Estatutos
da Confederación Intersindical Galega (CIG)
[*Actualizados tras o 5º Congreso (2009)]
Título I
Da definición, ámbito e obxectivos
Artigo 1
A Confederación Intersindical Galega (en siglas, CIG) é unha organización sindical dos traballadores e das traballadoras galegas, constituída para a mellor defensa dos seus intereses, desde unha perspectiva de clase que aspira a unha Galiza plenamente soberana e sen explotación. A CIG exprésase en galego, que defende como único idioma oficial de Galiza e promove a súa completa normalización. Respecta o uso das distintas formas da escrita entre a súa afiliación.
Artigo 2
A CIG estabelece a súa sede social central en Santiago de Compostela, rúa Miguel Ferro Caaveiro, núm. 10.
O Consello Confederal poderá decidir o cambio do domicilio social.
Artigo 3
A CIG constitúese por tempo indefinido e goza de personalidade xurídica propia e de plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus obxectivos.
Artigo 4
A CIG ten por ámbito territorial o de Galiza e nela poden participar todos os traballadores e todas as traballadoras que desempeñen ou busquen desempeñar un traballo asalariado, sen limitación ningunha.
Artigo 5
A CIG ten como única lingua a galega, defendéndoa como única lingua oficial de Galiza e asumindo o compromiso de contribuír á súa normalización.
Artigo 6
A CIG basea a súa actuación nos principios e obxectivos fixados no seu Programa, nos acordos adoptados nos seus Congresos e nas resolucións dos órganos do goberno regulados nestes Estatutos.
Título II
Dos membros
Capítulo 1
Da condición de afiliado ou afiliada
Artigo 7
Poderanse afiliar á CIG todos os traballadores e todas as traballadoras de Galiza, independentemente da súa situación laboral como activos, parados, xubilados ou pensionistas.
Artigo 8
Os traballadores autónomos, así como os socios de cooperativas e de sociedades anónimas laborais ou asimiladas que non teñan traballadores ou traballadoras asalariadas ao seu cargo, poderán participar na CIG nos termos que determine o Consello confederal. Igualmente aprobará a fórmula de adhesión especial con que poidan vincularse os traballadores e as traballadoras galegas residentes no exterior.
Artigo 9
A afiliación é individual e voluntaria, co único requisito da aceptación destes Estatutos e respecto dos principios e obxectivos, e sen que poida ser limitada por razóns de idade, sexo, nacionalidade, ideoloxía, relixión ou filiación política.
Artigo 10
A condición de afiliado ou afiliada produce efectos desde o primeiro día do mes da formalización da ficha de afiliación, que se entenderá e realizada no momento da asignación dun número de afiliación, aínda que o exercicio dos dereitos de
acceso aos servizos técnicos e de participación en eleccións internas non se poderá reclamar até que transcorran tres meses desde aquela data e se satisfagan as cotas correspondentes a ese período.
A Executiva Confederal conservará e actualizará os ficheiros de afiliación coa maior reserva e discreción, nos termos da lexislación vixente sobre protección de datos. Os órganos confederais da CIG terán acceso en todo momento aos ficheiros dos órganos sectoriais e territoriais. As federacións terán acceso aos datos referidos ao seu ámbito.
Artigo 11
O afiliado ou a afiliada poderá causar baixa na CIG polas seguintes causas:
a) A petición propia.
b) Por non aboar a cota nos tres primeiros meses desde a formalización da ficha de afiliación.
c) Por non aboar a cota durante seis meses sen alegación dunha causa xustificada; neste caso poderá producirse o reingreso sen perda dos dereitos de antigüidade tras pagamento previo das cotas que se deban e sempre que non transcorresen máis de doce meses.
d) Por deixar de reunir as condicións requiridas nos artigos 7 e 8 destes Estatutos.
e) Por sanción.
A reincorporación á CIG de quen causase baixa por sanción requirirá informe favorábel previo do Secretariado Confederal, despois de consultar cos organismos afectados.
Calquera das partes implicadas no proceso, en caso de desacordo coa decisión tomada, poderá recorrer ao Consello Confederal.
Capítulo 2
Do réxime de dereitos e deberes
Artigo 12
Son dereitos dos afiliados e das afiliadas da CIG os seguintes:
a) Participar na CIG en igualdade de condicións que os demais membros.
b) Garantía da súa liberdade de expresión interna e de respecto ás súas ideas.
c) Elixir e ser elixido para calquera cargo ou para calquera ámbito de representación.
d) Ter acceso aos locais sociais, á documentación e ás publicacións da CIG.
e) Ser axudado en caso de represión por pertencer á CIG ou polo exercicio da
actividade sindical.
f) Utilizar os servizos técnicos sindicais de que dispoña a CIG.
g) Acceder ás prestacións de servizos complementarios de que dispoña a CIG, nas condicións e cos requisitos que se estabelezan no seu réxime de xestión, que en ningún caso poderán supor discriminación dos dereitos subxectivos dos afiliados e das afiliadas.
Artigo 13
Son deberes dos afiliados e das afiliadas os seguintes:
a) Aboar a cota regulamentariamente estabelecida.
b) Respectar os Estatutos, os regulamentos e o programa da CIG, tanto no ámbito confederal como nos sectoriais correspondentes, e acatar os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno confederais, sectoriais e territoriais.
c)
Participar, na medida das súas posibilidades, nas actividades da CIG.
Capítulo 3
Do réxime de garantías e sancións
Artigo 14
A vixilancia do respecto dos dereitos estatutarios dos afiliados e afiliadas da CIG, así como a resolución das controversias na interpretación destes Estatutos, polos seus propios termos ou en relación cos aprobados polos sindicatos ou federacións
ou cos regulamentos internos, así como a resolución dos recursos en materia disciplinaria, son competencia da Comisión de Garantías.
Artigo 15
A Comisión de Garantías está composta por seis membros que, xunto con catro suplentes, serán elixidos polo Congreso por maioría de dous terzos. Os seus membros non poderán ocupar cargos que impliquen a súa participación no Consello Confederal.
Artigo 16
Na actuación da Comisión de Garantías rexerá o principio de independencia respecto de calquera órgano da estrutura da CIG. Os seus acordos adoptaranse por maioría de dous terzos dos membros. Notificará ao Consello Confederal a iniciación de asuntos e remitiralle as resolucións que adopte, para efectos de información do
organismo. Presentará un informe de actuación ante o Congreso e elaborará anualmente unha memoria da súa actividade, que presentará ante o Consello Confederal.
Artigo 17
A Comisión de Garantías elaborará un Regulamento de procedemento que, de acordo con estes Estatutos, sistematice o seu réxime de actuación; ese regulamento, que ten que aprobar o Consello Confederal por maioría de dous terzos, conterá cando menos as seguintes materias:
a) Dereitos e actividades amparados pola actuación da Comisión de Garantías.
b) Prazos e formas de presentar queixas ou reclamacións.
c) Prazos e procedementos de tramitación dos expedientes.
d) Tipos de resolución e os seus efectos.
Artigo 18
Os afiliados e as afiliadas da CIG só poderán ser sancionados, logo de apertura de expediente disciplinario e co procedemento estabelecido nestes Estatutos e, no seu desenvolvemento, no Regulamento de procedemento disciplinario, polos
seguintes motivos:
a) Vulnerar os Estatutos, os regulamentos e o programa da CIG no ámbito confederal ou dos sindicatos e federacións nela integrados.
b) Non acatar os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da CIG.
c) Desenvolver actividades manifestamente contrarias aos principios e obxectivos da CIG, incluídas as condutas de agresión ou discriminación.
d) Participar noutras candidaturas nas eleccións sindicais.
Artigo 19
O expediente disciplinario deberá ser instruído polo organismo de maior rango ao que estea adscrito, se é o caso, a persoa expedientada, exixíndose para a súa resolución unha votación por maioría de dous terzos dos membros en primeira convocatoria e de dous terzos dos asistentes en segunda.
En todo caso, o Consello Confederal sempre terá a facultade de abrir expediente informativo ou disciplinario a calquera afiliado/a, independentemente da súa condición, cando os feitos xulgados afecten os intereses xerais do conxunto da
Confederación.
Artigo 20
Na tramitación do expediente, o afiliado ou afiliada deberá recibir comunicación por escrito da súa apertura e ser convocada a persoa cunha antelación mínima de quince días a unha reunión do organismo que vaia resolver, a fin de que sexa
escoitada.
Artigo 21
En función do grao con que se cualifique o feito motivo do expediente, o afiliado ou afiliada poderá ser sancionado con algunha das seguintes medidas:
a) Censura por escrito, con apercibimento.
b) Suspensión temporal de dereitos como afiliado ou afiliada, por tempo que non poderá exceder dun ano. A suspensión poderá afectar a todos ou parte dos dereitos estabelecidos no artigo 12, especificándose claramente na resolución o seu alcance. A suspensión do dereito de participación estabelecido no apartado a) do artigo 12 implicará, se é o caso, a suspensión no exercicio dos cargos que desempeñase a persoa sancionada.
c) A baixa
como afiliado ou afiliada.
