REAL DECRETO LEXISLATIVO 2/1995, do 7 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Procedemento Laboral.
A Lei 42/1994, do 30 de decembro, de Medidas Fiscais, Administrativas e de Orde Social, autorizou ao Goberno na súa disposición final sexta para que, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor da mesma, elabore un texto refundido do Real Decreto Lexislativo 521/1990, do 27 de abril, polo que se aproba o texto articulado da Lei de Procedemento Laboral, incorporando ao mesmo as modificacións introducidas pola propia Lei antes citada, pola Lei 11/1994, do 19 de maio, pola que se modifican determinados artigos do Estatuto dos Traballadores, do texto articulado da Lei de Procedemento Laboral e da Lei sobre Infraccións e Sancións de Orde Social; pola Lei 14/1994, do 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal, e pola Lei 18/1994, do 30 de xuño, pola que se modifica a normativa de eleccións aos órganos de representación do persoal ao servicio das Administracións públicas, da Lei 9/1987, do 12 de xuño, modificada pola Lei 7/1990, do 19 de xullo.
A tal fin responde o presente Real Decreto Lexislativo, ao que se incorpora, segundo o mandato recibido, un texto refundido da Lei de Procedemento Laboral no que se recollen as modificacións que no apartado anterior se detallan.
Na súa virtude, a proposta do Ministro de Xustiza e Interior, tras informe previo do Consello Xeral do Poder Xudicial, de acordo co Consello de Estado e tras deliberación previa do Consello de Ministros na súa reunión do 31 de marzo de 1995,
DISPOÑO:
Artigo único.
Apróbase o texto refundido da Lei de Procedemento Laboral que se insire a continuación.
Disposición derrogatoria única.
Quedan derrogados o texto articulado da Lei de Procedemento Laboral, aprobado por Real Decreto Lexislativo 521/1990, do 27 de abril; o capítulo II da Lei 11/94, do 19 de maio, sobre modificación de determinados artigos do Estatuto dos Traballadores, do texto articulado da Lei de Procedemento Laboral e da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social; a disposición adicional segunda da Lei 14/1994, do 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal; a disposición adicional única da Lei 18/1994, do 30 de xuño, pola que se modifica a normativa de eleccións aos órganos de representación do persoal ao servicio das Administracións públicas da Lei 9/1987, do 12 de xuño, modificada pola Lei 7/1990, do 19 de xullo, e o capítulo V da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social.
Disposición final única.
O presente Real Decreto Lexislativo e o texto refundido que aproba entrarán en vigor o día 1 de maio de 1995.
Madrid, 7 de abril de 1995.
XOÁN CARLOS R.
O Ministro de Xustiza e Interior,
JUAN ALBERTO BELLOCH JULBE
ANEXO
TEXTO REFUNDIDO DA LEI DE PROCEDEMENTO LABORAL
LIBRO I
Parte xeral
TÍTULO I
Do exercicio da potestade xurisdiccional
CAPÍTULO I
Da xurisdicción
Artigo 1.
Os órganos xurisdiccionais da orde social coñecerán as pretensións que se promovan dentro da rama social do Dereito en conflictos tanto individuais como colectivos.
Artigo 2.
Os órganos xurisdiccionais da orde social coñecerán as cuestións litixiosas que promovan:
a) Entre empresarios e traballadores como consecuencia do contrato de traballo.
b) En materia de Seguridade Social, incluída a protección por desemprego.
c) Na aplicación dos sistemas de melloras da acción protectora da Seguridade Social, incluídos os planos de pensións e contratos de seguro, sempre que a súa causa derive dun contrato de traballo ou convenio colectivo.
d) Entre os asociados e as Mutualidades, así como entre as fundacións laborais ou entre estas e os seus beneficiarios, sobre cumprimento, existencia ou declaración das súas obrigas específicas e dereitos de carácter patrimonial, relacionados cos fins e obrigas propios destas entidades.
e) Contra o Estado, cando lle atribúa responsabilidade a lexislación laboral.
f) Contra o Fondo de Garantía Salarial, nos casos en que lle atribúa responsabilidade a lexislación laboral.
g) Sobre constitución e recoñecemento da personalidade xurídica dos sindicatos, impugnación dos seus estatutos e a súa modificación.
h) En materia de réxime xurídico específico dos sindicatos, tanto legal como estatutario, no relativo ao seu funcionamento interno e ás relacións cos seus afiliados.
i) Sobre constitución e recoñecemento da personalidade xurídica das asociacións empresariais nos termos referidos na disposición derrogatoria da Lei Orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de Liberdade Sindical, impugnación dos seus estatutos e a súa modificación.
l) Sobre a responsabilidade dos sindicatos e das asociacións empresariais por infracción de normas da rama social do Dereito.
m) Sobre tutela dos dereitos de liberdade sindical.
n) En procesos de conflictos colectivos.
ñ) Sobre impugnación de convenios colectivos.
o) En procesos sobre materias electorais, incluída a denegación de rexistro de actas electorais, tamén cando se refiran a eleccións a órganos de representación do persoal ao servicio das Administracións Públicas.
p) Entre as sociedades cooperativas de traballo asociado ou anónimas laborais e os seus socios traballadores, pola súa condicións de tales.
q) Entre os empresarios e traballadores como consecuencia do contrato de posta a disposición.
r) Respecto de calquera outras cuestións que lle sexa atribuída por normas con categoría de Lei.
Artigo 3.
Non coñecerán os órganos xurisdiccionais da orde social:
a) As pretensións que versen sobre a impugnación dos actos das Administracións públicas suxeitos ao dereito administrativo en materia laboral.
b) As resolucións dictadas pola Tesourería Xeral da Seguridade Social en materia de xestión recadatoria ou, se é o caso, polas Entidades xestoras no suposto de cotas de recadación conxunta.
c) A tutela dos dereitos de liberdade sindical e do dereito de folga relativa aos funcionarios públicos e ao persoal a que se refire o artigo 1.3.a) do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
CAPÍTULO II
Da competencia
Artigo 4.
1. A competencia dos órganos xurisdiccionais da orde social estenderase ao coñecemento e decisión das cuestións previas e pre-xudiciais non pertencentes á dita orde, que estean directamente relacionadas coas atribuídas á mesma, agás o previsto no apartado 3 deste artigo.
2. As cuestións previas e pre-xudiciais serán decididas na resolución xudicial que poña fin ao proceso. A decisión que se pronuncie non producirá efecto fóra do proceso en que se dicte.
3. Ata que as resolva o órgano xudicial competente, as cuestións pre-xudiciais penais suspenderán o prazo para adoptar a debida decisión só cando se baseen en falsidade documental e a súa solución sexa de todo punto indispensable para a dictar.
4. A suspensión da execución por existencia dunha cuestión pre-xudicial penal só procederá se a falsidade documental en que se basee se producise despois de constituído o título executivo e limitarase ás actuacións executivas condicionadas directamente pola resolución daquela.
Artigo 5.
1. Se os órganos xurisdiccionais se considerasen incompetentes para coñecer a demanda por razón da materia ou da función, acto seguido da súa presentación dictarán auto en que o declaren así e en que preveñan o demandante ante quen e como pode facer uso do seu dereito.
2. Igual declaración deberán facer ao dictar sentencia, se se considerasen incompetentes, absténdose de entrar no coñecemento do fondo do asunto.
3. A declaración de oficio da incompetencia nos casos dos dous parágrafos anteriores requirirá a audiencia previa das partes e do Ministerio Fiscal no prazo común de tres días.
4. Contra o auto de declaración de incompetencia poderán exercerse os recursos previstos nesta Lei.
Artigo 6.
Os Xulgados do Social coñecerán en única instancia todos os procesos atribuídos á orde xurisdiccional social, agás os mencionados nos artigos 7 e 8 desta Lei.
Artigo 7.
As Salas do Social dos Tribunais Superiores de Xustiza coñecerán:
a) En única instancia, os procesos sobre as cuestións a que se refiren os artigos g), h), i), m), n) e ñ) do artigo 2 cando estendan os seus efectos a un ámbito territorial superior ao da circunscrición dun Xulgado do Social e non superior ao da Comunidade Autónoma, así como de todos aqueles que expresamente lles atribúan as leis.
b) Os recursos de suplicación establecidos nesta Lei contra as resolucións dictadas polos Xulgados do Social da súa circunscrición.
c) As cuestións de competencia que se susciten entre os Xulgados do Social da súa circunscrición.
Artigo 8.
A Sala do Social da Audiencia Nacional coñecerá en única instancia os procesos a que se refiren os apartados g), h), i), m), n) e ñ) do artigo 2 cando estendan os seus efectos a un ámbito territorial superior ao dunha Comunidade Autónoma.
Artigo 9.
A Sala do Social do Tribunal Supremo coñecerá:
a) Os recursos de casación establecidos na Lei.
b) O recurso de revisión contra sentencias firmes dictadas polos órganos xurisdiccionais da orde social.
c) As cuestións de competencia suscitadas entre órganos da orde xurisdiccional social que non teñan outro superior xerárquico común.
Artigo 10.
A competencia dos Xulgados do Social será determinada de acordo coas seguintes regras:
1. Con carácter xeral será Xulgado competente o do lugar de prestación dos servicios ou a do domicilio do demandado, a elección do demandante.
Se os servicios se prestasen en lugares de distintas circunscricións territoriais, o traballador poderá elixir entre aquel deles en que teña o seu domicilio, o do contrato, se estando nel o demandado puidese ser citado, ou o domicilio do demandado.
No caso de que sexan varios os demandados e se opte polo foro do domicilio, o demandante poderá elixir o de calquera dos demandados.
Nas demandas contra as Administracións públicas será Xulgado competente o do lugar de prestación dos servicios ou o do domicilio do demandante, a elección deste.
2. Nos procesos que se indican nos parágrafos seguintes será en cada caso Xulgado competente:
a) Nos que versen sobre a materia referida no parágrafo b) do artigo 2, aquel na circunscrición do cal se producise a resolución, expresa ou presunta, impugnada no proceso, ou do domicilio do demandante, a elección deste.
b) Nos que versen sobre as materias referidas nos parágrafos c) e d) do artigo 2, o do domicilio do demandado ou o do demandante, a elección deste, agás nos procesos entre Mutualidades de Previsión, en que rexerá o foro da demandada.
c) Nos de reclamación de salarios de tramitación fronte ao Estado, o que dictou a sentencia de despedimento.
d) Nos que versen sobre as materias referidas nos parágrafos g) e i) do artigo 2, o da sede do sindicato ou da asociación empresarial.
e) Nos que versen sobre a materia referida nos parágrafos h) e l) do artigo 2, o do lugar en que se produzan os efectos do acto ou actos que deron lugar ao proceso.
f) Nos que versen sobre a materia referida no parágrafo m) do artigo 2, o do lugar onde se produciu a lesión respecto da que se demanda a tutela.
g) Nos procesos electorais regulados na sección 2ª, capítulo V, título II do Libro II desta Lei, o do lugar na circunscrición do cal estea situada a empresa ou centro de traballo; e se os centros están situados en concellos ditintos, en que exerzan xurisdicción Xulgados diferentes, con unidade de comité de empresa ou de órgano de representación do persoal ao servicio das Administracións públicas, o do lugar en que inicialmente se constituíse a mesa electoral.
h) Nos de impugnación de convenios colectivos e nos de conflictos colectivos, o da circunscrición a que se refira o ámbito de aplicación do convenio impugnado ou en que se produzan os efectos do conflicto, respectivamente.
Artigo 11.
1. A competencia territorial para o coñecemento dos procesos atribuídos en instancia ás Salas do Social dos Tribunais Superiores de Xustiza corresponderá a:
a) Nos de conflicto colectivo ou nos de impugnación de convenios colectivos, á do Tribunal en que se produzan os efectos do conflicto ou á daquel na circunscrición do cal se estenda o ámbito de aplicación das cláusulas do convenio impugnado, respectivamente.
b) Nos que versen sobre a materia referida nos parágrafos g) e i) do artigo 2, á do Tribunal na circunscrición do cal teñan a súa sede o sindicato e a asociación empresarial.
c) Nos que versen sobre a materia referida no parágrafo h) do artigo 2, á do Tribunal na circunscrición do cal se produzan os efectos do acto ou actos que deron lugar ao proceso.
d) Nos que versen sobre a materia referida no parágrafo m) do artigo 2, á do Tribunal do cal se produza a lesión respecto da que se demanda a tutela.
2. Cando existan varias Salas do Social nun mesmo Tribunal Superior, a competencia territorial de cada unha delas determinarase por aplicación das regras establecidas no parágrafo anterior, referida á circunscrición territorial da Sala.
3. No caso de que os efectos da cuestión litixiosa se estendan ás circunscricións de varias Salas, sen excederen do ámbito territorial dunha Comunidade Autónoma, coñecerá a que corresponda segundo as regras de reparto que para o efecto aprobase a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza.
CAPÍTULO III
Dos conflictos de competencia e das cuestións de competencia
Artigo 12.
Os conflictos de competencia entre os órganos xurisdiccionais da orde social e os doutras ordes da Xurisdicción rexeranse polo disposto na Lei Orgánica do Poder Xudicial.
Artigo 13.
1. Non se poderán suscitar cuestións de competencia entre xuíces e tribunais subordinados entre si. Para este respecto haberá que se ater ao disposto no artigo 52 da Lei Orgánica do Poder Xudicial.
2. As cuestións de competencia que se susciten entre órganos da orde social da Xurisdicción serán decididas polo inmediato superior común.
Artigo 14.
As cuestións de competencia substanciaranse e decidiranse con suxeición ao disposto na Lei de Axuizamento Civil, agás o disposto nas seguintes regras:
a) As declinatorias propoñeranse como excepcións perentorias e serán resoltas previamente na sentencia, sen suspender o curso dos autos.
De se considerar a declinatoria, o demandante poderá deducir a súa demanda perante o órgano territorialmente competente, e, de a acción estar sometida a prazo de caducidade, entenderase suspendida desde a presentación da demanda ata que a sentencia que considere a declinatoria quede firme.
b) Formulada inhibitoria, o órgano perante o que se promova comunicarallo polo medio máis rápido posible ao órgano perante o que estea pendente o proceso, que suspenderá a súa tramitación ás resultas daquela.
Unha vez que quede firme o auto en que se declare que non procede o requirimento de inhibición, comunicaráselle polo medio máis rápido posible ao órgano que coñeceu o proceso, que alzará a suspensión e continuará o seu trámite.
Se do actuado se apreciase que a formulación da cuestión tiña unha exclusiva finalidade dilatoria, na resolución en que se declare que non procede o requirimento de inhibición impoñeráselle motivadamente ao que a formulou a multa prevista no artigo 97.3.
CAPÍTULO IV
Da abstención e da recusación
Artigo 15.
1. A abstención e mais a recusación rexeranse polo disposto na Lei Orgánica do Poder Xudicial.
2. A recusación deberá propoñerse:
a) En instancia, con anterioridade á celebración dos actos de conciliación e xuízo.
b) En recursos, antes do día sinalado para a votación e decisión, ou, se é o caso, a vista.
3. A proposición da recusación non suspenderá a execución.
TÍTULO II
Das partes procesuais
CAPÍTULO I
Da capacidade e lexitimación procesual
Artigo 16.
1. Poderán comparecer en xuízo en defensa dos seus dereitos e intereses lexítimos aqueles que estean no pleno exercicio dos seus dereitos civís.
2. Terán capacidade procesual respecto dos dereitos e intereses lexítimos derivados dos seus contratos de traballo e da relación coa Seguridade Social, os traballadores maiores de dezaseis anos e menores de dezaoito cando legalmente non precisen, para a celebración do contrato de traballo, autorización dos seus pais, titores ou da persoa ou institución que os teña ao seu cargo, ou obtivesen autorización, conforme á lexislación laboral, dos seus pais, titores ou da persoa ou institución que os teña ao seu cargo, para se realizar o contrato.
3. Nos supostos previstos no apartado anterior, os traballadores maiores de dezaseis anos e menores de dezaoito terán igualmente capacidade procesual respecto dos dereitos de natureza sindical e de representación.
4. Por aqueles que non estean no pleno exercicio dos seus dereitos civís comparecerán os seus representantes lexítimos ou os que deban suplir a súa incapacidade conforme a Dereito.
5. Polas persoas xurídicas comparecerán os que legalmente as representen. Polas comunidades de bens e grupos comparecerán os que aparezan como organizadores, directores ou xestores seus.
Artigo 17.
1. Os titulares dun dereito subxectivo ou dun interese lexítimo poderán exercer accións perante os órganos xurisdiccionais da orde social, nos termos establecidos nas leis.
2. Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais terán lexitimación para a defensa dos intereses económicos e sociais que lles son propios.
CAPÍTULO II
Da representación e defensa procesuais
Artigo 18.
1. As partes poderán comparecer por si mesmas ou conferirlle a súa representación a un procurador, graduado social colexiado ou a calquera persoa que estea no pleno exercicio dos seus dereitos civís. A representación poderá conferirse mediante poder outorgado por comparecencia perante Secretario xudicial ou por escritura pública.
2. No caso de se outorgar a representación a un avogado, deberán seguirse os trámites previstos no artigo 21.3 desta Lei.
Artigo 19.
1. Nos procesos en que demanden de forma conxunta máis de 10 actores, estes deberán designar un representante común, co que se entenderán as sucesivas dilixencias do litixio. Este representante deberá ser necesariamente avogado, procurador, graduado social colexiado, un dos demandantes ou un sindicato. Esta representación poderá conferirse mediante poder outorgado por comparecencia perante Secretario xudicial, por escritura pública ou mediante comparecencia perante o servicio administrativo que teña atribuídas as competencias de conciliación, mediación ou arbitraxe ou o órgano que asuma estas funcións. Xunto coa demanda deberase achegar o documento correspondente de outorgamento desta representación.
2. Cando o Xulgado ou Tribunal, segundo o artigo 29, acorde de oficio ou a pedimento de parte a acumulación de autos correspondentes a varias demandas presentadas contra un mesmo demandado, afectando deste xeito o proceso a máis de 10 demandantes, requiriraos para que designen un representante común. Esta designación poderá recaer en calquera dos suxeitos mencionados na apartado anterior. Para o tal efecto, xunto coa comunicación aos demandantes da resolución de acumulación, citaraos para que comparezan perante o Secretario xudicial dentro dos catro días seguintes para o nomeamento do representante común; se o día da comparecencia non asistise algún dos citados en forma, procederase á designación dun representante común, e entenderase que quen non compareza acepta o nomeamento efectuado polo resto.
3. En todo caso, calquera dos demandantes poderá expresar a súa vontade xustificada de comparecer por si mesmo ou de designar un representante propio, diferenciado do designado de forma conxunta polos restantes demandantes.
Artigo 20.
1. Os sindicatos poderán actuar nun proceso en nome e interese dos traballadores afiliados a eles que así o autoricen, defendendo os seus dereitos individuais. Os efectos daquela actuación recaerán nos ditos traballadores.
2. Na demanda, o sindicato deberá acreditar a condición de afiliado do traballador e a existencia da comunicación ao traballador da súa vontade de iniciar o proceso. A autorización presumirase concedida, agás declaración en contra do traballador afiliado. Se non se outorgou esta autorización, o traballador podera esixirlle ao sindicato a responsabilidade que proceda, a cal terá que se decidir en proceso laboral independente.
3. Se en calquera fase do proceso o traballador expresase, en presencia xudicial, que non recibira a comunicación do sindicato ou que, recibida, negase a autorización de actuación no seu nome, o Xuíz ou Tribunal, logo de audiencia do sindicato, acordará o arquivo das actuacións sen máis trámite.
Artigo 21.
1. A defensa por avogado terá carácter facultativo na instancia, con excepción do previsto no artigo seguinte, pero poderá utilizala calquera dos litigantes; neste caso será pola súa conta o pagamento dos honorarios ou dereitos respectivos, coas excepcións fixadas no artigo 25 desta Lei.
2. Para os traballadores e para os beneficiarios do réxime público da Seguridade Social, a designación de avogado poderá ser voluntaria ou de oficio.
3. Se o demandante pretendese comparecer no xuízo asistido de avogado ou representado por procurador ou graduado social colexiado, farao constar na demanda. Así mesmo, o demandado poñerá esta circunstancia en coñecemento do Xulgado ou Tribunal por escrito, dentro dos dous días seguintes ao da súa citación para o xuízo, co obxecto de que, trasladada tal intención ao demandante, este poida estar representado por procurador ou graduado social colexiado, designar avogado noutro prazo igual ou solicitar a súa designación a través da quenda de oficio. A falta de cumprimento destes requisitos supón a renuncia da parte ao dereito de se valer, no acto de xuízo, de avogado, procurador ou graduado social colexiado.
4. Se en calquera outra actuación, distinta do acto de xuízo, calquera das partes pretendese actuar asistida de letrado, o Xuíz ou Tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir a igualdade das partes.
5. A solicitude de designación de avogado pola quenda de oficio por parte dos traballadores e dos beneficiarios do réxime público de Seguridade Social comportará a suspensión dos prazos de caducidade ou a interrupción da prescrición de accións, así como a paralización do curso dos autos, se é o caso.
Artigo 22.
1. A representación e defensa do Estado e dos seus Organismos autónomos, dos Órganos Constitucionais, das Comunidades Autónomas, das Entidades locais e demais Entidades públicas rexeranse polo disposto no artigo 447 da Lei Orgánica do Poder Xudicial e nas demais normas de aplicación.
2. A representación e defensa das Entidades xestoras e da Tesourería Xeral da Seguridade Social corresponderalles aos letrados da Administración da Seguridade Social, sen prexuízo de que para supostos determinados poida conferirse a representación segundo as regras xerais do artigo 18 ou designarse avogado para o efecto.
CAPÍTULO III
Da intervención e chamada a xuízo do Fondo de Garantía Salarial
Artigo 23.
1. O Fondo de Garantía Salarial poderá comparecer como parte, en calquera fase ou momento da súa tramitación, naqueles procesos dos que se poida derivar posteriormente unha responsabilidade de aboamento de salarios ou indemnizacións aos traballadores litigantes, sen que tal intervención faga retroceder nin deter o curso das actuacións.
2. En supostos de empresas incursas en procedementos de concursos, así como nos das xa declaradas insolventes ou desaparecidas, o Xuíz, de oficio ou a pedimento de parte, citará como parte ao Fondo de Garantía Salarial, dándolle traslado da demanda, co fin de que este poida asumir as súas obrigas legais e instar o que conveña en Dereito.
3. Nos procedementos seguidos contra o Fondo de Garantía Salarial ao abeiro da lexislación laboral, as afirmacións de feito contidas no expediente e nas que se fundamentase a súa resolución farán fe, agás proba en contra.
Artigo 24.
1. Se o pagamento das prestacións legalmente a cargo do Fondo de Garantía Salarial se producise con anterioridade ao inicio da execución, ao instarse esta, en subrogación dos dereitos e accións dos traballadores que figuren no título executivo, deberá acreditarse de maneira que faga fe o aboamento das cantidades satisfeitas e que estas corresponden, en todo ou en parte, ás recoñecidas no título.
2. Despachada execución, farase constar no auto a subrogación producida e notificaráselles aos traballadores afectados ou aos seus representantes, aos que, se puidesen conservar créditos derivados do propio título fronte á empresa executada pola parte non satisfeita polo fondo, se lles ofrecerá a posibilidade de se constituíren como executantes no prazo de quince días como máximo ata o momento do aboamento das cantidades obtidas se, de seren insuficientes, pretendesen o aboamento ou rateo co fondo dos respectivos importes dos seus créditos.
CAPÍTULO IV
Do beneficio de xustiza gratuíta
Artigo 25.
1. Coas excepcións previstas na presente Lei, a xustiza administrarase gratuitamente ata a execución da sentencia.
2. Os traballadores, os beneficiarios do réxime público da Seguridade Social, os que acrediten insuficiencia de recursos para litigar e obtivesen o oportuno recoñecemento xudicial, así como todos os que teñan recoñecido este dereito por algunha disposición do Estado ou polos convenios internacionais que formen parte do ordenamento interno, gozarán do dereito a nomeamento de avogado pola quenda de oficio, sen obriga de aboaren honorarios, quedando exentos de facer os depósitos e as consignacións que sexan necesarias para a interposición de calquera recurso.
Artigo 26.
1. O recoñecemento do dereito a litigar gratuitamente nos termos do artigo anterior será efectuado polo órgano xudicial ao que lle corresponda o coñecemento do asunto principal, sen que a súa solicitude produza a suspensión deste. Recibida a solicitude, á que se unirán os documentos xustificativos para apreciar os ingresos ou recursos do solicitante, citarase para que comparezan ás partes e mais ao Avogado do Estado, dentro dos cinco días seguintes. A dita comparecencia celebrarase polos trámites do xuízo oral previstos para o procedemento ordinario. Celebrada a comparecencia, o Xuíz ou Tribunal dictará sentencia no prazo de tres días, contra a que non caberá ningún recurso.
2. As sentencias que recoñezan ou deneguen o dereito a litigar gratuitamente non producen os efectos de cousa xulgada.
TÍTULO III
Das acumulacións
CAPÍTULO I
Da acumulación de accións, autos e recursos
SECCIÓN 1ª. ACUMULACIÓN DE ACCIÓNS
Artigo 27.
1. O demandante poderá acumular na súa demanda cantas accións lle competan contra o demandado, aínda que procedan de diferentes títulos.
2. Non obstante e sen prexuízo do disposto nos artigos 32 e 33 desta Lei, non se poderán acumular a outras nun mesmo xuízo, nin sequera por vía de reconvención, as accións de despedimento, as de extinción do contrato de traballo dos artigos 50 e 52 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, as que versen sobre materia electoral, as de impugnación de convenios colectivos, as de impugnación de estatutos dos sindicatos e as de tutela da liberdade sindical e demais dereitos fundamentais.
3. Tampouco non serán acumulables entre si as reclamacións en materia de Seguridade Social, agás cando teñan a mesma causa de pedir.
Artigo 28.
1. De se exerceren accións debidamente acumuladas, o Xuíz ou Tribunal requirirá o demandante para que, no prazo de catro días, repare o defecto, elixindo a acción que pretende manter. No caso de non o facer, acordarase arquivo da demanda e notificarase a resolución.
2. Non obstante, cando se trate dunha demanda de despedimento á que indebidamente se lle acumulou outra acción, aínda que o demandante non opte, seguirase a tramitación do xuízo de despedimento e terase por non formulada a outra acción acumulada, advertindo o demandante do seu dereito a exercela por separado.
