-III Congreso CIG / Documentos

GalizaCIG-

Volver a DocumentosVolver a Actualidade

Documentos III Congreso
Informe da Executiva Confederal da CIG
 

CIG-

cig@galizacig.com



O marco no que actuamos

A etapa dos catro anos transcorridos desde a celebración do II Congreso da Confederación Intersindical Galega, podémola enmarcar, moi sucintamente, nos seguintes parámetros:

Asistimos a un período de crecemento sostido da economía, se ben a ritmos inferiores á media estatal. Sen embargo, sectores significativos da economía nacional galega e aínda algunhas empresas de importante dimensión, están fortemente afectados por situacións críticas. Paralelamente, medran as desigoaldades no reparto da riqueza, increméntase a estratificación e o empobrecemento da clase traballadora.

O emprego, en particular o emprego asalariado, tamén medrou neste período, pero con moita menor intensidade que no conxunto do Estado español. O desemprego segue presente en Galiza, cunha dimensión enorme en comparanza coas taxas medias dos países da Unión Europea, sendo significativamente alta tamén, en relación a outras nacións e comunidades da Península Ibérica. Comeza nesta etapa a reproducirse o fenómeno da emigración no noso país.

A calidade do emprego, ou mellor dito, a súa ausencia expresada no fenómeno da contratación precaria, afianzouse como principal problema para os traballadores e as traballadoras en activo, con especial e desastrosa incidencia nas novas xeneracións incorporadas ó mundo laboral. A precariedade laboral, entendida en sentido amplo (discriminación salarial, horas extras non retribuídas, subemprego, non recoñecemento de categorías, falsos autónomos...), segue tamén presente, afectando en maior medida á mocidade e especialmente ás mulleres.

No plano político estatal, o goberno minoritario do Partido Popular, necesitado de apoios parlamentarios, deu paso coas eleccións de marzo de 2000, á actual maioría absoluta da dereita. Mentras, en Galiza, o mesmo partido revalidada a súa maioría nas eleccións autonómicas de 1997. Un panorama que ten contribuído a descubrir a faciana da auténtica dereita centralista, antes enmascarada baixo unha hipotética tendencia ó centrismo no social e á obrigada tolerancia con certos nacionalismos por mor da aritmética parlamentaria. Abundantes episodios recentes dan fé desa afirmación, como o intento de reforma e regulación do ensino das Humanidades e da Historia ou a negativa a condear no Parlamento o levantamento fascista de 1936, acompañada da asignación de condecoración oficial ó torturador franquista Manzanas e pola reclamación de igoal trato para Carrero Blanco por parte do presidente da Xunta.

Desde o sindicalismo, e como antecipo da análise que máis adiante corresponde facer, arredor da política de acompañamento institucional practicada por determinadas cúpulas sindicais, cabe sinalar eiquí a impagable contribución que, para unha calculada imaxe de moderación do goberno da dereita, significaron certos acordos asinados na anterior lexislatura. O mesmo que o relacionable e significativo episodio vivido no CES estatal en xuño do pasado ano: un denominado Informe sobre a unidade de mercado e a coesión social, é aprobado cos votos favorables da patronal e CCOO, pronunciándose en contra CIG e ELA e absténdose UGT; o informe en cuestión é un alegato centralista e contrario ós marcos autonómicos de relacións laborais, nun tono inusitadamente belixerante cos avances experimentados en materia de descentralización competencial e política no Estado español.

Neste marco, máis amplamente definido no Relatorio Base deste III Congreso, temos vivido nos últimos catro anos, sobre os que corresponde agora á Executiva Confederal presentar este informe como balance do acontecido e da nosa xestión. Sería unha inxenuidade pretender recoller polo miudo a totalidade deste enunciado, pero si é posible e necesaria unha exposición sumaria, basicamente en relación ós aspectos máis sobranceiros da nosa actividade neste tempo. Aspiración ésta que pretendemos verificar con brevidade e concisión, en coerencia co método de elaboración que acordamos para o conxunto dos documentos congresuais. Por outro lado, en aras destas pretensións, procede un informe global, colectivo, máis que compartimentado en relación ás distintas áreas de traballo que conforman o conxunto da Executiva Confederal e os diferentes servicios que mantemos en funcionamento baixo a responsabilidade do organismo.

