Lei Orgánica de Liberdade Sindical


CIG - Secretaría Confederal de Formación Sindical

Lei Orgánica de Liberdade Sindical


(Lei 11/1985, do 2 de agosto, BOE 08.08.1985)



TÍTULO I - Da liberdade sindical



Artigo 1

1. Todos os traballadores teñen direito a sindicaren-se libremente para a promoción e defensa dos seus intereses económicos e sociais.

2. Para os efeitos desta Lei, consideran-se traballadores tanto aqueles que sexan suxeitos dunha relación laboral como aqueles que o sexan dunha relación de carácter administrativo ou estatutário ao servizo das Administracións Públicas.

3. Quedan exceptuados do exercício deste direito os membros das Forzas Armadas e dos Institutos Armados de carácter militar.

4. De acordo co disposto no artigo 127.1 da Constitución, os Xuíces, Maxistrados e Fiscais non poderán pertencer a sindicato nengun mentres estean en activo.

5. O exercício do direito de sindicación dos membros de Corpos e Forzas de Seguridade que non teñan carácter militar rexerá-se pola sua normativa específica, dado o carácter armado e a organización xerarquizada destes Institutos.



Artigo 2

1. A liberdade sindical comprende:

a) O direito a fundar sindicatos sen autorización prévia, asi como o direito a suspendé-los ou extingui-los, por procedimentos democráticos.

b) O direito do traballador a afiliar-se ao sindicato da sua eleición, coa soa condición de observar os estatutos deste, ou a separar-se do que estivese afiliado, non podendo ninguén ser obrigado a afiliar-se a un sindicato.

c) O direito dos afiliados a elexeren libremente os seus representantes dentro de cada sindicato.

d) O direito á actividade sindical.

2. As organizacións sindicais no exercício da liberdade sindical teñen direito a:

a) Redactar os seus estatutos e regulamentos, organizar a sua administración interna e as suas actividades e formular o seu programa de acción.

b) Constituir federacións, confederacións e organizacións internacionais, asi como afiliar-se a elas e retirar-se destas.

c) Non ser suspendidas nen disoltas senón mediante resolución firme da Autoridade Xudicial, fundada en incumprimento grave das leis.

d) O exercício da actividade sindical na empresa ou fóra dela, que comprenderá, en todo caso, o direito á negociación colectiva, o exercício do direito de folga, a apresentación de conflitos individuais e colectivos e a apresentación de candidaturas para a eleición dos Comités de Empresa e Delegados de Persoal, e dos correspondentes órgaos das Administracións Públicas, nos termos previstos nas normas correspondentes.



Artigo 3

1. Mália o disposto no artigo 1º.2, os traballadores por conta própria que non teñan traballadores ao seu servizo, os traballadores en paro e os que teñan cesado na sua actividade laboral, como consecuéncia da sua incapacidade ou xubilación, poderán afiliar-se ás organizacións sindicais constituídas consonte ao exposto nesta Lei, pero non fundar sindicatos que teñan precisamente por obxecto a tutela dos seus intereses singulares, sen prexuízo da sua capacidade para constituir asociacións ao abeiro da lexislación específica.

2. Quen posua cargos directivos ou de representación no sindicato ao que estea afiliado non poderá desempeñar, ao mesmo tempo, nas Administracións Públicas cargos de libre designación de categoria de Director Xeral ou asimilados, asi como calquer outro de rango superior.



TÍTULO II - Do réxime xurídico sindical



Artigo 4

1. Os sindicatos constituídos ao abeiro desta Lei, para adquiriren a personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, deberán depositar, por meio dos seus promotores ou dirixentes, os seus estatutos na oficina pública estabelecida para o efeito.

2. As normas estatutárias conterán, cando menos:

a) A denominación da organización, que non poderá coincidir nen inducir a confusión con outra legalmente rexistrada.

b) O domicílio e ámbito territorial e funcional de actuación do sindicato.

c) Os órgaos de representación, governo e administración e o seu funcionamento, asi como o réxime de provisión eleitiva dos seus cargos, que terán de axustar-se a princípios democráticos.

d) Os requisitos e procedimentos para a adquisición e perda da condición de afiliados, asi como o réxime de modificación de estatutos, de fusión e disolución do sindicato.

e) O réxime económico da organización que estabeleza o carácter, procedéncia e destino dos seus recursos, asi como os meios que lles permitan aos afiliados coñeceren a situación económica.