SECCIÓN 2ª. ACUMULACIÓN DE AUTOS
Artigo 29.
Se no mesmo Xulgado ou Tribunal se tramitasen varias demandas contra un mesmo demandado, aínda que os demandantes sexan distintos, e se exercesen nela idénticas accións, poderá acordarse, de oficio ou a pedimento de parte, a acumulación de autos.
Artigo 30.
Se no caso do artigo anterior as demandas estivesen pendentes perante dous ou máis Xulgados do Social dunha mesma circunscrición, tamén se poderá acordar a acumulación de todas elas, de oficio ou a pedimento de parte. Este pedimento deberá formularse perante o Xuíz que coñeza a demanda que tivese entrada antes no Rexistro.
Artigo 31.
Aos procesos de oficio iniciados en virtude de comunicación da autoridade laboral regulados no artigo 146 desta Lei, acumularanse, de acordo coas regras anteriores, as demandas individuais en que concorran identidade de persoas e de causa de pedir respecto da demanda de oficio, aínda que estean pendentes en distintos Xulgados da mesma circunscrición.
Artigo 32.
Cando o traballador formule demandas por algunha das causas previstas no artigo 50 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores e por despedimento, a demanda que se promova posteriormente acumularase á primeira, de oficio ou a pedimento de calquera das partes, e deberá debaterse nun só xuízo todas as cuestións formuladas. Para estes efectos, o traballador deberá facer constar na segunda demanda a pendencia do primeiro proceso e o Xulgado que coñece o asunto.
SECCIÓN 3ª. ACUMULACIÓN DE RECURSOS
Artigo 33.
Nas Salas do Social dos Tribunais Superiores de Xustiza e do Tribunal Supremo poderase acordar de oficio ou a pedimento de parte a acumulación de recursos pendentes, cando entre eles exista identidade do obxecto e dalgunha das partes, logo de audiencia dos comparecidos en todo caso e do Ministerio Fiscal nos recursos de casación.
SECCIÓN 4ª. DISPOSICIÓNS COMÚNS
Artigo 34.
1. A acumulación de accións e autos deberá formularse e acordarse antes da celebración dos actos de conciliación, se é o caso, e de xuízo, agás que se propoña por vía de reconvención.
2. A acumulación de recursos poderá acordarse en calquera momento anterior ao sinalamento para votación e decisión ,e, se é o caso, vista.
3. Acordada a acumulación de autos, poderá esta deixarse sen efecto respecto de un ou varios deles, se concorren causas que xustifiquen a súa tramitación separada.
Artigo 35.
A acumulación de accións, autos e recursos cando proceda producirá o efecto de discutirse conxuntamente e resolverse nunha soa resolución todas as cuestións presentadas.
CAPÍTULO II
Da acumulación de execucións
Artigo 36.
1. Nas execucións de sentencias e demais títulos executivos contra un mesmo debedor e perante un mesmo órgano poderá dispoñerse, de oficio ou a pedimento de parte, a acumulación destes, nos termos establecidos nesta Lei.
2. A mesma regra rexerá nas execucións seguidas contra un mesmo debedor e perante Xulgados do Social distintos da mesma ou de diversa circunscrición.
Artigo 37.
1. Cando as accións exercidas tendan a obter a entrega dunha cantidade de diñeiro e existan indicios de que os bens do debedor ou debedores puidesen ser insuficientes para satisfaceren a totalidade dos créditos que se executen, deberá acordarse a acumulación de execucións, de oficio ou a pedimento de parte, de se seguir perante un mesmo Xulgado, ou a pedimento de parte, de as coñecer Xulgados distintos.
2. Nos demais supostos, o órgano xudicial poderá acordar, de oficio ou a pedimento de parte, se así procede, atendendo a criterios de economía e de conexión entre as diversas obrigas das que se pretenda a execución.
Artigo 38.
1. A acumulación será decretada, se é o caso, polo órgano xudicial que iniciase con anterioridade a execución, ao que tamén lle corresponderá, nos termos establecidos nesta Lei, adoptar cantas medidas sexan necesarias para a efectividade das execucións acumuladas.
2. Se as execucións das que se pretenda a acumulación se tramitan perante órganos xudiciais de diversa circunscrición, e na iniciada con anterioridade non figurase incluída a maior parte dos traballadores e créditos afectados nin embargada con prioridade a maior parte dos bens do debedor común, a acumulación corresponderalle decretala, se é o caso, ao órgano xudicial que con prioridade emprendeu embargo sobre a totalidade ou a maior parte dos referidos bens.
Artigo 39.
1. O incidente de acumulación poderá presentarse por ou perante o órgano xudicial competente para decretar a acumulación das execucións, nos termos indicados no artigo anterior, de oficio ou a pedimento de calquera das partes.
2. De considerar procedente a acumulación, o órgano xudicial dictará auto, oídas as partes, no que reclamará a remisión das execucións acumulables aos órganos xudiciais perante os que se tramiten.
3. Se o Xuíz requirido considera procedente o requirimento, dictará auto accedendo a isto e acordando a remisión do actuado.
4. No suposto de acumulación preceptiva establecido no artigo 37.1. desta Lei, se o Xuíz competente para decretar a acumulación a considera improcedente ou se o Xuíz requirido non accedese a ela, logo de dictar o auto correspondente, elevará seguidamente á Sala do Social do Tribunal Superior inmediato común testemuño suficiente das súas actuacións e, se é o caso, de todas as realizadas no incidente de acumulación, comunicándollo ao outro Xuíz afectado para que este faga o propio e remita, se aínda non interviu, o oportuno informe. A Sala resolverá sobre a procedencia da acumulación e determinará o Xulgado competente para coñecer as execucións.
Artigo 40.
O incidente de acumulación non suspenderá a tramitación das execucións afectadas, agás as actuacións relativas ao pagamento aos executantes das cantidades obtidas con posterioridade áformulación do dito incidente.
Artigo 41.
1. A acumulación poderá instarse ou acordarse mentres non quede cumprida a obriga que se execute ou ata que, dado o caso, se declare a insolvencia do executado.
2. A acumulación non altera as preferencias que para o cobro dos seus créditos poidan posuír legalmente os diversos acredores.
TÍTULO IV
Dos actos procesuais
CAPÍTULO I
Das actuacións procesuais
Artigo 42.
As actuacións xudiciais deberán ser autorizadas polo Secretario ou polo Oficial da Administración de Xustiza a quen aquel habilite ou que legalmente o substitúa.
Artigo 43.
1. As actuacións xudiciais deberán practicarse en días e horas hábiles.
2. As actuacións realizaranse no termo ou dentro do prazo fixado para a súa práctica. Transcorridos estes, daráselle ao proceso, de oficio, o curso que corresponda.
3. Agás os prazos sinalados para dictar resolución xudicial, todos os prazos e termos son perentorios e improrrogables, e só poderán suspenderse e abrirse de novo nos casos taxativamente establecidos nas leis.
4. Os días do mes de agosto seran inhábiles, agás para as modalidades procesuais de despedimento, extinción do contrato de traballo dos artigos 50 e 52 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, vacacións, materia electoral, conflictos colectivos, impugnación de convenios colectivos e tutela da liberdade sindical e demais dereitos fundamentais.
Tampouco serán inhábiles os ditos días para as actuacións que tendan directamente a asegurar a efectividade dos dereitos reclamados ou para as daquelas que, de non se adoptar, poidan producir un prexuízo de difícil reparación.
5. O Xuíz ou Tribunal poderá habilitar días e horas inhábiles para a práctica de actuacións cando non fose posible practicalas en tempo hábil, ou sexan necesarias para asegurar a efectividade dunha resolución xudicial. Iniciada unha actuación en tempo hábil, poderá continuar ata a súa conclusión sen necesidade de habilitación.
6. Para os efectos do prazo para interpoñer recurso, cando nas actuacións medie unha festa oficial de carácter local ou autonómico, farase constar por dilixencia.
Artigo 44.
As partes deberán presentar todos os escritos e documentos nos Rexistros dos Xulgados e Salas do Social.
Artigo 45.
1. A presentación de escritos ou documentos o derradeiro día dun prazo poderá efectuarse perante o Xulgado de Garda da sede do Xulgado ou Sala do Social competente, se ten lugar en horas en que non estea aberto o Rexistro de entrada dos ditos órganos. Para tal efecto deberase expresar a hora na oportuna dilixencia de presentación no Xulgado de Garda e o interesado deberá deixar constancia disto no Xulgado ou Sala do Social ao día seguinte hábil, polo medio de comunicación máis rápido.
2. Nas illas en que non teñan sede os Xulgados do Social, a presentación de escritos e documentos poderá efectuarse, coas mesmas condicións do apartado anterior, en calquera dos Xulgados da illa que asuma as funcións de Xulgado de Garda.
Artigo 46.
1. O Secretario, ou quen desempeñe as súas funcións, poñerá dilixencia para facer constar o día e hora da presentación dos escritos e documentos e, en todo caso, daralle ao interesado un recibo con tal indicación. Este recibo pode consistir nunha dilixencia redactada na copia que a parte presente para o efecto.
2. No mesmo día ou no seguinte día hábil, o Secretario ou quen desempeñe as súas funcións daralle conta ao Xuíz ou ao Presidente, ou, dado o caso, efectuará a dilixencia de ordenación ou proposta de resolución oportuna.
Artigo 47.
1. Os autos permanecerán nos Xulgados e Salas do Social baixo a custodia do Secretario, onde poderán ser examinados polos interesados que acrediten interese lexítimo, aos que se lles deberán entregar testemuños, certificacións ou copias simples cando o soliciten.
2. Todo interesado poderá ter acceso ao libro de sentencias a que se refire o artigo 265 da Lei Orgánica do Poder Xudicial.
Artigo 48.
1. Só se entregarán os autos cando a Lei o ordene expresamente e polo prazo sinalado. Entenderase que o prazo empeza a transcorrer desde que se lle notifique ao interesado que os autos están ao seu dispor.
2. Se transcorrido o prazo concedido para o seu exame non fosen devoltos os autos, o responsable disto incorrerá, agás que a entrega se efectuase por testemuño, en multa de 2.000 a 20.000 pesetas diarias. Pasados dous días sen que aqueles sexan devoltos, o Secretario procederá á súa recollida; se ao intentalo non lle son entregados no acto, daralle conta ao Xuíz para que dispoña o que proceda por demora na devolución.
CAPÍTULO II
Das resolucións e dilixencias de ordenación
Artigo 49.
1. Os Xulgados e Tribunais do Social adoptarán as súas decisións por medio de providencias, autos e sentencias nos casos e coas formalidades legalmente previstos.
2. Tamén dictarán resolucións verbais durante a celebración do xuízo ou outros actos en presencia xudicial, o que se reseñará na acta.
Artigo 50.
1. O Xuíz, no momento de rematar o xuízo, poderá pronunciar sentencia de viva voz, que se consignará na acta co contido e requisitos establecidos no artigo 248 da Lei Orgánica do Poder Xudicial. Tamen se poderá limitar a pronunciar a decisión, que se documentará na acta mediante a fe do Secretario, sen prexuízo da redacción posterior da sentencia dentro do prazo e na forma legalmente previstos.
2. Non se poderán pronunciar sentencias de viva voz nos procesos por despedimento disciplinario e de extinción do contrato de traballo dos artigos 50 e 52 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, nos que versen sobre recoñecemento ou denegación do dereito a obter prestacións de Seguridade Social, incluídas as de desemprego, nos de conflicto colectivo, nos de impugnación de convenios colectivos, nos de impugnación de estatutos dos sindicatos e nos de tutela da liberdade sindical e demais dereitos fundamentais.
3. As partes quedarán notificadas das sentencias dictadas oralmente mediante a súa lectura e a sinatura da acta. Se, coñecida a decisión, as partes expresasen a súa vontade de non interpoñeren recurso, o Xuíz, no mesmo acto, declarará a firmeza da sentencia.
4. Se algunha das partes non comparecese, realizaráselle a oportuna notificación.
5. Nos mesmos supostos e condicións establecidos no presente artigo, o Xuíz poderá dictar verbalmente autos ao remate da comparecencia celebrada en calquera incidente suscitado durante o proceso.
Artigo 51.
1. Correspóndelles aos Secretarios propoñerlle ao Xuíz ou á Sala do Social as resolucións que deban revestir a forma de providencia ou auto. Exceptúanse as providencias que revisen as dilixencias de ordenación e os autos decisorios de cuestións incidentais sobre recursos ou sobre asuntos en que se suscitase contenda, así como os limitativos de dereitos.
2. As propostas deberansen adoptar no tempo e coa forma previstos legalmente para a resolución de que se trate. Deberán ser subscritas polo Secretario propoñente e o Xuíz ou a Sala poderá aceptalas coa expresión de "conformes" ou dictar a resolución que proceda.
Artigo 52.
1. Correspóndelles aos Secretarios dictar dilixencias de ordenación que teñan por obxecto darlles aos autos o curso ordenado pola Lei, así como impulsar formalmente o procedemento nos seus distintos trámites.
2. A súa forma limitarase á expresión do que se dispoña, co nome do Secretario, a data e a súa sinatura.
3. As dilixencias de ordenación serán revisables de oficio polo Xuíz ou polo Maxistrado Relator da Sala do Social.
4. As partes poderán pedir a revisión en escrito motivado dirixido ao Xuíz ou ao Maxistrado Relator, os que resolverán de plano, agás que consideren necesario dar traslado á parte contraria para que no prazo de dous días, comúns se fosen varias, aleguen o conveniente. Neste caso deberá dictarse a providencia resolutoria no termo dunha audiencia.
CAPÍTULO III
Dos actos de comunicación
Artigo 53.
1. Os actos de comunicación efectuaranse de maneira que se garanta o dereito á defensa e os principios de igualdade e de contradicción. Deberán practicarse polos medios máis rápidos e eficaces que permitan a súa adecuada constancia e as súas circunstancias esenciais.
2. No primeiro escrito ou comparecencia perante o órgano xudicial, as partes sinalarán un domicilio para a práctica de actos de comunicación.
3. Se as partes comparecesen con representación ou asistencia de profesionais, o domicilio destes será o indicado para a práctica dos actos de comunicación, salvo que se sinale outro.
Artigo 54.
1. As providencias, autos, sentencias e dilixencias de ordenación do Secretario notificaránseIles no mesmo día da súa data, ou da publicación, se é o caso, a todos do que sexan parte no xuízo, e se non é posible, no día hábil seguinte.
2. Tamén se lles notificarán, cando así se mande, as persoas e entidades ás que se refiran ou ás que lles poidan ocasionar prexuízo ou que teñan interese lexítimo no asunto debatido.
3. Se durante o proceso se tivesen que adoptar medidas tendentes a garantir os dereitos que lles puidesen corresponder ás partes ou a asegurar a efectividade da resolución xudicial, e a notificación inmediata ao afectado das actuacións procesuais ou da medida cautelar, preventiva ou executiva adoptada puidese poñer en perigo a súa efectividade, o órgano xudicial poderá, motivadamente, acordar a demora na práctica da notificación durante o tempo indispensable para lograr a dita efectividade.
Artigo 55.
As citacións, notificacións, emprazamentos e requirimentos faraos o Secretario ou quen desempeñe as súas funcións, no local do Xulgado ou Tribunal ou no servicio común, de compareceren alí por propia iniciativa os interesados e, noutro caso, no domicilio sinalado para estes efectos.
Artigo 56.
1. As citacións, notificacións e emprazamentos que se realicen fóra da sede do Xulgado ou Tribunal faranse, calquera que sexa o destinatario, por correo certificado con xustificante de recepción, dando fe o Secretario nos autos do contido do sobre remitido, e xuntándolles a eles o xustificante de recepción.
2. No interior do sobre deberán constar as advertencias contidas no artigo 57.3 desta Lei dirixidas ao receptor para o caso de que non fose o interesado.
3. No documento de xustificación de recepción farase constar a data da entrega, e será asinado polo funcionario de Correos e polo receptor. No caso de que este non sexa o interesado, consignarase o seu nome, documento de identificación, domicilio e a súa relación co destinatario.
4. Poderase dispoñer que a comunicación se realice por medio do servicio de telégrafo ou por calquera outro medio idóneo de comunicación ou de transmisión de textos se os interesados facilitasen os datos indicativos para utilizalos. Adoptaranse as medidas oportunas para asegurar a recepción do acto comunicado, do cal quedará constancia en autos.
Artigo 57.
1. Se as dilixencias de comunicación non se puidesen efectuar na forma indicada, serán realizadas mediante a entrega de cédula ao destinatario; de non ser atopado, entregarárelle ao parente máis próximo, familiar ou empregado, maiores de dezaseis anos, que estean no domicilio e, no seu defecto, ao veciño máis próximo ou ao porteiro ou conserxe do inmoble.
2. Sen necesidade de constituírse no domicilio do interesado, poderase entregar a cédula a calquera das persoas antes mencionadas e a quen pola súa relación co destinatario poida garantir o eficaz cumprimento do acto de comunicación.
3. Faráselle saber ao receptor que debe cumprir o deber público que se lle encomenda; que pode ser sancionado con multa de 2.000 a 20.000 pesetas se se nega a recepción ou se non fai a entrega coa maior brevidade, que debe comunicarlle ao órgano xudicial a imposibilidade de lle entregar a comunicación ao interesado e que ten dereito ao resarcimento dos gastos que se lle ocasionen.
Artigo 58.
1. As cédulas, as que se lles xuntará copia literal do acordo, conterán os seguintes requisitos:
a) O Xulgado ou Tribunal que dictase o acordo, a data deste e o asunto en que recaese.
b) O nome da persoa a quen se dirixe.
c) A data de expedición da cédula e a sinatura do Secretario.
2. Nas cédulas de citación ás partes para prestaren confesión xudicial, nas de testemuñas, peritos e asesores, consignaranse, ademais dos requisitos mencionados no apartado anterior, os seguintes:
a) O obxecto da citación.
b) O lugar, día e hora en que deba comparecer o citado.
c) A prevención de que se non comparece recaerá sobre el o prexuízo a que haxa lugar en dereito. Nesta cédula non se inserirá copia da resolución que acordase a citación.
3. Para constancia das dilixencias de citación, notificación, emprazamento e requirimento unirase aos autos un duplicado da cédula, que conterá os seguintes puntos:
a) Data da dilixencia.
b) Sinatura da persoa a quen se entregase a cédula e, se non fose o interesado, o seu nome, documento de identificación, domicilio e relación co destinatario.
c) Sinatura do Secretario, facendo constar, se é o caso, se o notificado non quixo ou non puido asinar.
Artigo 59.
Cando, unha vez intentada a comunicación utilizando os medios razoables, non conste o domicilio do interesado ou se ignore o seu paradoiro, consignarase por dilixencia e o Xulgado ou Tribunal mandará que se faga a notificación, citación ou emprazamento, por medio de edictos, inserindo un extracto suficiente da cédula no Boletín Oficial correspondente, coa advertencia de que as seguintes comunicacións se farán en estrados, agás as que deban revestir forma de auto ou sentencia ou se trate de emprazamento.
Artigo 60.
1. Nas notificacións, citacións e emprazamentos non se admitirá nin consignará ningunha resposta do interesado, a non ser que se mandase na resolución. Nos requirimentos admitirase a resposta que dese o requirido, consignándoo sucintamente na dilixencia.
2. Cando estas dilixencias deban entenderse cunha persoa xurídica, levaranse a cabo, se é o caso, nas delegacións, sucursais, representacións ou axencias establecidas na poboación onde radique o Xulgado ou Tribunal que coñeza o asunto aínda que carezan de poder para comparecer en xuízo as persoas que estean á fronte delas.
3. Os actos de comunicación co Avogado do Estado, así como cos letrados da Administración da Seguridade Social, levaranse a cabo no seu despacho oficial.
Estas dilixencias entenderanse, respecto das Comunidades Autónomas, con quen estableza a súa lexislación propia.
4. Cando se trate de comités de empresa, as dilixencias anteditas entenderanse co seu presidente ou secretario e, no seu defecto, con calquera dos seus membros.
5. Cando a citación ou emprazamento teña que se facer por medio de exhorto, xuntarase a cédula correspondente.
Artigo 61.
Serán nulas as notificacións, citacións e emprazamentos que non se leven a cabo segundo o disposto neste capítulo. Non obstante, se o interesado se dese por informado, a dilixencia producirá efecto desde ese momento.
Artigo 62.
1. O Secretario deberá expedir oficios, exhortos, mandamentos e recordatorios solicitando a práctica de actuacións que dimanen do seu ámbito de competencia.
2. En calquera caso, o Xuíz ou a Sala poderá encomendarlle ao Secretario que leve a cabo estes actos de cooperación xudicial.
TÍTULO V
Da evitación do proceso
CAPÍTULO I
Da conciliación previa
Artigo 63.
Será requisito previo para a tramitación do proceso o intento de conciliación ante o servicio administrativo correspondente ou perante o órgano que asuma estas funcións, que poderá constituírse mediante os acordos interprofesionais ou os convenios colectivos a que se refire o artigo 83 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
Artigo 64.
1. Exceptúanse deste requisito os procesos que esixan a reclamación previa en vía administrativa, os que versen sobre Seguridade Social, os relativos ao desfrute de vacacións e a materia electoral, os iniciados de oficio, os de impugnación de convenios colectivos, os de impugnación dos estatutos dos sindicatos ou da súa modificación e os de tutela da liberdade sindical.
2. Igualmente, quedan exceptuados:
a) Aqueles procesos en que sendo parte demandada o Estado ou outro ente público tamén o fosen persoas privadas, sempre que a pretensión teña que se someter ao trámite de reclamación previa e neste se puidese decidir o asunto litixioso.
b) Os supostos en que, iniciado o proceso, fose necesario dirixir a demanda fronte a persoas distintas das inicialmente demandadas.
Artigo 65.
1. A presentación da solicitude de conciliación suspenderá os prazos de caducidade e interromperá os de prescrición. O cómputo da caducidade reiniciarase ao día seguinte de intentada a conciliación ou transcorridos quince días desde a súa presentación sen que se celebrase.
2. En todo caso, transcorridos trinta días sen se celebrar o acto de conciliación, darase por rematado o procedemento e cumprido o trámite.
3. Tamén se suspenderán os prazos de caducidade e se interromperán os de prescrición pola subscrición dun compromiso arbitral, celebrado en virtude dos acordos interprofesionais e os convenios colectivos a que se refire o artigo 83 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores. Nestes casos o cómputo da caducidade reiniciarase ao día seguinte de que adquira firmeza o laudo arbitral; de se interpoñer un recurso xudicial de anulación do laudo, o reinicio será desde o día seguinte á firmeza da sentencia que se dicte.
Artigo 66.
1. A asistencia ao acto de conciliación é obrigatoria para os litigantes.
2. Cando estando debidamente citadas as partes para o acto de conciliación non comparecese o solicitante nin alegase xusta causa, darase por presentada a papeleta e será arquivado todo o actuado.
3. Se non comparecese a outra parte, a conciliación terase por intentada sen efecto, e o Xuíz ou Tribunal deberá apreciar temeridade ou mala fe se a incomparecencia fose inxustificada e impoñerá a multa sinalada no artigo 97.3 se a sentencia que no seu día dicte coincidise esencialmente coa pretensión contida na papeleta de conciliación.
Artigo 67.
1. O acordo de conciliación poderá ser impugnado polas partes e polos que poidan sufrir prexuízo por aquel, perante o Xulgado ou Tribunal competente para coñecer o asunto obxecto da conciliación, mediante o exercicio da acción de nulidade polas causas que invalidan os contratos.
2. A acción caducará aos trinta días daquel en que se adoptou o acordo. Para os posibles prexudicados o prazo contará desde que o coñecesen.
Artigo 68.
O acordado en conciliación terá forza executiva entre as partes que interveñen sen necesidade de ratificación perante o Xuíz ou Tribunal e poderá levarse a cabo polo trámite de execución de sentencias.
CAPÍTULO II
Da reclamación previa á vía xudicial
Artigo 69.
1. Para poder demandar ao Estado, a Comunidades Autónomas, Entidades locais ou Organismos autónomos dependentes deles, será requisito previo ter reclamado en vía administrativa na forma establecida nas leis.
2. Denegada a reclamación ou transcorrido un mes sen que fose notificada a resolución, o interesado poderá formalizar a demanda perante o Xulgado ou a Sala competente, á que xuntará copia da resolución denegatoria ou documento acreditativo da presentación da reclamación, unindo copia de todo isto para a entidade demandada.
3. Non producirá efecto a reclamación se a resolución fose denegatoria e o interesado non presentase a demanda perante o Xulgado no prazo de dous meses, contados desde a notificación ou desde o transcurso do prazo en que se deba entender non considerada, agás nas accións derivadas de despedimento, nas que o prazo de interposición da demanda será de vinte días.
Artigo 70.
Exceptúanse deste requisito os procesos relativos ao desfrute de vacacións e a materia electoral, os iniciados de oficio, os de conflicto colectivo, os de impugnación de convenios colectivos, os de impugnación de estatutos dos sindicatos ou da súa modificación, os de tutela da liberdade sindical e as reclamacións contra o Fondo de Garantía Salarial, ao abeiro do establecido no artigo 33 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
Artigo 71.
1. Será requisito necesario para formular demanda en materia de Seguridade Social que os interesados interpoñan reclamación previa perante a entidade xestora ou a Tesourería Xeral de Seguridade Social.
2. Se a entidade correspondente dictase resolución ou acordo contra o que o interesado se propuxese demandar, a reclamación previa deberá interpoñerse perante o órgano que o dictou no prazo dos trinta días seguintes á data en que se lle notificase o acordo.
3. No caso de non existir acordo ou resolución inicial, o interesado poderá solicitar que o dicte a entidade correspondente e esta solicitude terá valor de reclamación previa.
4. Nos dous supostos anteriores, a entidade deberá contestar expresamente nos prazos regulamentariamente establecidos. No caso contrario, entenderase denegado o pedimento por silencio administrativo.
5. A demanda deberá formularse no prazo de trinta días, contados desde a data en que se notifique a denegación da reclamación previa ou desde o día en que se entenda denegado o pedimento por silencio administrativo.
6. As Entidades xestoras e a Tesourería Xeral da Seguridade Social expedirán recibo de prestación ou selarán debidamente, indicando a data, as copias das solicitudes e recursos que se dirixan en cumprimento do disposto nesta Lei. Este recibo ou copia selada deberá xuntarse inescusablemente á demanda.