Artigo 22
Sen prexuízo da resolución definitiva, cando a especial gravidade dos feitos o fixese necesario, o organismo competente para instruír o expediente poderá acordar no momento do seu inicio a suspensión cautelar dos dereitos como afiliado ou
afiliada, en resolución motivada que requirirá o voto favorábel de dous terzos dos seus membros. Tal resolución poderá ser recorrida no prazo de tres días polo suspendido ante a Comisión de Garantías, que ten que resolver no prazo de dez días; a falta de resolución expresa no devandito prazo terá efectos de
estimación do recurso.
Artigo 23
As resolucións definitivas dos expedientes disciplinarios poderán ser recorridas polas partes ante a Comisión de Garantías no prazo de 15 días desde a data de notificación desta, a cal no prazo dun mes desde o recurso adoptará unha resolución que confirme ou modifique a resolución recorrida. Para isto poderá solicitar das partes ou de calquera organismo da CIG canta documentación ou comparecencias considere necesarias para resolver. En caso de desacordo coa resolución da Comisión de Garantías, quen resultase sancionado con algunha das medidas previstas nos apartados b) ou c) do artigo 21 poderá recorrer ante o Congreso da CIG, sen prexuízo do carácter executivo da sanción desde que se dite a resolución da Comisión de Garantías.
Capítulo 4
Do réxime de incompatibilidades
Artigo 24
O desempeño de calquera cargo ou responsabilidade na CIG implica, ademais da xenérica destes Estatutos, a aceptación particular das incompatibilidades que se regulan neste capítulo.
Artigo 25
O desempeño de cargos ou responsabilidades que impliquen ser membro do Consello Confederal é incompatíbel con:
Secretaría Xeral, Presidencia ou cargos asimilados, ou portavoz público dunha organización política.
1. Parlamentario/a.
2. Alcalde/Alcaldesa ou concelleiro/a.
3. Cargo público de libre designación en calquera administración pública.
4. Participar a calquera nivel e clase nas xerarquías de calquera confesión relixiosa.
5. Exercer calquera cargo ou responsabilidade de representación ou asesoramento ao servizo de asociacións empresariais.
6. Estar vinculado a unha empresa mediante contratos especiais de alta dirección ou modalidades asimiladas.
Ademais, o desempeño de cargos directivos nos Colexios Profesionais é incompatíbel co exercicio de responsabilidades sindicais de dirección ou liberacións a calquera nivel na CIG.
Artigo 26
O desempeño de cargos ou responsabilidades nos órganos executivos da CIG (ExecutivaConfederal, Executiva Comarcal ou Local, órgano executivo nacional dun sindicato ou federación) é incompatíbel co desempeño de cargos individuais de idéntico ámbito e función dunha organización política, así como co exercicio da responsabilidade de portavoz público desta en calquera ámbito.
Artigo 27
A pertenza ao Secretariado Confederal da CIG é incompatíbel coa participación en candidaturas das organización políticas nas eleccións locais, galegas, estatais ou europeas.
Artigo 28
O desempeño de calquera cargo, colectivo ou unipersoal, na central sindical (agás que a súa situación laboral sexa a de parado/a) é incompatíbel coa impartición de cursos retribuídos en CIG-Formación. A dita incompatibilidade estenderase a todas as persoas que realicen funcións de liberados/as da CIG, así como a todas aquelas persoas que, independentemente das funcións que desempeñen, perciban retribucións da CIG.
Ningún liberado/a da estrutura da CIG, nin liberado/a de empresa por acumulación de horas, nin liberado/a da Área Pública, nin asalariados/as da CIG poderán practicar o pluriemprego, sempre e cando non sexa para completar a súa xornada laboral normal.
A condición de liberado asalariado da CIG a tempo completo é incompatíbel con ocupar cargos políticos institucionais de elección ou designación pública.
Título III
Dos ámbitos de organización
Capítulo 1
Do ámbito sectorial
Artigo 29
Sectorialmente, a CIG organízase en estruturas profesionais coa denominación de sindicato ou de federación, en que se agrupan os afiliados e afiliadas encadrados no correspondente sector en función da súa actividade ou orientación profesional/laboral. Todos os afiliados e todas as afiliadas da CIG son membros dun sindicato ou federación da central.
Artigo 30
Para efectos de adscrición sectorial dun afiliado ou afiliada en activo, poderase ter en conta a actividade principal do centro de traballo ou da subcontrata en que efectivamente traballe, ou ben a actividade principal da empresa ou administración pública para a que aquela preste servizos. En caso de desacordo entre os sindicatos ou federacións afectadas, o Consello Confederal poderá adoptar un criterio de adscrición con vixencia até que o acordo entre as estruturas sectoriais se produza.
A adscrición sectorial dun afiliado ou dunha afiliada en situación de paro, e mentres permaneza como tal, realizarase na estrutura que corresponda ao seu último traballo; no caso de ser demandante de primeiro emprego, na que resulte acorde
coa súa orientación profesional/laboral e, se esta fose non específica, encadrarase no sector de oficinas e despachos.
Respecto do
persoal propio da CIG, estabelécense as seguintes regras de adscrición:
a) quen realice funcións propias de liberado ou liberada nunha estrutura sectorial, na Federación para a que desenvolva a súa actividade sindical,
b) quen realice funcións de liberada ou liberado na estrutura nacional confederal ou nunha estrutura territorial, na Federación que corresponda pola súa última actividade,
c) o resto do persoal, na Federación que corresponda polo sector de oficinas e despachos.
Artigo 31
Na CIG confedéranse actualmente os sindicatos ou federacións correspondentes á seguinte clasificación de sectores:
01 Administración Pública
02 Banca, Aforro, Seguros e Oficinas
03 Construción e Madeira
04 Ensino
05 FGAMT
06 Metal
07 Químicas e Enerxía
08 Saúde
09 Servizos
Dúas ou máis destas Federacións constituídas poderán fusionarse para constituíren unha nova que substitúa en todo as orixinarias, previo acordo de senllos Congresos extraordinarios.
Así mesmo, poderá constituírse unha nova Federación cando se cumpran os seguintes requisitos e procedemento:
1. Que o sector da nova federación conte cun mínimo de 5.000 afiliados e afiliadas; para estes exclusivos efectos, terase en conta o listado nominal da afiliación coas cotas ao día.
2. No caso de que a nova federación sexa produto da segregación dun ou varios sectores de actividade dunha ou de varias das federacións existentes, acordo en Congreso destas.
En calquera dos supostos contemplados neste artigo, antes da convocatoria dos respectivos congresos, solicitarase a opinión do Consello Confederal da CIG para validar o proceso por unha maioría de 2/3.
Artigo 32
Cada sindicato ou federación constituído na CIG terá personalidade xurídica propia e plena autonomía para delimitar a súa denominación e o seu funcionamento interno, para o cal ten que se dotar de Estatutos e programa propios, coa única
limitación de non contradicir os Estatutos e programa confederais.
Artigo 33
Os sindicatos ou federacións constituídas na CIG elaboran e desenvolven a política sindical no seu sector, teñen a responsabilidade da negociación colectiva, das eleccións sindicais e da afiliación, e garanten a participación solidaria na
política sindical e nas actividades confederais. Esas facultades serán exercidas con carácter transitorio polos organismos confederais que correspondan nos sectores para os que non estea constituído o sindicato ou
federación.
Naqueles temas ou materias en que a toma de posición teña implicación para o conxunto da Central Sindical, requirirase a opinión previa dos organismos confederais.
Artigo 34
A sección sindical é a estrutura organizativa básica dos sindicatos ou federacións e da CIG. Está composta polo conxunto dos afiliados e afiliadas nunha empresa ou centro de traballo e a súa constitución e funcionamento será regulado polos
Estatutos do correspondente sindicato ou federación. Crearase un rexistro confederal de seccións sindicais da CIG.
Os
traballadores e as traballadoras coa condición de non activos que manteñan unha vinculación de rendas coa empresa poderán participar na sección sindical desta cun criterio de ponderación (entre 1/2 e 1/3) na súa representación na forma que determinen os Estatutos da federación respectiva, intervindo exclusivazente
nos asuntos relacionados coas materias que lles afecten sobre rendas e fondos sociais, aínda que non poderán en ningún caso intervir nos acordos relativos á convocatoria de folga nese ámbito. Todo isto en tanto non se fixese efectiva a constitución dunha estrutura sindical propia dese colectivo nos termos que se
prevén no artigo 31, caso no que se deberán estabelecer protocolos de colaboración para os efectos da afectación a que se refire este parágrafo, entre as estruturas sindicais afectadas e a nova constituída.
Artigo 35
A asemblea de sección sindical ten como facultades mínimas as seguintes:
a) Elaborar e desenvolver a política sindical para o ámbito da empresa ou centro de traballo en que se constitúe, non podendo contradicir a confederal nin a sectorial respectiva.
b) Elixir os seus órganos de goberno, os cales terán as atribucións que legal ou convencionalmente lles corresponda, alén das propias de representación da sección sindical.
c) Elixir os/as candidatos/as da CIG para as elección sindicais na súa empresa ou centro de traballo.
d) Elixir os cargos de delegados/as da sección sindical.
e) Designar os seus representantes nos órganos internos que así o teñan estabelecido, tanto no ámbito da empresa ou centro de traballo como no do seu sindicato ou federación.
f) Todo o relativo á negociación colectiva no seu ámbito, incluído o asinamento do convenio propio.
g) Elixir os/as liberados/as de acordo coas normas da central sindical. Aprobar as acumulacións de horas para os/as delegados/as electos/as ou de sección sindical, se é o caso, e cando así se decida.
h) Os delegados/as electos nos Comités de Empresa e Xuntas de Persoal terán que supeditar a súa actividade sindical aos acordos emanados da sección sindical, someténdose ás decisións e pautas acordadas nestas.
