10/2/2012
A CIG de Ferrol desenvolve un programa de actos nos concellos da comarca para evidenciar que fronte a crise, hai alternativas
A Unión Comarcal da CIG de Ferrol organizou na tarde do xoves un acto reivindicativo no Concello de Cedeira, dentro do programa acordado con motivo da campaña “Outro modelo económico e social é posíbel. Contra a crise, hai alternativa”, que incluíu unha concentración na Praza de Galiza de Cedeira na que se esixiu un cambio de rumbo nas políticas de recortes e ataques á clase traballadora aplicadas polos gobernos até o momento.
8/2/2012
A Unión Comarcal repite, ao remate do período electoral, como primeira forza sindical ao acadar o 32.6% da representación
A CIG de Ferrol compareceu este mércores en rolda de prensa para informar dos novos actos programados con motivo da campaña “Hai alternativas”, que a central sindical iniciou o pasado ano, e como antesala das mobilizacións previstas para o Día da Clase Obreira Galega e a convocatoria de folga xeral de finais de marzo. Así mesmo, o voceiro comarcal, Xesús A. López Pintos, e o secretario de organización, Xosé Lois Rivera, tamén informaron que a CIG repite como primeira forza sindical en Ferrolterra ao obter o 32.6% da representación sindical.
10/1/2012
O secretariado confederal acorda pór en marcha unha campaña para denunciar as súas consecuencias, reclamar políticas alternativas e esixir maior soberanía
O Secretariado Confederal da CIG, reunido este martes en Compostela, acordou convocar concentracións de delegados/as para este xoves, 12 de xaneiro, diante das delegacións de Facenda da administración central para manifestar o seu rexeitamento ás medidas aprobadas, vía decreto, polo goberno do PP. A central sindical, que tamén celebrará asembleas para analizar o novo escenario, considera que estas decisións son claramente negativas para a clase traballadora porque “os recortes do investimento público provocarán máis destrución de emprego e o deterioro dos servizos públicos e as medidas fiscais adoptadas nada teñen que ver coa reforma fiscal que sería necesario acometer”, afirma o Secretario Xeral, Suso Seixo.
23/10/2011
Preto de 3.000 persoas percorreron as rúas de Compostela, malia a chuvia e o vento, para exixir outras políticas económicas e sociais
Preto de 3.000
persoas sumáronse á convocatoria da CIG, na primeira mañá de chuvia e frío deste
outono, para exixir un cambio radical nas políticas que os gobernos da Xunta e
do Estado veñen aplicando. Así o demandou o secretario xeral, Suso
Seixo, quen denunciou que hoxe, as traballadoras e traballadores galegos “estamos
claramente ameazados por políticas económicas de recorte do gasto social” que
levan, dixo, a un “incremento do desemprego, á destrución do tecido produtivo” e
que poñen en perigo servizos sociais básicos como a sanidade e o ensino públicos.
20/10/2011
A Unión Comarcal de Ferrol celebrou unha asemblea aberta na que se chamou á loitar por un cambio de modelo e se animou a participar na manifestación do 23 de outubro
Proseguindo co calendario de actos enmarcados na campaña “Si, existen alternativas. En defensa do emprego e dos servizos sociais”, a CIG de Ferrol celebrou unha asemblea aberta na tarde do mércores na que participou tamén o Secretario Xeral da central nacionalista. Seixo demandou un cambio nas políticas fiscais, que debe pasar por máis impostos para as rendas máis altas e a persecución da fraude e dos paraísos fiscais, ao tempo que criticou o recorte do gasto social e do investimento público nun momento no que este é a única vía para xerar emprego e reactivar a economía
19/10/2011
Acordan manter canles fluídas de comunicación e por abrir vías de colaboración entre as tres centrais sindicais
CIG, ELA e CGTP-IN mantiveron a semana pasada
un encontro para avaliar as consecuencias que está a ter, nos respectivos países,
a crise económica, o negativo impacto das medidas que veñen adoptando os
distintos gobernos para enfrontala, valorar a contestación social e as
alternativas defendidas por cada central sindical. A xuntanza, celebrada a
instancias da CIG, concluíu co compromiso de manter unha comunicación fluída
entre as tres organizacións, abrir vías de colaboración máis intensas e
intentar confluír con mobilizacións similares.
18/10/2011
Delegados/as e sindicalistas protagonizan un acto simbólico para denunciar que a emigración é a única alternativa da clase obreira da comarca
A Unión Comarcal da CIG de Ferrol protagonizaba este martes unha curiosa acción de protesta a bordo dunha embarcación que se desprazaba pola ría transmitindo a mensaxe de que “Si, existen alternativas” e na “Defensa do emprego e dos Servizos Públicos”. O acto, que terá continuidade o xoves cunha asemblea aberta no auditorio Torrente Ballester, enmárcase na campaña nacional que a central sindical está a desenvolver en demanda dun novo modelo económico e social.