Artigo 72.
1. No proceso non poderán introducir as partes variacións substanciais de tempo, cantidades ou conceptos respecto dos formulados na reclamación previa e na contestación a ela.
2. A parte demandada que non contestase a reclamación previa non poderá fundar a súa oposición en feitos distintos aos aducidos no expediente administrativo, de o haber, agás que estes se produzan con posterioridade.
Artigo 73.
A reclamación previa interromperá os prazos de prescrición e suspenderá os de caducidade; estes últimos reiniciaranse ao día seguinte ao da notificación da resolución ou do transcurso do prazo en que se deba entender non considerada.
TÍTULO VI
Dos principios do proceso e dos deberes procesuais
Artigo 74.
1. Os Xuíces e os Tribunais da orde xurisdiccional social interpretarán e aplicarán as normas reguladoras do proceso laboral ordinario segundo os principios de inmediación, oralidade, concentración e celeridade.
2. Os principios indicados no número anterior orientarán a interpretación e aplicación das normas procesuais propias das modalidades procesuais reguladas nesta Lei.
Artigo 75.
1. Os órganos xudiciais rexeitarán de oficio en resolución fundada os pedimentos, incidentes e excepcións formulados con finalidade dilatoria ou que entrañen abuso de dereito. Así mesmo, corrixirán os actos que, ao abeiro do texto dunha norma, persigan un resultado contrario ao previsto na Constitución e nas leis para o equilibrio procesual, a tutela xudicial e a efectividade das resolucións.
2. Os que non sexan parte no proceso deben cumprir as obrigas que Iles impoñan os xuíces ou tribunais ordenadas para garantir os dereitos que puidesen corresponder ás partes e a asegurar a efectividade das resolucións xudiciais.
3. De se producir un dano avaliable economicamente, o prexudicado poderá reclamar a oportuna indemnización perante o Xulgado ou Tribunal que estivese coñecendo ou coñecese o asunto principal.
LIBRO II
Do proceso ordinario e das modalidades procesuais
TÍTULO I
Do proceso ordinario
CAPÍTULO I
Dos actos preparatorios e medidas precautorias
SECCIÓN 1ª. ACTOS PREPARATORIOS
Artigo 76.
1. Quen pretenda demandar poderá solicitar do órgano xudicial que aquel contra quen se propoña dirixir a demanda preste declaración acerca dalgún feito relativo á personalidade deste e sen o coñecemento do cal non se poida entrar en xuízo.
2. Así mesmo, quen pretenda demandar ou presuma que vai ser demandado poderá solicitar previamente exame de testemuñas cando, pola idade avanzada dalgunha destas, perigo inminente da súa vida, proximidade dunha ausencia a lugar co que sexan imposibles ou difíciles as comunicacións ou calquera outro motivo grave e xustificado, sexa presumible que non vai ser posible manter o seu dereito por falta de xustificación.
3. Contra a resolución xudicial que denegue a práctica destas dilixencias non caberá ningún recurso, sen prexuízo dos que no seu día se poidan interpoñer contra a sentencia.
Artigo 77.
1. En todos aqueles supostos en que o exame de libros e contas ou a consulta de calquera outro documento se demostre imprescindible para fundamentar a súa demanda, quen pretenda demandar poderá solicitar do órgano xudicial a comunicación dos ditos documentos. Cando se trate de documentos contables, aquel poderá acudir asesorado por un experto na materia, que estará sometido aos deberes que lle poidan incumbir profesionalmente en relación coa salvagarda do segredo da contabilidade. As custas orixinadas polo asesoramento do experto serán por conta de quen solicite os seus servicios.
2. O órgano xudicial resolverá por auto, dentro do segundo día, o que considere procedente, e adoptará, se é o caso, as medidas necesarias para que o exame se leve a efecto sen que a documentación saia do poder do seu titular.
SECCIÓN 2ª. MEDIDAS PRECAUTORIAS
Artigo 78.
Se as partes solicitasen a práctica anticipada de probas que non poidan ser realizadas no acto do xuízo, ou que, por graves dificultades, non se poidan realizar no dito momento, o Xuíz ou Tribunal decidirá o pertinente para a súa práctica nas termos previstos pola norma que regule o medio de proba correspondente. Contra a resolución denegatoria non caberá ningún recurso, sen prexuízo do que, por este motivo, se poida interpoñer no seu día contra a sentencia.
Artigo 79.
1. O órgano xudicial, de oficio ou a pedimento de parte interesada ou do Fondo de Garantía Salarial, nos casos en que se poida derivar a súa responsabilidade, poderá decretar o embargo preventivo de bens do demandado en contía suficiente para cubrir o reclamado na demanda e o que se calcule para as custas de execución, cando aquel realice calquera acto do que se poida presumir que pretende situarse en estado de insolvencia ou impedir a efectividade da sentencia.
2. O órgano xudicial poderá requirir o solicitante do embargo, no termo dunha audiencia, para que presente documentos, información testifical ou calquera outra proba que xustifique a situación alegada. Nos casos en que se poida derivar responsabilidade do Fondo de Garantía Salarial, este deberá ser citado co fin de sinalar bens.
3. A solicitude de embargo preventivo poderá ser presentada en calquera momento do proceso, antes da sentencia, sen que por iso se suspenda o curso das actuacións.
CAPÍTULO II
Do proceso ordinario
SECCIÓN 1ª. DEMANDA
Artigo 80.
1. A demanda formularase por escrito e deberá conter os seguintes requisitos xerais:
a) A designación do órgano ante quen se presente.
b) A designación do demandante, con expresión do número do documento nacional de identidade, e daqueloutros interesados que deban ser chamados ao proceso e os seus domicilios, indicando o nome e apelidos das persoas físicas e a denominación social das persoas xurídicas. Se a demanda se dirixise contra un grupo carente de personalidade, deberase facer constar o nome e apelidos dos que aparezam como organizadores, directores ou xestores daquel, e os seus domicilios.
c) A enumeración clara e concreta dos feitos sobre os que verse a pretensión e de todos aqueles que, segundo a lexislación substantiva, resulten imprescindibles para resolver as cuestións formuladas. En ningún caso poderán alegarse feitos distintos dos aducidos en conciliación ou na reclamación administrativa previa, agás que se producisen con posterioridade á substanciación daquelas.
d) A súplica correspondente, nos termos adecuados ao contido da pretensión exercida.
e) Se o demandante litiga por si mesmo, designará un domicilio na localidade onde resida o Xulgado ou Tribunal, no que se realizarán todas as dilixencias que deban entenderse con el.
f) Data e sinatura.
2. O demandante presentará tantas copias da demanda e dos documentos que se xunten a ela como demandados e demais interesados haxa no proceso, así como para o Ministerio Fiscal, nos casos en que legalmente deba intenvir.
Artigo 81.
1. O órgano xudicial advertirá á parte dos defectos, omisións ou imprecisións en que incorrese ao redactar a demanda, co fin de que os emende dentro do prazo de catro días, con apercibimento de que, de non o efectuar, se ordenará o seu arquivo.
2. O Xuíz admitirá provisionalmente toda demanda aínda que non se xunte certificación do acto de conciliación previa. Deberá, non obstante, advertir ao demandante de que debe acreditar a celebración ou o intento do expresado acto no prazo de quince días, contados a partir do día seguinte á recepción da notificación, baixo apercibimento de que, de non se facer así, a demanda será arquivada sen máis trámite.
Artigo 82.
1. Se a demanda fose admitida, o Xuíz ou Tribunal sinalará, dentro dos dez días seguintes ao da súa presentación, o día e a hora en que se deban realizar os actos de conciliación e xuízo, debendo mediar, en todo caso, un mínimo de catro días entre a citación e a efectiva celebración dos ditos actos.
2. A celebración dos actos de conciliación e xuízo realizarase en única convocatoria. Para este efecto a citación deberase facer en forma, con entrega aos demandados, aos interesados e, se é o caso, ao Ministerio Fiscal, de copia da demanda e demais documentos. Nas cédulas de citación farase constar que os actos de conciliación e xuízo non se poderán suspender por incomparecencia do demandado, así como que os litigantes deben concorrer ao xuízo con todos os medios de proba de que se intenten valer.
3. Deberá sinalarse un prazo maior ao establecido no apartado 1 deste artigo:
a) Cando a citación se realice con persoa xurídica, pública ou privada, ou cun grupo sen personalidade. Neste caso deberá efectuarse con quince días de antelación á data sinalada para a celebración dos actos de conciliación e xuízo.
b) Cando a representación e defensa en xuízo lle sexa atribuída ao Avogado do Estado, caso en que se lle concederá un prazo de vintedous días para a consulta á Dirección Xeral do Servicio Xurídico do Estado. O sinalamento do xuízo farase de maneira que se realice en data posterior ao prazo indicado.
SECCIÓN 2ª. CONCILIACIÓN E XUÍZO
Artigo 83.
1. Só a pedimento de ambas as partes ou por motivos xustificados, acreditados perante o órgano xudicial, poderán suspenderse por unha soa vez os actos de conciliación e xuízo, que quedarán sinalados novamente dentro dos dez días seguintes á data da suspensión. Excepcionalmente e por circunstancias graves adecuadamente probadas, poderá acordarse unha segunda suspensión.
2. Se o demandante, citado en forma, non comparecese nin alegase xusta causa que motive a suspensión do xuízo, será dado por desistido da súa demanda.
3. A incomparecencia inxustificada do demandado non impedirá a celebración do xuízo, que continuará sen necesidade de declarar a súa rebeldía.
Artigo 84.
1. O órgano xudicial, constituído en audiencia pública, intentará a conciliación, advertindo ás partes dos dereitos e obrigas que lles puidesen corresponder, sen prexulgar o contido da eventual sentencia. Se o órgano xudicial considerase que o convido é constitutivo de lesión grave para algunha das partes, de fraude de lei ou de abuso de dereito, non aprobará o acordo.
2. Poderase aprobar a avinza en calquera momento antes de dictar sentencia.
3. Do acto de conciliación redactarase a correspondente acta.
4. O acordo levarase a efecto polos trámites de execución de sentencias.
5. A acción para impugnar a validez da avinza exercerase perante o mesmo Xulgado ou Tribunal, polos trámites e cos recursos establecidos nesta Lei. A acción caducará aos quince días da data da súa celebración.
Artigo 85.
1. De non haber avinza en conciliación, pasarase seguidamente a xuízo, e o Secretario dará conta do actuado. Acto seguido, o demandante ratificará ou ampliará a súa demanda, aínda que en ningún caso poderá facer nela variación substancial.
2. O demandado contestará afirmando ou negando concretamente os feitos da demanda, e alegando cantas excepcións considere procedentes. En ningún caso poderá formular reconvención, agás que a anunciase na conciliación previa ao proceso ou na contestación á reclamación previa, e expresase en esencia os feitos nos que se funda e o pedimento en que se concreta. Formulada a reconvención, abrirase trámite para a súa contestación nos termos establecidos na demanda. O mesmo trámite de contestación se abrirá para as excepcións procesuais no caso de seren alegadas.
3. As partes farán uso da palabra cantas veces o considere necesario o Xuíz ou o Tribunal.
4. Así mesmo, neste acto as partes poderán alegar canto consideren conveniente para efectos do disposto no artigo 189.1.b desta Lei, ofrecendo, para o momento procesual oportuno, os elementos de xuízo necesarios para fundamentar as súas alegacións. Non será preciso achegar proba sobre esta concreta cuestión cando o feito de que o proceso afecta a moitos traballadores ou beneficiarios sexa notorio pola súa propia natureza.
Artigo 86.
1. En ningún caso se suspenderá o procedemento por se seguir causa criminal sobre os feitos debatidos.
2. No suposto de que sexa alegada por unha das partes a falsidade dun documento que poida ser de notoria influencia no preito, porque non se poida prescindir da resolución da causa criminal para a debida decisión ou condicione directamente o contido desta, continuará o acto de xuízo, ata o final, e, con suspensión das actuacións posteriores, o órgano xudicial concederalle un prazo de oito días ao interesado para que achegue o documento que acredite que presentou a querela. A suspensión durará ata que se dicte sentencia ou auto de sobresemento na causa criminal, feito que deberá ser posto en coñecemento do Xuíz ou Tribunal por calquera das partes.
3. Se calquera outra cuestión prexudicial penal dese lugar a sentencia absolutoria por inexistencia do feito ou por non ter participado o suxeito nel, quedará aberta contra da sentencia dictada polo Xuíz ou pola Sala do Social a vía do recurso de revisión regulado na Lei de Axuizamento Civil.
Artigo 87.
1. Admitiranse as probas que se formulen e poidan practicarse no acto respecto dos feitos sobre os que non haxa conformidade. Poderán admitirse tamén aquelas que requiran a traslación do Xuíz ou Tribunal fóra do local da audiencia, de se consideraren imprescindibles. Neste caso suspenderase o xuízo polo tempo estrictamente necesario.
2. A pertinencia das probas e das preguntas que poidan formular as partes será resolta polo Xuíz ou polo Tribunal, e, se o interesado protestase no acto contra a inadmisión, consignarase na acta a pregunta ou a proba solicitada, a resolución denegatoria, a fundamentación razoada da denegación e a protesta, todo para efectos do correspondente recurso contra a sentencia. Unha vez comezada a práctica dunha proba admitida, se renunciase a ela a parte que a propuxo, o órgano xudicial poderá, sen ulterior recurso, acordar que continúe.
3. O órgano xudicial poderalles facer, tanto ás partes como aos peritos e testemuñas, as preguntas que considere necesarias para o esclarecemento dos feitos.
Os litigantes e os defensores poderán exercer o mesmo dereito.
4. Practicada a proba, as partes ou os seus defensores, se é o caso, formularán oralmente as súas conclusións dunha maneira concreta e precisa, determinando, en virtude do resultado da proba, de maneira líquida e sen alterar os puntos fundamentais e os motivos de pedir invocados na demanda ou na reconvención, de a haber, as cantidades que por calquera concepto sexan obxecto de pedimento de condena principal ou subsidiaria; ou ben, de ser o caso, a solicitude concreta e precisa das medidas con que pode ser satisfeita a pretensión exercida. Se as partes non o fixesen neste trámite, o Xuíz ou Tribunal deberá requirilos para que non o fagan, sen que en ningún caso se poida reservar a tal determinación para a execución da sentencia.
5. Se o órgano xudicial non se considerase suficientemente ilustrado sobre as cuestións de calquera xénero obxecto do debate, concederalles a ambas as partes o tempo que crea conveniente, para que informen ou dean explicacións sobre os particulares que lles designe.
Artigo 88.
1. Rematado o xuízo, e dentro do prazo para dictar sentencia, o Xuíz ou Tribunal poderá acordar a práctica de cantas probas considere necesarias, para mellor prover, con intervención das partes. Na mesma providencia fixarase o prazo dentro do que se teña que practicar a proba, durante o cal se lles poñerá de manifesto ás partes o resultado das dilixencias co fin de que estas poidan alegar por escrito canto consideren conveniente acerca do seu alcance ou importancia. Transcorrido ese prazo sen que se puidese levar a cabo, o órgano xudicial dictará unha nova providencia, na que fixará outro prazo para a execución do acordo, e expedirá as comunicacións oportunas. Se dentro deste tampouco se pode realizar a proba, o Xuíz ou Tribunal, logo de audiencia das partes, acordará que os autos queden definitivamente conclusos para sentencia.
2. Se a dilixencia consiste na confesión xudicial ou en pedir algún documento a unha parte, e esta non comparece ou non o presenta sen causa xustificada no prazo que se fixase, poderán considerarse probadas as alegacións feitas pola contraria en relación coa proba acordada.
Artigo 89.
1. Durante a celebración do xuízo irase redactando a correspondente acta, na que se fará constar:
a) Lugar, data, Xuíz ou Tribunal que preside o acto, partes comparecentes, representantes e defensores que os asisten, e breve referencia ao acto de conciliación.
b) Breve resumo das alegacións das partes, medios de proba propostos por elas, declaración expresa da súa pertinencia ou impertinencia, razóns da negación e protesta, se é o caso.
c) En canto ás probas admitidas e practicadas:
1º. Resumo suficiente das de confesión e da testifical.
2º. Relación circunstanciada dos documentos presentados, ou datos suficientes que permitan identificalos, no caso de que o seu excesivo número faga desaconsellable a citada relación.
3º. Relación das incidencias formuladas no xuízo respecto á proba documental.
4º. Resumo suficiente dos informes periciais, así como tamén da resolución do Xuíz ou Tribunal sobre as recusacións propostas dos peritos.
5º. Resumo das declaracións dos asesores, no caso de que o dictame destes non fose elaborado por escrito e incorporado aos autos.
d) Conclusións e peticións concretas formuladas polas partes; no caso de seren de condena a cantidade, deberán expresarse na acta as cantidades que fosen obxecto dela.
e) Declaración feita polo Xuíz ou Tribunal de conclusión dos autos, mandando traelos á vista para sentencia.
2. O Xuíz ou Tribunal resolverá, sen ulterior recurso, calquera observación que fixese sobre o contido da acta. Seguidamente, asinaraa en unión das partes, ou dos seus representantes ou defensores, e dos peritos, e fará constar se algún deles non asina por non poder, non o querer facer ou non estar presente. Por último, asinará o Secretario, que dará fe.
3. A acta do xuízo poderá ser redactada a través de medios mecánicos de reproducción daquel. En tal caso, esixiranse os mesmos requisitos expresados no número anterior.
4. Da acta do xuízo deberá entregarse copia aos que foron partes no proceso, se o solicitasen.
SECCIÓN 3ª. PROBAS
Artigo 90.
1. As partes poderán valerse de cantos medios de proba estean regulados na Lei e serán admitidos como tales os medios mecánicos de reproducción da palabra, da imaxe e do son, agás que se obtivesen, directa ou indirectamente, mediante procedementos que supoñan violación de dereitos fundamentais ou liberdades públicas.
2. Poderán, así mesmo, solicitar, polo menos con tres días de antelación á data do xuízo, aquelas probas que, tendo que se practicar nel, requiran dilixencias de citación ou requirimento.
Artigo 91.
1. As posicións para a proba de confesión propoñeranse verbalmente, sen admisión de pregos.
2. Se o chamado a confesar non comparece sen causa xusta á primeira citación, non quere declarar ou persiste en non responder afirmativa ou negativamente, a pesar do apercibimento que se lle fixo, poderá ser tido por confeso na sentencia.
3. A confesión das persoas xurídicas privadas será realizada por quen legalmente as represente e teña facultades para absolver posicións.
4. No caso de que a confesión non se refira a feitos persoais, admitirase a absolución de posicións por un terceiro que coñeza persoalmente os feitos, se a parte así o solicita e acepta a responsabilidade da declaración.
Artigo 92.
1. Non se admitirán escritos de preguntas e repreguntas para a proba testifical. Cando o número de testemuñas sexa excesivo e, a criterio do órgano xudicial, as súas manifestacións puidesen constituír inútil reiteración do testemuño sobre feitos suficientemente esclarecidos, aquel poderá limitalos discrecionalmente.
2. As testemuñas non poderán ser chatadas, e unicamente en conclusións, as partes poderán facer as observacións que sexan oportunas respecto das súas circunstancias persoais e da veracidade das súas manifestacións.
Artigo 93.
1. Na práctica da proba pericial non serán de aplicación as regras xerais sobre insaculación de peritos.
2. O órgano xudicial, de oficio ou a pedimento de parte, poderá requirir a intervención dun médico forense, nos casos en que sexa necesario o seu informe.
Artigo 94.
1. Da proba documental que se presente daráselles traslado ás partes no acto de xuízo, para o seu exame.
2. Os documentos pertencentes ás partes deberán achegarse ao proceso no caso de que fosen propostos como medio de proba pola parte contraria e admitida esta polo Xuíz ou Tribunal. Se non se presentasen sen causa xustificada, poderán considerarse probadas as alegacións feitas pola contraria en relación coa proba acordada.
Artigo 95.
1. O Xuíz ou Tribunal poderá, se o considera procedente, oír o dictame de unha ou varias persoas expertas na cuestión obxecto do preito, no momento do acto do xuízo ou unha vez rematado este, para mellor prover.
2. Cando nun proceso se discuta sobre a interpretación dun convenio colectivo, o órgano xudicial poderá oír ou reclamar informe da comisión paritaria deste.
3. Cando no proceso se suscitase unha cuestión de discriminación por razón de sexo, o Xuíz ou Tribunal poderá reclamar o dictame dos organismos públicos competentes.
Artigo 96.
Naqueles procesos en que das alegacións da parte demandante se deduza a existencia de indicios de discriminación por razón de sexo, corresponderalle ao demandado a achega dunha xustificación obxectiva e razoable, suficientemente probada, das medidas adoptadas e da súa proporcionalidade.
SECCIÓN 4ª. SENTENCIA
Artigo 97.
1. O Xuíz ou Tribunal dictará sentencia no prazo de cinco días, que se publicará inmediatamente e que se lles notificará ás partes ou aos seus representantes dentro dos dous días seguintes.
2. A sentencia deberá expresar, dentro dos antecedentes de feito, un resumo suficiente dos que fosen obxecto de debate no proceso. Así mesmo, e apreciando os elementos de convicción, declarará expresamente os feitos que considere probados e fará referencia nos fundamentos de dereito aos razoamentos que o levaron a esta conclusión. Por último, deberá fundamentar suficientemente os pronunciamentos da decisión.
3. A sentencia, motivadamente, poderá impoñerlle ao litigante que obrou de mala fe ou con notoria temeridade unha sanción pecunaria dunha contía máxima que, na instancia, non excederá de cen mil pesetas. En tales casos, e cando o condenado sexa o empresario, deberá aboar tamén os honorarios dos avogados.
Artigo 98.
1. Se o Xuíz que presidiu o acto do xuízo non puidese dictar sentencia, este deberá celebrarse novamente.
2. En canto ás Salas do Social, haberá que se ater ao disposto na Lei Orgánica do Poder Xudicial.
Artigo 99.
Nas sentencias en que se condene ao aboamento dunha cantidade, o Xuíz ou Tribunal determinaraa expresamente, sen que en ningún caso poida reservarse tal determinación para a execución.
Artigo 100.
Cando se lles notifique a sentencia ás partes indicarase se esta é ou non é firme, e, se é o caso, os recursos que procedan, o órgano perante o que se deben interpoñer e o prazo e os requisitos para iso, así como os depósitos e as consignacións que sexan necesarios e a forma de efectuar.
Artigo 101.
Se a sentencia é condenatoria para o empresario, este estará obrigado a aboarlle ao demandante que comparecese persoalmente o importe dos salarios correspondentes aos días en que se celebrasen os actos de conciliación e xuízo perante o Xulgado ou Tribunal e, se é o caso, a conciliación previa perante o órgano correspondente.
TÍTULO II
Das modalidades procesuais
CAPÍTULO I
Disposición xeral
Artigo 102.
En todo o que non estea expresamente previsto neste Título, rexerán as disposición establecidas para o proceso ordinario.
CAPÍTULO II
Dos despedimentos e sancións
SECCIÓN 1ª. DESPEDIMENTO DISCIPLINARIO
Artigo 103.
1. O traballador poderá reclamar contra o despedimento, dentro dos vinte días hábiles seguintes a aquel en que se producise. Este prazo será de caducidade para todos os efectos.
2. Se se promovese demanda por despedimento contra unha persoa á que erroneamente se lle atribuíse a calidade de empresario, e se acreditase no xuízo que o era un terceiro, o traballador poderá promover nova demanda contra este, sen que comece o cómputo do prazo de caducidade ata o momento en que conste quen é o empresario.
Artigo 104.
As demandas por despedimento, ademais dos requisitos xerais previstos nesta Lei, deberán conter os seguintes:
a) Lugar de traballo; categoría profesional; características particulares, de as haber, do traballo que se realizaba antes de se producir o despedimento; salario, tempo e forma de pagamento e antigüidade do despedido.
b) Data de efectividade do despedimento, forma en que se produciu e feitos alegados polo empresario.
c) Se o traballador ten, ou tivo o ano anterior ao despedimento, a calidade de representante legal ou sindical dos traballadores.
d) Se o traballador está afiliado a algún sindicato, no suposto de que alegue a nulidade do despedimento por se ter realizado este sen previa audiencia dos delegados sindicais, de os haber.
Artigo 105.
1. Ratificada, se é o caso, a demanda tanto na fase de alegacións como na práctica da proba, e na fase de conclusións, corresponderalle ao demandado expoñer as súas posicións en primeiro lugar. Así mesmo, corresponderalle a carga de probar a veracidade dos feitos imputados na carta de despedimento como xustificativos deste.
2. Para xustificar o despedimento non se lle admitirán ao demandado no xuízo outros motivos de oposicion á demanda que os contidos na comunicación escrita do dito despedimento.
Artigo 106.
1. Nos supostos previstos no artigo 32 desta Lei deberán respectarse as garantías que, respecto das alegacións, proba e conclusións, se establecen para o proceso de despedimento disciplinario.
2. Nos despedimentos de membros de comité de empresa, delegados de persoal ou delegados sindicais, a parte demandada deberá presentar o expediente contradictorio legalmente esixido.
Artigo 107.
Nos feitos que se consideren probados na sentencia deberán facerse constar as seguintes circunstancias:
a) Data do despedimento.
b) Salario do traballador.
c) Lugar de traballo; categoría profesional; antigüidade, concretando os períodos en que se prestaron os servicios; características particulares, de as haber, e o traballo que realizaba o demandante antes de se producir o despedimento.
d) Se o traballador ten ou tivo no ano anterior ao despedimento a condición de delegado de persoal, membro do comité de empresa ou delegado sindical.
Artigo 108.
1. Na decisión da sentencia, o Xuíz cualificará o despedimento como procedente, improcedente ou nulo. Será cualificado como procedente cando quede acreditado o incumprimento alegado polo empresario no seu escrito de comunicación. En caso contrario, ou no suposto de que se incumprisen os requisitos de forma, establecidos no número un do do artigo 55 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, o despedimento será cualificado como improcedente.
2. Será nulo o despedimento que teña móbil algunha das causas de discriminación previstas na Constitución e na Lei, ou se produza con violación de dereitos fundamentais e liberdades públicas do traballador.
3. Se se acreditase que o móbil do despedimento obedecese a algunha das causas do número anterior, o Xuíz pronunciarase sobre ela, con independencia de cal fose a forma daquel.