As seccións sindicais que conten cando menos con 100 afiliados/as terán, para efectos internos da CIG e para o seu ámbito de actuación, a consideración de órgano de goberno á que fai referencia o artigo 62 dos actuais Estatutos, de conformidade
co que estabelezan ao respecto os Estatutos de cada federación.
Constituiranse seccións sindicais en todas as empresas ou centros de traballo en que exista afiliación sindical da CIG.
No caso das empresas, onde estean constituídas seccións sindicais, e no seu ámbito actúen empresas de servizos ou auxiliares con seccións sindicais da CIG, haberá unha coordinación do traballo do conxunto das seccións sindicais que actúan no
ámbito da empresa, independentemente da pertenza a unha ou máis federacións.
As funcións, facultades e funcionamento das seccións sindicais de ámbito provincial serán reguladas polos Estatutos da federación correspondente.
En todo caso, cando se celebren asembleas de afiliación destas seccións sindicais para o exercicio das facultades regulamentadas neste artigo, será preceptiva a convocatoria de tantas asembleas como unións locais da CIG estean constituídas,
sempre que haxa un mínimo de 15 afiliados/as.
Artigo 36
A sección sindical dotarase dun regulamento onde deberá constar, como mínimo, o número de membros que comporán o seu órgano de goberno, normas de funcionamento, xuntanzas, responsabilidades, etc.
Entre os membros do órgano de goberno elixirase un secretario/a, que terá a condición de cargo unipersoal da CIG para os únicos e exclusivos efectos de acceder ao censo de afiliados/as da propia sección sindical, previa solicitude á persoa
responsábel do tratamento de datos persoais ou persoa debidamente autorizada.
Artigo 37
A asemblea de afiliados/as é o máximo organismo da sección sindical. Será convocada polo Secretario/a desta, a requirimento de 1/3 dos membros do órgano de goberno responsábel, ou a petición de 1/3 dos afiliados/as da sección sindical.
Artigo 38
Son funcións do órgano de goberno da sección sindical as seguintes:
a) Dar resposta inicial aos problemas urxentes que se produzan na empresa.
b) Facer seguimento da afiliación, controlar as altas, baixas, cotas, e pasar todo tipo de información aos afiliados/as do centro de traballo.
c) Potenciar a participación dos traballadores/as nas asembleas do centro de traballo.
d) Responsabilizarse da negociación colectiva.
e) Trasladar á asemblea de afiliados/as as propostas a delegados/as da sección sindical, así como as propostas a candidatos/as pola CIG ás eleccións sindicais na empresa.
f) Colaborar solidariamente coa CIG no seu conxunto.
As funcións dos órganos de goberno das seccións sindicais de ámbito provincial serán regulamentadas polos Estatutos da federación correspondente.
Capítulo 2
Do ámbito territorial
Artigo 39
Territorialmente, a CIG organízase en estruturas comarcais e locais coa denominación de unións e seguindo criterios de afinidade xeográfica e de operatividade sindical, nas que se encadran os afiliados e as afiliadas do seu ámbito, que se poderán
adscribir, á súa elección, en función do seu lugar de residencia ou o de traballo.
Artigo 40
A unión comarcal é a estrutura básica de organización territorial da CIG, que define a política sindical común no seu ámbito territorial, coordina a actividade sindical dos sindicatos ou federacións na comarca en que sexa común, leva o rexistro de afiliación, dirixe e administra os locais e os servizos comúns da CIG na comarca, ten a responsabilidade no control da recadación de cotas, exerce as facultades dos sindicatos ou federacións nos sectores en que aqueles non están constituídos e posúe a representación confederal da CIG no seu ámbito territorial.
Artigo 41
A CIG está hoxe estruturada nas seguintes unións comarcais:
01 Vigo
02 Santiago
lang="GL"03 A Coruña
04 Ferrol
05 Lugo-A Mariña
06 Ourense
07 Pontevedra
Poderán constituírse novas unións comarcais cando se cumpran os seguintes requisitos:
a) que a Unión Local ou conxunto de unións locais aspirantes a constituírse en comarca conten cun mínimo de 5.000 afiliados e afiliadas,
b) informe favorábel de, cando menos, 2/3 das federacións constituídas na comarca afectada,
c) acordo da Asemblea Comarcal afectada,
d) ratificación previa do Consello Confederal da CIG por maioría de 2/3.
O Secretariado Confederal poderá acordar a constitución de comités intercomarcais con facultades para coordinaren actuacións provinciais, especialmente en materia de negociación colectiva, se é o caso, e de representación institucional que se
teñan que decidir nese ámbito territorial.
Artigo 42
Os órganos competentes das unións comarcais aprobarán a constitución no seu seo de unións locais, a proposta das localidades afectadas e sempre que dispoñan de local, dun número mínimo de 600 afiliados e afiliadas e elixan unha executiva local.
Artigo 43
As unións locais así constituídas exercerán no seu ámbito territorial específico as facultades conferidas ás unións comarcais nos artigos 69 e 73 destes Estatutos, agás en materia de contratación de persoal e de apertura de locais ou aqueloutras que poidan entrar en contradición coas competencias específicas das unións comarcais, sen prexuízo da dependencia orgánica respecto destas últimas para todos os efectos. Exercerán igualmente o dereito de representación directa nos órganos de goberno das unións comarcais, nos termos regulados por estes
Estatutos.
Capítulo 3
Do ámbito funcional
Artigo 44
O Consello confederal, o Secretariado confederal e a Executiva confederal da CIG, no ámbito das súas respectivas competencias, poderán acordar a constitución de comisións para abordar o desenvolvemento de tarefas ou funcións específicas que, pola súa especialización, aconsellen un traballo en estruturas funcionais monográficas.
Artigo 45
A finalidade, competencias, composición e vixencia de tales comisións deberase conter no propio acordo do organismo que as cree. Poderán elaborar un regulamento de funcionamento que deberá ser aprobado polo organismo que as
creou, do cal dependen organicamente para todos os efectos.
Título IV
Dos órganos de goberno
Capítulo 1
Dos órganos confederais
Artigo 46
No ámbito confederal nacional, son órganos de goberno da Confederación Intersindical Galega os seguintes:
a) O Congreso
b) O Consello Confederal
c) O Secretariado Confederal
d) A Executiva Confederal.
Artigo 47
O Congreso é o órgano soberano da CIG e está composto por un número total de delegados e de delegadas que determinará o Consello Confederal no acordo de convocatoria, cunha distribución que se realizará cos seguintes criterios:
Son delegados e delegadas natos os membros do Consello Confederal e os da Comisión de Garantías.
Os restantes, deica o número total acordado, serán elixidos por comarcas e, dentro destas, por sindicatos ou federacións e, dentro destes, por empresas ou centros de traballo, cun reparto proporcional á afiliación.
Artigo 48
O Congreso celebrarase con carácter ordinario unha vez cada catro anos, debendo convocarse cunha antelación de seis meses. O Consello Confederal, órgano responsábel da súa convocatoria, aprobará un regulamento para o período congresual e elaborará unha proposta de regulamento para as sesións do Congreso, a cal deberá ser aprobada por este ao seu inicio.
Artigo 49
O Congreso da CIG ten as seguintes competencias:
a) Aprobar ou modificar os Estatutos e o programa.
b) Analizar a xestión dos demais órganos de goberno confederais a nivel nacional.
c) Coñecer os estados de contas e aprobalos, se é o caso.
d) Definir as orientacións básicas da política sindical confederal.
e) Elixir Secretario/Secretaria Xeral e Executiva Confederal.
f) Elixir a Comisión de Garantías.
g) Coñecer e
decidir todas aquelas cuestións que os Estatutos e os regulamentos expresamente
lle atribúan e aqueloutras que se lle sometan respectando os Estatutos.
Artigo 50
Poderá convocarse un congreso con carácter extraordinario. A súa convocatoria deberá estar avalada por 2/3 dos membros do Consello Confederal, ou ben por 1/3 da afiliación total, ou ben por un número de órganos territoriais e/ou sectoriais
que representen conxuntamente 2/3 da afiliación total. Entre a convocatoria e a realización non poderán transcorrer menos de dous meses nin máis de seis. No acordo de convocatoria, o Consello Confederal deberá aprobar un regulamento sobre a composición, documentación e ordenación da súa organización. O Congreso extraordinario só poderá analizar e pronunciarse sobre o asunto que motivase a súa convocatoria.
Artigo 51
O Consello Confederal é o máximo órgano de dirección da CIG entre congresos e está composto por:
a) Tanto
federacións como comarcas terán dereito a un representante no consello
confederal por cada 1.000 afiliados e afiliadas ou fracción superior a 500,
incluíndo neste cómputo o Secretario ou Secretaria Comarcal ou Nacional de
Federación. Esta representación será elixida directamente na asemblea comarcal
ou no congreso federal respectivos.
