Documentos / Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo Vigo, 15 de outubro de 2001
Entrevista con Xesús Chaves
| | Manuel Mera- | Información tirada dunha entrevista realizada en A Nosa Terra en 1997, nº 769 |
Cal é a valoración que realiza das loitas de 1972?
Mudan o curso da história, tanto política como sindical, no noso país. Até daquelas existia un monopólio total do PCE e de Comisións Obreiras, eran os motores do movimento obreiro. As únicas alternativas que se daban á situación que vivia Galiza eran as estatais. Para facerlle fronte á ditadura a alternativa era totalmente pactista, logo de que o PCE asinase coa burguesia, máis ou menos moderada, o seu famoso Pacto pola Liberdade. Esqueceran tanto o PCE como CCOO todos os princípios de loita no mundo do traballo en función dos seus intereses políticos. Por outra banda, negábanse a recoñecer que existia Galiza como tal, cuns problemas concretos. Eu comecei a militar en Comisións en 1966, na Citroën, e en 1971 axudei a fundar Organización Obreira.
A anterior análise foi a que levou á ruptura en Comisión Obreiras?
Os elementos máis combativos, diría que tamén máis lúcidos, saíronse tanto de CCOO como das Xuventudes Comunistas e formaron Organización Obreira. Esta foi a vangarda das loitas posteriores, nomeadamente as de 1972. Organización Obreira naceu con afán de lanzar á sociedade alternativas nidiamente galegas. O motor foron as Xuventudes, pero era a xente máis representativa dos estaleiros e das grandes fábricas, por iso, na prática, pudemos superar as alternativas do PCE e CCOO.
Por que cualifica de loita pantasma a de Setembro?
Naceu para reivindicar ou non traballar os sábados á tarde, cando habia pouco tempo que se asinara o convénio. Só deron arrastrado unha nave de Citroën. A represión da patronal levou a que se decretasen once despedidos simultáneos. Ese foi o verdadeiro detonante do conflito e cando verdadeiramente se puxo en marcha Vigo e en pé de guerra durante duas semanas. A povoación solidarizouse cos folguistas en moitas ocasións. A forma de actuar do sistema franquista fixo que a xente se puxese ao noso favor. Non foi unicamente un conflito laboral. Houbo un estado de excepción prático. Lémbrome, por exemplo, da solidariedade das peixeiras.
Cando racha a folga, moitos tivemos que fuxir, outros moitos foron á cadea e, moitos máis, represaliados laboralmente. Pasei un ano no estranxeiro. Cando voltei, entrei a traballar nunha contrata en Barreras e, ao pouco tempo, contacto coa xente do SOG e entro a militar tamén na UPG. |