Artigo 109.
Se se considera procedente o despedimento, declararase validada a extinción do contrato de traballo que aquel produciu, sen dereito a indemnización nin a salarios de tramitación.
Artigo 110.
1. Se o despedimento se declara improcedente, condenarase o empresario á readmisión do traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento ou, a elección daquel, a que lle aboe unha indemnización, nunha contía que será fixada segundo o previsto no apartado 1, parágrafo a), do artigo 56 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores. A condena comprenderá, tamén, o aboamento da cantidade a que se refire o parágrafo b) do propio apartado 1, coas limitacións, se é o caso, previstas polo apartado 2 do dito artigo e sen prexuízo do establecido no seu apartado 5.
Nos despedimentos improcedentes de traballadores que teñan relación laboral de carácter especial, a contía desta indemnización será a establecida, se é o caso, pola norma que regule a dita relación especial.
2. No caso de que se declare improcedente o despedimento dun representante legal ou sindical dos traballadores, a opción prevista no número anterior corresponderalle ao traballador.
3. A opción deberá exercerse mediante escrito ou comparecencia perante a Secretaría do Xulgado do Social, dentro do prazo de cinco días desde a notificación da sentencia que declare o despedimento improcedente, sen esperar á súa firmeza, se fose a da instancia.
4. Cando o despedimento se declarase improcedente por incumprimento dos requisitos de forma establecidos e se optase pola readmisión, poderase efectuar un novo despedimento dentro do prazo de sete días desde a notificación da sentencia. O dito despedimento non constituirá unha emenda do primitivo acto extintivo, senón un novo despedimento, que producirá efectos desde a súa data.
Artigo 111.
1. De se recorrer contra a sentencia que declare a improcedencia do despedimento, a opción exercida polo empresario terá os seguintes efectos:
a) Se se optase pola readmisión, calquera que fose o recorrente, esta levarase a efecto de forma provisional nos termos establecidos polo artigo 295 desta Lei.
b) Cando a opción do empresario fose a indemnización, tanto no suposto de que o recurso fose interposto por este como polo traballador, non procederá a execución provisional da sentencia, se ben durante a tramitación do recurso o traballador considerarase en situación legal de desemprego voluntario. Se a sentencia que resolva o recurso interposto polo traballador elevase a contía da indemnización, o empresario dentro dos cinco días seguintes ao da súa notificación, poderá cambiar o sentido da súa opción e, en tal suposto, a readmisión retrotraerá os seus efectos económicos á data en que se realizou a elección, e deduciranse das cantidades que por tal concepto se aboen as que, se é o caso, percibise o traballador en concepto de prestación por desemprego. A citada cantidade, así como a correspondente á contribución empresarial á Seguridade Social polo dito traballador, terá que ser ingresada polo empresario na Entidade xestora.
Para efectos do recoñecemento dun futuro dereito á protección por desemprego, o período a que se refire o parágrafo anterior considerarase de ocupación cotizada.
2. Calquera que sexa o sentido da opción exercida, esta terase por non feita se o Tribunal Superior, ao resolver o recurso, declarase nulo o despedimento. Cando se confirme a sentencia obxecto de recurso, o sentido da opción non poderá ser alterado.
Artigo 112.
1. Cando a sentencia que declarase a improcedencia do despedimento dun representante legal ou sindical dos traballadores sexa obxecto de recurso, a opción exercida polos ditos representantes terá as seguintes consecuencias:
a) Cando o traballador opte pola readmisión, calquera que sexa a parte que interpoña o recurso, haberá que se ater ao disposto no artigo 295 desta Lei.
b) De se optar pola indemnización, tanto se recorre o traballador como o empresario, non procederá a execución provisional da sentencia, se ben durante a substanciación do recurso o traballador considerarase en situación legal de desemprego voluntario. Se a sentencia que resolva o recurso interposto polo empresario diminuíse a contía da indemnización, o traballador, dentro dos cinco días seguintes ao da súa notificación, poderá cambiar o sentido da súa opción e, se é o caso, a readmisión retrotraerá os seus efectos económicos á data en que se realizou a primeira elección, e deduciranse das cantidades que por tal concepto se aboen as que, se é o caso, percibise o traballador en concepto de prestación por desemprego. A citada cantidade, así como a correspondente á contribución empresarial á Seguridade Social polo dito traballador, terá que ser ingresada polo empresario na Entidade xestora.

2. Calquera que sexa o sentido da opción exercida, esta terase por non feita se o Tribunal Superior, ao resolver o recurso, declara nulo o despedimento. Cando se confirme a sentencia obxecto de recurso, o sentido da opción non poderá ser alterado.
Artigo 113.
Se o despedimento é declarado nulo, condenarase á inmediata readmisión do traballador, con aboamento dos salarios que se deixaron de percibir. A sentencia executarase de forma provisional nos termos establecidos polo artigo 295, tanto cando fose recorrida polo empresario como polo traballador.
SECCIÓN 2ª. PROCESO DE IMPUGNACIÓN DE SANCIÓNS
Artigo 114.
1. O traballador poderá impugnar a sanción que lle sexa imposta mediante demanda que deberá ser presentada dentro do prazo sinalado no artigo 103 desta Lei.
2. Nos procesos de impugnación de sancións por faltas graves ou moi graves aos traballadores que posúan a condición de representante legal ou sindical, a parte demandada deberá achegar o expediente contradictorio legalmente establecido.
3. Corresponderalle ao empresario probar a realidade dos feitos imputados ao traballador, e a súa entidade, sen que poidan ser admitidos outros motivos de oposición á demanda que os alegados no seu momento para xustificar a sanción. As alegacións, probas e conclusións deberán ser realizadas polas partes na orde establecida para os despedimentos disciplinarios.
Artigo 115.
1. A sentencia conterá algún dos pronunciamentos seguintes:
a) Confirmar a sanción, se se acreditou o cumprimento das esixencias de forma e a realidade do incumprimento imputado ao traballador, así como a súa entidade, valorada segundo a graduación de faltas e sancións prevista nas disposicións legais ou no convenio colectivo aplicable.
b) Revogala totalmente, se non se probou a realidade dos feitos imputados ao traballador ou estes non son constitutivos de falta.
c) Revogala en parte se a falta cometida non foi axeitadamente cualificada. Neste caso o Xuíz poderá autorizar a imposición dunha sanción adecuada á gravidade da falta.
d) Declarala nula, se foi imposta sen observar os requisitos formais establecidos legal ou convencionalmente ou cando estes presenten defectos de tal gravidade que non permitan alcanzar a finalidade para a que foron requiridos.
2. Para os efectos do previsto no apartado anterior serán nulas as sancións impostas aos representantes legais dos traballadores ou aos delegados sindicais por faltas graves ou moi graves sen a previa audiencia dos restantes integrantes da representación a que o traballador pertencese, así como aos traballadores afiliados a un sindicato sen lles dar audiencia aos delegados sindicais. Tamén será nula a sanción cando consista nalgunha das legalmente prohibidas ou non estea tipificada nas disposicións legais ou no convenio colectivo aplicable.
3. Contra as sentencias dictadas nestes procesos non caberá ningún recurso, agás nos casos de sancións por faltas moi graves, apreciadas xudicialmente.
CAPÍTULO III
Da reclamación ao Estado do pagamento de salarios de tramitación en xuízos por despedimento
Artigo 116.
1. Se, desde a data en que se tivo por presentada a demanda por despedimento, ata a sentencia do Xulgado ou Tribunal que por primeira vez declare a súa improcedencia, transcorresen máis de sesenta días hábiles, o empresario, unha vez firme a sentencia, poderá reclamarlle ao Estado os salarios pagados ao traballador que excedan do dito prazo.
2. No suposto de insolvencia provisional do empresario, o traballador poderá reclamarlle directamente ao Estado os salarios aos que se refire o número anterior que non fosen aboados por aquel.
Artigo 117.
1. Para demandar ao Estado polos salarios de tramitación, será requisito previo ter reclamado en vía administrativa na forma e prazos establecidos. Contra a denegación do anterior o empresario, ou, se é o caso, o traballador, poderá promover a oportuna acción perante o Xulgado que coñeceu na instancia o proceso de despedimento.
2. Deberase xuntar á demanda a copia da resolución administrativa denegatoria ou da instancia de solicitude de pagamento.
Artigo 118.
1. Admitida a demanda, sinalarase día para o xuízo nos cinco días seguintes, e citarase para o efecto o traballador, o empresario e o avogado do Estado, sen que se suspenda o procedemento, para que este poida elevar consulta á Dirección Xeral do Servicio Xurídico do Estado.
2. O xuízo versará só sobre a procedencia e contía da reclamación, e non se admitirán probas encamiñadas a revisar as declaracións probadas na sentencia de despedimento.
Artigo 119.
1. Para efectos do cómputo de tempo que exceda dos sesenta días hábiles a que se refire o artigo 116, serán excluídos del os períodos seguintes:
a) O tempo investido na reparación da demanda, por non ter acreditado a celebración da conciliación ou da reclamación administrativa previa, ou por defectos, omisións ou imprecisións naquela.
b) O período en que estivesen suspendidos os autos, a pedimento de parte, por suspensión do acto do xuízo nos termos previstos no artigo 83 desta Lei.
c) O tempo que dure a suspensión para acreditar a presentación da querela, nos casos en que calquera das partes alegase a falsidade dun documento que poida ser de notoria influencia no preito.
2. Nos supostos enunciados anteriormente, o Xuíz, apreciando as probas presentadas, decidirá se os salarios correspondentes ao tempo investido deben correr por conta do Estado ou do empresario. Excepcionalmente, poderá privar o traballador da súa percepción, se apreciase que na súa actuación procesual incorreu en manifesto abuso de dereito.
CAPÍTULO IV
Da extinción do contrato por causas obxectivas e outras causas de extinción
SECCIÓN 1ª. EXTINCIÓN POR CAUSAS OBXECTIVAS
Artigo 120.
Os procesos derivados da extinción do contrato de traballo por causas obxectivas axustaranse ás normas contidas no capítulo relativo aos procesos por despedimentos e sancións sen prexuízo das especialidades que se enuncian nos artigos seguintes.
Artigo 121.
1. O prazo para exercer a acción de impugnación da decisión extintiva será de vinte días, que en todo caso comezará a contarse a partir do día seguinte á data de extinción do contrato de traballo. O traballador poderá anticipar o exercicio da súa acción a partir do momento en que reciba a comunicación empresarial de preaviso.
2. A percepción polo traballador da indemnización ofrecida polo empresario ou o uso do permiso para buscar novo posto de traballo non enervan o exercicio da acción nin supoñen conformidade coa decisión empresarial.
Artigo 122.
1. Será declarada procedente a decisión extintiva cando o empresario, cumpridos os requisitos formais esixibles, acredite a concorrencia da causa legal indicada na comunicación escrita. Se non a acreditase, cualificarase de improcedente.
2. A decisión extintiva será nula cando:
a) Non se cumprisen as formalidades legais da comunicación escrita, con mención da causa.
b) Non se puxese a disposición do traballador a indemnización correspondente, agás naqueles supostos en que tal requisito non fose legalmente esixido.
c) Resulte discriminatoria ou contraria aos dereitos fundamentais e liberdades públicas do traballador.
d) Se efectuase en fraude de lei eludindo as normas establecidas para os despedimentos colectivos, nos casos a que se refire o último parágrafo do artigo 51.1 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
3. Non procederá a declaración de nulidade por se ter omitido o prazo de preaviso, ou por ter existido erro escusable no cálculo da indemnización posta a dispor do traballador.
Artigo 123.
1. Se a sentencia considerase procedente a decisión do empresario, declararase extinguido o contrato de traballo, condenando o empresario, se é o caso, a satisfacerlle ao traballador as diferencias que puidesen existir, tanto entre a indemnización xa percibida e a que legalmente lle corresponda, como as relativas aos salarios do período de preaviso, nos supostos en que este non se cumprise.
2. Cando se declare improcedente ou nula a decisión extintiva, condenarase o empresario nos termos previstos para o despedimento disciplinario, sen que os salarios de tramitación poidan deducirse dos correspondentes ao período de preaviso.
3. Nos supostos en que proceda a readmisión, o traballador deberá reintegrar a indemnización recibida.
4. O Xuíz acordará, se é o caso, a compensación entre a indemnización percibida e a que fixe a sentencia.
SECCIÓN 2ª. DESPEDIMENTOS COLECTIVOS POR CAUSAS ECONÓMICAS, ORGANIZATIVAS, TÉCNICAS OU DE PRODUCCIÓN
Artigo 124.
O órgano xudicial declarará nulo, de oficio ou a pedimento de parte, o acordo empresarial de extinción colectiva de contratos de traballo por causas económicas, técnicas, organizativas ou de producción, forza maior ou extinción da personalidade xurídica do empresario se non se obtivese a previa autorización administrativas, nos supostos en que estea legalmente prevista. En tal caso a condena que se impoña será a que establece o artigo 113 desta Lei.
CAPÍTULO V
Vacacións, materia electoral, clasificacións profesionais, mobilidade xeográfica e modificacións substanciais de condicións de traballo
SECCIÓN 1ª. VACACIÓNS
Artigo 125.
O procedemento para a fixación individual ou plural da data de desfrute das vacacións rexerase polas regras seguintes:
a) Cando a data estea precisada en convenio colectivo, ou por acordo entre o empresario e os representantes dos traballadores, ou fose fixada unilateralmente por aquel, o traballador dispoñerá dun prazo de vinte días, a partir do día en que tivese coñecemento da dita data, para presentar a demanda no Xulgado do Social.
b) Cando non estivese sinalada a data de desfrute das vacacións, a demanda deberase presentar, polo menos, con dous meses de antelación á data de desfrute pretendida polo traballador.
c) Se unha vez iniciado o proceso se produce a fixación das datas de desfrute de conformidade co previsto no artigo 38 do texto refundido da Lei Estatuto dos Traballadores, non se interromperá a continuación do procedemento.
d) Cando o obxecto do debate verse sobre preferencias atribuídas a determinados traballadores, estes tamén deberán ser demandados.
Artigo 126.
O procedemento será urxente e daráselle tramitación preferente. O acto da vista deberá sinalarse dentro dos cinco días seguintes ao da admisión da demanda. A sentencia, que non terá recurso, deberá ser dictada no prazo de tres días.
SECCIÓN 2ª. MATERIA ELECTORAL
Subsección 1ª. Impugnación dos laudos
Artigo 127.
1. Os laudos arbitrais previstos no artigo 76 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores poderán ser impugnados a través do proceso previsto nos artigos seguintes.
2. A impugnación poderaa formular quen teña interese lexítimo, incluída a empresa cando nela concorra o dito interese, no prazo de tres días, contados desde que tiveron coñecemento do mesmo.
Artigo 128.
A demanda só se poderá fundar en:
a) Indebida apreciación ou non apreciación de calquera das causas establecidas no artigo 76.2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, sempre que a mesma fose alegada polo promotor no curso da arbitraxe.
b) Ter resolto o laudo aspectos non sometidos á arbitraxe ou que, de o seren, non poidan ser obxecto do mesmo. Nestes casos a anulación afectará só aos aspectos non sometidos a decisión ou non susceptibles de arbitraxe, sempre que estes teñan substantividade propia e non aparezan indisolublemente unidos á cuestión principal.
c) Promover a arbitraxe fóra dos prazos estipulados no artigo 76 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
d) Non lles ter concedida o árbitro ás partes a oportunidade de seren oídas ou de presentaren probas.
Artigo 129.
1. A demanda deberase dirixir contra as persoas e sindicatos que foron partes no procedemento arbitral, así como fronte a calquera outros afectados polo laudo obxecto de impugnación.
2. En ningún caso terán a consideración de demandados os comités de empresa, os delegados de persoal ou a mesa electoral.
Artigo 130.
Se, examinada a demanda, o Xuíz coida que pode non ter sido dirixida contra todos os afectados, citará as partes para que comparezan, dentro do día seguinte, a unha audiencia preliminar en que, oídas as partes sobre a posible situación de litisconsorcio pasivo necesario, resolverá sobre ela no acto.
Artigo 131.
Nestes procesos poderán comparecer como parte, cando teñan interese lexítimo, os sindicatos, o empresario e os compoñentes de candidaturas non presentadas por sindicatos.
Artigo 132.
1. Este proceso tramitarase con urxencia e terá as seguintes especialidades:
a) Ao non admitir a demanda, o Xuíz solicitará da oficina pública texto do laudo arbitral, así como copia do expediente administrativo relativo ao proceso electoral. A documentación referida deberá ser enviada polo requirido dentro do día seguinte.
b) O acto do xuízo deberase celebrar dentro dos cinco días seguintes á admisión da demanda. A sentencia, contra a que non cabe recurso, terá que se dictar no prazo de tres días e deber ser comunicada ás partes e á oficina pública.
c) A substanciación deste proceso non suspenderá o desenvolvemento do procedemento electoral, agás que o acorde motivadamente o Xuíz, a pedimento de parte, caso de concorrer causa xustificativa.
2. Cando o demandante fose a empresa, e o Xuíz apreciase que a demanda tiña por obxecto obstaculizar ou atrasar o retroceso electoral, a sentencia que resolva a pretensión impugnatoria poderá impoñerlle a sanción prevista no artigo 97.3.
Subsección 2ª. Impugnación da resolución administrativa que denegue o rexistro
Artigo 133.
1. Perante o Xulgado do Social na circunscrición do cal estea a oficina pública poderase impugnar a denegación por esta do rexistro das actas relativas a eleccións de delegados de persoal e membros do comité de empresa. Poderán ser demandantes aqueles que obtivesen algún representante na acta de eleccións.
2. A oficina pública será sempre parte, dirixíndose a demanda tamén contra aqueles que presentasen candidatos ás eleccións obxecto da resolución administrativa.
Artigo 134.
O prazo de exercicio da acción de impugnación será de dez días, contados a partir daquel en que se reciba a notificación.
Artigo 135.
1. Este proceso tramitarase con urxencia. Dentro das corenta e oito horas seguintes á admisión da demanda, o Xuíz requiriralle á oficina pública competente o envío do expediente administrativo, que deberá ser remitido no prazo de dous días.
2. O acto do xuízo terá que se celebrar dentro dos cinco días seguintes á recepción do expediente.
Artigo 136.
A sentencia, contra a que non cabe recurso, deberase dictar no prazo de tres días, e deberá ser comunicada ás partes e á oficina pública. De considerar a demanda, a sentencia ordenará de inmediato o rexistro da acta electoral.
SECCIÓN 3ª. CLASIFICACIÓN PROFESIONAL
Artigo 137.
1. A demanda que inicie este proceso será acompañada do informe emitido polo comité de empresa ou, se é o caso, polos delegados de persoal. No caso de que estes órganos non emitisen o informe no prazo de quince días, ao demandante abondaralle con acreditar que o solicitou.
2. Na providencia en que se teña por presentada a demanda, o Xuíz ordenará reclamar informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social, remitíndolle copia da demanda e documentos que a ela se xunten. O informe versará sobre os feitos invocados e circunstancias concorrentes relativas á actividade do demandante e deberá emitirse no prazo de quince días.
3. Contra a sentencia non caberá ningún recurso.
SECCIÓN 4ª. MOBILIDADE XEOGRÁFICA E MODIFICACIÓNS SUBSTANCIAIS DE CONDICIÓNS DE TRABALLO
Artigo 138.
1. O proceso iniciarase por demanda dos traballadores afectados pola decisión empresarial, que se deberá presentar no prazo dos vinte días hábiles seguintes á notificación da decisión.
2. Cando o obxecto do debate verse sobre preferencias atribuídas a determinados traballadores, estes tamén deberán ser demandados. Igualmente deberán ser demandados os represantes dos traballadores cando, tratándose de traslados ou modificacións de carácter colectivo, a medida conte coa conformidade daqueles.
3. Se unha vez iniciado o proceso se formulase demanda de conflicto colectivo contra a decisión empresarial, aquel proceso suspenderase ata a resolución da demanda de conflicto colectivo.
Non obstante, o acordo entre o empresario e os representantes legais dos traballadores, unha vez iniciado o proceso, non interromperá a continuación do procedemento.
4. O procedemento será urxente e daráselle tramitación preferente. O acto de vista terá que se sinalar dentro dos cinco días seguintes á da admisión da demanda.
A sentencia, que non terá recurso e será inmediatamente executiva, deberá ser dictada no prazo de dez días.
5. A sentencia declarará xustificada ou inxustificada a decisión empresarial, segundo quedasen acreditadas ou non, respecto dos traballadores afectados, as razóns invocadas pola empresa.
A sentencia que declare inxustificada a medida recoñecerá o dereito do traballador a ser reposto nas súas anteriores condicións de traballo.
Declarase nula a decisión adoptada en fraude de lei, eludindo as normas establecidas para as de carácter colectivo no último parágrafo do apartado 1 do artigo 40 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, e no último parágrafo do apartado 3 do artigo 41 do mesmo texto legal.
6. Cando o empresario non procedese a reintegrar o traballador nas súas anteriores condicións de traballo ou o fixese de xeito irregular, o traballador poderá solicitar a execución da sentencia perante o Xulgado do Social e a extinción do contrato por causa do previsto no artigo 50.1.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores conforme ao establecido nos artigos 277, 278 e 279 da presente Lei.
7. Se a sentencia declarase a nulidade da medida empresarial, a súa execución efectuarase nos seus propios termos, salvo que o traballador inste a execución prevista no apartado anterior. En todo caso serán de aplicación os prazos establecidos naquel.
CAPÍTULO VI
Da Seguridade Social
Artigo 139.
Nas demandas formuladas en materia de Seguridade Social contra as entidades xestoras ou servicios comúns, incluídas aquelas en que se invoque a lesión dun dereito fundamental acreditarase ter cumprido o trámite da reclamación previa regulado no artigo 71 desta Lei. En caso de se omitir, o Xuíz dispoñerá que se emende o defecto no prazo de catro días, e transcorrido este sen o facer, ordenará o arquivo da demanda sen máis trámite.
Artigo 140.
As entidades xestoras e a Tesourería Xeral da Seguridade Social poderán comparecer e ser tidas por parte nos preitos en materia de Seguridade Social nos que teñan interese, sen que tal intervención faga retroceder nin deter o curso das actuacións.
Artigo 141.
1. Se nas demandas por accidente de traballo ou enfermidade profesional non se consignase o nome da entidade xestora ou, se é o caso, da Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social, o Xuíz, antes do sinalamento para o xuízo, requirirá o empresario demandado para que no prazo de catro días presente o documento acreditativo da cobertura de risco. Se transcorrido este prazo non o presentase, vistas as circunstancias que concorran e oída a Tesourería Xeral da Seguridade Social, acordará o embargo de bens do empresario en cantidade suficiente para asegurar o resultado do xuízo.
2. Nos procesos por accidentes de traballo, o Xuíz, antes da celebración do xuízo, deberá solicitar da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social, se non figurase xa nos autos, informe relativo ás circunstancias nas que sobreveu o accidente, traballo que realizaba o accidentado, salario que percibía e base de cotización que será expedido necesariamente no prazo máximo de dez días.
Artigo 142.
1. Ao admitir a trámite a demanda, o Xuíz reclamaralle de oficio á entidade xestora ou servicio común a remisión do expediente orixinal ou copia del ou das actuacións e, se é o caso, informe dos antecedentes que posúan en relación co contido da demanda, no prazo de dez días. Se se remitise o expediente orixinal, será devolto á entidade de procedencia, unha vez que sexa firme a sentencia, e deixarase nos autos nota disto.
2. No proceso non se poderán aducir por ningunha das partes feitos distintos dos alegados no expediente administrativo.
Artigo 143.
1. O xuízo celebrarase no día sinalado, aínda que a entidade correspondente non remitise o expediente ou a súa copia, agás que xustificase suficientemente a omisión.
2. Se ao demandante lle conviñese a achega do expediente para os seus propios fins, poderá solicitar a suspensión do xuízo para que se reitere a orde de remisión do expediente nun novo prazo de dez días.
3. Se, chegada a data do novo sinalamento, non se remitise o expediente, poderanse ter por probados aqueles feitos alegados polo demandante, dos que a proba sexa imposible ou de difícil demostración por medios distintos daquel.
Artigo 144.
A falta de remisión do expediente notificaráselle ao director da entidade xestora ou do servicio común, para os efectos da posible esixencia de responsabilidade disciplinaria ao funcionario.
Artigo 145.
1. As entidades xestoras ou os servicios comúns non poderán revisar por si mesmos os seus actos declarativos de dereitos en prexuízo dos seus beneficiarios, e deberán, dado o caso, solicitar a revisión perante o Xulgado Social competente, mediante a oportuna demanda que se dirixirá contra o beneficiario do dereito recoñecido.
2. Exceptúanse do disposto no apartado anterior a rectificación de erros materiais ou de feito e os aritméticos, así como as revisións motivadas pola constatación de omisións ou inexactitudes nas declaracións do beneficiario.
3. A acción de revisión a que se refire o apartado 1 prescribirá aos cinco anos.
4. A sentencia que declare a revisión do acto impugnado será inmediatamente executiva.
CAPÍTULO VII
Do procedemento de oficio
Artigo 146.
O proceso poderase iniciar de oficio como consecuencia:
a) Das certificacións das resolucións firmes que dicte a autoridade laboral derivadas das actas de infracción da Inspección de Traballo e de Seguridade Social nas que se aprecien prexuízos económicos para os traballadores afectados.
b) Dos acordos da autoridade laboral competente, cando esta apreciase dolo, coacción ou abuso de dereito na conclusión dos acordos de modificación, suspensión ou extinción a que se refiren os artigos 47 e 51.5 do Estatuto dos Traballadores.
c) Das comunicacións da autoridade laboral á que se refire o artigo 149 desta Lei.
Artigo 147.
1. Nos documentos por virtude dos cales se inicia o proceso consignaranse os requisitos xerais esixidos por esta Lei para as demandas dos procesos ordinarios.
2. Sempre que as expresadas demandas afecten a máis de dez traballadores, o órgano xudicial requiriraos para que designen representantes na forma prevista no artigo 19 desta Lei.
Artigo 148.
1. O Xuíz examinará a demanda, antes de decretar a súa admisión, para o efecto de comprobar se reúne todos os requisitos esixidos, advertíndolle á autoridade laboral, se é o caso, os defectos ou omisións que conteña co fin de que sexan reparados no prazo de dez días.