A aplicación
efectiva da fracción citada non terá efectos para o primeiro representante a
elixir, para o que haberá que contar con 1.000 afiliados/as.
b) Os
membros da Executiva confederal.
Artigo 52
O Consello
Confederal reunirase ordinariamente 3 veces no ano a convocatoria da Executiva
Confederal, a cal igualmente tramitará as convocatorias extraordinarias
oportunas por propia iniciativa ou por acordo do Secretariado Confederal ou a
instancia de 1/3 dos membros con dereito a voto do Consello Confederal.
Artigo 53
Son
competencias do Consello Confederal:
a) Aprobar o
seu regulamento de funcionamento.
b) Convocar
o Congreso e aprobar o regulamento para o período precongresual, tendo este
último que contar co acordo de 2/3 dos membros asistentes.
c) Convocar,
por acordo da maioría absoluta dos membros asistentes, Conferencia sindical
nacional, que terá carácter deliberante e estará composta polos membros do
Consello Confederal, os membros dos órganos de dirección das unións comarcais e
os membros dos órganos de dirección dos sindicatos ou federacións,
estabelecéndose o seu obxecto no mesmo acordo de convocatoria.
d) Aprobar
os regulamentos de materias específicas cando así estea previsto nestes
Estatutos.
e) Definir as liñas básicas da negociación colectiva. Elaborar a documentación
e as propostas que considere oportunas para someter á consideración do
Congreso.
f) Analizar
cando menos unha vez ao ano a situación socioeconómica e sindical, e propor as
orientacións xerais para a acción sindical no seguinte período.
g) Aprobar o
orzamento ordinario e, se é o caso, extraordinario, facendo un seguimento
cuadrimestral da súa execución.
h) Aprobar
as cotas, os salarios e demais condicións laborais, e as transferencias entre
estruturas. Examinar a xestión da Executiva Confederal e do Secretariado
Confederal.
l) Recibir o
Informe-Memoria anual de actividades dos diferentes Servizos da Confederación.
m) Nomear
comisións de traballo para os asuntos que considere necesarios, avaliando
periodicamente as súas actividades.
n) Ratificar
as persoas que compoñan os padroados das Fundacións que poida crear a CIG.
o) Decidir
sobre as peticións colectivas de afiliación, adhesión ou integración, así como
sobre as relacións que a CIG poida manter con organizacións internacionais
sindicais.
p) Adoptar as resolucións de urxencia que considere imprescindíbeis, que non
contradigan as resolucións congresuais.
q) Nomear
transitoriamente órgano xestor dunha estrutura territorial ou sectorial cando,
por dimisión ou falta de elección, non existan órganos de dirección desta.
r) Ratificar
os plans e informes anuais de traballo realizados por cada unha das secretarías
confederais.
s) Aprobar o
regulamento de funcionamento da Caixa de Resistencia.
t) Calquera
outra competencia expresamente atribuída ao Consello Confederal nos Estatutos e
nos regulamentos.
Artigo 54
O
Secretariado Confederal está composto por:
a) A
Executiva Confederal.
b)
Secretario ou Secretaria nacional dos sindicatos ou federacións constituídas.
c)
Secretario ou Secretaria das unións comarcais.
Excepcionalmente,
a ausencia ás reunións do organismo dos secretarios ou das secretarias
territoriais ou sectoriais membros deste poderá ser suplida, logo de
comunicación, por outro cargo que designe o órgano de dirección respectivo.
Artigo 55
O
Secretariado Confederal reunirase ordinariamente cada mes e medio; será
convocado pola Executiva Confederal, a cal tamén convocará, por iniciativa
propia ou a instancia de 1/3 dos membros do organismo, sesións extraordinarias nos
asuntos que o requiran.
Artigo 56
O
Secretariado Confederal terá as seguintes competencias:
1. De
coordinación da acción sindical:
a) Aprobar e
organizar as actividades e iniciativas sindicais de carácter global en que a
CIG participe.
b) Coordinar
a actividade sindical das unións comarcais e dos sindicatos ou federacións co
fin dunha mellor operatividade sindical conxunta.
c) Análise e
seguimento dos conflitos e convenios a transcendencia dos cales así o
aconselle.
d)
Seguimento e coordinación da negociación colectiva a nivel nacional.
2. De
coordinación da estrutura organizativa e a implantación:
a) Analizar
a situación organizativa, as relacións financeiras entre estruturas e a
implantación da CIG a todos os niveis e impulsar propostas para a súa
potenciación.
b) Nomear os
representantes da CIG nos órganos de representación institucional de ámbito
xeral a nivel internacional, estatal e galego, e coñecer o nomeamento de
representantes en órganos de carácter sectorial e provincial ou inferior,
resolvendo, se é o caso, as discrepancias que se poidan producir neses ámbitos.
c) Ratificar
as novas prazas de persoal creadas nos distintos ámbitos da Confederación, a
proposta do órgano responsábel da contratación en cada caso.
3. De
carácter interno e funcional:
a) Dotarse
dun regulamento de funcionamento.
b) Tratar os
casos de presunta contradición entre as normas estatutarias a que se refiren os
artigos 14 e 32, instando, se é o caso, ditame vinculante da Comisión de
Garantías.
c)
Presentarlle ao Consello Confederal as propostas que considere.
d) As que
lle sexan expresamente delegadas polo Consello Confederal ou atribuídas por
estes Estatutos e os regulamentos que os desenvolven.
Artigo 57
A Executiva
Confederal está composta por doce membros, incluíndo o/a Secretario/a Xeral,
para exercer cada un deles, tanto a nivel externo como interno, unha
responsabilidade nacional específica a través dunha Secretaría Confederal. O
Consello Confederal ratificará a distribución das áreas de traballo e as
responsabilidades específicas asignadas a cada secretaría confederal, que
garantirán cando menos a atención das áreas de acción sindical, comunicación,
emprego, formación ocupacional e continua, relacións exteriores, formación
sindical, gabinete técnico e de saúde laboral, institucional, muller, finanzas
e organización.
A Executiva
Confederal deberá dotarse dun Regulamento de funcionamento que determine o
método de traballo interno, defina as materias atribuídas a cada Secretaría
Confederal e delimite os medios materiais de apoio ao traballo de cada área de
responsabilidade.
Artigo 58
A Executiva
Confederal reunirase ordinariamente con carácter semanal por convocatoria do
Secretario/a Xeral, quen igualmente convocará sesións extraordinarias por propia
iniciativa ou de 1/3 dos membros do organismo.
Artigo 59
A Executiva
Confederal exercerá mancomunadamente a representación xurídica, económica,
patrimonial e legal da CIG, podendo delegar no Secretario/a Xeral ou, na súa
ausencia, en calquera outro membro, estas facultades para os únicos efectos de
outorgamento de poderes. Ten, ademais, as competencias seguintes:
a)
Representación da CIG entre sesións do Consello Confederal.
b) Relacións
exteriores e interiores.
c) Elaborar
as publicacións e a propaganda de ámbito nacional confederal, así como as
relacións cos medios de comunicación.
d) Elaborar
propostas e facer seguimento da negociación colectiva, así como facer
seguimento dos conflitos laborais de maior transcendencia.
e) Elaborar
propostas e facer seguimento da política da CIG en materia de emprego e de
formación profesional dos/as traballadores/as.
f) Elaborar
os programas de formación sindical e organizar as súas actividades no ámbito
nacional confederal.
g)
Constituír e dirixir un gabinete técnico de apoio ás tarefas competencia do
organismo.
h) Coordinar
e facer o seguimento das relacións institucionais da CIG así como da presenza
dos seus representantes nos organismos institucionais en que participe.
i) Elaborar
e xestionar os orzamentos da caixa confederal, participar na xestión das
finanzas confederais e facer seguimento da xestión dos servizos de que se dote
a CIG, nos termos aprobados polo Consello Confederal.
l) Pular
pola coordinación interna entre as diferentes estruturas da CIG, propor
obxectivos organizativos comúns e facer o seguimento da evolución organizativa
confederal.
m) Informar
ao Consello Confederal e ao Secretariado Confederal da súa planificación e da
xestión desenvolvida, e presentar ante estes as propostas de acordos que
considere.
n) Propor ao
Consello Confederal as persoas que compoñan os Padroados das Fundacións
constituídas pola CIG.
o) Decidir
sobre as cuestións urxentes que se presenten entre reunións dos organismos
superiores, dando conta destas na primeira sesión que os devanditos organismos
realicen.
p) Presentar
un informe de xestión ante o Congreso.
q) As que
expresamente se lle atribúan polos Estatutos ou regulamentos en vigor, así como
as que lle sexan delegadas polos organismos superiores.
En
representación da Executiva Confederal, as contas nacionais confederais serán
asinadas mancomunadamente polo Secretario/a Confederal de Finanzas e o
Secretario/a Confederal de Organización.
Artigo 60
O
Secretario/a Xeral é o cargo unipersoal elixido en congreso que exerce a máxima
representación pública da CIG, impulsa e coordina o traballo dos organismos
nacionais confederais e preside as sesións da Executiva Confederal e do
Secretariado Confederal.