A ese respecto, compre sen embargo reseñar que a Executiva elixida no II Congreso iniciou a súa xestión procedendo, a través do Regulamento de funcionamento, a unha asignación de responsabilidades individuais distinta da previamente existente, modificación imposta pola reducción do número de membros (de 16 a 12), e decidiu a creación dun departamento de Relacións Internacionais, cuxa dirección confiou a un compañeiro non integrante do organismo, procedendo do mesmo xeito na coordinación nacional do asesoramento xurídico e económico.


Datas sinaladas

Sería axeitado reseñar, polo que tuveron de referente para o traballo colectivo, determinadas datas concretas deste período, alén das que tradicionalmente conmemoramos. Acontecementos seleccionados sen pretensión de exhaustividade.

Así, o 11 de setembro de 1997 reuniuse a Conferencia nacional de organización da CIG para complementar os traballos do II Congreso neste eido. Na última semana de novembro dese mesmo ano, celébrase en Vigo a XII Conferencia Internacional da UITBB (Unión internacional de sindicatos de construcción e derivados).

Xa en 1998, o 14 de febreiro, realízase unha multitudinaria mobilización unitaria en Compostela, en defensa das libertades públicas fundamentais, contra a actitude represora do Delegado do goberno central en Galiza. Na víspora do Día das Letras Galegas dese ano, outra grande mobilización cidadán reclama a total normalización do uso do noso idioma.

En xuño, os días 17 e 18, realizamos unha cimeira dos sindicatos nacionalistas do Estado español (ELA, LAB, Intersindical Canaria e CIG) na que asinamos un documento de políticas comúns, reclamando para os nosos países competencias lexislativas en materia sociolaboral, defendendo a reducción de xornada a 35 horas semanais e a instauración dunha renda básica ou salario social para as persoas sen ingresos, entre outras medidas. O 28 de novembro, tamén en 1998, a CIG mobiliza a nivel nacional en defensa do emprego.

Iniciamos o ano 1999 coa posta en operatividade do Fondo de Solidariedade da CIG, do que a súa creación e dotación fora aprobada polo II Congreso; compre un paréntese para facer a indicación de que os ingresos e aplicacións producidos no Fondo de Solidariedade, desde a súa creación ata agora mesmo, figuran xunto co informe de finanzas que se anexa.

Dúas folgas foron especialmente resaltables nese ano: a que durante trece días sostuvo o sector de Transporte de Viaxeiros por estrada da provincia de A Coruña e a das empresas auxiliares da construcción naval na provincia de Pontevedra, ésta última en dúas fases, primeiro do 26 de maio ó nove de xuño e despois no Outono.

No ano 2000, o 9 de febreiro convócase folga xeral en Tui, en apoio dos traballadores e traballadoras de Gesrubber. O 4 de abril, cun magno encontro de representantes sindicais en Compostela, conmemoramos os primeiros dez anos de existencia da CIG, desde a súa fundación o dous de abril de 1990.

O 16 de novembro, máis de mil representantes sindicais da CIG realizan unha manifestación diante do Parlamento de Galiza, reclamando que no debate dos Orzamentos para o 2001 se incluísen diversas medidas: investimento público do 5% do PIB, salario social para as persoas desempregadas sen recursos económicos, redefinición das políticas activas de emprego, reducción da xornada laboral, unha rede de garderías públicas e oito meses adicionais de licencia retribuída por maternidade.


