Actualidade CIG-Internacional-
O congreso contou coa participación de 1.330 delegados e delegadas en representación de 612 sindicatos de base e 25 federacións rexionais, cun respaldo afiliativo de 510.000 traballadores e traballadoras. Obxectivo para este ano: chegar a 1.000.000 de afiliados/as. Gran parte do financiamento do congreso correu a cargo do conxunto da afiliación; 416.000 membros da nova central aportaron cada un a cantidade de 1.000 bolívares (0, 59 euros) para posibilitar que se celebrara. No acto de inauguración o dirixente da FBT Jacobo Torres de León, proclamou: “esta central enterra definitivamente a antiga caste burocrática da Confederación de Traballadores de Venezuela”. No discurso de clausura, Orlando Chirinos do sector téxtil e un dos principais referentes da UNT manifestou que “ a fundación da central é outra manifestación do proceso revolucionario que está a viver Venezuela”. Todos os documentos presentados foron aprobados logo de ser moi enmendados, agás os estatutos. Na comisión non se rematou a discusión do articulado completo e o plenario acordou prorrogar durante dous meses a discusión e aportación de enmendas nos sindicatos de base. No relativo ás eleccións internas e unha vez aprobado o regulamento electoral, o plenario prorrogou por 6 meses o mandato da actual dirección. Neste período transitorio as organizacións da nova central elexirán ás direccións definitivas. No aspecto organizativo apostouse decididamente pola incorporación á UNT das organizacións de cooperativas de campesinos e de xubilados; polo traballo sindical e organización entre os traballadores e traballadoras da economía informal (O 52% do total dos traballadores pertencen a este sector); pola organización dos desempregados e desempregadas e por “prestar unha atención especial ás especificidades das mulleres traballadoras”. A independencia a respeito do Governo atravesou os debates en todas as comisións, querendo desde o primeiro momento evitar reproducir os sinais de identidade da CTV. Xa na dirección provisoria saída da Asembleia de abril, os membros pertencentes ao MVR son minoría. Por contra, as tendencias clasistas (socialistas, comunistas, trotskistas) e a corrente socialcristiana provinte da ASI teñen unha presencia considerábel na dirección e nas bases. Un punto de unión entre todas as tendencias é a forte ideoloxía nacionalista que impregna a todos os sectores que apoian proceso venezuelano. | |||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 31/05/2004 |