Artigo 61
En caso de
resultar vacante o cargo de Secretario/a Xeral, o Consello Confederal deberá
decidir por maioría de 2/3 a forma de substitución até a realización do
seguinte congreso.
Capítulo 2
Dos órganos sectoriais
Artigo 62
Os Estatutos
dos sindicatos ou federacións estabelecerán os órganos de goberno no seu
respectivo ámbito, tal como prevé o artigo 32, tendo nese caso a consideración
de órganos de goberno da CIG.
Artigo 63
En todo
caso, os sindicatos ou federacións deberán elixir un Secretario ou unha
Secretaria nacional, coas facultades que determinen os correspondentes
Estatutos sectoriais así como a de ser membros do Secretariado Confederal da
CIG.
Capítulo 3
Dos órganos territoriais
Artigo 64
A Asemblea
da unión comarcal é o máximo órgano da CIG no seu ámbito territorial específico
e está composta por un número de delegados e de delegadas que determinará a
Dirección Comarcal no acordo de convocatoria. Distribuiranse cos seguintes
criterios:
a) Son delegados
e delegadas natas os membros da Dirección comarcal.
b) A
Dirección Comarcal fixará o número de delegados/as para a asemblea comarcal,
coa única limitación de que os membros natos non poderán representar máis do
20% do total dos delegados/as.
Artigo 65
A Asemblea
comarcal realizarase como mínimo unha vez cada catro anos e debe ser convocada
cando menos con dous meses de antelación. A Dirección Comarcal, órgano
responsábel da súa convocatoria, aprobará un regulamento para a preparación da
asemblea e elaborará unha proposta de regulamento para as sesións desta.
Así mesmo, a
Dirección Comarcal convocará Asemblea Comarcal Extraordinaria cando así o
soliciten ao menos 2/3 dos seus membros, ou ben un número de Federacións
comarcais que representen cando menos 2/3 da afiliación, ou ben 1/3 da
afiliación total da comarca. Entre a convocatoria e a realización non poderán
transcorrer menos de 1 mes nin máis de 3, e no acordo de convocatoria
estabelecerá o Regulamento de composición e organización, non podendo adoptar
acordos sobre asuntos distintos aos que motivasen a súa convocatoria.
Artigo 66
Son
competencias da Asemblea comarcal as seguintes:
a) A
elección do Secretario/a Comarcal e da Executiva Comarcal.
b) Analizar
e avaliar a xestión dos órganos comarcais.
c) Debater e
resolver as cuestións de carácter interno ou de política sindical que incidan
na comarca.
d)
Ratificar, se é o caso, a constitución de Unións Locais no ámbito territorial
da comarca.
Artigo 67
A Dirección
Comarcal é o máximo organismo de dirección na comarca entre asembleas, coa
seguinte composición:
a) A
Executiva Comarcal.
b) O/A
responsábel comarcal de cada sindicato ou federación constituída e un
representante máis por cada 300 afiliados/as ou fracción maior de 150.
A aplicación
efectiva da fracción citada non terá efectos para o primeiro representante a
elixir, para o que haberá que contar con 300 afiliados/as.
c) O/A
Secretario/a de cada Unión Local constituída.
En caso de
que o/a responsábel comarcal dun sindicato ou federación sexa xa membro da
Executiva comarcal, o seu posto na Dirección comarcal ocuparao outra persoa que
o sindicato ou federación designe.
A aplicación
efectiva da fracción citada non terá efectos para o primeiro representante a
elixir, para o que haberá que contar con 300 afiliados/as.
Artigo 68
A Dirección
Comarcal reunirase coa periodicidade que se estabeleza, se é o caso, no seu
regulamento de funcionamento, cun mínimo de unha vez cada tres meses, e será
convocada pola Executiva Comarcal por propia iniciativa ou a instancia de 1/3
dos membros do organismo.
Artigo 69
Son
competencias da Dirección Comarcal:
a)
Administrar e coordinar a CIG no ámbito comarcal segundo as resolucións da
asemblea comarcal e os acordos dos órganos nacionais confederais.
b) Coordinar
a negociación colectiva no seu ámbito e exercer as facultades dos sindicatos ou
federacións non constituídas na comarca.
c) Nomear
comisións de traballo para os asuntos que se considere apropiado, coa
composición, fins e vixencia que se determinarán no mesmo acordo de creación.
d) Aprobar,
se é o caso, a constitución de unións locais así como os mecanismos de
funcionamento e de coordinación con estas.
e) Impulsar
e colaborar na constitución dos sindicatos ou federacións no ámbito comarcal, e
coordinar os elementos comúns das súas actividades.
f)
Pronunciarse sobre cuestións de alcance social e reivindicativo, sen
contradicir os acordos do Congreso.
g) Decidir a
contratación de persoal.
h) Decidir a
apertura, se é o caso, de novos locais no seu ámbito territorial.
i) Aprobar
os orzamentos da unión comarcal e das súas unións locais.
l) Convocar,
por acordo da maioría absoluta dos membros asistentes, Conferencia Sindical
comarcal, que terá carácter deliberante e estará composta polos membros da
Dirección Comarcal, os membros dos organismos de dirección das Unións Locais e
os membros dos organismos de dirección dos sindicatos ou federación a nivel
comarcal, estabelecéndose o seu obxecto no mesmo acordo de convocatoria.
Artigo 70
O
Secretariado Comarcal estará formado pola Executiva Comarcal, os/as
secretarios/as comarcais das Federacións e os/as Secretarios/as Locais.
Reunirase
como mínimo bimensualmente por convocatoria da Executiva Comarcal ou dun terzo
das Federacións constituídas na comarca.
Son funcións
do Secretariado Comarcal:
a) Coordinar
a actividade sindical na comarca.
b) Facer
seguimento os acordos da Dirección Comarcal.
c)
Compaxinar as distintas campañas que se programen a nivel confederal.
d) Facer
seguimento da negociación colectiva, a formación, a saúde laboral e do traballo
participativo.
e)
Supervisar o labor dos equipos de traballo interfederativos.
f) Coordinar
o traballo planificado polas federacións nas eleccións sindicais.
g) Calquera
outra función que así acorde a dirección comarcal.
Artigo 71
A Executiva
comarcal é o órgano executivo da unión comarcal, electo pola asemblea comarcal.
Estará composta por un mínimo de 5 membros e un máximo de 9, segundo acordo da
Dirección Comarcal.
Artigo 72
A Executiva
Comarcal xuntarase coa periodicidade que determine, se é o caso, o seu
regulamento de funcionamento, cun mínimo de unha vez ao mes, por convocatoria
do Secretario/a Comarcal a iniciativa propia ou a instancia de 1/3 dos seus
membros.
Artigo 73
A Executiva
Comarcal ten as seguintes competencias:
a) Organizar
e coordinar os servizos técnicos na comarca.
b) Dotarse e
administrar a infraestrutura común da Confederación no seu ámbito.
c) Xestionar
as finanzas da súa competencia.
d) Executar
os acordos da Dirección Comarcal.
e) Convocar
asembleas de delegados e delegadas.
f) Coordinar
a actividade sindical e institucional na comarca.
g) Nomear as
secretarías ou responsabilidades no seu seo que considere necesarias para unha
mellor operatividade.
h) Calquera
outra atribuída nestes Estatutos e os seus regulamentos aos órganos de goberno
comarcais e non estabelecida expresamente como competencia doutro organismo, e
mais as que lle sexan delegadas pola Dirección Comarcal.
Artigo 74
O Secretario
ou Secretaria Comarcal é o cargo unipersoal de representación pública da unión
comarcal, elixido pola Asemblea comarcal de entre os membros da Executiva, e
que coordina a actividade da Executiva e a Dirección comarcal.
Artigo 75
En caso de
vacante sobrevida no cargo da Secretaría Comarcal, decidirá a Dirección
Comarcal un novo nomeamento até a realización da seguinte Asemblea comarcal.
Artigo 76
As Unións
Locais que se poidan constituír conforme ás previsións destes Estatutos
disporán dos organismos de dirección que se adapten ás súas características de
tamaño e de grao de complexidade organizativa, que deberán figurar no acordo de
constitución adoptado pola Dirección Comarcal correspondente.
Deberá
funcionar cando menos unha Executiva Local composta por un número de entre 5 e
7 membros elixidos en Asemblea local de afiliados e afiliadas, coas funcións e
condicións reguladas no artigo 43 dos Estatutos.
A Executiva
Local deberá convocar Asemblea Local Extraordinaria cando así o decida por
maioría de 2/3 ou ben a instancia de 1/3 da afiliación total no seu ámbito,
tendo nese caso idéntico carácter e función aos regulados para a convocatoria
extraordinaria no ámbito comarcal.
Capítulo 4
Das normas xerais de funcionamento
Artigo 77
As reunións
de calquera organismo dos regulados neste título dos Estatutos consideraranse
validamente constituídas cando asistan a metade máis un dos seus membros en
primeira convocatoria ou un terzo en segunda, unha hora máis tarde, sempre que
fose convocada no tempo e na forma regulada nas normas de funcionamento que lle
sexan de aplicación, cun mínimo de 48 horas.
Artigo 78
Os acordos
dos órganos da CIG adoptaranse sempre por maioría simple dos membros
asistentes, con excepción daqueles asuntos para os que os Estatutos ou os seus
regulamentos prevexan unha maioría cualificada específica.
