|
A Confederación Intersindical Galega (CIG)
xorde do seu congreso fundacional, o 19 de marzo de 1994, e é a converxéncia das duas centrais sindicais
galegas, CXTG e INTG, que asinaran previamente un pacto de alianza o 2 de abril de 1990.
A orixe da CIG, e da INTG e CXTG, remonta-se ás
loitas sindicais da década dos 70 en Galiza, co nacimento de várias organizacións sectoriais,
entre as que cabe destacar o SOG (Sindicato Obreiro Galego), que deu orixe no ano 1977 á ING (Intersindical
Nacional Galega), que se unificará posteriormente coa CTG (Confederación de Traballadores Galegos)
e mais a CSG (Central Sindical Galega). Deste proceso de converxéncia nacen a INTG e a CXTG, que agora se
unifican na CIG.
A CIG é un sindicato de clase que defende
a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que pratica a solidariedade
e o internacionalismo, que considera un princípio fundamental a democrácia e a participación,
que respeita o pluralismo, que mantén a independéncia respeito de calquer outra organización
ou institución, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma.
A Confederación Intersindical Galega ten
como obxectivos básicos a mellora progresiva e xeral, individual e colectiva, dos traballadores e traballadoras;
o impulso do Marco galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única
Galega; a defensa do pleno exercício dos dereitos humanos, individuais e colectivos, incluindo o direito
de Autodeterminación; a loita por unha nova orde económica internacional, máis xusta e solidária;
a reforma do marco xurídico e político que permita a Galiza ser suxeito de pleno direito dentro da
Unión Europea e contar con plena capacidade de actuación en todas as matérias, etc.
O Consello Confederal da CIG, máximo organismo
entre Congresos, reune-se cada 3 meses e conta cuns 100 membros. O Secretariado está composto por 33 membros,
ten como finalidade facer o seguimento da acción sindical e reivindicativa sectorial e comarcal, e reune-se
cada mes e meio. E a Executiva Confederal está composta por 12 membros e xunta-se cada semana ordinariamente.
O Secretário Xeral, que exerce a máxima representación da CIG, e o Presidente, que representa
á central sindical en actos de especial releváncia, son cargos unipersoais elexidos en congreso.
A Confederación Intersindical Galega está
integrada por 8 comarcas (Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Lugo e A
Mariña) e 11 federacións sectoriais (Administración Pública; Alimentación e
Téxtil; Banca, Aforro e Seguros; Construción e Madeira; Ensino; Mar; Metal; Químicas e Enerxia;
Sanidade; Servizos; e Transporte e Comunicacións). Asi mesmo, a central sindical conta con departamentos
e secretarias específicas para temas como muller, pensionistas, mocidade, saúde laboral, migración
e cooperación.
A afiliación realiza-se na central sindical,
que conta con 55 locais en todo o país dedicados a temas especificamente laborais, e unha dúcia máis
para formación ocupacional e contínua (de traballadores/as en paro ou activo). A sede central está
na cidade de Vigo e o centro de reunións dos organismos, en Santiago de Compostela. A Confederación
conta cun periódico próprio, o "Tempo Sindical", que ten unha tiraxe de 36.000 exemplares.
A CIG conseguiu nas eleicións sindicais
de 1990 en Galiza o 26,3% dos delegados sindicais, máis de 4.000, polo que é "sindicato máis
representativo" a nível de todo o estado español xunto a CCOO, UGT e ELA-STV. Por esta razón,
participa nos organismos tripartitos de ámbito estatal (INEM, INSALUD, INSS, ISM, INSERSO, Consejo Económico
y Social, Consejo General de Emigración, etc.) e noutros de ámbeto nacional galego (Consello Galego
de Relacións Laborais, Consello Económico e Social, etc).
Nos dez últimos anos, ante a deterioración
económica de Galiza, a discriminación por parte do estado español na construción de
infraestruturas, o abandono total dos sectores económicos básicos (naval, pesca, leite...) asi como
polo retroceso en matéria de direitos laborais, e a paulatina privatización dos servizos públicos,
realizaron-se múltiples protestas, que tiveron o seu cume en oito folgas xerais, a última o 27 de
xaneiro de 1994. Catro destas folgas foron exclusivamente galegas.
|