Os convenios colectivos

Un capítulo fundamental do sindicalismo é o referido á negociación colectiva. Segundo a nosa arquitectura estatutaria, corresponden as definicións globais á Confederación e as concrecións e execución ás respectivas federacións. O Relatorio Base deste III Congreso detense loxicamente con amplitude nesta materia, establecendo prioridades a partir da nosa realidade sindical externa e interna e sinalando obxectivos reivindicativos e mesmo organizativos. Tamén facendo balance de logros e carencias de índole organizativa, o que fai supérfluo que entremos agora a desgranar o tema en toda a súa amplitude e riqueza de matices.

Cada ano, a Executiva ten elaborado documentos avaliando a negociación colectiva do anterior período anual e analisando a conxuntura en que prevíamos se iba desenvolver no inmediato, propoñendo uns criterios confederais para afrontala. Documentación que foi amplamente debatida no Secretariado e Consello Confederais en cada caso, así como nunhas xornadas específicas sobre o método de traballo, estratexia e estructura da negociación colectiva. Os eixos temáticos son reiterados nestes catro anos: Esixencia de subas salariais en termos reais, reducción da xornada de traballo, máis e mellor emprego a través das cláusulas dos convenios; incorporando asemade a necesidade de implicación na negociación de aspectos tan trascendentais como a Saúde laboral e o Medio ambiente, de rematar coas discriminacións laborais por razón de sexo e de garantizar a participación das traballadoras e traballadores na Formación Profesional Continua.

En relación á seguridade e saúde laboral, é certo que nestes últimos anos acadamos un maior compromiso e asunción da problemática en todas as estructuras da confederación, ainda que a súa traslación efectiva á negociación colectiva segue a ser unha asignatura pendente.

Respecto das discriminacións laborais por razón de xénero, o balance interno non pode ser tan optimista, porque a proposición nos procesos negociais de medidas de acción positiva para a muller traballadora, non está obxectivamente ó nivel da capacidade e afiliación feminina da CIG. Sen embargo, compriría traer eiquí a colación, diversos casos de discriminación laboral de mulleres, sobre os que temos organizado mobilizacións e loitas con resultado positivo.

Xunto a iso, o obxectivo de asegurar a negociación colectiva en Galiza, fundamental encol da nosa aspiración de consolidación e desenvolvemento do Marco Galego de Relacións Laborais, ten chocado coas ansias centralizadoras en convenios colectivos sectoriais estatais, que as cúpulas dirixentes de CEOE, CCOO e UGT, teñen formalizado nun acordo ó respecto, que acompañou o pacto da reforma laboral de 1997. Asemade, na negociación de convenios de grupo de empresas, que se move na indefinición legal e nunha interpretación errática por parte dos tribunais, os sindicatos de ámbito estatal teñen atopado un filón co que reducir a eficacia dos demáis sindicatos, usurpándolles a súa real representatividade. Un terceiro problema son as dificultades, por falta de negociación real e eficaz, no segmento do persoal ó servicio das administracións públicas, orixinadas entre outras causas, no somentemento legal ós criterios retributivos básicos impostos desde o goberno central.


A evolución afiliativa

As evolucións da afiliación e da representatividade adoitan considerarse como expresións da saúde dunha organización. En térmos de afiliación, nestes catro anos a CIG medrou nun 18,16%, tendo como promedio de afiliación no ano pasado ano 2000 perto de 44.300 afiliados e afiliadas. Un crecemento importante pero que, relacionado coa evolución do número de persoas asalariadas no mesmo período, no que éste medrou un 15,46%, adquire un tón ainda máis positivo e optimista. Teñamos en conta que este medre prodúcese ademais, nunha situación na que os traballadores e traballadoras aflúen ó traballo en peor situación laboral, cunhas taxas de precariedade elevadas e nunha fase na que dende a CIG tuvemos que remar en solitario e a contracorrente.

Desde outra perspectiva, o que poderiamos denominar íncide de penetración, poñendo en relación a cantidade de afiliados da CIG co número total de persoas asalariadas, daríanos unha porcentaxe do 6,58. E decir, que de cada cen persoas asalariadas, sete manteñen afiliación na CIG.

