Documentos  Vigo, 18 de decembro de 2001
Mocidade e inserción laboral
Propostas en materia social e laboral
Podemos dicir que a aposta pola xeración de emprego e máis a mellora das condicións laborais sempre van ter como primeiros beneficiarios a mocidade e mais as mulleres, xa que son hoxe estes dous grupos ou sectores os máis afectados polas políticas económicas, sociais e laborais negativas. Unhas políticas nas que teñen responsabilidades compartidas, en distinto grao, a Unión Europea, o Goberno Central e máis a Xunta de Galiza, xa que despois de moitos anos non son non deron saida á lacra do desemprego e a precariedade laboral, senón que se manteñen as altas taxas de paro e aumentou a eventualidade e a desigualdade entre os asalariados, e entre estes e outras clases sociais. É verdade que en Galiza nos últimos deveceu a taxa de paro, pero, como xa vimos, a custa dunha maior precariedade, emigración e da queda da natalidade. Dende a Unión Europea fanse as seguintes propostas sobre a creación de emprego e a inserción laboral, que reproducimos polo seu interese: “O Libro branco da política social europea” destaca de xeito inequívoco que “o investimento en educación e formación é unha das condicións esenciais de competitividade da Unión e da cohesión das nosas sociedades”. E propón desenvolver accións a favor do emprego que estean asociadas ás prioridades establecidas no “Libro branco sobre crecemento, competitividade e emprego”; en concreto, accións orientadas a: - Reducir drasticamente na Unión Europea o desemprego da xente nova maior de 18 anos, para o que se deberían establecer alternativas de emprego-formación nos sistemas de Formación Profesional dos estados membros.
- Eliminar progresivamente o analfabetismo e a carencia de cualificacións de base da poboación activa.
- Mellora-la calidade da formación básica e da formación profesional iniciais, fomentando o espírito emprendedor entre a xente nova, así como as súas capacidades para explota-las novas tecnoloxías.
- Dialogar cos interlocutores sociais co fin de incrementa-lo alcance e o ámbito dos programas de aprendizaxe existentes e/ou doutras formas de emprego-formación.
- Asesorar de forma sistemática a xente nova sobre as súas posibilidades de inserción profesional, mellorando a coordinación dos servicios de información e orientación profesional.
- Considera-la introducción de incentivos e medidas de apoio fiscal, tanto para as empresas ou sociedades como para os particulares, co fin de incrementa-los investimentos na formación continua dos adultos”.
Dende a CIG coidamos que estas propostas na practica deixan en mans dos axentes privados (a patronal) toda a inicitiva ao respeito da xeración de emprego, adxudicandolle ao governo-sector público un papel secundario, de preparación e incentivación (mediante achegas á ptronal) na creación de postos de traballo. Esta liña de actuación amosou nas últimas décadas as suas limitacións e incapacidades, xa que o problema do emprego agravouse, e as condicións laborais son peores para unha gran parte dos asalariados, especialmente a mocidade. Dentro da Unión Europea varios países, Francia e Portugal por exemplo, incentivaron a rebaixa da xornada laboral coa finalidade de incorporar ao traballo á mocidade. Aínda que algúns sectores aseguraban que esto ia quitar competitividade a Francia (onde a esperiencia tivo mais fondura) o certo é que non foi así e crearonse miles de empregos, aínda que non na cuantia que algúns pretendian. Dende a Confederación Intersindical Galega levamos anos esixindo medidas xerais que corrixan as altas taxas de paro, milloren a calidade do emprego e eviten as situacións de precariedade social. Entendemos que hai medios económicos suficientes como para implementar estas medidas dende as distintas administracións con competencias no tema. Cómpre dicir que aquelas políticas que se implementaron, ben dende o Goberno central, ben dende a Xunta de Galiza, resultaron ata este intre un fracaso, malia os grandes recursos públicos de que se dotaron. Na práctica os maiores beneficiarios non foron os traballadores en paro ou con empregos precarios, senón os empresarios, especialmente aqueles máis grandes ou inseridos nos sectores máis dinámicos neste contexto de globalización, polo que tampouco serviron para evitar a perda de mercados ou de emprego. As nosas propostas en materia económica, laboral e social son as seguintes: - Potenciar a economía produtiva e, polo tanto, o emprego.
- Unha mellor redistribucion da riqueza, para aumentar o consumo e mais o emprego.
- A diminución da xornada laboral.
- Unha Renda Básica ou Mínima, para todas as persoas paradas sen cobertura económica.
- Eliminar as horas extras e mais as ETTs.
- Reducir a temporalidade a situacións moi concretas e por necesidades estruturais. Maior cotización á Seguranza Social.
- Aumentar o tempo que se cobra o seguro de desemprego e mellorar as condicións para poder acceder a el.
- Medidas de protección ás situacións máis graves por desemprego (rebaixa no bus, non pagar taxas por matriculación en cursos ou estudos, etc).
|