3. A oficina pública disporá, no prazo de dez dias, a publicidade do depósito e o requerimento aos seus promotores, por unha soa vez, para que no prazo máximo doutros dez dias emenden os defeitos observados. Transcorrido este prazo, a oficina pública disporá a publicidade ou rexeitará o depósito mediante resolución exclusivamente fundada na caréncia dalgun dos requisitos mínimos a que se refere o número anterior.

4. A oficina pública dará publicidade ao depósito no seu taboleiro de anúncios, no Boletin Oficial correspondente indicando, cando menos, a denominación, o ámbito territorial e funcional, a identificación dos promotores e asinantes da acta de constitución do sindicato.

A inserción nos respectivos Boletins será disposta pola oficina pública no prazo de dez dias e terá carácter gratuíto.

5. Calquer persoa estará facultada para examinar os estatutos depositados, debendo ademais a oficina facilitar a quen asi o solicite cópia autentificada destes.

6. Tanto a Autoridade Pública, como quen acredite un interese directo, persoal e lexítimo, poderá promover perante a Autoridade Xudicial a declaración de non conformidade a direito de caisquer estatutos que fosen obxecto de depósito e publicación.

7. O sindicato adquirirá personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, transcorridos vinte dias hábeis desde o depósito dos estatutos.

8. A modificación dos estatutos das organizacións sindicais xa constituídas axustará-se ao mesmo procedimento de depósito e publicidade regulado neste artigo.



Artigo 5

1. Os sindicatos constituídos ao abeiro desta Lei responderán polos actos ou acordos adoptados polos seus órgaos estatutários na esfera das suas respectivas competéncias.

2. O sindicato non responderá por actos individuais dos seus afiliados, agás aqueles que se produzan no exercício regular das funcións representativas e se probe que os ditos afiliados actuaban por conta do sindicato.

3. As cotas sindicais non poderán ser obxecto de embargo.

4. Os sindicatos constituídos ao abeiro desta Lei poderán beneficiar-se das isencións e bonificacións fiscais que legalmente se estabelezan.



TÍTULO III - Da representatividade sindical



Artigo 6

1. A maior representatividade sindical recoñecida a determinados sindicatos confere-lles unha singular posición xurídica para efeitos tanto de participación institucional como de acción sindical.

2. Terán a consideración de sindicatos máis representativos a nível estatal:

a) Os que acrediten unha especial audiéncia, expresada na obtención, no dito ámbito, do 10 por 100 ou máis do total de delegados de persoal, dos membros dos comités de empresa e dos correspondentes órgaos das Administracións Públicas.

b) Os sindicatos ou entes sindicais, afiliados, federados ou confederados a unha organización sindical de ámbito estatal que teña a consideración de máis representativa de acordo co previsto na letra a).

3. As organizacións que teñan a consideración de sindicato máis representativo segundo o número anterior gozarán de capacidade representativa a todos os níveis territoriais e funcionais para:

a) Posuir representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal ou de Comunidade Autónoma que a teñan prevista.

b) A negociación colectiva, nos termos previstos no Estatuto dos Traballadores.

c) Participar como interlocutores na determinación das condicións de traballo nas Administracións públicas através dos oportunos procedimentos de consulta ou negociación.

d) Participar nos sistemas non xurisdicionais de solución de conflitos de traballo.

e) Promover eleicións para delegados de persoal e comités de empresa e órgaos correspondentes das Administracións públicas.

f) Obter cesións temporais do uso de imóbeis patrimoniais públicos nos termos que se estabelezan legalmente.

g) Calquer outra función representativa que se estabeleza.