Se desglosamos a evolución da afiliación por estructuras (federacións e comarcas) atopamos que as federacións de Servicios e a de Banca-Aforro-Seguros-Oficinas, incrementan os seus efectivos en porcentaxes superiores ó 35%; Sanidade e Construcción no entorno do 25%; Químicas-Enerxía do 20%; as restantes (Transporte, Metal, Administracións Públicas e Ensino) medraron arredor do 15%, mentras que sofren un estancamento as de Alimentación-Textil e Mar, con cativos retrocesos do 1 e o 3% respectivamente. Todas as Unións Comarcais incrementan a afiliación: Ferrol o 31%, A Coruña e Ourense o 25, A Mariña e Lugo o 21, Vigo o 14, Pontevedra o 10 e finalmente, Compostela o 9%.


Eleccións Sindicais

En canto á representatividade, nas Eleccións Sindicais realizadas no período 1/1/1996 a 31/12/1999, a CIG acada unha porcentaxe representativa do 25,2%, con 4.182 delegados e delegadas. En térmos absolutos incrementamos o número de representantes sindicais en 158, sen embargo, o medre do total de delegados e delegadas que se elixiron (16.601, é decir 1.270 máis que no proceso anterior) fai que se produza un retroceso relativo de un punto porcentual. Uns resultados que crebaron a liña continua de medre sostido do sindicalismo nacionalista en procesos anteriores e que, a primeira vista, eran contradictorios co medre afiliativo e coas nosas razonables aspiracións iniciais de incrementar o número de delegados e delegadas un 15%.

Os organismos nacionais levaron a cabo unha análise dos resultados electorais, pechado no Consello Confederal, asumindo autocriticamente o non cumprimento dos obxectivos marcados, en base a factores externos e internos que influiron nos resultados finais. Entre os primeiros, hai que sinalar como elementos que atenuaron as posibilidades de medre da CIG ós altos niveis de precariedade laboral existentes, unha postura belixerante por parte da patronal e da propia Administración coas nosas candidaturas e unha normativa electoral pouco favorecedora de procesos participativos e plenamente democráticos, que resulta ademais totalmente inaxeitada para determinados sectores. Factores internos como a escasa actividade de seguemento electoral na primeira fase do proceso (1/1/1996 a 14/9/1998), a insuficiencia estructural e de medios de algunhas federacións, as eivas orixinadas nun moi dilatado proceso de eleccións internas para configurar os organismos comarcais e federativos e o ter afrontado a campaña tardíamente e con escaseza de recursos, foron outros tantos aspectos que o Consello Confederal sinalou como causa do estancamento representativo.

Aínda así, hai que sinalar que a CIG gañou as eleccións na comarca de Vigo e nas federacións de Banca, Mar e Sanidade a nivel galego, sendo tamén a primeira forza sindical nos centros de traballo con máis de 500 traballadoras e traballadores.

Obviamente, todo o referido á representatividade debe constituírse en preocupación principal de todos os nosos organismos. No Relatorio de Organización que se somete a debate deste III Congreso, contéñense propostas de superación en positivo dos problemas sinalados. Por outro lado, a dirección da central ten posto os medios ó seu alcance para que os procesos electorais internos, se desenvolvan nun período de tempo moito máis curto que fai catro anos e de feito, diversas comarcas e federacións teñen elixidos xá os delegados e as delegadas para os seus respectivos congresos ou asembleas.


Relacións internacionais

Durante o período de xestión do que informamos, temos consolidado a nosa presencia internacional e solidaria. Nunhas condicións difíciles, como sempre, por un par de motivos: as nosas limitacións financeiras e o feito de representar á clase traballadora dunha nación sen Estado propio. A elas hai que engadir unha especial preocupación por parte dalgunha central sindical de ámbito estatal en pecharnos todas as portas ó seu alcance, cunha actitude certamente insolidaria que xa vai raiando na pura persecución. Seguramente a esto non é allea a non presencia da Confederación Europea de Sindicatos nas sesións deste noso III Congreso.

