas. Neste senso, subliñan que os traballadores/as da administración se converteron nestes últimos anos na primeira vítima das medidas dos gobernos para supostamente combater a crise e teñen padecido unha agresiva e continuada campaña de desprestixio social, co único obxectivo de dividir á clase traballadora e xustificar a amortización de postos de traballo e o progresivo desmantelamento do estado de benestar.
22/3/2011
A central fretará autobuses para participar na manifestación convocada de xeito conxunto coa maioría sindical vasca e na que tamén estarán organizacións cataláns e canarias
A Confederación Intersindical Galega e a maioría sindical vasca (ELA, LAB, STEE-EILAS, EHNE e HIRU) van desenvolver unha manifestación o vindeiro 5 de abril en Madrid en contra das reformas do goberno (concretamente a reforma das pensións e da negociación colectiva) e na defensa do dereito a decidir nos propios territorios as condicións laborais e sociais. Na marcha agárdase que participen arredor de 3.500 delegados e delegadas de todas as organizacións sindicais, dos/as que uns 1.200 serán representantes sindicais da CIG.
7/3/2011
As mobilizacións sairán ás 20:00 horas dende a Avenida do Esteiro e dende a viguesa Vía Norte
A CIG presentou este luns os actos que vai desenvolver con motivo da conmemoración o vindeiro xoves do “10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega”, data na que se lembra o asasinato a mans da policía de Amador Rei e Daniel Niebla, operarios da antiga Bazán, no ano 1972. As manifestacións desenvolveranse en Ferrol e Vigo, nesta ocasión nucleadas en contra do pacto económico e social asinado en Madrid polo goberno, a patronal e CCOO e UGT, e nomeadamente contra da reforma das pensións e a negociación colectiva. A Confederación outorgou carácter nacional á marcha de Ferrol, que sairá ás 20:00 horas dende a Avenida do Esteiro (diante dos locais do sindicato), mentres que a mobilización de Vigo partirá da Vía Norte á mesma hora.
25/2/2011
Concentráronse na Praza de Galiza tras de celebrar unha asemblea para avaliar o pacto económico e social
Delegados e delegadas da Unión Comarcal da CIG de Compostela saíron o xoves 24 de febreiro á rúa para amosar o rexeitamento á reforma do sistema público de pensións e na defensa do emprego. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións que a central sindical está a levar a cabo en contra do conxunto medidas de recortes laborais e sociais promovidas dende o goberno, coa conivencia de CCOO e UGT, e estivo precedida dunha asemblea na que se avaliou o pacto económico e social asinado a primeiros de febreiro.
3/2/2011
A central convocará novos actos de protesta nas vindeiras semanas coincidindo coas tramitacións parlamentares das medidas
Fronte ao escenario que debuxan os continuos recortes e a sinatura do acordo económico e social, a CIG vai manter a súa postura mobilizadora, pola dignidade e de enfrontamento aos ataques contra a clase traballadora, polo que nas vindeiras semanas convocará novos actos de protesta. “A folga do 27 de xaneiro demostrou que hai un sector importante da poboación que está en contra do engano que supoñen todas estas reformas. A CIG vai tentar mobilizar a todas aquelas persoas que estean dispostas a responder a estes ataques”.
2/2/2011
A central advirte que o pacto non terá repercusións na xeración de emprego e a saída á crise e demanda unha reforma da política fiscal e incrementar o investimento público
A CIG considera un exercicio de cinismo e un gran engano á cidadanía a posta en escena este mediodía da sinatura do “Acordo económico e social para o crecemento, o emprego e a garantía das pensións”. Para a central sindical este acordo, que contempla as propostas saídas do goberno e a patronal, supón unha clara entrega do sindicalismo estatal ao poder, mais non terá repercusións relevantes nin na saída á crise nin na xeración de emprego.