Artigo 79
De cada
reunión dos organismos da CIG redactarase acta na que constarán os asistentes e
os acordos adoptados, con expresión, se é o caso, das votacións realizadas e
das posicións particulares sempre que así o solicite o interesado ou interesada
e as achegue por escrito no mesmo acto da reunión.
As actas dos
organismos nacionais confederais seranlles remitidas aos órganos de dirección
das unións comarcais e dos sindicatos ou federacións constituídas así como aos
membros do Consello Confederal.
As actas dos
organismos das estruturas territoriais e sectoriais, así como as das comisións
creadas no ámbito confederal nacional, se é o caso, seranlle remitidas á
Executiva Confederal. Para estes efectos, terán a mesma consideración os
documentos oficiais que as estruturas sectoriais e territoriais vaian debater
nos seus respectivos congresos e os que resulten finalmente aprobados nestes.
As actas dos
organismos de dirección comarcal dos sindicatos ou federacións constituídas
seranlle igualmente remitidas á Executiva Comarcal correspondente.
Artigo 80
A pertenza a
un órgano de dirección da CIG implica o cumprimento da obriga de asistencia así
como o particular respecto do réxime de incompatibilidades regulado nestes
Estatutos. A non observancia de tales obrigas leva aparellada a baixa no
organismo correspondente, logo de comunicación previa á persoa afectada, aínda
que a obriga de asistencia se considera incumprida cando se reitere por tres
veces consecutivas sen xustificación.
Artigo 81
A condición
de membro da Executiva Confederal é incompatíbel coa pertenza a calquera outro
órgano executivo, tanto da Confederación como de Federación. Así mesmo, o
exercicio dos cargos de Secretario ou Secretaria Comarcal dunha U. Comarcal e
de Secretario ou Secretaria nacional dunha Federación é incompatíbel coa
pertenza a calquera outro máximo órgano executivo de comarca, de federación ou
confederal.
A condición
de membro da Executiva Confederal e o exercicio dos cargos de Secretario ou
Secretaria Comarcal e de Secretario ou Secretaria nacional dunha Federación
leva implícita a dedicación e a dispoñibilidade preferente a tales cargos.
Os
secretarios/as comarcais de Federación non poderán formar parte da Executiva
Comarcal da Confederación.
Os cargos de
Secretario/a Xeral da Confederación, Secretario/a de Unión Comarcal,
Secretario/a Nacional dunha Federación e os membros da Executiva Confederal,
non poderán ser ocupados por unha mesma persoa por máis de tres mandatos
consecutivos. Faise excepción desta regra no caso do membro da Executiva
Confederal que saia electo Secretario/a Xeral, que o pode ser independentemente
dos número de mandatos que leve ocupando cargo na Executiva. Para estes
efectos, comezarán a computar os mandatos que se exerzan a partir da
celebración do IV Congreso.
Capítulo 5
Do réxime electoral
Artigo 82
Todos os
cargos unipersoais serán electos en votación directa e individual, nos seus
respectivos congresos ou asembleas.
Artigo 83
Como norma
xeral, os procesos electivos para os órganos de goberno da CIG regularanse polo
disposto nestes Estatutos. Poderanse estabelecer procedementos electorais
específicos cando así o prevexan os regulamentos que desenvolven estes
Estatutos ou os Estatutos dos sindicatos ou federación constituídas, sempre que
non contradigan os mínimos que aquí se estabelecen.
Artigo 84
Todos os
cargos da CIG se proverán mediante votación secreta e persoal. En casos
determinados poderase admitir a votación a man alzada cando así o considere
unha maioría de dous terzos dos membros asistentes do órgano elector, aínda que
ese acordo será ineficaz cando calquera dos membros reclame o exercicio do
dereito á votación secreta.
Artigo 85
A elección
de órganos e cargos farase mediante a presentación de candidaturas en listas
pechadas, que deberán conter cando menos o número de persoas de que se compoña
o organismo, sen prexuízo do estabelecido para a elección da Comisión de
Garantías. É responsabilidade do máximo órgano ou cargo executivo existente no
ámbito en que se produce a elección a presentación dunha candidatura,
cumpríndose para estes exclusivos efectos as seguintes regras:
a) Nos
congresos terá esa consideración a Mesa presidencial.
b) No
Consello Confederal, a Executiva Confederal.
c) No
Secretariado Confederal, a Executiva Confederal.
d) Na
Executiva Confederal, o Secretario/a Xeral.
Artigo 86
Poderán
presentarse outras candidaturas, co mesmo requisito de composición, cando vaian
avaladas cando menos por un número de membros do órgano elector igual ao 150%
do número de postos que cubrir.
Artigo 87
A
composición do órgano elixido resultará da proclamación dos membros da lista
única ou, se é o caso, da adscrición dos membros de cada lista presentada en
proporción directa aos votos acadados. Para estes efectos, redondearanse por
defecto as fraccións até 0,49 e por exceso as superiores e, en caso de empate,
será proclamado o candidato ou candidata da lista que máis votos totais
obtivese.
Artigo 88
Será en todo
caso de aplicación directa o procedemento electoral regulado nos artigos
anteriores nas eleccións que correspondan realizar polo Congreso e polo
Consello Confederal, e de aplicación supletoria para os demais casos.
Non
obstante, será igualmente obrigado en todos os casos cando se presente polos
seus promotores cando menos unha candidatura en lista pechada.
Artigo 89
Cando por
aplicación do previsto no artigo 83 se prevexa un procedemento electoral
específico que implique a posibilidade de presentación de candidaturas abertas,
a lista deberá conter cando menos un número de membros igual ao de postos que cubrir
e a votación efectuarase na papeleta por un número máximo de candidatos ou
candidatas igual ao 75% dos postos que cubrir, resultando proclamados aqueles
ou aquelas que obtivesen o maior número de votos; en caso de empate, será
proclamado o candidato ou candidata con maior antigüidade na afiliación.
Artigo 90
No caso das
listas pechadas, as vacantes que se poidan producir serán cubertas polo
candidato ou candidata seguinte da mesma lista. No caso de listas abertas, polo
seguinte en número de votos.
Título V
Do réxime económico e patrimonial
Artigo 91
Os recursos
económicos da CIG están constituídos por:
a) As cotas,
tanto ordinarias como complementarias.
b) As
doazóns e legados no seu favor.
c) As vendas
dos seus bens e valores.
d) Os
ingresos por vendas de publicacións.
e) O
patrimonio acumulado ao longo da súa xestión.
f) Os
ingresos por prestacións técnicas e asistenciais.
g) Os
créditos que sexan xestionados.
h) As
subvencións que lle sexan concedidas.
i) Calquera
outros obtidos segundo os Estatutos.
Artigo 92
O Consello
Confederal aprobará un regulamento financeiro que conteña as normas comúns a
todos os órganos da CIG en materia de xestión económica e de procedemento
financeiro, que deberá rexerse, entre outros, polos principios de solidariedade
e de equilibrio económico entre as diferentes estruturas e que aplicará nas
asignacións económicas os criterios de actividade asumida e de servizos xerais
garantidos. Regulará especificamente:
a) As normas
para a confección e aprobación do orzamento confederal anual.
b) O réxime
de transferencias entre estruturas.
c) Os
procedementos para a homologación contábel interna.
d) A
participación das diferentes estruturas nos ingresos confederais.
e) O réxime
orzamentario básico das estruturas territoriais e sectoriais.
f) O sistema
de responsabilidades.
g) A
determinación da cota.
h) A
creación, composición e funcións dun órgano responsábel do control de contas co
cometido principal de auditar internamente as contas das diferentes estruturas
da CIG e a obriga de elaborar un Informe anual que presentará para a súa
aprobación no Consello Confederal.
i) As
sancións aplicábeis en materia de subvencións confederais ás diferentes
estruturas cando incumpran as normas do Regulamento.
Artigo 93
En resposta
ao principio de solidariedade, a cota sindical da CIG queda estabelecida en
función dos ingresos de cada afiliado/a nas catro modalidades que a seguir se
relacionan:
a) Cota
ordinaria: ingresos brutos iguais ou superiores ao dobre do SMI (Salario mínimo
interprofesional).
b) Cota
especial: ingresos brutos iguais ou superiores ao SMI e até o dobre deste.
c) Cota
reducida: ingresos brutos inferiores ao SMI, pensionistas non activos con ingresos
brutos iguais ou superiores ao SMI.
d) Cota
simbólica: afiliación sen ingresos e pensionistas non activos con ingresos
inferiores ao SMI.
Artigo 94
A
responsabilidade inicial da xestión dos ingresos por cotas reside nas Unións
Comarcais, que ordenarán as respectivas transferencias por ese concepto a unha
única conta confederal nacional que abrirá con ese exclusivo fin a Executiva
Confederal, liquidando esta por trimestres coas estruturas territoriais e
sectoriais correspondentes tales ingresos en función da participación acordada
segundo os Estatutos e o Regulamento Financeiro.
Artigo 95
A CIG
dotarase do patrimonio que resulte tanto da cesión do patrimonio sindical
acumulado a que legalmente teña dereito como da adquisición por calquera título
de inmobles propios. O patrimonio da CIG deberá estar rexistrado ao seu nome
nos rexistros oficiais onde proceda, non aceptando en caso contrario
responsabilidade ningunha sobre as cargas ou obrigas que a súa xestión puidese
xerar.