É de destacar, por terse producido por vez primeira, a participación da CIG nas mobilizacións pola Europa Social e o emprego que a CES convocou en Porto e Niza, gratamente recoñecida en ambos casos e particularmente masiva na primeira delas.

Neste contexto, é dobremente de agradecer a presencia solidaria neste Congreso, das delegacións das centrais sindicais e organizacións internacionais amigas, así como os saudos enviados por outros moitos sindicatos. Ó tempo que reiteramos a nosa solidariedade e gratitude coas organizacións que nos deron ocasión de participar nos seus respectivos congresos e que citamos a continuación: Internacionais: CMT, FSM. Internacionais continentais: CLAT/CMT; do Estado Español CCOO e UGT; de Canarias IC; de Euskadi: ELA e LAB; de Cataluña: IAC e I-CSC; da Arxentina: CTA; de Brasil: CUT; de Colombia: CUT; de Cuba: CTC; de Uruguai: PIT/CNT; de Chipre: PEO; de Francia: CGT-Bretaña e CGT-Poitou Charentes; de Portugal: CGTP/IN; do Sahara: UGT-Sario.

Finalmente, debemos significar o feito de sermos a única organización sindical persoada no proceso polos desaparecidos na Dictadura en Arxentina, moitos deles galegos e galegas ou descendentes seus, e a actividade desenvolvida na denuncia da sanguenta represión nas dictaduras de Chile e Uruguai.


Os Acordos Xunta-CEOE-CCOO-UGT

As eleccións do 19 de Outubro ó Parlamento galego, outorgaron de novo ó Partido Popular a maioría absoluta. Diante da constitución do novo goberno da Xunta, a CIG reclamou por enésima vez a creación dunha Consellería de Traballo, que solventase a dispersión competencial dos asuntos directamente vencellados ó emprego e ás relacións laborais en ata cinco consellerías distintas e o anacronismo dun departamento no que se amalgaman as competencias en relacións laborais con Xustiza e Interior. Tamén nesta ocasión o Presidente da Xunta fixo ouvidos xordos á reclamación sindical.

Insistimos tamén, nesa oportunidade e entre outras cousas, na necesidade de priorizar, na axenda política do novo goberno, a negociación e posta en marcha dun Plan Galego de Emprego, que comprometese os esforzos da propia Xunta de Galiza, dos interlocutores sociais e económicos,dos intermediarios financeiros, das universidades, das administracións locais e tamén, na reclamación de medidas sobre as importantes competencias políticas que residen no goberno central.

O Consello Económico e Social de Galiza consensuou a aprobación, pouco máis adiante (xaneiro 1998) dun Informe, a solicitude da Xunta, de Medidas e Actuacións para o desenvolvemento e creación de emprego en Galiza, con un completo programa de recomendacións que, desde o noso punto de vista, sentarían as bases para acadar un Plan Galego de Emprego merecente de tal nome.

A opción do goberno galego, a rebufo dos pactos goberno central-patronal-sindicatos estatais de 1997, foi outra vez a de abordar unha dilatada xeira de conversacións cos sindicatos representativos e a patronal galega. O resultado foi unha versión devaluada e insubstancial que, baixo a denominación de Acordos para o Crecemento e o Emprego en Galicia 1998/2001 —denominación só xustificable como carga propagandística— non contiñan máis que continuídade da política da lexislatura anterior, e as escasas novidades eran a incorporación das políticas activas de emprego recén traspasadas desde a Administración Central e unha declaración co obxectivo, que benevolamente habería que calificar de esotérico á vista do texto pactado e dos seus resultados futuros, da reducción de xornada laboral.

A CIG, que presentou propostas en positivo a cada unha das diversas mesas de traballo constituídas, apartóuse das deliberacións no intre en que consideramos constatadas as verdadeiras intencións da Xunta: escenificar o aval social da súa política continuista, xá fracasada nos resultados do Plan Económico e Social 1993/1996, que rematara con menos poboación activa, menos emprego, menos investimentos públicos e un sensible medre da débeda pública orzamentaria.