Artigo 7

1. Terán a consideración de sindicatos máis representativos no ámbito da Comunidade Autónoma: a) Os sindicatos do dito ámbito que nel acrediten unha especial audiéncia expresada na obtención de, cando menos, o 15 por 100 dos delegados de persoal e dos representantes dos traballadores nos comités de empresa, e nos órgaos correspondentes das Administracións públicas, sempre que conten cun mínimo de 1.500 representantes e non estean federados ou confederados con organizacións sindicais de ámbito estatal; b) Os sindicatos ou entes sindicais afiliados, federados ou confederados a unha organización sindical de ámbito de Comunidade Autónoma que teña a consideración de máis representativa de acordo co previsto na letra a).
Estas organizacións gozarán de capacidade representativa para exercer no ámbito específico da Comunidade Autónoma as funcións e faculdades enumeradas no número 3 do artigo anterior, asi como a capacidade para posuir representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal.

2. As organizacións sindicais que ainda non tendo a consideración de máis representativas obtivesen, nun ámbito territorial e funcional específico, o 10 por 100 ou máis de delegados de persoal e membros de comités de empresa e dos correspondentes órgaos das Administracións públicas, estarán lexitimadas para exercitar, no dito ámbito funcional e territorial, as funcións e faculdades a que se referen os apartados b), c), d), e) e g) do número 3 do artigo 6º, de acordo coa normativa aplicábel a cada caso.



TÍTULO IV - Da acción sindical



Artigo 8

1. Os traballadores afiliados a un sindicato poderán, no ámbito da empresa ou centro de traballo:

a) Constituir seccións sindicais de conformidade co estabelecido nos estatutos do sindicato.

b) Realizar xuntanzas, tras notificación ao empresário, arrecadar cotas e distribuir información sindical, fóra das horas de traballo e sen perturbar a actividade normal na empresa.

c) Receber a información que lle remeta o seu sindicato.

2. Sen prexuízo do que se estabeleza mediante convénio colectivo, as seccións sindicais dos sindicatos máis representativos e dos que teñan representación nos comités de empresa e nos órgaos de representación que se estabelezan nas Administracións públicas ou conten con delegados de persoal terán os seguintes direitos:

a) Coa finalidade de facilitar a difusión daqueles avisos que podan interesar aos afiliados ao sindicato e aos traballadores en xeral, a empresa porá á sua disposición un taboleiro de anúncios que se deberá situar no centro de traballo e en lugar onde se garanta un axeitado aceso a este dos traballadores.

b) A negociación colectiva, nos termos estabelecidos na sua lexislación específica.

c) A utilización dun local axeitado no que podan desenvolver as suas actividades naquelas empresas ou centros de traballo con máis de 250 traballadores.



Artigo 9

1. Quen posua cargos eleitivos a nível provincial, autonómico ou estatal, nas organizacións sindicais máis representativas terá direito:

a) Ao desfrute dos permisos non retribuídos necesários para o desenvolvimento das funcións sindicais próprias do seu cargo, podendo-se estabelecer, por acordo, limitacións ao desfrute destes en función das necesidades do proceso produtivo.

b) Á excedéncia forzosa, ou á situación equivalente no ámbito da Función Pública con direito a reserva do posto de traballo e ao cómputo da antigüidade mentres dure o exercício do seu cargo representativo, debendo reincorporar-se ao seu posto de traballo dentro do mes seguinte á data do cesamento.

c) Á asisténcia e ao aceso aos centros de traballo para participar en actividades próprias do seu sindicato ou do conxunto dos traballadores, logo de comunicación prévia ao empresário, e sen que o exercício dese direito poda interromper o desenvolvimento normal do proceso produtivo.

2. Os representantes sindicais que participen nas Comisións negociadoras de convénios colectivos, mantendo o seu vencellamento como traballador en activo nalgunha empresa, terán direito á concesión dos permisos retribuídos que sexan necesários para o axeitado exercício do seu labor como negociadores, sempre que a empresa estea afectada pola negociación.



