Documentos / Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo Vigo, 15 de outubro de 2001
Alguns dados da Galiza dos 70
Segundo o censo de 1970 a povoación de feito en Galiza era de 2.583674 persoas, só 150.000 menos que hoxe. Nas entidades de máis de 10.000 persoas vivia o 23,68% dos habitantes. Nas que tiñan entre 1.000 e 10.000, o 10,67%. O resto moraba en núcleos rurais, un 65,65%! En 1998, estes dados eran, respectivamente, en núcleos de máis de 10.000 habitantes o 32,72%; en vilas, o 16,22%; e nas aldeas e lugares o 51,06% da povoación. Por outra banda, en 1972 naceron 18.823 persoas máis das que morreron, mentres que no ano 2000 morrian 9.204 persoas máis das que nacian.

A povoación ocupada en 1970 era de 1.097.655 persoas. Por sectores, na agricultura e pesca estaban ocupados 537.734 (48,99%), na indústria 159.541 (14,49%), na construción 97.453 (8,92%) e nos servizos 302.956 (27,6%)(1). Ese mesmo ano o paro rexistrado era de 19.094 traballadores e o número de asalariados a 499.309, ou sexa o 45,48% da povoación ocupada. No ano 2001, a povoación ocupada era de 985.700 persoas, das que 158.700 o estaban no agro e pesca (33.200 na pesca), un 16%; 187.700 na indústria; 117.700 na construción; e 521.600 nos servizos. O paro atinxe no 2º trimestre do 2001 a 167.200 traballadores, o 14,5% da povoación activa. Os asalariados suman hoxe 678.900, ou sexa un 68,8%, 23 pontos máis que hai 3 décadas! Comparando os dados dos 70 coa situación actual, podemos dicer que hoxe temos menos povoación ocupada, moito máis desemprego, o mesmo número de operários na industria e construción e un traspaso de traballadores do agro aos servizos.

Vigo era na década dos 70, como hogano, unha cidade en pleno crecimento económico, pero ademais demográfico. Concretamente en só 5 anos, de 1963 a 1968 a povoación medrou un 10,27%, chegando aos 191.816 habitantes (perto dos 300.000 hoxe en dia). Ademais era o que tiña a renda per capita máis alta de Galiza(2), 82.656 pesetas/ano.
Cadro de persoal dalgunhas empresas de Vigo en 1970(3): Citroën 3.369 (7.347 en 1975); Álvarez 1.650; Barreras 1.372; Vulcano 843; Massó Cangas 798; Regojo 789; Vanosa 738; Dreslock 553; Corfi 473; Carnaud 472; Reyman 468; Freire 466; Ascón 449; Aycasa 443; Refrei 405; Santo Domingo 377; Copiba 341; Albo 309.
|