Os outros interpelados, CEG, CCOO e UGT optaron por sumarse á cerimonia publicitaria. Os resultados están á vista: a estas alturas, ninguén —agás a Xunta, claro— ten o mínimo interese en lembrarse dos tales Acordos, como non sexa para criticalos. Os réditos recollidos polos asinantes viñeron en forma dunha forte dotación económica para un Plan de realización de cursos de formación e outras actividades, en materia de prevención dos riscos laborais. Un Plan que foi usurpado ó Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo, onde tiña sido consensuado por todos os seus membros, incluída a CIG, e adxuntado ó Acordo pactado de xeito absurdo, obviamente co obxectivo confesado de excluir á nosa central sindical da súa execución e control. Outros réditos indirectos, viñeron da man dunha forte campaña de desprestixio da CIG, orquestando toda a capacidade de influencia mediática para a condea da central sindical discrepante.


Marco Galego de Relacións Laborais

A CIG ten como obxectivo principal o desenvolvemento do Marco Galego de Relacións Laborais, que é vital para a vertebración do país e para a normalización do mundo laboral. A este respecto, ademáis do xá anteriormente sinalado sobre o papel capital que ten manter e ampliar a negociación colectiva en Galiza, o fortalecemento do Consello Galego de Relacións Laborais como órgano permanente de diálogo entre os sindicatos e as asociacións empreariais é fundamental e a ese fortalecemento temos tentado sempre contribuir coa nosa presencia e participación activa. Por outra parte, debe ser un órgano de mediación, arbitraxe e conciliación nos conflictos individuais, despois da razonablemente existosa experiencia destes anos de vixencia do denominado AGA-I para os conflictos colectivos. Favorecer a funcionalidade do Consello Económico e Social de Galicia, desenvolvendo en concreto as posibilidades de asociar ós interelocutores sociais e económicos na elaboración, seguemento e avaliación das actuacións correspondentes ó Marco de Apoio Comunitario e a cada Fondo Europeo ou Iniciativa Comunitaria en particular, é outro empeño da CIG que, ademais, ven respaldado pola lexislación europea sobre os fondos estructurais.

En relación ó MGRL, a CIG reclamou tamén a instauración do Instituto Galego de Emprego e Formación profesional con participación das organizacións sindicais e empresariais; así como a transferencia da execución da Formación Continua, única das denominadas políticas activas de emprego que segue dependendo da Administración Central; e a implantación dun sistema público e eficaz de intermediación na contratación laboral, evitando solapamentos.

A consecución do MGRL é algo dinámico e progresivo, de xeito que aqueles que dín estar polo progreso e polos cambios sociais, se impliquen tamén en proxectos propios e conciban as súas estratéxias e comportamentos en función de Galicia. A un proxecto nacional correspóndelle un marco propio de relacións laborais que, alén do que son as relacións formais e institucionais, impliquen e asocien estreitamente ós axentes económicos e sociais na defensa dun modelo de sociedade máis xusta e integradora.

Como vimos defendendo, e ademais do xa sinalado, este marco conlevaria o exercicio da capacidade lexislativa laboral pola comunidade autónoma; a transferencia da xestión da Seguridade Social, incluídas as prestacións por desemprego, en función do establecido no Estatuto de Autonomía; a creación dun Instituto Galego de Saúde Laboral; a creación da Inspección de Traballo galega, ó servicio das competencias de execución da lexislación laboral; e a participación efectiva dos axentes económicos e sociais nos organismos de representación institucional referidos non só ás relacións laborais, senón tamén á política industrial, a servicios sociais, a emigración e inmigración, etc.