2. Admitida a trámite a demanda, continuará o procedemento de acordo coas normas xerais do presente texto, coas especialidades seguintes:
a) O procedemento seguirase de oficio, mesmo sen asistencia dos traballadores prexudicados, que terán a consideración de parte, se ben non poderán desistir nin solicitar a suspensión do proceso.
b) A conciliación só poderá ser autorizada polo órgano xudicial cando fose cumpridamente satisfeita a totalidade dos prexuízos causados pola infracción.
c) Os pactos entre traballadores e empresarios posteriores á acta de infracción só terán eficacia no suposto de que fosen celebrados en presencia do Inspector de Traballo que redactou a acta, ou da autoridade laboral.
d) As afirmacións de feitos que se conteñan na resolución ou comunicación base do proceso farán fe agás proba en contrario, e incumbiralle toda a carga da proba á parte demandada.
e) As sentencias que se dicten nestes procesos deberán executarse sempre de oficio.
Artigo 149.
1. Tamén se poderá iniciar o proceso de oficio en virtude de comunicación que deberá dirixir a autoridade laboral ao Xulgado, cando calquera acta de infracción levantada pola Inspección de Traballo e de Seguridade Social fose impugnada polo suxeito responsable con base en alegacións e probas que poidan desvirtuar a natureza laboral da relación xurídica obxecto da actuación inspectora.
2. Así mesmo, no caso de que as actas de infracción versen sobre algunha das materias consideradas nos apartados 5, 6 e 10 do artigo 95 e 2, 11 e 12 do artigo 96 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, e o suxeito responsable as impugnase con base en alegacións e probas das que se deduza que o coñecemento do fondo da cuestión está atribuído á orde social da xurisdicción segundo o artigo 9.5 da Lei Orgánica do Poder Xudicial.
Artigo 150.
1. Á demanda de oficio á que se refire o artigo anterior, a autoridade laboral xuntaralle copia do expediente administrativo.
2. A admisión da demanda producirá a suspensión do expediente administrativo.
3. A este proceso de oficio seranlle aplicables as regras dos parágrafos a) e d) do artigo 148.2 desta Lei.
4. Cando se entenda que as alegacións do suxeito responsable pretenden a dilación da actuación administrativa, o órgano xudicial impoñerá na sentencia a multa por temeridade prevista no artigo 97.3 na súa máxima contía.
5. A sentencia firme seralle comunicada á autoridade laboral.
CAPÍTULO VIII
Do proceso de conflictos colectivos
Artigo 151.
1. Tramitaranse a través deste proceso as demandas que afecten a intereses xerais dun grupo xenérico de traballadores e que versen sobre a aplicación e interpretación dunha norma estatal, convenio colectivo, calquera que sexa a súa eficacia, e dunha decisión ou práctica de empresa.
2. Tamén se tramitará neste proceso a impugnación de convenios colectivos de conformidade co disposto no capítulo IX deste título.
Artigo 152.
Estarán lexitimados para promover procesos sobre conflictos colectivos:
a) Os sindicatos cun ámbito de actuación que se corresponda ou sexa máis amplo que o do conflicto.
b) As asociacións empresariais cun ámbito de actuación que se corresponda ou sexa máis amplo que o do conflicto, sempre que se trate de conflictos de ámbito superior á empresa.
c) Os empresarios e os órganos de representación legal ou sindical dos traballadores, cando se trate de conflictos de empresa ou de ámbito inferior.
Artigo 153.
En todo caso, os sindicatos representativos, de conformidade cos artigos 6 e 7 da Lei Orgánica de Liberdade Sindical; as asociacións empresariais representativas nos termos do artigo 87 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores e os órganos de representación legal ou sindical poderán comparecer como partes no proceso, aínda que non o promovesen, sempre que o seu ámbito de actuación se corresponda ou sexa máis amplo que o do conflicto.
Artigo 154.
1. Será requisito necesario para a tramitación do proceso o intento de conciliación ante o servicio administrativo correspondente ou ante os órganos de conciliación que se poidan establecer a través dos interprofesionais ou os convenios colectivos a que se refire o artigo 83 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
2. O acordado en conciliación terá a mesma eficacia atribuída aos convenios colectivos polo artigo 82 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, sempre que as partes que concilien posúan a lexitimación e adopten o acordo conforme os requisitos esixidos pola citada norma. En tal caso enviarase copia desta á autoridade laboral.
Artigo 155.
1. O proceso iniciarase mediante demanda dirixida ao Xulgado ou Tribunal competente, a cal conterá, ademais bos requisitos xerais, a designación xeral dos traballadores e empresas afectados polo conflicto, así como unha referencia sucinta aos fundamentos xurídicos da pretensión formulada.
2. Á demanda deberá xuntarse certificación de que se intentou a conciliación previa a que se refire o artigo anterior ou unha alegación de non ser necesaria esta.
Artigo 156.
O proceso poderase iniciar tamén mediante comunicación da autoridade laboral, a pedimento das representacións referidas no artigo 152. Na devandita comunicación conteranse idénticos requisitos aos esixidos para a demanda no artigo anterior. O Xuíz ou a Sala, se é o caso, advertirá a autoridade laboral dos defectos, omisións ou imprecisións que a comunicación poida conter, co fin de que se emende no prazo de dez días.
Artigo 157.
Este proceso terá carácter urxente. A preferencia no despacho destes asuntos será absoluta sobre calquera outros, salvo os de tutela da liberdade sindical e demais dereitos fundamentais.
Artigo 158.
1. Unha vez recibida a demanda ou a comunicación da autoridade laboral, o Xuíz ou Sala citará as partes para a celebración do acto do xuízo, que se deberá realizar, en única convocatoria, dentro dos cinco días seguintes ao da admisión a trámite da demanda.
2. A sentencia dictarase dentro dos tres días seguintes e notificaráselle, se é o caso, á autoridade laboral competente. A sentencia será executiva desde o momento en que se dicte, a pesar do recurso que contra ela poida interpoñerse.
3. A sentencia firme producirá efectos de cousa xulgada sobre os procesos individuais pendentes de resolución ou que poidan formularse, que versen sobre idéntico obxecto.
Artigo 159.
Contra as providencias e autos que se dicten na súa tramitación non caberá recurso, salvo o de declaración inicial de incompetencia.
Artigo 160.
De se recibir no Xulgado ou Tribunal comunicación das partes de que quedou solucionado o conflicto, procederase sen máis ao arquivo das actuacións calquera que sexa o estado da súa tramitación anterior á sentencia.
CAPÍTULO IX
Da impugnación de convenios colectivos
Artigo 161.
1. A impugnación dun convenio colectivo dos regulados no título III do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores por considerar que conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente o interese de terceiros poderá promoverse de oficio ante o Xulgado ou Sala competente mediante comunicación remitida pola autoridade laboral correspondente.
2. Se o convenio colectivo non fose aínda rexistrado, os representantes legais ou sindicais dos traballadores ou os empresarios que sostivesen a ilegalidade deste ou os terceiros lesionados que así o invocasen deberán solicitar previamente da autoridade laboral que curse ao Xulgado ou Sala a súa comunicación de oficio.
3. Se a autoridade laboral non contestase a solicitude á que se refire o apartado anterior no prazo de quince días, a desestimase ou o convenio colectivo xa fose antes rexistrado, a impugnación deste poderá ser instada directamente polos lexitimados para iso polos trámites do proceso de conflicto colectivo.
Artigo 162.
1. A comunicación de oficio que sosteña a ilegalidade do convenio deberá conter os requisitos seguintes:
a) A concreción da lexislación e os aspectos dela que se consideren conculcados polo convenio.
b) Unha referencia sucinta aos fundamentos xurídicos da ilegalidade.
c) A relación das representacións integrantes da comisión negociadora do convenio impugnado.
2. A comunicación de oficio que sosteña a lesividade do convenio deberá conter, ademais do requisito mencionado no parágrafo c) do apartado anterior, relación dos terceiros reclamantes, presuntamente lesionados, e indicación do interese destes que se trata de protexer.
3. O Xuíz ou Sala advertirá á autoridade laboral dos defectos, omisións ou imprecisións que puidese conter a comunicación, co fin de que se emenden no prazo de dez días.
4. O proceso seguirase, ademais de coas representacións integrantes da comisión negociadora do convenio, cos terceiros reclamantes, presuntamente lesionados, se é o caso, e, de os haber, cos denunciantes ante a autoridade laboral da ilegalidade ou lesividade do convenio.
5. Cando a impugnación procedese da autoridade laboral e non houbese denunciantes, tamén será citado o Avogado do Estado.
6. O Ministerio Fiscal será parte sempre nestes procesos.
7. Á comunicación de oficio xuntarase o convenio impugnado e copias deste para cantos sexan parte no proceso.
Artigo 163.
1. A lexitimación activa para impugnar un convenio colectivo, calquera que sexa a súa eficacia, polos trámites do proceso do conflicto colectivo correspóndelles:
a) Se a impugnación se fundamenta na ilegalidade do convenio, aos órganos de representación legal ou sindical dos traballadores, sindicatos e asociacións empresariais interesados.
b) Se o motivo da impugnación fose a lesividade do convenio, aos terceiros dos que o interese resultou gravememente lesionado. Non se terán por terceiros os traballadores e empresarios incluídos no ámbito de aplicación do convenio.
2. Estarán pasivamente lexitimadas todas as representacións integrantes da comisión negociadora do convenio.
3. A demanda conterá, ademais dos requisitos xerais, os particulares que para a comunicación de oficio se prevén no artigo anterior e deberá, así mesmo, xuntarse o convenio e as súas copias.
4. O Ministerio Fiscal será parte sempre nestes procesos.
Artigo 164.
1. Recibida a comunicación do oficio ou a demanda, o Xuíz ou Sala sinalará para o xuízo, con citación do Ministerio Fiscal e, se é o caso, das partes a que se refire o apartado 4 do artigo 162 desta Lei. Na súa comparecencia a xuízo, as ditas partes alegarán en primeiro termo a postura procesual que adopten, de conformidade ou oposición, respecto da pretensión imposta.
2. A sentencia, que se dictará dentro dos tres días seguintes, comunicaráselle á autoridade laboral e será executiva desde o momento en que se dicte, a pesar do recurso que contra ela se puidese interpoñer.
3. Cando a sentencia sexa anulatoria, en todo ou en parte, do convenio colectivo impugnado e este fose publicado, tamén se publicará no Boletín Oficial en que aquel fose inserido.
CAPÍTULO X
Da impugnación dos estatutos dos sindicatos ou da súa modificación
SECCIÓN 1ª. IMPUGNACIÓN DA RESOLUCIÓN ADMINISTRATIVA QUE DENEGUE O DEPÓSITO
Artigo 165.
1. Os promotores dos sindicatos de traballadores en fase de constitución e os asinantes da acta de constitución destes poderán impugnar as resolucións das oficinas públicas que rexeiten o depósito dos estatutos presentados para a súa publicidade.
2. O Ministerio Fiscal será sempre parte nestes procesos.
Artigo 166.
O prazo para o exercicio da acción de impulación será de dez días hábiles, contados a partir daquel en que sexa recibida a notificación da resolución denegatoria expresa ou de que transcorra un mes desde a presentación dos estatutos sen que Iles notificasen aos promotores os defectos que cumpra emendar.
Artigo 167.
Á demanda deberán xuntarse copias dos estatutos e da resolución denegatoria, de ter esta recaído expresamente, ou ben copia acreditativa da presentación dos devanditos estatutos.
Artigo 168.
Dentro do seguinte día hábil á admisión da demanda, o Xuíz ou Sala requirirá da oficina pública competente o envío do expediente, que deberá ser remitido no prazo de cinco días.
Artigo 169.
A sentencia, de considerar a demanda, ordenará de inmediato o depósito do estatuto sindical na correspondente oficina pública.
Artigo 170.
1. As regras establecidas nesta sección serán de aplicación aos procesos de impugnación da resolución denegatoria do depósito dos estatutos dos sindicatos, nos casos de modificación destes.
2. Estarán lexitimados para impugnar a resolución administrativa os representantes do sindicato e poderán comparecer como coadxuvantes os seus afiliados.
SECCIÓN 2ª. IMPUGNACIÓN DOS ESTATUTOS DOS SINDICATOS
Artigo 171.
1. O Ministerio Fiscal e os que acrediten un interese directo, persoal e lexítimo poderán solicitar a declaración xudicial de non ser conformes a Dereito os estatutos dos sindicatos que fosen obxecto de depósito e publicación, tanto no caso de que estean en fase de constitución como no de que adquirisen personalidade xurídica.
2. Estarán pasivamente lexitimados os promotores do sindicato e os asinantes da acta de constitución, así como os que legalmente representen o sindicato, no caso de este ter xa adquirida personalidade xurídica.
3. O Ministerio Fiscal será sempre parte nestes procesos.
Artigo 172.
Admitida a demanda, o órgano xudicial requirirá da oficina pública correspondente a remisión da copia autorizada do expediente; a dita ofinna deberá enviala no prazo de cinco días.
Artigo 173.
1. No caso de ser estimatoria, a sentencia declarará a nulidade das cláusulas estatuarias que non sexan conformes a Dereito ou dos estatutos na súa integridade.
2. A sentencia deberalle ser comunicada á oficina pública correspondente.
Artigo 174.
As regras establecidas nesta sección serán de aplicación aos procesos sobre modificacións dos estatutos dos sindicatos que xa tivesen personalidade xurídica.
CAPÍTULO XI
Da tutela dos dereitos de liberdade sindical
Artigo 175.
1. Calquera traballador ou sindicato que, invocando un dereito ou interese lexítimo, considere lesionados os dereitos de liberdade sindical poderá solicitar a súa tutela a través deste proceso cando a pretensión sexa das atribuídas á orde xurisdiccional social.
2. Naqueles casos en que lle corresponda ao traballador como suxeito lesionado a lexitimación activa como parte principal, o sindicato ao que este pertenza, así como calquera outro sindicato que posúa a condición de máis representativo, poderá comparecer como coadxuvante. Este non poderá recorrer nin continuar o proceso con independencia das partes principais.
3. O Ministerio Fiscal será sempre parte nestes procesos e adoptará, se é o caso, as medidas necesarias para a depuración das conductas delictivas.
Artigo 176.
O obxecto deste proceso queda limitado ao coñecemento da lesión da liberdade sindical, sen posibilidade de acumulación con accións doutra natureza ou con idéntica pretensión baseada en fundamentos diversos da tutela da citada liberdade.
Artigo 177.
1. A tramitación destes procesos terá carácter urxente para todos os efectos, sendo preferente respecto de todos os que se sigan no Xulgado ou Tribunal. Os recursos que se interpoñan serán resoltos polo Tribunal con igual preferencia.
2. A demanda deberá interpoñerse dentro do prazo xeral de prescrición ou caducidade da acción prevista para as conductas ou actos sobre os que se concrete a lesión á liberdade sindical.
3. A demanda, ademais dos requisitos xerais establecidos nesta Lei, deberá expresar con claridade os feitos constitutivos da vulneración alegada.
4. Sen prexuízo do disposto no artigo 81.1 desta Lei, o Xuíz ou Sala rexeitará clara e manifestamente as demandas que non se deban tramitar de acordo coas disposicións deste capítulo, advertindo ao demandante do dereito que o asiste a promover a acción pola vía procesual correspondente. Non obstante, o Xuíz ou Sala poderalle dar á demanda a tramitación ordinaria ou especial se para unha ou outra fose competente e a dita demanda reunise os requisitos esixidos pola Lei.
Artigo 178.
1. No mesmo escrito de interposición da demanda o demandante poderá solicitar a suspensión dos efectos do acto impugnado. Só se poderá deducir esta petición cando se trate de presuntas lesións que impidan a participación de candidatos no proceso electoral ou o exercicio da función representativa ou sindical respecto da negociación colectiva, reestructuración de cadros de persoal, ou outras cuestións de importancia transcendental que afecten ao interese xeral dos traballadores e que poidan causar danos de imposible reparación.
2. Dentro do día seguinte á admisión da demanda, o Xulgado ou Tribunal citará as partes e o Ministerio Fiscal para que, no día e hora que se sinale dentro das corenta e oito horas seguintes, comparezan a unha audiencia preliminar, na que só se admitirán alegacións e probas sobre a suspensión solicitada.
3. O órgano xudicial resolverá no acto mediante auto dictado de viva voz, adoptando, se é o caso, as medidas oportunas para reparar a situación.
Artigo 179.
1. Admitida a trámite a demanda, o Xuíz ou Tribunal citará as partes para os actos de conciliación e xuízo, que se deberán realizar dentro do prazo improrrogable dos cinco días seguintes ao da admisión da demanda. En todo caso, deberá mediar un mínimo de dous días entre a citación e a efectiva celebración daqueles actos.
2. No acto do xuízo, unha vez constatada a concorrencia de indicios de que se produciu violación da liberdade sindical, corresponderalle ao demandado a achega dunha xustificación obxectiva e razoable, suficientemente probada, das medidas adoptadas e da súa proporcionalidade.
3. O Xuíz ou Sala dictará sentencia no prazo de tres días desde a celebración do acto do xuízo, que se publicará e se lles notificará inmediatamente ás partes ou aos seus representantes.
Artigo 180.
1. A sentencia declarará a existencia ou non da vulneración denunciada. En caso afirmativo e logo de declaración da nulidade radical da conducta do empregador, asociación patronal, Administración pública ou calquera outra persoa, entidade ou corporación pública ou privada, ordenará o cesamento inmediato do comportamento antisindical e a reposición da situación ao momento anterior a producirse este, así como a reparación das consecuencias derivadas do acto, incluída a indemnización que procedese.
2. De se considerar que non concorren na conducta do demandado as devanditas circunstancias, o Xuíz ou a Sala resolverá na propia sentencia o levantamento da suspensión da decisión ou acto impugnado ou da medida cautelar que, no seu momento, puidese ter acordado.
Artigo 181.
As demandas de tutela dos demais dereitos fundamentais e liberdades públicas, incluída a prohibición de tratamento discriminatorio, que se susciten no ámbito das relacións xurídicas atribuídas ao coñecemento da orde xurisdiccional social, tramitaranse conforme as disposicións establecidas neste capítulo. Nas devanditas demandas expresarase o dereito ou dereitos fundamentais que se consideren infrinxidos.
Artigo 182.
A pesar do disposto nos artigos anteriores, as demandas por despedimento e polas demais causas de extinción do contrato de traballo, as de desfrute de vacacións, as de materia electoral, as de impugnación dos estatutos dos sindicatos ou da súa modificación e as de impugnación de convenios colectivos en que se invoque lesión da liberdade sindical ou doutro dereito fundamental tramitaranse, inescusablemente, de acordo coa modalidade procesual correspondente.
TÍTULO III
Da audiencia ao demandado rebelde
Artigo 183.
Aos procesos seguidos sen que comparecese o demandado seranlles de aplicación as normas contidas no título IV, libro II, da Lei de Axuizamento Civil, coas especialidades seguintes:
1ª. Non será necesaria a declaración de rebeldía do demandado que, citado en forma, non compareza ao xuízo.
2ª. A pedimento do demandante poderase decretar o embargo de bens mobles e inmobles no necesario para asegurar a petición.
3ª. O prazo para solicitar a audiencia será de tres meses desde a publicación da sentencia no Boletín Oficial correspondente nos supostos e condicións previstos no artigo 785 da Lei de Axuizamento Civil.
4ª. A petición formularase ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza correspondente ou do Tribunal Supremo, se é o caso.
5ª. A audiencia ao demandado substanciarase ante o órgano que coñeceu o litixio en instancia.
6ª. En ambos os supostos seguiranse os trámites do proceso ordinario.
LIBRO III
Dos medios de impugnación
CAPÍTULO I
Dos recursos contra providencias e autos
Artigo 184.
1. Contra as providencias e autos que dicten os Xuíces do Social poderá interpoñerse recurso de reposición, sen prexuízo do cal se levará a efecto a resolución impugnada.
2. Contra o auto resolutorio do recurso de reposición non se dará novo recurso, salvo nos supostos expresamente establecidos nesta Lei sen prexuízo da responsabilidade civil que, se é o caso, proceda.
3. Non haberá lugar ao recurso de reposición contra as providencias e autos que se dicten nos procesos de conflictos colectivos e nos de impugnación de convenios colectivos.
Artigo 185.
1. Contra as providencias que non sexan de simple tramitación e os autos que dicten as Salas do Social poderá interpoñerse recurso de súplica ante a mesma Sala, sen prexuízo do cal se levará a efecto a resolución impugnada.
2. Contra o auto resolutorio do recurso de súplica non se dará novo recurso, salvo nos supostos expresamente establecidos nesta Lei, sen prexuízo da responsabilidade civil que, se é o caso, proceda.
3. Non haberá lugar ao recurso de súplica contra as providencias e autos que se dicten nos procesos de conflictos colectivos e nos de impugnación de convenios.
Artigo 186.
Os recursos de reposición e de súplica substanciaranse de conformidade co establecido na Lei de Axuizamento Civil.
Artigo 187.
Os recursos de queixa que coñezan as Salas do Social dos Tribunais Superiores de Xustiza ou a Sala do Social do Tribunal Supremo, segundo os casos, tramitaranse sempre de conformidade co disposto na Lei de Axuizamento Civil para recorrer en queixa ante o Tribunal Supremo.
CAPÍTULO II
Do recurso de suplicación
Artigo 188.
1. As Salas do Social dos Tribunais Superiores de Xustiza coñecerán os recursos de suplicación que se interpoñan contra as resolucións dictadas polos Xulgados do Social da súa circunscrición.
2. Procederá o dito recurso contra as resolucións que se determinan nesta Lei e polos motivos que nela se establecen.
Artigo 189.
Son susceptibles de recurso de suplicación:
1. As sentencias que dicten os Xulgados do Social nos procesos que ante eles se tramiten, calquera que sexa a natureza do asunto, salvo as que recaian nos procesos relativos á data de desfrute de vacacións, nos de materia electoral, nos de clasificación profesional, nos de impugnación de sanción por falta que non sexa moi grave, así como por falta moi grave non confirmada xudicialmente, e as dictadas en reclamacións cunha contía litixiosa que non exceda de 300.000 pesetas. Procederá en todo caso a suplicación:
a) Nos procesos por despedimento.
b) Nos seguidos por reclamacións, acumuladas ou non, nos que a cuestión debatida afecte a todos ou a un gran número de traballadores ou beneficiarios da Seguridade Social, sempre que tal circunstancia de afectación xeral fose notoria ou fose alegada e probada en xuízo ou posúa claramente un contido de xeneralidade non posto en dúbida por ningunha das partes.
c) Nos procesos que versen sobre recoñecemento e denegación do dereito a obter prestacións da Seguridade Social, incluídas as de desemprego, así como sobre o grao de invalidez aplicable.
d) Contra as sentencias dictadas por reclamacións que teñan por obxecto emendar unha falta esencial do procedemento ou a omisión do intento de conciliación obrigatoria previa, sempre que se formulase a protesta en tempo e forma e producisen indefensión.
e) Contra as sentencias que decidan sobre a competencia do Xulgado por razón da materia. Se o fondo do asunto non está comprendido dentro dos límites da suplicación, a sentencia resolverá só sobre a competencia.
Contra as sentencias que decidan sobre a competencia por razón do lugar só se poderán recorrer en suplicación se a reclamación debatida estivese comprendida dentro dos límites deste artigo.
f) Contra as sentencias dictadas en materias de conflictos colectivos, impugnación de convenios colectivos, impugnación dos estatutos dos sindicatos e tutela da liberdade sindical e demais dereitos fundamentais e liberdades públicas.
2. Os autos que decidan o recurso de reposición interposto contra os que en execución de sentencia dicten os Xulgados do Social sempre que a sentencia executoria fose susceptible de recurso en suplicación, cando resolvan puntos substanciais non controvertidos no preito, non decididos na sentencia ou que contradigan o executoriado.
3. Os autos que declaren que non procede o requirimento de inhibición, respecto de asunto que, segundo o establecido neste artigo, puidese ter sido obxecto de recurso en suplicación.
4. Os autos que resolvan o recurso de reposición interposto contra a resolución en que o Xuíz, acto seguido da presentación da demanda, se declare incompetente por razón da materia.
Artigo 190.
1. Se fosen varios os demandantes, ou algún demandado reconviñese, a contía litixiosa, para efectos da procedencia ou non do recurso, determinaraa a reclamación cuantitativa maior.
2. Se o demandante formulase varias pretensións e reclamase cantidade por cada unha delas, sumaranse todas para establecer a contía.
Artigo 191.
O recurso de suplicación terá por obxecto:
a) Repoñer os autos ao estado en que se encontraban no momento en que se infrinxiron normas ou garantías do procedemento que produciron indefensión.
b) Revisar os feitos declarados probados, á vista das probas documentais e periciais levadas a cabo.
c) Examinar as infraccións de normas substantivas ou da xurisprudencia.
Artigo 192.
1. O recurso de suplicación deberase anunciar dentro dos cinco días seguintes á notificación da sentencia, abondando para iso a simple manifestación da parte ou do seu avogado ou representante, ao facerlle a notificación dela, do seu propósito de promovelo. Tamén se poderá anunciar por comparecencia ou por escrito das partes ou do seu avogado ou representante perante o Xulgado que dictou a resolución impugnada, dentro do indicado prazo.
2. Nas sentencias dictadas en materia de Seguridade Social que lle recoñezan ao beneficiario o dereito de percibir prestacións, para que poida recorrer o condenado ao pagamento da devandita prestación será necesario que ingresase na Tesourería Xeral da Seguridade Social correspondente o capital importe da prestación declarada na sentencia, co obxecto de aboárllella aos beneficiarios durante a substanciación do recurso, presentando no Xulgado o oportuno resgardo que se testemuñará en autos e que quedará baixo a custodia do Secretario.
3. No suposto referido no número anterior e unha vez anunciado o recurso, o Xuíz dictará providencia ordenando que se dea traslado á entidade xestora ou servicio común para que se fixe o capital importe da pensión que se deba percibir. Recibida esta comunicación, notificaralla ao recorrente para que, no prazo de cinco días, efectúe a consignación requirida na Tesourería Xeral da Seguridade Social, baixo apercibimento de que, de non o facer así, se poñerá fin ao trámite de recurso.