Artigo 96
A CIG poderá
crear, por acordo do Consello Confederal, as Fundacións que considere de
interese para o mellor cumprimento dos seus fins, estabelecendo con elas os
acordos de colaboración que resulten de mutuo aproveitamento.
Título VI
Da comunicación
Artigo 97
En
consonancia cos Principios da CIG incorporados a estes Estatutos, o idioma
oficial da Confederación en todos os ámbitos e actividades, individuais ou
colectivas, é o galego. Así mesmo, na súa documentación e medios de expresión
de calquera clase terá especial coidado na utilización dunha linguaxe non
sexista.
Artigo 98
A CIG
editará como órganos de expresión confederais propios as publicacións
periódicas cunhas características que aprobe o Consello Confederal. Tempo
Sindical é o voceiro oficial da CIG.
Empregaranse
tamén aqueles medios de expresión na rede que o Consello Confederal estime
oportunos, nomeadamente a páxina web.
Artigo 99
A CIG
inscribe cos Estatutos o anagrama da súa imaxe corporativa que se anexa. As
súas posíbeis modificacións serán igualmente inscritas no rexistro
correspondente.
Artigo 100
A CIG
utilizará un único carné, que será aprobado polo Consello Confederal e que
conterá o anagrama da Confederación, así como o específico da federación ou
sindicato que corresponda.
Artigo 101
A CIG asume
como propios o Himno galego e a Internacional. A bandeira da CIG
é vermella, co seu anagrama no ángulo superior esquerdo en cor amarela. A CIG
asume como propia a bandeira nacional galega coa estrela vermella de cinco
puntas.
Título VII
Das modificacións orgánicas e dos Estatutos
Artigo 102
A aprobación
e modificación destes Estatutos é competencia exclusiva do Congreso da CIG, que
requirirá a maioría absoluta dos/as congresistas en votación global. Exixirá o
apoio dos 2/3 calquera modificación parcial das disposicións contidas no artigo
11, nos capítulos 2, 3 e 4 do Título II, no artigo 46, no artigo 78 e no
capítulo 5 do Título IV.
Artigo 103
As
organizacións ou colectivos sindicais que así o decidan poderán estabelecer
fórmulas especiais de asociación ou integración na CIG, conforme ao mutuo
interese. O acordo a que se chegue, coa denominación de protocolo, será
aprobado polo Consello Confederal por proposta do órgano competente en función
do ámbito, e deberá conter os termos organizativos, económicos e sindicais
pactados, o seu período de vixencia e os aspectos en que son de aplicación
directa estes Estatutos.
Artigo 104
A
desconfederación dun sindicato ou federación só poderá acordarse en congreso
extraordinario deste por maioría de 2/3.
Artigo 105
A disolución
da CIG, a fusión ou a integración nunha nova organización sindical só poderá
acordarse en congreso extraordinario por maioría de 2/3.
Artigo 106
O
incumprimento reiterado, por parte dalgún organismo, das normas contempladas
nestes Estatutos ou a non execución dunha resolución da Comisión de Garantías
por parte do organismo responsábel de facelo, provocará que o Secretariado
Confederal acorde a tutela do organismo afectado até a súa plena normalización.
A tutela será exercida polo organismo superior xerárquico do organismo
incumpridor. Contra o acordo do Secretariado, caberá recurso ao Consello
Confederal da CIG.
Disposicións Adicionais
Primeira.-
Do persoal.
Dadas as
especiais características da relación contractual entre o persoal e a central
sindical, a Executiva impulsará, conxuntamente cos/coas representantes do
persoal, a elaboración dunhas normas mínimas de funcionamento e compromiso coa
central sindical. Por coherencia e en consonancia co disposto no artigo 5
destes Estatutos, o persoal da CIG debe ter o galego como lingua única de
relación e expresión nas súas actuacións como tal.
O Consello
Confederal aprobará un Estatuto de persoal da CIG, no que se terán que definir:
a delimitación das características básicas dos postos e cargos por razón da súa
función, as modalidades de vinculación contractual e os seus efectos, o réxime
salarial e de dedicación, as condicións de incompatibilidade co exercicio de
actividades privadas e aqueloutras necesarias para a mellor regulamentación da
relación entre a CIG e o persoal ao seu servizo. Igualmente, deberá contemplar
o réxime de aplicación das súas normas ao persoal liberado que non teña a condición
de asalariado da CIG.
Todo o
persoal con contrato ao servizo da CIG mantén con esta unha relación
contractual de tipo laboral, encadrándose na actualidade en dous grandes
grupos:
a)
Sindicalistas: pertencen a este grupo todos aqueles compañeiros e compañeiras
que foron elixidos e forman parte dalgún órgano de dirección da Confederación,
tanto nas estruturas profesionais como nas interprofesionais. Polo feito de
ocupar cargos de dirección na central sindical, na súa relación contractual,
ten relevancia especial a recíproca confianza e lealdade. Dada a revogabilidade
e temporalidade do seu cargo, o contrato formalizarase por mandato sindical,
sendo por tanto un contrato por obra ou servizo determinado.
b)
Asalariados: pertencen a este grupo todos aqueles compañeiros e compañeiras que
desempeñan no sindicato un traballo que non implica responsabilidade sindical.
O seu contrato corresponderase coas características do posto de traballo e as
funcións a desempeñar.
Segunda.- Da
afiliación.
Para efectos
orzamentarios e de exercicio da representación interna que corresponda,
enténdese a condición de afiliado ou afiliada como sinónima de cotizante. Para
a súa determinación nun período utilizarase a fórmula:
A = N / 0,8
C
sendo N o
total de ingresos por cotas nos doce meses anteriores e C o importe da cota
vixente no mesmo período.
Terceira.-
Das comisións.
En
aplicación das facultades previstas no artigo 44 destes Estatutos, crearanse
cando menos as comisións seguintes: Área de Comunicación, Área Pública e Saúde
Laboral.
A Comisión
de Área Pública dotarase dunhas normas de funcionamento que permitan a
coordinación efectiva das diferentes federacións que a compoñen,
proporcionándolle unhas pautas de actuación que lle confiran capacidade real de
adoptar acordos executábeis nos ámbitos comúns que se aproben, estabelecendo na
súa composición as fórmulas de participación dos distintos órganos de dirección
das federacións que a compoñen. Á súa vez, será a responsábel de facer as
propostas de adscrición das empresas, de acordo coa Adicional quinta destes
Estatutos.
Cuarta.- Da
participación da muller.
A
incorporación de mulleres na composición dos órganos de dirección da CIG deberá
ter como orientación xeral acadar un equilibrio na relación afiliación/cargos
no ámbito correspondente. Conforme a isto, deberá acadarse antes do V Congreso
unha presenza de cando menos un 30% de mulleres nos órganos de dirección
globalmente considerados.
Para que a
incorporación das mulleres na composición dos órganos da CIG sexa unha
realidade, as distintas candidaturas en calquera dos procesos deberán
contemplar un número de mulleres proporcional á porcentaxe de afiliación
feminina no ámbito correspondente.
Quinta.- Da
definición sectorial.
A adscrición
sectorial de empresas xestionadas baixo as novas fórmulas de xestión e sectores
produtivos non relacionados nesta disposición será competencia do Secretariado
Confederal con ratificación posterior por parte do Consello Confederal:
01 Administración
pública
Administración
central, autonómica, provincial e local, correos e telégrafos, xustiza,
universidades (persoal non docente), xuntas de portos, comisións
administrativas de portos e parques de bombeiros.
02 Banca,
aforro, seguros e oficinas
Banca
Pública, Banca Privada, Caixas de Aforro, Caixas Rurais, Cooperativas de
Crédito, Entidades de Financiamento e de Alugamento Financeiros, Seguros e
Reaseguros, Bolsa, Sociedades de Valores e similares, Telemarketing, as TIC,
Oficinas e Despachos en xeral como Notarías, Rexistros, Servizos Xurídicos,
Colexios Profesionais, Xestorías Administrativas, Auditorías, Asesorías
Fiscais, Axencias Inmobiliarias, Axencias de Publicidade, Oficinas de Selección
e Colocación de Persoas, Oficinas Técnicas de Arquitectura ou Enxeñeiras e
outras entidades de natureza similar.
03
Construción e madeira
Obras
públicas, construción, cementos e derivados, tellas e tixolos, lousas,
aplicación de pinturas, xesos e escaiolas, mármores e pedras, canteiras, vidro
e cerámica, fabricación de mobles, aglomerados, serradoiros, almacenistas de
madeira, carpintaría, ebanistaría, carpintaría de ribeira.
04 Ensino
Ensino
público e privado, investigación universitaria, universidades e autoescolas.
05 FGAMT
Agro,
gandaría, pensos compostos, matadoiros, explotación forestal, granxas,
piscifactorías, industrias alimentarias, frío industrial, conservas cárnicas e
de peixe, caza, frigoríficos e bebidas, depuradoras, confección téxtil, coiros,
calzado, pel, xéneros de punto e empresas auxiliares; pesca, marisqueo,
empresas de estiba e desestiba, cultivos mariños, mariña mercante, axencias
marítimas e consignatarias; transporte de viaxeiros e de mercadorías por
calquera medio agás o marítimo, axencias de alfándegas, mensaxeiros, estacións
de autobuses e mercadorías, aparcamentos e garaxes, gasolineiras, ambulancias,
telecomunicacións e telefónica; e a produción de enerxías alternativas (eólica,
solar, etc.).