Reforma laboral permanente e interminable

Na etapa da nosa xestión, o empobrecimento e estratificación da clase traballadora ven capitalizado pola profundización no proceso que denominamos de Reforma Laboral permanente e interminable, xalonado pola periódica adopción de medidas que degradan os dereitos laborais individuais e colectivos ou que rebaixan as prestacións da Seguridade Social (pensións e desemprego). Unhas veces por vía da imposición gobernamental (1994, marzo 2001) e outras, lamentablemente, con pactos asinados polas cúpulas dirixentes dalgúns sindicatos (reforma de 1997, pactos sobre a seguridade social e as pensións de 1996 e 2001).

Expresións finais desas políticas e dese proceso son a diminución dos salarios reais, as limitacións na cobertura e nos niveis económicos das prestacións sociais, as deficiencias nos servicios públicos esenciais do ensino e a sanidade, na atención á infancia e á terceira idade ou as políticas fiscais regresivas, resultando que cada vez é menor a participación da remuneración global da clase traballadora e en igoal medida maior a acumulación de beneficios en poucas mans, sendo xá de escándalo o desfile anual de ostentación de records de beneficios por parte das grandes empresas e dos intermediarios financeiros, que se apropian da inmensa parte do excedente e rendabilizan os incrementos de productividade. Na desmesura destes beneficios e na especulación financeira, están grande parte das causas das tensións inflacionistas que ultimamente vivimos, de nengunha maneira relacionables coa evolución dos salarios medios.

Fronte ó deterioro das condicións de traballo e polo tanto da calidade de vida da clase traballadora, a recuperación da dignidade do emprego e da función social do traballo, debera ser a principal motivación do conxunto do movimento sindical. A CIG así o pensa e así o practica. Nos últimos meses, concretamente desde o día da Clase Obreira Galega de 1999, estamos a impulsar unha campaña persistente, con eses obxectivos e centrada en contra da precariedade laboral nas súas diversas formas (ETT, contratos temporais, contratación informal, etc.) que é o rasgo máis negativo en todos os sentidos que persiste no chamado mercado laboral, unha auténtica lacra social a erradicar e que ten particular incidencia nas novas xeracións de mozos e mozas que se incorporan ó mesmo. Unha precariedade que ten servido, cruel sarcasmo, como coartada para presentar ante a opinión pública como boas decisións ou acordos, a meirande parte dos enormes pasos atrás dados nos últimos tempos (despidos colectivos máis doados, abaratamento das modalidades de despido individual, drenaxe de centos de miles de millóns de pesetas dos recursos públicos ás empresas por regularizar os contratos feitos en fraude de lei, contrato a tempo parcial á carta, etc.).


Os efectos da política de acompañamento institucional

A política de acompañamento institucional, popularizada como “pacto social” ten feito estragos na credibilidade sindical. Lamentablemente, as conductas de certas cúpulas sindicais nesa política de acompañamento ó longo dos últimos anos, salpican ó conxunto do movimento sindical, de maneira que mesmo os que nos opuxemos e opoñemos radicalmente a ela, resultamos participar do descrédito que produce. Non nos estamos a referir, como é obvio, á participación institucional, sobre a que compre reclamar maiores competencias nos organismos nos que o sindicalismo representativo, e en particular a CIG, está presente e onde se traten cuestións que afecten á clase traballadora. Non se trata de desaproveitar nengún foro nen plataforma de traballo, pero debemos ser conscientes de que os problemas sindicais non radican na consecución dun recoñecemento institucional formal, senón na capacidade de presión e de negociación real coa patronal e coas forzas políticas que ocupen o poder en cada circunstancia ou período histórico.

A CIG sempre se manifestou hostil a esa política de acompañamento institucional, a esa conducta sindical entreguista e de acomodo institucional. O debate actual entre os sindicatos implicados na mesma coidamos que é unha boa noticia para o movimento obreiro e a clase traballadora. Suxire próximos cambios no bo sentido, alomenos en gran parte do sindicalismo estatal, que debemos celebrar.