4. Se na sentencia se condenase a entidade xestora, esta quedará exenta do ingreso establecido no número dous, pero deberá presentar perante o Xulgado, ao anunciar o seu recurso, certificación acreditativa de que comeza o aboamento da prestación de pagamento periódico e de que o proseguirá puntualmente durante a tramitación do recurso. De non se cumprir efectivamente este aboamento, poñerase fin ao trámite do recurso.
Artigo 193.
1. Se a resolución fose susceptible de recurso de suplicación e a parte anunciase o recurso en tempo e forma e cumprise as demais prevencións establecidas nesta Lei, o Xuíz terá por anunciado o recurso e acordará poñer os autos a disposición do letrado designado para que no prazo dunha audiencia se faga cargo daqueles e interpoña o recurso no dos dez días seguintes ao do vencemento da devandita audiencia. Este prazo correrá calquera que sexa o momento en que o letrado recolla os autos postos á súa disposición.
2. Se a resolución impugnada non fose susceptible de recurso en suplicación, se o recorrente infrinxise o seu deber de consignar ou de asegurar a cantidade obxecto de condena, ou se o recurso non se anunciase en tempo, o órgano xudicial declarará, mediante auto motivado, ter por non anunciado o recurso. Igual regra se aplicará cando o recurso verse sobre prestacións da Seguridade Social e se omitisen as prevencións contidas no artigo anterior. Contra este auto poderá recorrerse en queixa perante a Sala.
3. Se o recorrente incorrese en defectos ou omisións consistentes na insuficiencia de consignar a condena ou de asegurala, de presentar o resgardo do depósito ao que se refire o artigo 227 desta Lei, ou non se acreditase a representación debida polo que anuncia o recurso, o Xuíz concederalle á parte o tempo que considere pertinente para a achega dos documentos omitidos ou para a emenda dos defectos apreciados, que en ningún caso será superior a cinco días. De non o efectuar, dictará auto que poña fin ao trámite do recurso e quedará firme a sentencia impugnada. Contra o dito auto poderá recorrerse en queixa ante a Sala.
Artigo 194.
1. O escrito que interpón o recurso de suplicación presentarase ante o Xulgado que dictou a resolución impugnada, con tantas copias cantas sexan as partes obxecto de recurso.
2. No escrito de interposición do recurso expresaranse, con suficiente precisión e claridade, o motivo ou os motivos en que se ampare, citándose as normas do ordenamento xurídico ou a xurisprudencia que se consideren infrinxidas. En todo caso razoarase a pertinencia e fundamentación dos motivos.
3. Tamén se deberán sinalar de maneira suficiente para que sexan identificados os documentos ou pericias en que se basee o motivo da revisión dos feitos probados que se aduza.
Artigo 195.
Interposto o recurso en tempo e forma ou emendados os seus defectos ou omisións, o Xuíz proverá no prazo de dous días dando traslado deste á parte ou parte obxecto de recurso por un prazo, único de cinco días para todas. Transcorrido este prazo, ben se presentasen, ben non, escritos de impugnación, elevaranse os autos á Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza, xunto co recurso e con aqueles escritos, dentro dos dous días seguintes.
Artigo 196.
As partes recorrentes e mais as obxecto de recurso deberán facer constar, nos escritos de interposición do recurso e de impugnación deste, un domicilio na sede da Sala do Social do Tribunal Superior para efectos de notificación.
Artigo 197.
Se a Sala apreciase, recibidos os autos, defectos ou omisións emendables no recurso, concederalle á parte o prazo que considere suficiente, en ningún caso superior a oito días, para que se acheguen os documentos omitidos ou se emenden os defectos apreciados. De non se efectuar, a Sala dictará auto declarando a inadmisión do recurso e a firmeza da resolución obxecto de recurso, coa devolución do depósito constituído e remisión das actuacións ao Xulgado de procedencia. Contra o dito auto só cabe recurso de súplica.
Artigo 198.
1. Instruído dos autos por tres días o Maxistrado relator, daralle conta á Sala do recurso interposto e esta poderá acordar a súa inadmisión, con audiencia do recorrente, por non ter xa considerado a Sala no fondo outros recursos en supostos substancialmente iguais.
2. A audiencia ao recorrente axustarase ás seguintes regras:
a) O Tribunal, nos cinco días seguintes a aquel en que quedou instruído o Maxistrado relator, identificará, mediante relación sucinta os precedentes xurisdiccionais de igualdade que constitúan unha doutrina consolidada, así como o precepto ou preceptos legais de referencia aplicables ás ditas situacións iguais e as razóns que xustifiquen a adopción do criterio xa seguido pola Sala, e notiticarallos ao recorrente.
b) Dentro dos cinco días seguintes á notificación, o recorrenle emitirá as súas alegacións sobre os puntos contidos no acordo da Sala.
3. A resolución de inadmisión do recurso deberá dictarse motivadamente dentro dos tres días seguintes ao transcurso do prazo de audiencia concedido á parte, ben se emitisen, ben non, as alegacións. Contra o auto de inadmisión non cabe recurso de súplica e notificaráselles ás partes e mais á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza.
4. A inadmisión do recurso determinará a imposición de custas ao recorrente nos termos establecidos nesta Lei, así como a devolución do depósito da cantidade fixa e necesaria para recorrer, o que se levará a cabo cando o auto sexa firme.
Artigo 199.
1. De se admitir o recurso, a Sala dictará sentencia dentro do prazo de dez días, que se lles notificará ás partes e mais á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza.
2. Cando sexa firme a sentencia, a Sala devolverá os autos, xunto coa certificación daquela, ao Xulgado de procedencia para a súa execución.
Artigo 200.
Cando a revogación da resolución de instancia se funde en que se infrinxiron normas ou garantías do procedemento que producisen indefensión, a Sala, sen entrar no fondo da cuestión, mandará repoñer os autos ao estado en que se encontraban no momento de se cometer a infracción; e se esta se producise no acto do xuízo, ao momento do seu sinalamento.
Artigo 201.
1. Cando a Sala revogue totalmente a sentencia de instancia e o recorrente consignase en metálico a cantidade importe da condena ou asegurase esta conforme o establecido nesta Lei, así como constituíse o depósito necesario para recorrer, a sentencia dispoñerá a devolución de todas as consignacións e do depósito e a cancelación dos aseguramentos prestados, ao que sexa firme a sentencia.
2. Se, considerado o recurso de suplicación, se condenase a unha cantidade inferior á resolución obxecto de recurso, a sentencia dispoñerá a devolución parcial das consignacións, na contía que corresponda á diferencia das dúas condenas, e a cancelación tamén parcial dos aseguramentos prestados, ao que sexa firme a sentencia.
3. En todos os supostos de consideración parcial do recurso de suplicación, a sentencia dispoñerá a devolución da totalidade do depósito.
Artigo 202.
1. Cando a Sala confirme a sentencia e o recorrente consignase as cantidades a que se refire esta Lei, a sentencia condenará á perda das consignacións, ás que se lles dará o destino que lles corresponda cando a sentencia sexa firme.
2. No caso de que o Xuíz lle impuxese á parte que obrou con mala fe ou temeridade notoria a multa que sinala o artigo 97.3 desta Lei, a sentencia da Sala confirmará ou non, en todo ou en parte, tamén motivadamente, a devandita multa, e pronunciarase así mesmo, cando o condenado fose o empresario, sobre os honorarios dos avogados impostos na sentencia obxecto de recurso.
3. Se o recorrente asegurase o importe da condena conforme o establecido nesta Lei, mandará a Sala na súa sentencia confirmatoria que se manteñan os aseguramentos prestados, ata que o condenado cumpra a sentencia ou ata que, en cumprimento da sentencia, resolva a realización dos ditos aseguramentos.
4. Se o recorrente constituíse o depósito necesario para recorrer, a sentencia confirmatoria dispoñerá a súa perda, o que se ha realizar cando a sentencia sexa firme.
CAPÍTULO III
Do recurso de casación
Artigo 203.
1. A Sala Cuarta do Tribunal Supremo coñecerá os recursos de casación interpostos contra as sentencias dictadas en única instancia polas Salas do Social dos Tribunais Superiores de Xustiza e pola Sala do Social da Audiencia Nacional.

Artigo 204.
Son susceptibles en casación:
Primeiro.- As sentencias dictadas en única instancia polas Salas ás que se refire o artigo anterior.
Segundo.- Os autos que decidan o recurso de súplica interposto contra os que en execución de sentencia dicten as ditas Salas, cando resolvan puntos substanciais controvertidos no preito, non decididos na sentencia ou que contradigan o executoriado.
Terceiro.- Os autos que resolvan o recurso de súplica interposto contra a resolución en que a Sala, acto seguido á presentación da demanda, se declare incompetente por razón da materia.
Artigo 205.
O recurso de casación deberá fundarse nalgún dos seguintes motivos:
a) Abuso, exceso ou defecto no exercicio da Xurisdicción.
b) Incompetencia ou inadecuación do procedemento.
c) Quebrantamento das formas esenciais do xuízo por infracción das normas reguladoras da sentencia ou das que rexen os actos e garantías procesuais, sempre que, neste último caso, se producise indefensión para a parte.
d) Erro na apreciación da proba baseado en documentos que consten en autos que demostren a equivocación do xulgador, sen resultar contraditos por outros elementos probatorios.
e) Infracción das normas do ordenamento xurídico ou da xurisprudencia que fosen aplicables para resolver as cuestións obxecto de debate.
Artigo 206.
1. O recurso de casación deberá prepararse no prazo dos dez días seguintes á notificación da sentencia, abondando para consideralo preparado a simple manifestación das partes ou do seu avogado ou representante, ao facerlle a notificación dela, do seu propósito de inicialo.
2. Tamén se poderá preparar por comparecencia ou por escrito das partes ou do seu avogado ou representante, dentro do mesmo prazo sinalado no número anterior, perante a Sala que dictou a resolución que se impugna.
Artigo 207.
1. Cumpridos os requisitos establecidos para recorrer, a Sala terá por preparado o recurso ou os recursos de casación e emprazará as partes para que comparezan persoalmente ou por medio de avogado ou representante perante a Sala do Social do Tribunal Supremo, no prazo de quince días hábiles se tivesen o seu domicilio na Península, ou de vinte se residesen fóra dela, e remitiranse os autos dentro dos cinco días seguintes ao do emprazamento.
2. Se a resolución impugnada non fose susceptible de recurso en casación, se o recorrente infrinxise o seu deber de consignar ou de asegurar a cantidade obxecto de condena, ou se o recurso non se preparase en tempo, a Sala declarará, mediante auto motivado, ter por non preparado o recurso. Contra este auto poderá recorrerse en queixa.
3. Se o recorrente incorrese en defectos ou omisións emendables, a Sala concederalle o tempo suficiente para que se emenden os detectos observados, que en ningún caso será superior a dez días. De non o efectuar, a Sala dictará auto que poña fin ao trámite do recurso e quedará firme a sentencia impugnada. Contra este auto poderá recorrerse en queixa.
Artigo 208.
1. Se o recorrente comparecese perante a Sala Cuarta persoalmente ou por medio de representante dentro do prazo establecido, será tido por parte para todos os efectos.
2. A petición de avogado de oficio feita polo recorrente ao preparar a casación exímeo de comparecer perante a Sala Cuarta, sen prexuízo de que se entendan as dilixencias co dito avogado.
3. Se o recorrente non comprendido no número anterior deixa transcorrer o tempo concedido para o emprazamento sen comparecer ante a Sala do Social, esta declarará deserto o recurso e devolverá as actuacións á Sala de procedencia.
Artigo 209.
De non se presentaren os poderes que acrediten a representación da parte ou o resgardo de ter constituído o depósito legalmente esixido, ou de se observar neles algún defecto, a Sala concederalle á parte o prazo que considere pertinente, sen que exceda de dez días, para que se acheguen os documentos omitidos ou emende os defectos percibidos. De non se efectuar, a Sala dictará auto en que declare a inadmisión do recurso e a firmeza da resolución obxecto de recurso, coa devolución do depósito constituído e a remisión das actuacións á Sala de procedencia. Contra o dito auto só cabe o recurso de súplica.
Artigo 210.
Recibidos os autos na Sala Cuarta, esta acordará a súa entrega ao avogado designado polo recorrente ou nomeado de oficio para que formalice o recurso no prazo de vinte días, prazo que empezará a correr, calquera que sexa o momento en que os retire, a partir da data en que se lle notifique que os autos están na Secretaría da Sala e á súa disposición.
Artigo 211.
1. Instruído dos autos por tres días o Maxistrado relator, daralle conta á Sala do recurso interposto e esta poderá acordar oír o recorrente sobre a inadmisión do recurso.
2. Son causas de inadmisión o incumprimento de maneira manifesta e irreparable dos requisitos para recorrer, a falta de contido casacional da pretensión e o non se teren xa considerados no fondo outros recursos en supostos substancialmente iguais.
3. A audiencia sobre a inadmisión do recurso emitiraa a parte dentro dos tres días seguintes a aquel en que lle foi notificada a resolución da Sala, e conferiráselle traslado dos autos ao Ministerio Fiscal por prazo de oito días para que informe sobre a inadmisión de todos os motivos do recurso ou dalgún deles.
4. Se a Sala considerase que concorre algunha das causas de inadmisión referidas, dictará no prazo de tres días auto motivado en que se declare a inadmisión do recurso e a firmeza da resolución obxecto de recurso, con imposición de custas ao recorrente nos termos establecidos nesta Lei, coa devolución do depósito necesario para recorrer, sen que caiba recurso contra a devandita resolución. Se a inadmisión non fose de todos os motivos aducidos, así o resolverá a Sala mediante o auto motivado que dicte, igualmente non susceptible de recurso, continuando a tramitación do recurso respecto dos motivos non afectados polo auto de inadmisión parcial.
Artigo 212.
1. De se admitir parcial ou totalmente o recurso, entregaranse os autos por prazo de dez días á parte ou partes obxecto do recurso e que comparecesen, para que formalicen escrito de impugnación, prazo que empezará a correr, calquera que sexa o momento en que se retire, a partir da data en que se lles notifique que están os autos na Secretaría da Sala e á súa disposición.
2. Se o Ministerio Fiscal non fose parte no preito, pasarán a el seguidamente os autos para que no prazo de dez días emita informe sobre a procedencia ou improcedencia da casación pretendida.
3. Devoltos os autos polo Ministerio Fiscal, xunto co seu informe, a Sala, se o considera necesario, sinalará día e hora para a celebración da vista ou, noutro caso, para votación e sentencia, e deberá celebrarse unha ou outros dentro dos dez días seguintes.
4. A Sala dictará sentencia no prazo de dez días, contados desde o seguinte ao de remate da vista ou ao da celebración da votación.
Artigo 213.
Se se considerase o recurso por todos ou algúns dos motivos, a Sala, nunha soa sentencia que case a resolución obxecto de recurso, resolverá conforme a Dereito, tendo en conta o seguinte:
a) De se considerar a falta de xurisdicción, a incompetencia ou a inadecuación do procedemento, anularase a sentencia e deixarase a salvo o dereito de exercer as pretensións ante quen corresponda ou polo prodecemento adecuado.
b) De se considerar as infraccións procesuais previstas no parágrafo c) do artigo 205 desta Lei, mandaranse repoñer as actuacións ao estado e momento en que se incorrese na falta, salvo que a infracción se producise durante a celebración do xuízo, caso en que se mandarán repoñer ao momento do seu sinalamento.
Se a infracción cometida versase sobre as regras reguladoras da sentencia, a consideración do motivo obrigará a Sala a resolver o que corresponda, dentro dos termos en que apareza formulado o debate. Pero se non o puidese facer, por ser insuficiente o relato de feitos probados da resolución obxecto de recurso, acordará a nulidade da dita resolución e das seguintes actuacións procesuais e mandará repoñer estas ao momento de dictar sentencia, para que se salven as insuficiencias advertidas e sigan os autos o seu curso legal.
c) De se considerar algún dos restantes motivos comprendidos no artigo 205, a Sala resolverá o que corresponda dentro dos termos en que apareza formulado o debate.
Artigo 214.
1. Sempre que o recurso de casación sexa considerado, se o recorrente consignase en metálico a cantidade importe da condena ou asegurase esta conforme o establecido nesta Lei, así como se constituíse depósito necesario para recorrer, a sentencia dispoñerá a devolución de todas as consignacións e do depósito e mais a cancelación dos aseguramentos prestados.
2. Se, considerado o recurso de casación, se condena a unha cantidade inferior á fixada na resolución obxecto de recurso, a sentencia dispoñerá a devolución parcial das consignacións, na contía que corresponda á diferencia das dúas condenas, e a cancelación tamén parcial dos aseguramentos realizados.
3. En todos os supostos de consideración parcial do recurso de casación, a sentencia dispoñerá a devolución da totalidade do depósito.
Artigo 215.
Se o recurso non é considerado e o recorrente tivese que consignar en metálico a cantidade importe da condena ou asegurar esta e constituír o depósito, a sentencia dispoñerá a perda das consignacións, así como a necesidade de que se manteñan os aseguramentos prestados ata que se cumpra a sentencia ou se resolva, se é o caso, a realización destes e a perda da cantidade obxecto do citado depósito.
CAPÍTULO IV
Do recurso de casación para a unificación de doutrina
Artigo 216.
Son susceptibles de recurso en casación para a unificación de doutrina as sentencias dictadas en suplicación polas Salas do Social dos Tribunais Superiores de Xustiza.
Artigo 217.
O recurso terá por obxecto a unificación de doutrina con ocasión de sentencias dictadas en suplicación polas Salas do Social dos Tribunais Superiores de Xustiza, que fosen contradictorias entre si coa doutra ou doutras Salas dos referidos Tribunais Superiores ou con sentencias do Tribunal Supremo, respecto dos mesmos litigantes ou doutros diferentes en idéntica situación, en que, debido a feitos, fundamentos e pretensións substancialmente iguais, se chegase a pronunciamentos distintos.
Artigo 218.
O recurso poderá preparalo calquera das partes ou o Ministerio Fiscal dentro dos dez días seguintes á notificación da sentencia impugnada.
Artigo 219.
1. O recurso prepararase mediante escrito dirixido á Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza que dictou a sentencia de suplicación.
2. O escrito deberá ir asinado por avogado e expresará o propósito da parte de formalizar o recurso, con exposición sucinta da concorrencia dos requisitos esixidos.
3. Se a sentencia de suplicación recoñecese o dereito a percibir pensións e subsidios, faranse os ingresos ou achegaranse as certificacións que para recorrer en suplicación esixe o artigo 192 desta Lei, na maneira que nel se establece, e deberán entenderse feitas á Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza as mencións ao Xulgado que se conteñen no dito precepto.
Artigo 220.
Cumpridos os requisitos para recorrer, a Sala terá por preparado o recurso, seguíndose os trámites establecidos nos artigos 207, 208 e 209 desta Lei.
Artigo 221.
1. A parte que preparase o recurso presentará perante a Sala do Social do Tribunal Supremo, dentro dos vinte días seguintes á data en que se lle fixo o emprazamento, o escrito de interposición do recurso. De non o facer así, a Sala dictará auto que poña fin ao trámite do recurso.
2. Salvo que se trate de avogado designado de oficio ou do libremente designado pola parte despois do resultado infructuoso do nomeamento de oficio, non será necesaria a entrega dos autos ao avogado recorrente para que formalice o recurso, a menos que este así o pedise expresamente, sen que a dita petición altere o transcurso do prazo de interposición.
Artigo 222.
O escrito de interposición do recurso deberá conter unha relación precisa e circunstanciada da contradicción alegada, con achega certificada da sentencia ou sentencias contrarias e con fundamentación da infracción legal cometida na sentencia impugnada, así como do quebranto producido na unificación da interpretación do dereito e a formación de xurisprudencia. A non achega da certificación da sentencia ou sentencias contrarias deberá repararse, no prazo de dez días, a menos que a parte acredite que a solicitou no tempo oportuno e que non se lle expediu; neste caso a Sala Cuarta do Tribunal Supremo reclamaraa de oficio.
Artigo 223.
1. Se a parte incumprise de maneira manifesta e irreparable os requisitos procesuais para recorrer ou cando a pretensión careza de contido casacional, o Maxistrado relator daralle conta á Sala en tres días da causa de inadmisión existente e esta acordará oír o recorrente sobre a inadmisión referida, audiencia que se realizará dentro de igual prazo de tres días. Se o Ministerio Fiscal non interpuxese o recurso, daráselle traslado para que informe no prazo de oito días sobre a inadmisión do recurso.
2. Se a Sala considerase que concorre algunha das causas de inadmisión referidas, dictará no prazo de tres días auto motivado en que se declare a inadmisión e firmeza da resolución obxecto de recurso, con imposición ao recorrente das custas causadas, nos termos establecidos nesta Lei. Contra o devandito auto non cabe recurso ningún. O auto de inadmisión levará consigo, se é o caso, a perda do depósito constituído, e daráselles ás consignacións e aseguramentos prestados o destino que corresponda, de acordo coa sentencia de suplicación.
3. Cando a Sala entendese que o recurso se interpuxo con depósito dilatorio, poderalle impoñer ademais ao recorrente unha sanción pecuniaria que non poderá exceder de 150.000 pesetas.
4. Para o despacho ordinario e resolución da inadmisión deste recurso, a Sala constituirase con tres Maxistrados.
Artigo 224.
1. De se admitir o recurso, a Sala daralle traslado do escrito de interposición á parte ou partes que comparecesen para que formalicen a súa impugnación dentro do prazo de dez días, que empezará a correr, calquera que sexa o momento en que se retiren, a partir da data en que se lle notifique que están os autos na Secretaría da Sala e á súa disposición.
2. Se o Ministerio Fiscal non fose o recorrente, pasarán a el seguidamente os autos para que no prazo de dez días informe sobre a procedencia ou improcedencia da casación pretendida.
Artigo 225.
1. Devoltos os autos polo Ministerio Fiscal, xunto co seu informe, a Sala acordará convocar, dentro dos dez días seguintes, para votación e sentencia. Esta deberá dictarse no prazo de dez días, contados desde o seguinte ao da celebración da votación.
2. Se a transcendencia e complexidade do asunto o aconsellase, o Presidente ou a maioría da Sala poderá acordar que esta se constitúa con cinco Maxistrados.
Artigo 226.
1. Os pronunciamentos da Sala Cuarta do Tribunal Supremo ao resolver estes recursos en ningún caso alcanzarán ás situacións xurídicas creadas polas resolucións precedentes á impugnada.
2. Se a sentencia do Tribunal Supremo declarase que aquela contra a que se recorreu quebranta a unidade da doutrina, casará e anulará esta sentencia e resolverá o debate formulado en suplicación con pronunciamentos axustados á dita unidade de doutrina, alcanzando ás situacións xurídicas particulares creadas pola sentencia impugnada. Na sentencia da Sala do Social do Tribunal Supremo resolverase o que proceda sobre consignacións, aseguramentos, custas, honorarios e multas, se é o caso, derivados do recurso de suplicación de acordo co establecido nesta Lei. Se se constituíse depósito para recorrer, acordarase a devolución do seu importe.
3. A sentencia desestimatoria por considerar que a sentencia obxecto de recurso contén a doutrina axustada ocasionará a perda do depósito para recorrer. A sentencia dispoñerá a cancelación ou o mantemento das consignacións ou aseguramentos prestados de acordo cos seus pronunciamentos.
CAPÍTULO V
Das disposicións comúns aos recursos de suplicación e casación
Artigo 227.
1. Todo o que, sen ter a condición de traballador ou habente causa seu ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social, intente interpoñer recurso de suplicación ou casación consignará como depósito:
a) 25.000 pesetas, se se trata de recurso de suplicación.
b) 50.000 pesetas, se o recurso fose o de casación, incluído o de casación para a unificación de doutrina.
2. Os depósitos constituiranse na entidade de crédito correspondente e o recorrente deberá facer entrega do resgardo acreditativo na Secretaría do Xulgado, ao tempo de interpoñer o recurso de suplicación, ou na Secretaría da Sala no momento de comparecer nela.
Se non se constituísen estes depósitos na forma indicada, aplicarase o establecido nesta Lei nos artigos correspondentes.
3. Os depósitos dos que se acordase a perda por sentencia ingresaranse no Tesouro Público.
4. O Estado, as Comunidades Autónomas, as entidades locais, os organismos autónomos dependentes de todos eles e os que tivesen recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta quedarán exentos de constituír o depósito referido e as consignacións que para recorrer veñen esixidas nesta Lei.
Artigo 228.
Se a sentencia impugnada condenase ao pagamento de cantidade, será indispensable que o recorrente que non goce do beneficio de xustiza gratuíta acredite, ao anunciar o recurso de suplicación ou ao preparar o recurso de casación, que consignou na oportuna entidade de crédito e na Conta de Depósitos e Consignacións aberta a nome do Xulgado ou da Sala de Instancia a cantidade obxecto da condena, e poderá substituírse a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval bancario, no que se deberá facer constar a responsabilidade solidaria do avalista. O resgardo da consignación en metálico ou, se é o caso, o documento de aseguramento quedará baixo custodia do Secretario, que expedirá testemuño destes para a súa unión aos autos facilitando o oportuno recibo.
Artigo 229.
1. Se o recurso que se promove é o de suplicación, o nomeamento do letrado farase perante o Xulgado no momento de anuncialo. Se o recurso é o de casación, tanto ordinario como para a unificación de doutrina, realizarase perante a Sala do Social de procedencia se se verifica dentro do prazo sinalado para preparalo ou perante a Sala do Social do Tribunal Supremo dentro do de emprazamento.
2. A designación poderase facer por comparecencia ou por escrito. Neste caso, e de non se xuntar poder notarial, non haberá necesidade de ratificarse.
3. Se non houbese designación expresa de representante, entenderase que o letrado leva tamén a representación do seu defendido.
4. Cando o recorrente non fixese designación expresa de letrado, se é un traballador ou un empresario que goce do beneficio de xustiza gratuíta, nomearallo de oficio o Xulgado, no día seguinte a aquel en que conclúa o prazo para anunciar o recurso, ou a Sala Cuarta do Tribunal Supremo, dentro do día seguinte a aquel en que venza o tempo de emprazamento.
Artigo 230.
1. Se o letrado recorrente fose designado de oficio, entregaránselle os autos co fin de que interpoña o recurso de suplicación ou formalice o de casación dentro do prazo de dez ou vinte días, respectivamente. Estes prazos empezarán a correr desde a data en que se lle notifique que están os autos na Secretaría e á súa disposición.