06 Metal
Fundición,
fabricación de maquinaria, bens de equipo, material eléctrico e electrónico,
vehículos, construción e reparación naval, siderurxia, metalográfica,
instalacións metálicas, talleres mecánicos, manufacturados metalúrxicos e todos
aqueles que aparecen reflectidos no artigo "Ámbito de aplicación" dos
catro convenios provinciais do metal.
07 Químicas
e enerxía
Centrais
enerxéticas, refinarías, extracción de minerais, empresas de distribución
enerxética, plásticos, cauchos, papel, pasta e cartón, artes gráficas,
fertilizantes, pesticidas, desperdicios sólidos, laboratorios, pinturas, xabóns
e pirotecnias.
08 Saúde
Sanidade
pública e sanidade privada.
09 Servizos
Comercio de
froitas, comercio do téxtil, do metal, da pel, do vidro plano, de materiais de
construción, de mobles e de alimentación, grandes almacéns, drogarías,
farmacias, bazares, florarías, librarías, hostelaría, axencias de viaxe, medios
de comunicación públicos e privados, estudos fotográficos, cinema, teatros,
músicos, espectáculos, dobraxe e son, deportes, bibliotecas, museos, salas de
xogos, casinos, administracións de lotarías, perrucarías, tinturarías,
lavandarías, limpeza, predios urbanos, pompas fúnebres, xardinaría, clubes e
sociedades recreativas, seguridade privada e empregadas do fogar.
Os sectores
de actividade non citados nesta disposición adscribiranse segundo criterios de
analoxía.
Para estes
efectos, as empresas con capital público maioritario, así como aquelas empresas
xestionadas mediante novas fórmulas de xestión (consorcios, fundacións...) e
que a súa actividade principal sexa a prestación dun servizo público, estarán
adscritas ás federacións da Área Pública, adxudicándose a cada unha delas en
función da actividade que realizan. En caso de discrepancia, será o
Secretariado Confederal o que decida, o cal será ratificado polo Consello Confederal.
A readxudicación das empresas afectadas polo aquí exposto farase unha vez
rematados os procesos congresuais e nunca máis tarde do 30 de xuño de 2010.
Sexta.- Da
organización territorial.
01 Comarca
de Vigo
U.L. VIGO:
Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, Vigo.
U.L. O
PORRIÑO: O Porriño, Mondariz, Ponteareas, Salceda, Salvaterra, Tui, As Neves,
Oia, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Mondariz-Balneario, Covelo, Arbo, Crecente, A
Cañiza, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes.
U.L.
MORRAZO: Cangas, Bueu, Moaña.
02 Comarca
de Santiago
U.L.
SANTIAGO: Santiago, Negreira, A Baña, Val do Dubra, Trazo, Oroso, O Pino,
Arzúa, Boimorto, Sobrado, Brión, Ames, Touro, Melide, Toques, Santiso, Lousame,
Dodro, Rois, Padrón, Teo, Vedra, Boqueixón, Tordoia, Mesía, Frades.
U.L. AS
RÍAS: Ribeira, Outes, Muros, Noia, Porto do Son, Boiro, Rianxo, A Pobra do
Caramiñal.
03 Comarca
da Coruña
U.L. A
CORUÑA: A Coruña, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Sada, Bergondo, Paderne, Irixoa,
Zas, Cerceda, Carral, Cambre, Betanzos, Coirós, Aranga, Santa Comba, Ordes,
Abegondo, Oza dos Ríos, Curtis, Cesuras, Vilasantar.
U.L. CEE:
Cee, Fisterra, Muxía, Corcubión, Vimianzo, Carnota, Mazaricos, Camariñas.
U.L.
CARBALLO: Carballo, Laracha, Ponteceso, Malpica, Laxe, Cabana e Coristanco.
04 Comarca
de Ferrol:
U.L. FERROL:
Ferrol, Ares, Mugardos, Narón, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira, Fene, Cabanas, A
Capela, Neda, S.Sadurniño, Moeche, Pontedeume, Miño, Vilamaior, Monfero,
Cariño.
U.L. AS
PONTES: As Pontes, Somozas, Mañón, Cerdido.
05 Comarca
de Lugo-A Mariña
U.L. LUGO: A
Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Abadín, Antas de Ulla, As Nogais,
Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes,
Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras,
Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Corgo, O Incio, O Páramo, Outeiro de Rei,
Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Portomarín, Rábade, Ribeira
de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.
U.L.
MONFORTE: Monforte, Chantada, Bóveda, O Saviñao, Ribas de Sil, Taboada,
Carballedo, Pantón, Sober, Pobra de Brollón, Quiroga, Folgoso do Courel.
U.L. A
MARIÑA: O Vicedo, Xove, Ourol, Valadouro, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Viveiro,
Cervo, Burela, Foz, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá.
06 Comarca
de Ourense
U.L.
OURENSE: Allariz, Amoeiro, A Arnoia, Avión, Bande, Baños de Molgas, Barbadás,
Beade, Beariz, Boborás, A Bola, Carballeda de Avia, O Carballiño, Cartelle,
Castrelo do Miño, Castro Caldelas, Celanova, Cenlle, Coles, Cortegada,
Chandrexa de Queixa, Entrimo, Esgos, Gomesende, O Irixo, Leiro, Lobeira,
Lobios, Maceda, Maside, Melón, A Merca, Montederramo, Muíños, Nogueira de
Ramuín, Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada do Sil, O Pereiro de Aguiar,
A Peroxa, Piñor, Pontedeva, Punxín, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia,
San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río,
Taboadela, A Teixeira, Toén, Verea, Vilamarín, Xunqueira de Ambía e Xunqueira
de Espadanedo.
U.L. O BARCO:
O Barco, A Rúa, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Viana do Bolo, Vilamartín de
Valdeorras, Petín, O Bolo, Manzaneda, A Veiga.
U.L. VERÍN:
Verín, Monterrei, Oímbra, Cualedro, Laza, Castrelo do Val, Riós, Vilardevós, A
Gudiña, A Mezquita, Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Sandiás, Vilar de Barrio,
Sarreaus, Trasmirás, Baltar, Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Vilariño de
Conso e Rairiz de Veiga.
07 Comarca
de Pontevedra
U.L.
PONTEVEDRA: Pontevedra, Vilaboa, Marín, Ponte-Caldelas, A Lama, Cotobade, Barro,
Campo-Lameiro, Cerdedo, Forcarei, Lalín, Dozón, Rodeiro, Portas, Moraña,
Cuntis, A Estrada, Silleda, As Cruces, A Golada, Soutomaior, Poio.
U.L. SALNÉS:
Vilagarcía, Catoira, Vilanova, Cambados, Ribadumia, O Grove, Meaño, Meis,
Valga, Sanxenxo, Pontecesures, Caldas de Reis, A Illa.
U.L. A
Estrada-Deza: A Estrada, Agolada, Cerdedo, Cuntis, Dozón, Forcarei, Lalín,
Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, e polo tanto dar de baixa da U.L. de
Pontevedra os concellos de Cerdedo, Forcarei, Lalín, Dozón, Rodeiro, Cuntis, A
Estrada, Silleda, Agolada e Cruces.
Sétima
A CIG é un
sindicato de clase. No seo das súas federacións poderán constituírse sectores e
subsectores interprofesionais, atendendo ás distintas dependencias
administrativas, características produtivas, etc. Na CIG non terán cabida
colectivos ou estruturas organizadas en atención á súa categoría ou grupo
profesional, funcións ou responsabilidades de mando no centro de traballo.
Disposicións
Transitorias
Primeira
O Consello
Confederal da CIG articulará as medidas posíbeis, de caracter organizativo, con
aquelas comarcas ou federacións que no prazo de catro anos non alcancen os
5.000 afiliados/as.
Segunda.-
Das asembleas das estruturas territoriais.
As
estruturas territoriais da CIG deberán realizar as súas asembleas comarcais no
prazo máximo do 31 de decembro de 2009. Aquelas estruturas que por
circunstancias especiais non puidesen realizalas antes desa data, solicitarán o
seu adiamento ao Consello confederal.
Ás
estruturas, tanto territoriais como sectoriais, que non convoquen o seu proceso
congresual ou asembleario por remate de mandato, conforme aos Estatutos, sen
causa xustificada e ratificada polo Secretariado Confederal, aplicaráselles o
regulado no artigo 106 dos presentes Estatutos até o momento da realización do
proceso congresual ou asembleario.
Terceira.-
Da aplicación do réxime de incompatibilidades de cargos.
A aplicación
individual das incompatibilidades reguladas no artigo 81 destes Estatutos entre
membros da Executiva Confederal e membros dos órganos executivos dunha
federación ou dunha comarca terá efectos a partir da celebración do Congreso ou
Asemblea correspondente.
O mesmo
prazo máximo rexerá para a aplicabilidade individual das demais
incompatibilidades estabelecidas no mesmo artigo 81.