DocumentosVolver ao índice do documentoVolver a Actualidade


Vigo, 18 de decembro de 2001

Mocidade e inserción laboral
 

Secretaría Confederal de Formación Sindical e Migración-

cig.form-sindical@galizacig.com




Propostas para a mellora da formación

Segundo os datos da EPA do ano 2000 procuraban un posto de traballo 28.600 mozos e 47.400 mozas menores de 30 anos, 78.000 persoas!. Unha cifra moi alta se temos en conta que cada ano emigran miles de galegos buscando un emprego noutras partes do Estado español, especialmente en Madrid, Barcelona, Canarias, Baleares...

Mirando as taxas de desemprego e a sua evolución segundo o nivel profesional, podemos dicir que aumentou entre os que teñen estudos primarios e superiores e baixou entre os que teñen estudos medios. Isto indicaría os problemas que atopan aqueles que carecen de formación, máxime existindo máis oferta que demanda de man de obra, e unha saturación de profesionais e técnicos que non é capaz de absorber o mercado laboral, mais por que isto ten que implicar unha restrición das persoas con títulos superiores, como algúns aconsellan?... Todo parece aconsellar contar cunha poboación co máis alto nivel de cualificación profesional e cultural; outra cousa é que ocupación laboral vai cumprir logo cadaquén, xa que en moitos casos a tarefa realizada terá unha cualificación máis baixa (ás veces respondendo a motivos máis casuais ou subxectivos que de cualificación en comparación con outros traballadores). Isto tamén hai que o asumir, e debera ser parte importante da formación do estudantado; a contribución social e a realización individual non se pode alimentar só do cargo na empresa ou do nivel de ingresos.

Sobre a formación o “Plano Galego de Formación Profisional” di o seguinte:

“A formación xa non pode ser concibida como unha adquisición de aprendizaxes fixa e puntual que serve para sempre, senón que debe constituír un proceso permanente que se renova e se actualiza ó longo de toda a vida profesional do individuo.

Á súa vez, a necesaria adaptación e actualización do proceso de adquisición de competencias ós novos requisitos da evolución e o cambio tecnolóxico, así como dos novos sistemas organizativos, esixe que calquera Formación Profesional estea soportada por unha sólida e ampla formación de base (científico-técnica, cultural e social), que se debe adquirir fundamentalmente durante o período de formación inicial, pero tamén cando sexa preciso durante a formación continua.

A estreita relación entre a Formación Profesional inicial e a continua, así como entre a formación xeral e básica e a Formación Profesional específica, esixe que as reformas e os desenvolvementos dos sistemas de Formación Profesional se realicen dende unha óptica integrada e coordinada, en que se dilúan as delimitacións parciais e pechadas de cada tipo de formación e, polo contrario, se destaquen as funcións sistemáticas que cada unha delas cumpre. Dita perspectiva integrada debe acadar tamén as necesarias relacións de coordinación que se deben estabelecer entre a oferta formativa dependente de recursos públicos e a oferta formativa promovida pola iniciativa privada.

O papel decisivo que lle corresponde desempeñar á cualificación dos recursos humanos no crecemento económico, na competitividade da produción e no emprego propiamente dito sitúa a este obxectivo (e ó seu negativo: a formación, para adquirir cualificacións) en estreita dependencia coas necesidades e demandas de, precisamente, o crecemento, a competitividade e o emprego. Por tanto, a análise permanente das competencias profesionais que demandan de forma específica os sectores productivos convértese no referente decisivo de calquera sistema de Formación Profesional, xa que só a partir del se poderán definir os instrumentos formativos que faciliten a adquisición das cualificacións demandadas”.

Este mesmo texto propón entre outras as seguintes medidas:

  • Unha nova política de financiamento e de apoio á formación continua que estimule os investimentos empresariais en formación.

  • O recoñecemento do dereito á formación profesional e o estímulo e axuda necesarios para lles permitir ós traballadores o acceso á formación, así como ó recoñecemento e certificación da competencia profesional adquirida.

  • A posta en práctica de medidas que estimulen as oportunidades e os desexos de adquirir formación, incentivando o desenvolvemento dun mercado de formación coa calidade adecuada.

  • A promoción das accións de formación continua que persigan un incremento da formación de base e a adquisición das cualificacións profesionais do futuro sistema de cualificacións.

  • O establecemento do soporte normativo e das medidas que posibiliten o acceso dos traballadores á oferta flexible de módulos profesionais e de formación de base impartida nos centros educativos.

Como conclusión xeral, pódese afirmar que neste terreo está case todo por facer. O modelo actual de formación continua (que serviu para avanzar no camiño da concienciación empresarial e para inicia-lo desenvolvemento da formación continua), en que case non existe intervención gobernamental, debe virar cara a un modelo de planificación flexible; un modelo caracterizado polo establecemento do soporte normativo mínimo preciso e a planificación necesaria para conduci-la formación continua cara ós niveis de calidade e peso específico que ten nos países europeos”.

Son propostas que nos valen globalmente, pero non algúns aspectos, xa que defendemos que a formación debe ser sempre pública e que ten que depender exclusivamente da Xunta de Galiza, ou sexa: que o noso país debe contar con plenas competencias nesta materia.

Ao respecto da formación ocupacional e continua, na que participamos as centrais sindicais, faciamos dende a CIG as seguintes propostas nun documento de recente redacción:

Definir a política de formación profesional ocupacional e continua é nestes intres o obxectivo fundamental, polo que debemos intensificar, se cabe moito máis, o referido a que Galiza necesita con urxencia dunha planificación coordinada, ordenada e racional das súas políticas de formación e emprego. Políticas públicas eficaces, baseadas nun coñecemento exhaustivo das necesidades e da realidade sociolaboral do noso país, enmarcadas dentro dun deseño estratéxico de desenvolvemento dos nosos sectores productivos e da nosa estructura económica territorial. Con este fin cómpre seguir demandando, dentro do recentemente creado Plano Galego de Formación Profesional e Emprego e no Consello Galego de Formación Profesional, a creación dun "Instituto Galego de Formación Profesional e Emprego", como organismo autónomo dependente da Xunta de Galiza que, asumindo a plena competencia en materia de FP dos tres subsistemas (regrada, ocupacional e continua), xestione e desenvolva o Plano Galego de Formación Profesional, contando sempre coa participación, control e seguimento das organizacións empresariais e sindicais, a través da súa participación institucional no Consello Galego de FP. Todo isto, na perspectiva de conseguir un sistema integrado de FP ó servizo do desenvolvemento económico e social de Galiza, xestionando dende o mesmo, a transferencia de competencias da totalidade das políticas activas e pasivas nesta materia, con especial mención á transferencia de formación continua, aspecto no que, paralelamente, cómpre intensificar os esforzos co fin de acadar un Acordo Galego para a Formación Continua de conformidade co artigo 84 do ET”.

Seguinte ...

 
Volver ao índice do documentoVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2001