Artigo 10

1. Nas empresas ou, se é o caso, nos centros de traballo que ocupen a máis de 250 traballadores, calquer que sexa a clase do seu contrato, as seccións sindicais que podan constituir-se polos traballadores afiliados aos sindicatos con presenza nos comités de empresa ou nos órgaos de representación que se estabelezan nas Administracións públicas estarán representados, para todos os efeitos, por delegados sindicais elexidos por e entre os seus afiliados na empresa ou no centro de traballo.

2. Ben por acordo, ben através da negociación colectiva, poderá-se ampliar o número de delegados estabelecidos na escala á que se fai referéncia neste apartado, que atendendo ao cadro de persoal da empresa ou, se é o caso, dos centros de traballo corresponden a cada un destes.

A falta de acordos específicos ao respeito, o número de delegados sindicais por cada sección sindical dos sindicatos que obtivesen o 10 por 100 dos votos na eleición ao Comité de Empresa ou ao órgao de representación nas Administracións públicas determinará-se segundo a seguinte escala:

De 250 a 750 traballadores

1

De 751 a 2.000 traballadores

2

De 2.001 a 5.000 traballadores

3

De 5.001 en diante

4

As seccións sindicais daqueles sindicatos que non obtivesen o 10 por 100 dos votos estarán representadas por un só delegado sindical.

3. Os delegados sindicais, no suposto de que non formen parte do comité de empresa, terán as mesmas garantias que as estabelecidas legalmente para os membros dos comités de empresa e dos órgaos de representación que se estabelezan nas Administracións públicas, asi como os seguintes direitos a salvo do que se puidese estabelecer por convénio colectivo:

1º Ter aceso á mesma información e documentación que a empresa poña a disposición do comité de empresa, estando obrigados os delegados sindicais a gardar segredo profisional naquelas matérias en que legalmente proceda.

2º Asistir ás xuntanzas dos comités de empresa e dos órgaos internos da empresa en matéria de seguridade e hixiene ou dos órgaos de representación que se estabelezan nas Administracións públicas, con voz, pero sen voto.

3º Ser escoitados pola empresa previamente á adopción de medidas de carácter colectivo que afecten aos traballadores en xeral e aos afiliados ao seu sindicato en particular, e especialmente nos despedimentos e sancións destes últimos.



Artigo 11

1. Nos convénios colectivos poderán-se estabelecer cláusulas polas que os traballadores incluídos no seu ámbito de aplicación atendan economicamente a xestión dos sindicatos representados na comisión negociadora, fixando un canon económico e regulamentando as modalidades do seu aboamento. En todo caso, respeitará-se a vontade individual do traballador, que se deberá expresar por escrito na forma e prazos que se determinen na negociación colectiva.

2. O empresário procederá ao desconto da cota sindical sobre os salários e á correspondente transferéncia a solicitude do sindicato do traballador afiliado e logo de conformidade, sempre, deste.



TÍTULO V - Da tutela da liberdade sindical e represión das condutas antisindicais



Artigo 12

Serán nulos e sen efeito os preceitos regulamentários, as cláusulas dos convénios colectivos, os pactos individuais e as decisións unilaterais do empresário que conteñan ou supoñan calquer tipo de discriminación no emprego ou nas condicións de traballo, sexan favorábeis ou adversas, por razón da adesión ou non a un sindicato, aos seus acordos ou ao exercício, en xeral, de actividades sindicais.



Artigo 13

Calquer traballador ou sindicato que considere lesionados os direitos de liberdade sindical, por actuación do empregador, asociación patronal, Administracións públicas, ou calquer outra persoa, entidade ou corporación pública ou privada, poderá reclamar a tutela do direito ante a xurisdición competente através do proceso de protección xurisdicional dos direitos fundamentais da persoa.
Expresamente, considerarán-se lesións á liberdade sindical os actos de inxeréncia consistentes en fomentar a constitución de sindicatos dominados ou controlados por un empregador ou asociación empresarial, ou en suster economicamente ou, noutra forma, sindicato co mesmo propósito de control.



Artigo 14

O sindicato a que pertenza o traballador presuntamente lesionado, asi como calquer sindicato que posua a condición de máis representativo, poderá apresentar-se como coadxuvante no proceso incoado por aquel.