2. Se o defensor de oficio considerase improcedente o recurso, expoñerao por escrito sen razoar a súa opinión, no prazo de tres días. Neste caso, dentro dos dous seguintes, nomearase novo letrado e se este opina como o anterior, o que expoñerá na forma e no prazo antes indicados, faráselle saber á parte o resultado habido para que dentro dos tres días seguintes poida valerse, se así o desexase, de avogado da súa libre designación que deberá formalizar o dito recurso no prazo sinalado na Lei. A parte comunicaralle a designación de avogado ao Xulgado ou á Sala dentro do mesmo prazo, de tres días, e estes acordarán a entrega dos autos ao designado na forma que se dispón no apartado anterior. Noutro caso, poñerase fin ao trámite do recurso.
3. O letrado designado de oficio que non devolva os autos dentro do prazo dos tres días referido no apartado anterior, manifestando a súa opinión de que é improcedente o recurso, quedará obrigado a interpoñelo no prazo legalmente establecido.
Artigo 231.
1. A Sala non lles admitirá ás partes ningún documento nin alegacións de feitos que non resulten dos autos. Non obstante, se o recorrente presentase algún documento dos comprendidos no artigo 506 da Lei de Axuizamento Civil ou escrito que conteña elementos de xuízo necesarios para evitar a vulneración dun dereito fundamental, a Sala, oída a parte contraria dentro do prazo dos tres días, dispoñerá nos dous días seguintes o que proceda, mediante auto motivado, contra o que non caberá recurso de súplica.
2. O trámite a que se refire o apartado anterior interromperá o que, se é o caso, acorde a Sala sobre a inadmisión do propio recurso.
Artigo 232.
1. A Sala poderá acordar, de oficio ou a pedimento de parte, antes do sinalamento para votación e sentencia para vista, se é o caso, a acumulación dos recursos en trámite nos que exista identidade de obxecto e dalgunha das partes. Antes de acordar o que proceda sobre a acumulación, a Sala oirá, dentro do prazo único e común de cinco días, as partes comparecidas nos recursos que se van acumular. A audiencia versará sobre a existencia ou non de identidade obxectiva.
2. Designarase Maxistrado relator dos recursos acumulados o que deles fose primeiramente nomeado e, en igualdade de datas, o máis moderno.
3. O acordo da Sala sobre acumulación adoptarase por auto motivado.
Artigo 233.
1. A sentencia impoñeralle as custas á parte vencida no recurso, excepto cando goce do beneficio de xustiza gratuíta. As custas incluirán os honorarios do avogado da parte contraria que actuase no recurso, sen que os ditos honorarios poidan superar a cantidade de 100.000 pesetas, en recursos de suplicación, e de 150.000 en recursos de casación.
2. A regra establecida no apartado anterior non se aplicará cando se trate de proceso sobre conflicto colectivo, no que cada parte se fará cargo das custas causadas á súa instancia. Malia iso, a Sala poderalle impoñer o pagamento das custas á parte que no dito proceso recorrese con temeridade.
CAPÍTULO VI
Do recurso de revisión
Artigo 234.
1. Contra calquera sentencia firme dictada polos órganos da orde xurisdiccional social procederá o recurso de revisión previsto no libro II, título XXII, da Lei de Axuizamento Civil.
2. O recurso interpoñerase perante a Sala Cuarta do Tribunal Supremo, que deberá resolvelo aplicando as normas que respecto do devandito recurso se conteñen no mencionado título XXII, se ben o depósito para recorrer terá a contía que nesta Lei se sinala para os recursos de casación.
LIBRO IV
Da execución das sentencias
TÍTULO I
Da execución definitiva
CAPÍTULO I
Disposicións de carácter xeral
Artigo 235.
1. As sentencias firmes levaranse a efecto na forma establecida na Lei de Axuizamento Civil para a execución das sentencias dictadas nos xuízos verbais.
2. A execución levaraa a efecto o órgano xudicial que coñecese o asunto en instancia. Cando na constitución do título non mediase intervención xudicial, será competente o Xulgado na circunscrición do cal se constituíse.
3. Nos supostos de acumulación de execucións e nos de atribución en exclusiva do coñecemento da execución a determinados Xulgados do Social no ámbito dunha mesma circunscrición, actuarase conforme a súa regulación específica.
4. Onde houbese varios Xulgados do Social poderase establecer, nos termos previstos na Lei Orgánica do Poder Xudicial, que o coñecemento das execucións o asuman en exclusiva determinados Xulgados da mesma circunscrición, con exclusión total ou parcial do reparto doutros asuntos.
Artigo 236.
As cuestións incidentais que se promovan en execución substanciaranse citando para que comparezan, no prazo de cinco días, as partes, que poderán alegar e probar canto lles conveña ao seu dereito, e concluirán por auto que se deberá dictar no prazo de tres días.
Artigo 237.
1. A execución das sentencias firmes iniciarase a pedimento de parte, salvo as que recaian nos procedementos de oficio, en que a execución se iniciará deste xeito.
2. Iniciada a execución, esta tramitarase de oficio e dictaranse para o efecto as resolucións e dilixencias necesarias.
Artigo 238.
Quen, sen figurar como acredor ou debedor no título executivo ou sen ter sido declarado sucesor dun ou doutro, alegue un dereito ou interese lexítimo e persoal que poida resultar afectado pola execución que se trate de levar a cabo, terá dereito a intevir en condicións de igualdade coas partes nos actos que lle afecten.
Artigo 239.
1. A execución levarase a efecto nos propios termos establecidos na sentencia.
2. Fronte á parte que, requirida para o efecto, deixase transcorrer, inxustificadamente, o prazo concedido sen efectuar o ordenado e mentres non cumpra ou non acredite a imposibilidade do seu cumprimento específico, o Xulgado ou Tribunal, co fin de obter e asegurar o cumprimento da obriga que execute, poderá, tras audiencia das partes, impoñer constrinximentos pecuniarios, cando execute as obrigas de dar, facer ou non facer ou para obter o cumprimento das obrigas legais impostas nunha resolución xudicial. Para fixar a contía dos ditos constrinximentos terase en conta a súa finalidade, a resistencia ao cumprimento e a capacidade económica do requirido, e poderá modificarse ou deixarse sen efecto, atendidas a ulterior conducta e a xustificación que sobre aqueles extremos puidese efectuar o constrinxido. A cantidade fixada, que se ingresará no Tesouro, non poderá exceder, por cada día de atraso no cumprimento, da contía máxima prevista para as multas no Códiogo Penal como pena correspondente ás faltas.
3. Da mesma forma e con idénticos trámites, o órgano xudicial poderalles impoñer multas coercitivas aos que, sen seren parte na execución, incumpran inxustificadamente os seus requirimentos tendentes a acadar a debida e completa execución do resolto ou para obter o cumprimento das obrigas legais impostas nunha resolución xudicial.
Artigo 240.
Poderá executarse parcialmente a sentencia, mesmo se se interpuxese recurso contra ela, respecto dos seus pronunciamentos non impugnados.
Artigo 241.
1. Sen prexuízo do disposto no artigo 277, o prazo para instar a execución será igual que o fixado nas leis substantivas para o exercicio da acción que tenda ao recoñecemento do dereito do que se pretenda a execución. O dito prazo será de prescrición para todos os efectos.
2. En todo caso, o prazo para reclamar o cumprimento das obrigas de entregar sumas de diñeiro será de un ano.
3. Iniciada a execución, non se interromperá a prescrición mentres non estea cumprida na súa integridade a obriga que se execute, mesmo se as actuacións fosen arquivadas por declaración de insolvencia provisional do executado.
Artigo 242.
1. A execución unicamente poderá ser suspendida nos seguintes casos:
a) Cando así o estableza a Lei.
b) Por pedimento do executante, salvo que a execución derive dun procedemento de oficio.
2. Suspendido ou paralizado o proceso por pedimento ou por causa imputable ao executante e transcorrido un mes sen que intase a súa continuación, o órgano xudicial requirirá a este co fin de que manifeste, no termo de cinco días, se a execución debe seguir adiante e solicite o que para o seu dereito lle conveña, coa advertencia de que, transcorrido este último prazo, se arquivarán provisionalmente as actuacións.
Artigo 243.
1. Se o cumprimento inmediato da obriga que se executa puidese ocasionarlles a traballadores dependentes do executado prexuízos desproporcionados en relación cos que se derivarían para o executante do non cumprimento exacto, por poñer en perigo certo a continuidade das relacións laborais subsistentes na empresa debedora, o órgano xudicial executor poderá, logo de audiencia dos interesados e nas condicións que estableza, conceder un adiamento polo tempo imprescindible.
2. O incumprimento das condicións que se establezan comportará, sen necesidade de declaración expresa nin de previo requirimento, a perda do beneficio concedido.
Artigo 244.
1. Salvo nos casos expresamente establecidos na Lei, as resolucións dictadas en execución levaranse a efecto a pesar da súa impugnación e non será necesario efectuar consignacións para recorrer contra elas.
2. Non obstante, o órgano executor poderá durante un mes, excepcionalmente prorrogable por outro, suspender cautelarmente, con ou sen esixencia de fianza, a realización dos actos executivos que puidesen producir un prexuízo de difícil reparación. Igual facultade terá a Sala que coñeza o recurso interposto contra as resolucións do órgano executor e polo tempo de tramitación do recurso.
3. A suspensión ou a súa denegación poderase modificar virtude de circunstancias sobrevidas ou que non se puideron coñecer ao mesmo tempo en que se resolveu sobre a suspensión.
Artigo 245.
Prohíbese a transacción ou renuncia dos dereitos recoñecidos por sentencias favorables ao traballador.
CAPÍTULO II
Da execución pecuniaria
SECCIÓN 1ª. NORMAS XERAIS
Artigo 246.
1. En caso de concorrencia de embargos decretados por órganos xudiciais da orde xurisdiccional social sobre uns mesmos bens, a preferencia para seguir a vía de constrinximento contra eles correspóndelle, sen prexuízo do establecido nesta Lei nos supostos de acumulación de execucións, ao órgano que con prioridade trabou os ditos bens.
Non obstante, o embargante posterior poderá continuar a vía de constrinximento se quedan garantidos os dereitos dos embargantes anteriores.
2. A regra anterior non afectará a prelación de créditos entre diversos acredores.
3. As accións que poidan exercitar os traballadores para o cobramento dos salarios que lles poidan ser debidos non quedarán en suspenso pola tramitación dun procedemento concursal.
Artigo 247.
1. O executado está obrigado a efectuar, por requirimento do órgano xudicial, manifestación sobre os seus bens ou dereitos, coa precisión necesaria para garantir as súas responsabilidades. Deberá, así mesmo, indicar as persoas que posúan dereitos de calquera natureza sobre os seus bens e, de estaren suxeitos a outro proceso, concretar os extremos deste que poidan interesar á execución.
2. Esta obriga incumbiralles, cando se trate de persoas xurídicas, aos seus administradores ou ás persoas que legalmente as representen; cando se trate de comunidades de bens ou grupos sen personalidade, a quen apareza como o seu organizador, director ou xestor.
3. En caso de que os bens estivesen gravados con cargas reais, o executado estará obrigado a manifestar o importe do crédito garantido e, se é o caso, a parte pendente de pagamento nesa data.
Esta información poderáselle reclamar ao titular do crédito garantido, de oficio ou a pedimento de parte ou de terceiro interesado.
Artigo 248.
1. De non se ter coñecemento da existencia de bens suficientes, o órgano xudicial deberá dirixirse aos pertinentes organismos e rexistros públicos co fin de que faciliten a relación de todos os bens ou dereitos do debedor dos que teñan constancia, tras a realización por estes, se for preciso, das pescudas legalmente posibles.
2. Tamen poderá o órgano xudicial, dentro dos límites do dereito á intimidade persoal, dirixirse ou recoller a información precisa, para lograr a efectividade da obriga pecuniaria que execute, de entidades financeiras ou depositarias ou doutras persoas privadas que polo obxecto da súa normal actividade ou polas súas relacións xurídicas co executado deban ter constancia dos bens ou dereitos deste ou puidesen resultar debedoras del.
Artigo 249.
Salvo que motivadamente se dispoña outra cousa, a cantidade pola que se despache execución en concepto provisional de intereses de demora e custas non excederá, para os primeiros, do importe dos que se producirían durante un ano e, para as custas, do 10 por cento da cantidade obxecto do constrinximento en concepto de principal.
Artigo 250.
Atendida a cantidade obxecto de constrinximento, os autos en que se despache a execución ou demais resolucións en que se decreten embargos, notificaránselles aos representantes dos traballadores da empresa debedora, para efectos de que poidan comparecer no proceso.
Artigo 251.
1. O Fondo de Garantía Salarial e as Entidades xestoras ou servicios comúns da Seguridade Social, cando estean lexitimados para interviren no proceso, quedan obrigados a asumir o depósito, a administración, intervención ou peritaxe dos bens embargados, designando para o tal fin persoa idónea, desde que sexan requiridos xudicialmente. De tal obriga poderán liberarse con autorización xudicial, se xustifican a imposibilidade de a cumprir ou a súa desproporcionada gravosidade.
2. Igual obriga e cos mesmos límites pode, motivadamente, impoñérselle a calquera persoa ou entidade que pola súa actividade e medios poida facerse cargo dela, sen prexuízo do resarcimento de gastos e aboamento das remuneracións procedentes conforme á Lei.
3. As actuacións materiais relativas ao depósito, conservación, transporte, administración e publicidade para a súa venda dos bens xudicialmente embargados poderáselles encomendar a entidades autorizadas administrativamente con tal fin, se así o acorda o órgano xudicial.
SECCIÓN 2ª. O EMBARGO
Artigo 252.
De constar a existencia de bens suficientes, o embargo que se decrete axustarase á orde legalmente establecida. En caso contrario e co obxecto de asegurar a efectividade da resolución xudicial da que se insta a execución, efectuarase a adecuación á dita orde unha vez coñecidos tales bens.
Artigo 253.
1. Se os bens embargados fosen inmobles ou outros inscribibles en rexistros públicos, o órgano xudicial ordenará de oficio que se lle tramite e remita directamente ao Rexistrador mandamento para que practique o asento que corresponda relativo ao embargo trabado, expida certificación de o ter feito, da titularidade dos bens e, se é o caso, das súas cargas e gravames.
2. O Rexistrador deberá comunicarlle ao órgano xudicial a existencia de ulteriores asentos que puidesen afectar ao embargo anotado.
Artigo 254.
1. Poderase constituír unha administración ou unha intervención xudicial cando pola natureza dos bens ou dereitos embargados fose preciso.
2. Con tal finalidade, o órgano xudicial citará as partes para que comparezan, co fin de que cheguen a un acordo ou, se é o caso, efectúen as alegacións e proba e consideren oportunas sobre a necesidade ou non de nomeamento de administrador ou interventor, persoa que deba desempeñar tal cargo, esixencia ou non de fianza, forma de actuación, rendición de contas e retribución procedente.
3. O administrador ou, se é o caso, o interventor nomeado deberá render conta final da súa xestión.
Artigo 255.
Pode ser designado depositario o executante ou o executado, salvo oposición xustificada da parte contraria. Tamén poderá o órgano xudicial aprobar a designación como depositario dun terceiro, se existe común acordo das partes ou por proposta dunha delas, sen oposición xustificada da contraria.
Artigo 256.
1. De estaren previamente embargados os bens, o órgano xudicial reembargante adoptará as medidas oportunas para a súa efectividade.
2. O órgano xudicial ou administrativo ao que se lle comunique o reembargo acordará o procedente para garantilo e, no prazo máximo de dez días, informará o reembargante sobre as circunstancias e sobre o valor dos bens, cantidade obxecto de constrinximento da que respondan e sobre o estado das súas actuacións.
3. Deberá, así mesmo, comunicarlle ao órgano que decretou o reembargo as ulteriores resolucións que lles poidan afectar aos acredores reembargantes.
Artigo 257.
1. O órgano xudicial, logo de dar conta da dilixencia de embargo positiva, ratificará ou modificará o efectuado pola comisión executiva e acordará, se é o caso, a adopción das garantías necesarias para asegurar a traba segundo a natureza dos bens embargados.
2. Poderá tamén, en calquera momento, atendida a suficiencia dos bens embargados, acordar a mellora, reducción ou alzamento dos embargos trabados.
Artigo 258.
1. O terceiro que invoque o dominio sobre os bens embargados, adquirido con anterioridade á súa traba, poderá pedir o levantamento do embargo perante o órgano da orde xurisdiccional social que coñeza a execución, que para os simples efectos pre-xudiciais resolverá sobre o dereito alegado, alzando, se é o caso, o embargo.
2. A solicitude, á que se lle xuntará o título en que se funde a pretensión, deberaa formular a demandante en tercería cunha antelación á data sinalada para a celebración da primeira poxa non inferior a quince días.
3. Admitida a solicitude, seguirase o trámite incidental regulado nesta Lei. O órgano xudicial só suspenderá as actuacións relativas á liquidación dos bens discutidos ata a resolución do incidente.
SECCIÓN 3ª. REALIZACIÓN DOS BENS EMBARGADOS
Artigo 259.
1. Cando fose necesario taxar os bens embargados previamente á súa realización, o órgano xudicial designará o perito taxador que corresponda de entre os que presten servicio na Administración de Xustiza e, ademais ou no seu defecto, poderalles requirir a designación de persoa idónea ás entidades obrigadas legalmente a asumiren a peritación.
2. O nomeamento efectuado poñerase en coñecemento das partes ou de terceiros que conste que teñan dereitos sobre os bens que se van taxar para que, dentro do segundo día, poidan designar outros pola súa parte, coa prevención de que, de non o faceren, se terán por conformes.
Artigo 260.
De os bens ou dereitos embargados estaren afectos con cargas ou gravames que deban quedar subsistentes tras a venda ou adxudicación xudicial, o Secretario, coa colaboración pericial e recollendo os datos que considere oportunos, practicará a valoración daqueles e deducirá o seu importe do valor real dos bens, co fin de determinar o prezo xusto.
Artigo 261.
1. Para a liquidación dos bens embargados poderán empregarse estes procedementos:
a) Por venda en entidade autorizada administrativamente con tal fin, se así o acordase o órgano xudicial, calquera que fose o valor dos bens.
b) Por poxa ante persoa que dea fe pública nos termos que se establezan regulamentariamente.
c) Mediante poxa xudicial, nos casos en que non se empreguen os procedementos anteriores.
2. Se o embargado fosen valores, venderanse na forma establecida no artigo 1.482 da Lei de Axuizamento Civil.
3. Co fin de a dotar de maior efectividade, a venda dos bens poderase realizar por lotes ou por unidades.
Artigo 262.
A realización dos bens embargados mediante poxa xudicial axustarase ao disposto na lexislación procesual civil, coas modalidades seguintes:
a) Na terceira poxa non se admitirán ofertas que non excedan do 25 por 100 da cantidade en que se taxasen os bens. De haber ofertante que ofreza suma superior, aprobarase o remate.
b) De resultar deserta a terceira poxa, terán os executantes ou, no seu defecto, os responsables legais solidarios ou subsidiarios o dereito a adxudicárense os bens, polo 25 por 100 da taxación, para o que se lles dará o prazo común de dez días. Se non se fai uso deste dereito, alzarase o embargo.
Artigo 263.
Se a adquisición en poxa ou a adxudicación en pagamento se realiza en favor de parte dos executantes e o prezo de adxudicación non abonda para cubrir todos os créditos dos restantes acredores, os créditos dos adxudicatarios só se extinguirán ata a concorrencia da suma que sobre o prezo de adxudicación debería serlles atribuída no reparto proporcional. De ser inferior ao prezo, deberán os acredores adxudicatarios aboar o exceso en metálico.
Artigo 264.
Só a adquisión ou adxudicación practicada en favor dos executantes ou dos responsables legais solidarios ou subsidiarios poderá efectuarse en calidade de ceder a terceiro.
Artigo 265.
1. Non será preceptivo documentar en escritura pública o auto de adxudicación.
2. Será título bastante para a inscrición do auto de adxudicación o testemuño expedido polo Secretario do Xulgado ou Tribunal, comprensivo do referido auto e das circunstancias necesarias para verificar aquela.
SECCIÓN 4ª. PAGAMENTO AOS ACREDORES
Artigo 266.
1. As cantidades que se obteñan en favor dos executantes aplicaranse, pola súa orde, ao pagamento do principal, intereses e custas, unha vez liquidados aqueles e taxadas estas.
2. Se o aprobase previamente o órgano xudicial, poderá anticiparse ao pagamento do principal o aboamento dos gastos que necesariamente requirise a propia execución e o dos acreditados por terceiros obrigados a prestaren a colaboración xudicialmente requirida.
Artigo 267.
1. Cuberta a cantidade obxecto de constrinximento en concepto de principal, o Secretario practicará dilixencia de liquidación dos intereses producidos.
2. A liquidación de intereses poderase formular ao tempo que se realice a taxación de custas e na propia dilixencia. De se impugnaren ambas as operacións, a súa tramitación poderá acumularse.
3. Os honorarios ou dereitos de avogados, incluídos os das Administracións públicas, procuradores e graduados sociais colexiados acumulados na execución poderán incluírse na taxación de custas.
Artigo 268.
De estaren acumuladas as execucións seguidas contra un mesmo debedor e de seren insuficientes os bens embargados para satisfacer a totalidade dos créditos laborais, aplicaranse solucións de proporcionalidade, respectando, en todo caso, as preferencias de crédito establecidas nas leis.
Artigo 269.
1. Entre os créditos concorrentes de igual grao, repartiranse proporcionalmente as cantidades obtidas, sen ter en conta ningún tipo de prioridade temporal.
2. Se as cantidades obtidas non son suficientes para cubrir a totalidade dos créditos, procederase do seguinte xeito:
a) Se ningún dos acredores concorrentes alega preferencia para o cobramento, o órgano xudicial dispoñerá a distribución proporcional de cantidades conforme se vaian obtendo.
b) Se algún deles alega preferencia poderán presentar os acredores, ou requirilos para que o fagan no prazo que se lles fixe, unha proposta común de distribución.
3. De non se presentaren ou de non coincidiren as propostas formuladas, o órgano xudicial, no prazo de cinco días, dictará providencia, establecerá provisionalmente os criterios de distribución e ordenaralle ao Secretario que tramite, de acordo con eles, dilixencia de distribución para concretar as cantidades correspondentes a cada acredor.
Artigo 270.
1. Da proposta común ou da formulada polo Xulgado ou Tribunal daráselles traslado, se é o caso, aos acredores non propoñentes, ao executado e ao Fondo de Garantía Salarial para que manifesten a súa conformidade ou desconformidade no prazo de tres días.
2. De non se formular oposición, o órgano xudicial deberá aprobar a proposta común presentada ou entenderase definitiva a dilixencia de distribución tramitada. De se formular aquela, convocarase a todos os interesados a unha comparecencia e darase traslado dos escritos presentados.
Artigo 271.
1. Se na comparecencia se lograse un acordo de distribución, poderase aprobar no mesmo acto. Os interesados que non comparezan inxustificadamente consideraranse conformes co acordado polos comparecentes.
2. De non se acadar acordo, continuará o incidente e efectuaranse as alegacións e probas relativas, se é o caso, á existencia ou subsistencia dar preferencias invocadas. Resolveranse, mediante auto, as cuestións formuladas e establecerase a forma de distribución.
Artigo 272.
Poderán participar na distribución proporcional os que, ata o momento de se obteren as cantidades que se van repartir, posúan a condición de executantes dos procesos acumulados, con auto firme, despachando execución ao seu favor.
Artigo 273.
1. As tercerías fundadas no dereito do terceiro, sexa ou non acredor laboral do executado, a que se lle reintegre o seu crédito con preferencia ao acredor executante, deberán deducirse ante o órgano xudicial da orde social que estea coñecendo a execución, e substanciaranse polo trámite incidental regulado nesta Lei.
2. A tercería así promovida non suspenderá a execución tramitada e continuarase esta ata realizar a venda dos bens embargados e o seu importe depositarase na entidade de crédito correspondente.
SECCIÓN 5ª. INSOLVENCIA EMPRESARIAL
Artigo 274.
1. Previamente á declaración de insolvencia, se o Fondo de GarantÍa Salarial non foi chamado con anterioridade, daráselle audiencia, por un prazo máximo de quince días, para que poida instar a práctica das dilixencias que para o seu dereito lle conveña e para designar os bens do debedor principal que lle consten.
2. Dentro dos trinta días seguintes ao da práctica das dilixencias instadas polo Fondo de Garantía Salarial, o órgano xudicial dictará auto no que declarará, cando proceda, a insolvencia total ou parcial do executado, fixando neste caso o valor pericial dado aos bens embargados. A insolvencia entenderase para todos os efectos como provisional ata que se lle coñezan bens ao executado ou se realicen os bens embargados.
3. Declarada xudicialmente a insolvencia dunha empresa, iso constituirá base abonda para considerar a súa pervivencia noutras execucións e poderase dictar o auto de insolvencia sen necesidade de reiterar os trámites de indagación de bens establecidos no artigo 248 desta Lei, se ben en todo caso deberá darse audiencia previa á parte demandante e ao Fondo de Garantía Salarial para que poidan sinalar a existencia de novos bens.
4. De estaren determinadas na sentencia que se execute as cantidades legalmente a cargo do Fondo de Garantía Salarial, firme a declaración de insolvencia, será requirido, para aboamento, no prazo de dez días e, de non o efectuar, continuará a execución contra el.
Artigo 275.
1. Cando os bens susceptibles de embargo estean afectos ao proceso productivo da empresa debedora e esta continúe a súa actividade, o Fondo de Garantía Salarial poderá solicitar a suspensión da execución, polo prazo de trinta días, co fin de avaliar a imposibilidade de satisfacer os créditos laborais, así como os efectos do alleamento xudicial dos bens embargados sobre a continuidade das relacións laborais subsistentes na empresa debedoda.
2. Constatada polo Fondo de Garantía Salarial a imposibilidade de satisfacer os créditos laborais por determinar iso a extinción das relacións laborais subsistentes, poñerao de manifesto motivadamente e solicitará a declaración de insolvencia para os únicos efectos de recoñecemento de prestacións de garantía salarial.
CAPÍTULO III
Da execución das sentencias firmes de despedimento
Artigo 276.