As recentes mobilizacións que a CIG convocou, o 22 de marzo e o 1º de Maio, especialmente nesta última data, supuxeron unha importante recuperación da participación de compañeiros e compañeiras nas manifestacións. A aparición de conflictos laborais expresados en loitas cunha capacidade de persistencia como hai tempo non se coñecía, como os de Sintel, Transportes “La Unión” ou o sector pesqueiro, dan a entender que sen dúbida unha parte importante dos traballadores e traballadoras teñen chegado a unha situación de fartazgo co devir das cousas, co deterioro ó que nos teñen conducido as políticas laborais dos últimos tempos e a aplicación particular que determinados empresarios fan das importantes facultades que a lexislación laboral lles facilita cada vez máis.


Folga Xeral do 15 de Xuño

O novo escenario sindical que se xenera coa convocatoria de Folga Xeral en Galicia para o día 15 de Xuño, que a UGT de Galicia e a CIG temos anunciado este Día Internacional da Clase Traballadora de 2001, aporta un trascendental cambio no sindicalismo galego e debería ser, estamos seguros que o será, o incio dun cambio de rumbo, para que a clase traballadora estea mellor defendida.

Unha folga xeral que está plenamente xustificada se pretendemos ser fideis á función social que nos corresponde ós sindicatos, diante de tanta agresión en contra da clase traballadora. Poñer freno á escalada desreguladora dos dereitos laborais é elemental para o presente e sobre todo, para o futuro. Escorrentar a amenaza do goberno da dereita de desarmar a negociación colectiva como instrumento de defensa e de mellora da situación das traballadoras e traballadores é imprescindible e básico para o futuro do sindicalismo. Denunciar o recente pacto sobre a Seguridade Social, insuficiente e mesmo perxudicial, inda que o firmase un sindicato, é necesario para evitar o criminal ecorte das pensións en un 25/30% que o goberno ten preparado para dentro de tres anos. Defender os sectores agrario e pesqueiro é básico para o futuro da economía nacional galega. Esixir servicios públicos dignos e de calidade e o respecto das condicións laborais e salariais das empregadas e empregados públicos é totalmente xusto. A solidariedade cos cadros de persoal das empresas que se atopan en conflicto polos seus dereitos ou na defensa da viabilidade dos postos de traballo é imprescindible. A esixencia de políticas eficaces e solidarias que contribúan a solventar os problemas reais da sociedade, unha obriga para os sindicatos de clase.

Seguramente tan xustificada está a folga xeral, tan claros e diáfanos son os seus motivos, que probablemente será pexorativamente calificada de política. Ou mesmo de folga “electoral”. Unha argumentación falaz, que estamos convencidos non atopará eco nos traballadores e traballadoras, inda que non han faltar os que sempre se apuntan a combatir calquera intento da clase traballadora por erguer a súa cabeza e a súa voz en reclamación de Xustiza.


Conclusión

En conclusión, a Confederación Intersindical Galega vai razonablemente ben. A CIG é unha realidade que, a pesar da nosa relativamente curta idade —apenas vimos de cumprir dez anos de existencia—, séntese herdeira de toda a historia do sindicalismo nacionalista galego, e non necesita xustificarse fronte a ninguén máis que á súa afiliación e á clase traballadora da nosa Nación. Somos unha organización plural e viva, non exenta polo tanto de tensións. Con todo isto hai que convivir e saber ser quen de proxectalo en acción positiva cara a sociedade. Sen dúbida, a obra, como toda obra humana, necesita de melloras. No debate dos relatorios, nas decisións que en definitiva adopte este III Congreso, debemos situar as bases para esa mellora e para seguir con paso firme na defensa dos traballadores e traballadoras deste anaco do mundo que chamamos Galiza.

Encaremos o futuro con optimismo e confianza na forzas de cambio e progreso que residen na nosa clase traballadora, no convencemento de que todas as eivas son superables desde a reflexión crítica, o exercicio da democracia participativa, o compromiso persoal e colectivo, en definitiva, desde a vontade solidaria e transformadora.


Executiva Confederal, 4 de maio de 2001.

 
Volver a DocumentosVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2001