Artigo 15

Se o órgao xudicial entendese probada a violación do direito de liberdade sindical, decretará o cesamento imediato do comportamento antisindical, asi como a reparación conseguinte das suas consecuéncias ilícitas, remetendo-lle as actuacións ao Ministerio Fiscal para os efeitos de depuración de eventuais condutas delitivas.



DISPOSICIONS ADICIONAIS



Primeira (redactada conforme á Lei 11/1994)

1. Consonte ao previsto nos artigos 6 e 7 desta Lei e 75.7 do Estatuto dos Traballadores, a condición de máis representativo ou representativo dun sindicato comunicará-se no momento de exercer as funcións ou faculdades correspondentes, achegando o sindicato interesado a oportuna certificación expedida ao seu requerimento pola Oficina Pública estabelecida para o efeito.

En matéria de participación institucional entenderá-se por momento de exercício o de constitución do órgao e, se é o caso, o de renovación dos seus membros. No suposto de que o órgao correspondente non teña prevista unha renovación periódica dos representantes sindicais, o sindicato interesado poderá solicitar no mes de xaneiro, e cada tres anos a partir desa data, a sua participación no órgao correspondente, achegando certificación acreditativa da sua capacidade representativa.

2. O Governo ditará as disposicións que sexan precisas para o desenvolvimento do apartado a) do artigo 6.3 e do artigo 7.1 desta Lei e do previsto na disposición adicional sexta do Estatuto dos Traballadores, sendo de aplicación á sua capacidade representativa o previsto no segundo parágrafo do número anterior.



Segunda

1. A duración do mandato dos delegados de persoal, dos membros dos comités de empresa e de quen forme parte dos órgaos de representación que se estabelezan nas Administracións públicas será de catro anos, podendo ser reelexidos en sucesivos períodos eleitorais.

2. No prazo dun ano e en desenvolvimento do previsto no artigo 103.3º da Constitución, o Governo remeterá ás Cortes un proxecto de Lei no que se regulen os órgaos de representación dos funcionários das Administracións Públicas.



Terceira

O direito recoñecido no apartado d) do número 1, artigo 2º, non se poderá exercer no interior dos estabelecimentos militares.

Para tal efeito, determinará-se regulamentariamente o que teña que se entender por estabelecimentos militares.



Cuarta (engadida pola L.O. 14/1994)

Os delegados de persoal e os membros do Comité de Empresa co mandato prorrogado non se computarán para efeitos de determinar a capacidade representativa dos artigos 6 e 7 da presente Lei.



DISPOSICIÓN DERROGATÓRIA



Única

Quedan derrogados a Lei 19/1977, do 1 de abril, e o Real Decreto 837/1977, do 22 de abril, en todo canto se opoña a esta Lei, permanecendo vixente a regulación que conteñen as ditas normas referidas ás asociacións profisionais e, en particular, ás asociacións empresariais das que a sua liberdade de sindicación se recoñece para efeitos do disposto no artigo 28.1º da Constitución española e nos convénios internacionais subscritos por España.



DISPOSICIÓNS FINAIS



Primeira

1. As organizacións sindicais constituídas en aplicación da Lei 19/1977, do 1 de abril, e que gocen de personalidade xurídica na data de entrada en vigor desta Lei conservarán o direito á denominación sen que, en nengun caso, se produza solución de continuidade na sua personalidade, quedando automaticamente validadas.

2. A oficina pública á que se refere o artigo 4º desta Lei queda estabelecida organicamente no Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación e nos órgaos correspondentes das Comunidades Autónomas no seu respectivo ámbito territorial, cando teñan atribuída esta competéncia. En todo caso, estas deberán remeter-lle, no prazo previsto no artigo 4º.4, un exemplar da documentación depositada ao IMAC.



Segunda

Os preceitos contidos nas disposicións adicionais primeira e segunda, na disposición transitória e na disposición final primeira non teñen carácter de Lei Orgánica.



Terceira

Esta Lei entrará en vigor ao dia seguinte da sua publicación no Boletin Oficial do Estado.


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/3/99