Se o empresario optase pola readmisión, deberá comunicarlle por escrito ao traballador, dentro dos dez días seguintes a aquel en que se lle comunique a sentencia, a data da súa reincorporación ao traballo, para efectuala nun prazo non inferior aos tres días seguintes ao da recepción do escrito. Neste caso serán por conta do empresario os salarios reportados desde a data de notificación da sentencia que por primeira vez declare a improcedencia ata aquela en que se produza a readmisión, salvo se, por causa imputable ao traballador, non se puidese realizar no prazo sinalado.
Artigo 277.
1. Cando o empresario non procedese á readmisión do traballador, este poderá solicitar a execución da sentencia perante o Xulgado do Social:
a) Dentro dos vinte días seguintes ao da data sinalada para proceder á readmisión, se esta non se efectuase.
b) Dentro dos vinte días seguintes a aquel en que expire o dos dez días a que se refire o artigo anterior, se non se sinalase data para proseguir a prestación laboral.
c) Dentro dos vinte días seguintes á data na que a readmisión se producir, se esta se considerase irregular.
2. Non obstante, e sen prexuízo de que non se reporten os salarios correspondentes aos días transcorridos entre o último de cada un dos prazos sinalados nos parágrafos a, b e c, e aquel en que se solicite a execución da sentencia, a acción para instar esta última terá que se producir dentro dos tres meses seguintes á firmeza da sentencia.
3. Todos os prazos establecidos neste artigo son de prescrición.
Artigo 278.
Instada a execución da sentencia, o Xuíz citará as partes para que comparezan dentro dos catro días seguintes. O día da comparecencia, se os interesados fosen citados en forma e non asistise o traballador ou persoa que o represente, entenderase que desistiu da súa solicitude; se non comparecese o empresario ou o seu representante, celebrarase o acto sen a súa presencia.
Artigo 279.
1. Na comparecencia, a parte ou as partes que concorran serán examinadas polo Xuíz sobre os feitos da non readmisión ou da readmisión irregular alegada e achegaranse unicamente aquelas probas que, podéndose practicar no momento, o Xuíz considere pertinentes. Do actuado redactarase a correspondente acta.
2. Dentro dos tres días seguintes, o Xuíz dictará auto no que, agás nos casos en que non resulte acreditada ningunha das dúas circunstancias alegadas polo executante:
a) Declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución.
b) Acordará que se lle aboe ao traballador a indemnización a que se refire o apartado 1 do artigo 110 desta Lei. En atención ás circunstancias concorrentes e aos prexuízos ocasionados pola non readmisión ou pola readmisión irregular, poderá fixar unha indemnización adicional de ata quince días de salario por ano de servicio e un máximo de doce mensualidades. En ambos os casos, ratearanse os períodos de tempo inferiores a un ano e computarase, como tempo de servicios, o transcorrido ata a data do auto.
c) Condenará o empresario ao aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data da notificación da sentencia que por primeira vez declare a improcedencia ata a da mencionada solución.
Artigo 280.
1. A sentencia executarase nos seus propios termos cando:
a) O traballador despedido fose delegado de persoal, membro do comité de empresa ou delegado sindical e, declarada a improcedencia do despedimento, optase pola readmisión.
b) Declare a nulidade do despedimento.
2. Para o tal fin, en calquera dos supostos mencionados no número anterior, o Xuíz, unha vez solicitada a readmisión, requirirá o empresario para que repoña o traballador no seu posto no prazo de tres días, sen prexuízo de que adopte, a pedimento de parte, as medidas que dispón o artigo 282.
Artigo 281.
1. Nos supostos a que se refire o artigo anterior, se o empresario non procedese á readmisión ou o fixese en condicións distintas ás que rexían antes de se producir o despedimento, o traballador poderá acudir perante o Xulgado do Social, solicitando a execución da sentencia, dentro dos vinte días seguintes ao terceiro que, como prazo máximo para a reincorporación, dispón o artigo precedente.
2. O Xuíz oirá as partes en comparecencia, que se axustará ao disposto no artigo 278 e apartado 1 do artigo 279, e dictará auto no que resolva sobre se a readmisión se efectuou ou non, e, se é o caso, se o foi en debida forma. No suposto de considerar que a readmisión non se produciu ou non o foi en forma regular, ordenará repoñer o traballador no seu posto dentro dos cinco días seguintes ao da data da dita resolución, e apercibirá o empresario de que, de non proceder á reposición ou de non o facer en debida forma, se adoptarán as medidas que establece o artigo seguinte.
Artigo 282.
Se o empresario non dese cumprimento á orde de reposición a que se refire o artigo anterior, o Xuíz acordará as medidas seguintes:
a) Que o traballador continúe percibindo o seu salario coa mesma periodicidade e contía que a declarada na sentencia, cos incrementos que por vía de convenio colectivo ou mediante norma estatal se produzan ata a data da readmisión en debida forma. Para tal fin, o Xuíz despachará execución, en tantas ocasións como fose necesario, por unha cantidade equivalente a seis meses de salario, e faránselle efectivas ao traballador con cargo a ela as retribucións que fosen vencendo, ata que, unha vez efectuada a readmisión en forma regular, acorde a devolución ao empresario do saldo existente nesa data.
b) Que o traballador continúe en alta e con cotización na Seguridade Social, o que poñerá en coñecemento da entidade xestora para os efectos procedentes.
c) Que o delegado de persoal, membro do comité de empresa ou delegado sindical continúe a desenvolver, no seo da empresa, as funcións e actividades propias do seu cargo, e advertiralle ao empresario que, de impedir ou opoñer algún obstáculo ao dito exercicio, se poñerán os feitos en coñecemento da autoridade laboral para os efectos de sancionar a súa conducta de acordo co que dispón o artigo 97 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
Artigo 283.
1. Cando recaia resolución firme en que se declara extinción do contrato de traballo, se o traballador ocupase vivenda por razón deste, deberá abandonala no prazo de un mes. O órgano xudicial, se existe motivo fundado, poderá prorrogar o dito prazo por dous meses máis.
2. Unha vez transcorridos os prazos do número anterior, o empresario poderá solicitar do Xulgado a execución mediante o oportuno lanzamento, que se practicará seguidamente observando as normas previstas na Lei de Axuizamento Civil.
Artigo 284.
Sen prexuízo do disposto nos artigos anteriores, cando se acreditase a imposibilidade de readmitir o traballador por cesamento ou por peche da empresa obrigada, o Xuíz dictará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da dita resolución e acordará que se lle aboen ao traballador as indemnizacións e os salarios deixados de percibir que sinale o apartado 2 do artigo 279.
CAPÍTULO IV
Da execución de sentencias fronte a entes públicos
Artigo 285.
1. Nas execucións seguidas fronte ao Estado, entidades xestoras ou servicios comúns da Seguridade Social e demais entes públicos, mentres non conste a total execución da sentencia, o órgano xudicial, de oficio ou a pedimento de parte, adoptará cantas medidas sexan axeitadas para promovela e activala.
2. Con tal fin, logo de requirimento da Administración condenada e citando, se é o caso, as partes para que comparezan, poderá decidir cantas cuestións se formulen na execución e especialmente as seguintes:
a) Órgano administrativo e funcionarios que se teñen que responsabilizar de realizar as actuacións.
b) Prazo máximo para o seu cumprimento, en atención ás circunstancias que concorran.
c) Medios con que se ten que levar a efecto o procedemento que se deba seguir.
d) Medidas necesarias para lograr a efectividade do mandado, nos termos establecidos nesta Lei, agás o previsto no artigo 239, que non será de aplicación.
Artigo 286.
1. Nos procesos seguidos por prestacións de pagamento periódico da Seguridade Social, unha vez que sexa firme a sentencia condenatoria á constitución de capital, remitiralle o Xulgado copia certificada á entidade xestora ou servicio común competente.
2. O indicado organismo deberá, no prazo máximo de dez días, comunicarlle ao Xulgado o importe do capital que se vai ingresar, o que se lles notificará ás partes, requirindo á condenada para que o ingrese no prazo de dez días.
TÍTULO II
Da execución provisional
CAPÍTULO I
Das sentencias condenatorias ao pagamento de cantidades
Artigo 287.
1. Cando o traballador tivese ao seu favor unha sentencia en que se condenase o empresario ao pagamento dunha cantidade e se interpuxese recurso contra ela, terá dereito a obter anticipos por conta daquela; o Estado garantirá o seu reintegro e realizará, se é o caso, o seu aboamento, nos termos establecidos nesta Lei.
2. O anticipo alcanzará, como máximo total, ata o 50 por 100 do importe da cantidade recoñecida na sentencia e poderase aboar en períodos temporais durante a tramitación do recurso, desde a data da solicitude e ata que recaia sentencia definitiva ou por calquera causa quede firme a sentencia obxecto de recurso.
3. A cantidade non poderá exceder anualmente do dobre do salario mínimo interprofesional fixado para os traballadores maiores de dezaoito anos, incluída a parte proporcional de gratificacións extraordinarias, vixente durante a súa reportación.
Artigo 288.
1. A execución provisional poderaa instar a parte interesada perante o órgano xudicial que dictou a sentencia. O solicitante asumirá, solidariamente co Estado, a obriga do reintegro, cando proceda, das cantidades percibidas.
2. Se para recorrer contra a sentencia que provisionalmente se execute se efectuase consignación, o órgano xudicial dispoñerá o anticipo con cargo a ela; o Estado garantiralle a devolución ao empresario, se é o caso, das cantidades que se lle aboen ao traballador.
3. Se non foi preceptivo consignar para interpoñer recurso, o anticipo aboarallo o Estado directamente ao traballador. Neste suposto, o órgano xudicial remitiralle ao organismo xestor testemuño suficiente do actuado e requirirao para que, no prazo de dez días, lle efectúe o aboamento ao traballador.
Artigo 289.
1. Se a sentencia impugnada queda firme, o traballador terá dereito a percibir a diferencia entre o importe da condena e a cantidade anticipada, que se fará efectiva con cargo á consignación, se dela se detraese o anticipo.
2. Se o Estado efectuase o anticipo, o traballador poderalle reclamar a diferencia ao empresario e o Estado subrogarase nos dereitos daquel fronte ao empresario polo importe da cantidade anticipada.
Artigo 290.
1. Se a sentencia impugnada fose revogada polo Tribunal Superior e o traballador resultase debedor en todo ou en parte da cantidade anticipada, terá que lle reintegrar esa cantidade ao empresario se se detraese o anticipo da consignación; neste caso o Estado quedará como responsable solidario co traballador respecto de empresario.
2. Se o Estado aboase directamente o anticipo ou, en virtude da responsabilidade solidaria contraída, respondese fronte ao empresario, aquel poderá reclamarlle ao traballador o reintegro da cantidade anticipada.
Artigo 291.
1. Se se incumpre a obriga de reintegro, será título bastante para iniciar a execución destinada a facer efectiva a resolución firme en que se acordaba a execución provisional xunto coa certificación, expedida polo Secretario do Xulgado ou polo organismo xestor, en que se determinasen as cantidades aboadas.
CAPÍTULO II
Das sentencias condenatorias en materia de Seguridade Social
Artigo 292.
1. As sentencias obxecto de recurso, condenatorias ao pagamento de prestacións de pagamento periódico de Seguridade Social, serán executivas; o condenado quedará obrigado a aboar a prestación, ata o límite da súa responsabilidade, durante a tramitación do recurso.
2. Se a sentencia favorable ao beneficiario fose revogada, en todo ou en parte, non estará obrigado ao reintegro das cantidades percibidas durante o período da execución provisional e conservará o dereito a que se lle aboen as prestacións reportadas durante a tramitación do recurso e que aínda non percibise na data de firmeza da sentencia, sen prexuízo do disposto no artigo 192.3 desta Lei.
Artigo 293.
O beneficiario do réxime público da Seguridade Social que tivese ao seu favor unha sentencia obxecto de recurso na que se condenase o demandado ao pagamento dunha prestación de pagamento único, terá dereito a solicitar a súa execución provisional e a obter anticipos a conta daquela, nos termos establecidos na sección anterior.
Artigo 294.
Por pedimento do beneficiario favorecido por elas e segundo criterio xudicial, serán igualmente executables provisionalmente, sen esixencia de fianza, as sentencias condenatorias a obrigas de facer ou non facer en materia de Seguridade Social.
CAPÍTULO III
Das sentencias de despedimento
Artigo 295.
1. Cando nos procesos en que se exerciten accións derivadas do despedimento ou de decisión extintiva das relacións de traballo a sentencia declare a súa improcedencia e o empresario interpuxese algún dos recursos autorizados pola Lei, este virá obrigado, mentres dure a tramitación do recurso, a pagarlle á persoa contra a que se recorreu a mesma retribución que viña percibindo con anterioridade a producírense aqueles feitos, e continuará o traballador prestando os seus servicios, a menos que o empresario prefira facer o aboamento aludido sen ningunha compensación.
O anteriormente disposto tamén será aplicable cando, optando o empresario pola readmisión, o recurso o interpuxese o traballador.
2. A mesma obriga terá o empresario se a sentencia declarase a nulidade do despedimento ou da decisión extintiva da relación de traballo.
3. Se o despedimento fose declarado improcedente e a opción, correspondente ao traballador, se producise en favor da readmisión, estarase conforme ao disposto polo apartado 1 deste artigo.
Artigo 296.
Se, en virtude do disposto no artigo anterior, se presentase petición do traballador, por escrito ou por comparecencia, co fin de esixir do empresario o cumprimento daquela obriga ou solicitude deste para que aquel prosiga a prestación de servicios, o Xuíz ou Sala, oídas as partes, resolverá o que proceda.
Artigo 297.
O incumprimento inxustificado por parte do traballador do requirimento empresarial de reinicio da prestación de servicios supoñerá a perda definitiva dos salarios a que se refiren os artigos anteriores.
Artigo 298.
Se a sentencia favorable ao traballador fose revogada en todo ou en parte, este non estará obrigado ao reintegro dos salarios percibidos durante o período de execución provisional e conservará o dereito a que se lle aboen os reportados durante a tramitación do recurso e que aínda non percibise na data da firmeza da sentencia.
Artigo 299.
Nos casos en que non proceda a aplicación das normas de execución provisional establecidas neste capítulo, se concorren os presupostos necesarios, poderanse conceder anticipos reintegrables, nos termos establecidos nesta Lei, cando a sentencia obxecto de recurso declare a nulidade ou improcedencia do despedimento ou das decisións extintivas das relacións de traballo.
Artigo 300.
Cando o despedimento ou a decisión extintiva afectase a un representante legal dos traballadores ou a un representante sindical e a sentencia declarase a nulidade ou improcedencia do despedimento, con opción neste último caso pola readmisión, o órgano xudicial deberá adoptar, nos termos previstos no parágrafo c) do artigo 282, as medidas oportunas co fin de garantir o exercicio das súas funcións representativas durante a substanciación do correspondente recurso.
CAPÍTULO IV
Das sentencias condenatorias recaídas noutros procesos
Artigo 301.
As sentencias que recaian nos procesos de conflictos colectivos, nos de impugnación dos convenios colectivos e nos de tutela dos dereitos de liberdade sindical e demais dereitos fundamentais, serán executivas desde que se dicten, segundo a natureza da pretensión recoñecida, a pesar do recurso que contra elas se puidese interpoñer.
CAPÍTULO V
Normas comúns á execución provisional
Artigo 302.
Fronte ás resolucións dictadas en execución provisional, só procederán, se é o caso, os recursos de reposición ou súplica.
Artigo 303.
As sentencias favorables para o traballador ou beneficiario que non se poidan executar provisionalmente conforme esta Lei poderano ser na forma e condicións establecidas na lexislación procesual civil.
Disposición adicional primeira.
1. No non previsto nesta Lei rexerá como supletoria a Lei de Axuizamento Civil.
2. O recurso en interese da Lei, regulado na Lei de Axuizamento Civil, non será de aplicación no proceso laboral.
Disposición adicional segunda.
1. O Goberno, logo de informe do Consello Xeral do Poder Xudicial e de audiencia do Consello de Estado, poderá modificar a contía que establece esta Lei para a procedencia do recurso de suplicación.
2. Igualmente, e tras os informes mencionados, poderá modificar as cantidades que se establecen nesta Lei respecto dos honorarios a que teñen dereito os letrados das partes obxecto de recurso; das sancións pecuniarias e multas e da contía dos depósitos necasarios para recorrer en suplicación, casación e revisión.
Disposición adicional terceira.
O Goberno, logo de informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, poderalles autorizar a entidades públicas ou privadas, que reúnan as garantías que se establezan, a realización das actuacións materiais relativas ao depósito, conservación, transporte, administración, publicidade e venda dos bens xudicialmente embargados.
Disposición adicional cuarta.
Poderá encomendárselle ao Fondo de Garantía Salarial a xestión das partidas orzamentarias destinadas a anticiparlles aos traballadores e beneficiarios do réxime público da Seguridade Social a execución provisional das sentencias obxecto de recurso que lles fosen favorables, e nas que fose condenado o demandado ao pagamento dunha cantidade ou prestación de pagamento único.
Disposición adicional quinta.
O proceso ordinario regulado na presente Lei será de aplicación supletoria na tramitación das cuestións contenciosas a que se refire o artigo 125 da Lei 3/1987, do 2 de abril, Xeral de Sociedades Cooperativas, nos termos establecidos no artigo 126 desta mesma Lei.
Disposición adicional sexta.
Os procesos de impugnación das resolucións administrativas que deneguen o depósito dos estatutos das asociacións empresariais, así como as de declaración de non seren conformes a dereito os ditos estatutos, serán substanciados polos trámites da modalidade procesual regulada no capítulo X, título II, libro II desta Lei. O Ministerio Fiscal será sempre parte nestes procesos.
Disposición adicional sétima.
Para todos os efectos do libro IV da presente Lei entenderanse equiparados ás sentencias firmes os laudos arbitrais igualmente firmes, dictados polo órgano que se poida constituír mediante os acordos interprofesionais e os convenios colectivos a que se refire o artigo 83 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.
Disposición transitoria primeira.
Os recursos contra as resolucións xudiciais que recaian en procesos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do Real Decreto Lexislativo 521/1990, do 27 de abril, polo que se aproba o texto articulado da Lei de Procedemento Laboral, serán os contemplados nesta e tramitaranse conforme a ela.
Os procesos que ao entrar en vigor o Real Decreto Lexislativo 521/1990, do 27 de abril, estean en trámite, continuarán rexéndose pola normativa que se modifica.
Disposición transitoria segunda.
Malia o establecido na disposición anterior, toda extinción da relación laboral producida con anterioridade á entrada en vigor do Real Decreto Lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, rexerase no seu aspecto procesual polas normas vixentes na data en que aquela se producise.
Disposición transitoria terceira.
Os procesos de impugnación de convenios colectivos e os de conflictos colectivos iniciados perante os órganos xudiciais correspondentes despois da entrada en vigor do Real Decreto Lexislativo 521/1990, do 27 de abril, polo que se aproba o texto articulado da Lei de Procedemento Laboral, substanciaranse de conformidade co disposto nela, aínda que as actuacións administrativas se tramitasen antes da súa vixencia.
Disposición transitoria cuarta.
Esta Lei será aplicable ás execucións en trámite á entrada en vigor do Real Decreto Lexislativo 521/1990, do 27 de abril, polo que se aproba o texto articulado da Lei de Procedemento Laboral, sendo válidas sen embargo as actuacións realizadas ao abeiro da lexislación anterior.
(BOE do 11 de abril de 1995)
ÍNDICE XERAL
LIBRO I.- Parte xeral
TÍTULO I.- Do exercicio da potestade xudisdiccional
CAPÍTULO I.- Da xurisdicción
Art. 1-3
CAPÍTULO II.- Da competencia
Art. 4-11
CAPÍTULO III.- Dos conflictos de competencia e das cuestións de competencia
Art. 12-14
CAPÍTULO IV.- Da abstención e da recusación
Art. 15
TÍTULO II.- Das partes procesuais
CAPÍTULO I.- Da capacidade e lexitimación procesual
Art. 16-17
CAPÍTULO II.- Da representación e defensa procesuais
Art. 18-22
CAPÍTULO III.- Da intervención e chamada a xuízo do Fondo de Garantía Salarial
Art. 23-24
CAPÍTULO IV .- Do beneficio de xustiza gratuíta
Art. 25-26
TÍTULO III.- Das acumulacións
CAPÍTULO I.- Da acumulación de accións, autos e recursos
SECCIÓN 1ª.- ACUMULACIÓN DE ACCIÓNS
Art. 27-28
SECCIÓN 2ª.- ACUMULACIÓN DE AUTOS
Art. 29-32
SECCIÓN 3ª.- ACUMULACIÓN DE RECURSOS
Art. 33
SECCIÓN 4ª.- DISPOSICIÓNS COMÚNS
Art. 34-35
CAPÍTULO II.- Da acumulación de execucións
Art. 36-41
TÍTULO IV.- Dos actos procesuais
CAPÍTULO I.- Das actuacións procesuais
Art. 42-48
CAPÍTULO II.- Das resolucións e dilixencias de ordenación
Art. 49-52
CAPÍTULO III.- Dos actos de comunicación
Art. 53-62
TÍTULO V.- Da evitación do proceso
CAPÍTULO I.- Da conciliación previa
Art. 63-68
CAPÍTULO II.- Da reclamación previa á vía xudicial
Art. 69-73
TÍTULO VI.- Dos principios do proceso e dos deberes procesuais
Art. 74-75
LIBRO II.- Do proceso ordinario e das modalidades procesuais
TÍTULO I.- Do proceso ordinario
CAPÍTULO I.- Dos actos preparatorios e medidas precautorias
SECCIÓN 1ª.- ACTOS PREPARATORIOS
Art. 76-77
SECCIÓN 2ª.- MEDIDAS PRECAUTORIAS
Art. 78-79
CAPÍTULO II.- Do proceso ordinario
SECCIÓN 1ª.- DEMANDA
Art. 80-82
SECCIÓN 2ª.- CONCILIACIÓN E XUÍZO
Art. 83-89
SECCIÓN 3ª.- PROBAS
Art. 90-96
SECCIÓN 4ª.- SENTENCIA
Art. 97-101
TÍTULO II.- Das modalidades procesuais
CAPÍTULO I.- Disposición xeral
Art. 102
CAPÍTULO II.- Dos despedimentos e sancións
SECCIÓN 1ª.- DESPEDIMENTO DISCIPLINARIO
Art. 103-113
SECCIÓN 2ª.- PROCESO DE IMPUGNACIÓN DE SANCIÓNS
Art. 114-115
CAPÍTULO III.- Da reclamación ao Estado do pagamento de salarios de tramitación en xuízos por despedimento.
Art. 116-119
CAPÍTULO IV.- Da extinción do contrato por causas obxectivas e outras causas de extinción.
SECCIÓN 1ª.- EXTINCIÓN POR CAUSAS OBXECTIVAS
Art. 120- 123
SECCIÓN 2ª.- DESPEDIMENTOS COLECTIVOS POR CAUSAS ECONÓMICAS, ORGANIZATIVAS, TÉCNICAS OU DE PRODUCCIÓN
Art. 124
CAPÍTULO V.- Vacacións, materia electoral, clasificacións profesionais, mobilidade xeográfica e modificacións substanciais de condicións de traballo
SECCIÓN 1ª.- VACACIÓNS
Art. 125-126
SECCIÓN 2ª.- MATERIA ELECTORAL
Subsección 1ª.- Impugnación de laudos
Art. 127-132
Subsección 2ª.- Impugnación da resolución administrativa que denegue o recurso
Art. 133-136
SECCIÓN 3ª.- CLASIFICACIÓN PROFESIONAL
Art. 137
SECCIÓN 4ª.- MOBILIDADE XEOGRÁFICA E MODIFICACIÓNS SUBSTANCIAIS DE CONDICIÓNS DE TRABALLO
Art. 138
CAPÍTULO VI.- Da Seguridade Social
Art. 139-145
CAPÍTULO VII.- Do procedemento de oficio
Art. 146-150
CAPÍTULO VIII.- Do proceso de conflictos colectivos
Art. 151-160
CAPÍTULO IX.- Da impugnación de convenios colectivos
Art. 161-164
CAPÍTULO X.- Da impugnación dos estatutos dos sindicatos ou da súa modificación
SECCIÓN 1ª.- IMPUGNACIÓN DA RESOLUCIÓN ADMINISTRATIVA QUE DENEGUE O DEPÓSITO
Art. 165-170
SECCIÓN 2ª.- IMPUGNACIÓN DOS ESTATUTOS DOS SINDICATOS
Art. 171-174
CAPÍTULO XI.- Da tutela dos dereitos de liberdade sindical
Art. 175-182
TÍTULO III.- Da audiencia ao demandado rebelde
Art. 183
LIBRO III.- Dos medios de impugnación
CAPÍTULO I.- Dos recursos contra providencias e autos
Art. 184-187
CAPÍTULO II.- Do recurso de suplicación
Art. 188-202
CAPÍTULO III.- Do recurso de casación
Art. 203-215
CAPÍTULO IV.- Do recurso de casación para a unificación de doutrina
Art. 216-226
CAPÍTULO V.- Das disposicións comúns aos recursos de suplicación e casación
Art. 227-233
CAPÍTULO VI.- Do recurso de revisión
Art. 234
LIBRO IV.- Da execución das sentencias
TÍTULO I.- Da execución definitiva
CAPÍTULO I.- Disposicións de carácter xeral
Art. 235-245
CAPÍTULO II.- Da execución pecuniaria
SECCIÓN 1ª.- NORMAS XERAIS
Art. 246-251
SECCIÓN 2ª.- O EMBARGO
Art. 252-258
SECCIÓN 3ª.- REALIZACIÓN DOS BENS EMBARGADOS
Art. 259-265
SECCIÓN 4ª.- PAGAMENTO AOS ACREDORES
Art. 266-273
SECCIÓN 5ª.- INSOLVENCIA EMPRESARIAL
Art. 274-275
CAPÍTULO III.- Da execución das sentencias firmes de despedimento
Art. 276-284
CAPÍTULO IV.- Da execución de sentencias fronte a entes públicos
Art. 285-286
TÍTULO II.- Da execución provisional
CAPÍTULO I.- Das sentencias condenatorias ao pagamento de cantidades
Art. 287-291
CAPÍTULO II.- Das sentencias condenatorias en materia de Seguridade Social
Art. 292-294
CAPÍTULO III.- Das sentencias de despedimento
Art. 295-300
CAPÍTULO IV.- Das sentencias condenatorias recaídas noutros procesos
Art. 301
CAPÍTULO V.- Normas comúns á execución provisional
Art. 302-303
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS