DocumentosVolver a Organización Obreira (OO) e as loitas de 1972 en VigoVolver a Actualidade / Organización Obreira e as loitas de 1972 en Vigo
Vigo, 15 de outubro de 2001

Marzo do 72: mobilizacións en solidariedade con Bazán
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



Ao que se coñeceron os sucesos de Ferrol contra os operários da Bazán (a dura represión, os mortos e feridos) fixéronse reunións en todas as empresas, conxuntas de CCOO e de OO, e decidiuse chamar ao dia seguinte a un paro en solidariedade cos traballadores de Ferrol. Asi, o dia 11, pararon Vulcano, Citroën, Barreras e Censa duas horas. Organizáronse colectas nas fábricas, mália a represion e ameazas por parte dos mandos intermédios (en Citroën púxose un porteiro en cada portal de entrada das naves para non permitir entrar a nengun traballador que non levase asinado un pase polo contramestre; négase o paso aos obreiros máis “problemáticos” a outras naves da factoria).

O dia 13 seguen os paros en Citroën, Freire, Refrey, Reyman, Barreras, Censa, Ascón (Rios). Nalgunhas a folga é dunhas horas e noutras de toda a xornada. En Vulcano hai peche patronal “a todo o persoal de Factorias Vulcano fóronlle pechadas as portas da empresa o luns dia 13. Ese mesmo dia formáronse na porta piquetes que percorreron todos os estaleiros da cidade solicitando a solidariedade”(
1).

“O dia 15 de Marzo a tensión entre os traballadores de Galiza era grande. En Ferrol a Bazán está pechada, a dirección da empresa remetera dúcias de cartas de despedimento e a policia detiña a aqueles traballadores que salientaban na loita. En Vigo, houbo ese dia paros en várias empresas e fora convocada unha manifestación na Porta do Sol ás sete e meia polo PC e as CCOO. Mália non ser convocada oficialmente por OO, achegáronse ao lugar os militantes desta organización e tomaron a cabeceira (mentres os membros do PC ollaban para o “espectáculo” desde as beiras). Saíu a manifestación e botáronse berros de “Vigo con Ferrol” e “Policia asasina”. Decontado, deuse o enfrontamento coa policia. Houbo dúcias de feridos e detidos, a maioria de OO, entre os que hai que destacar a “Issac”, que foi mallado brutalmente, polo que tivo que ingresar na Hospital; posteriormente foille imposta unha multa polo Governador Civil. En total o Governo civil impuxo por estes feitos 3 multas de 50.000 pesetas, 1 de 25.000, 2 de 15.000 e 8 de 5.000”(
2). (Desde o 1 de abril de 1972 o salario mínimo seria de 154 pesetas/dia, o que dá unha idea sobre a importáncia das contias).

Tamén o estudantado participou dos paros. Concretamente os alunos das Escola de Mestria, de Enxeñeiros Técnicos, os dous institutos e outras escolas. Realizaron várias manifestacións pola cidade.

Axiña encetaron as reunións entre os xurados e enlaces e mais o governador civil para lle buscar unha solucion ao conflito, segundo OO “rexeitando a posibilidade máis honrada, a solidariedade entre os traballadores, tendo en conta ademais as condicións de unidade e combatividade en que se atopaba a clase obreira nese intre, pero a política do PCE non estaba en cuestionar o sistema capitalista”(
3). A consecuéncia destas conversas remata o peche patronal en Vulcano o dia 16, que durara tres dias. O dia 17 a normalidade era total en Vigo, mentres que en Ferrol a Bazán era militarizada; os servizos de seguridade serian cobertos pola “Marina”, que exixe o carné de identidade para entrar á empresa, que non se pode realizar antes de hora e non máis tarde de 20 minutos.

O dia 20 pola mañá entraria en Bazán a metade do cadro de persoal e Censa, en Vigo, princípia un paro para presionar polo convénio. O dia 21 incorporarase o resto do persoal en Bazán, e o 22 xa se traballa normalmente. Ademais da morte de Amador Rey e Daniel Niebla, de várias dúcias de feridos, hai un total de 45 persoas detidas e 160 despedidos pola protesta dos traballadores, contra o laudo que os obrigaba a aceitar o convénio interprovincial cando os operários levaban semanas mobilizándose a prol dun convénio de factoria. O dia 24 ainda serán detidos outros 3 traballadores no estaleiro. En solidariedade con Bazán tamén para na comarca Conservas Massó de Cangas durante 1 hora. (Unha nota final, daquela era Rodolfo Martín Villa o Secretário Xeral do Sindicato vertical).
 
 

 
Notas:

(
1) De Terra e Tempo, voceiro da UPG (edición de Paris).

(
2) Do documento de militantes de OO.

(
3) Do documento de militantes de OO.
 
Volver a Organización Obreira (OO) e as loitas de 1972 en VigoVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/10/2001