ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, novembro de 2003

Nápoles, 28-30 novembro 2003
“Construír pontes, non balados”, declaración final do 9º Foro Civil Euromediterráneo



 

CIG-Internacional-

cig.internacional@galizacig.com


Do 28 ao 30 de novembro, máis de 300 participantes da rexión euromediterránea reuníronse con ocasión do 9º Foro Civil Euromediterráneo de Nápoles para discutir da valorización do desenvolvemento sostíbel e do reforzamento da sociedade civil, no contexto do partenariado euromediterráneo.

O foro estivo organizado pola “Fondazione Laboratorio Mediterráneo” baixo a responsabilidade dun Comité de Pilotaxe en colaboración coa Plataforma de ONGs para o Foro Civil Euromediterráneo. O foro beneficiouse do financiamento da Comisión Europea e da “Fondazione Laboratorio Mediterráneo”.

Adoptamos a seguinte declaración que diriximos á Conferencia dos Ministros de Asuntos Exteriores do Partenariado Euromediterráneo que se celebrará en Nápoles os días 3 e 4 de decembro de 2003.

1. Nós, representantes da sociedade civil euromediterránea, expresamos o noso desexo común de establecer pontes de solidariedade nunha rexión que reclama reformas urxentes susceptíbeis de cambiar realmente a vida das persoas. Coincidimos na mesma aspiración de ir máis alá dos cambios superficiais aportados, polo de agora, polo Partenariado Euromediterráneo (PEM) e a desembarazarse das constriccións e presións adversas xeradas polas políticas unilaterais de liberalización dos mercados e polas crecentes tensións políticas na rexión.

2. Pensamos que a paz e a seguridade na rexión, así como o respecto das decisións da Nacións Unidas constitúen a base do éxito do PEM.

3. Condenamos a continuación da ocupación do Iraq, que se fixo negando as decisións das Nacións Unidas, e a violencia que de iso se deriva. Expresamos tamén a nosa viva preocupación pola violación do dereito internacional e dos dereitos humanos que está a producir a loita, por outra parte lexítima, contra o terrorismo.

4. A máis, a intensificación da ocupación israelí dos territorios palestinos, a violación permanente dos dereitos do Pobo Palestino, e os ataques suicidas que de aí derivan, conduciron a un ciclo de violencia e de inseguridade en Palestina e Israel que non ten precedentes. A realidade devastadora do Balado de Separación, cuxo obxectivo é matar as perspectivas dun Estado Palestino viábel, nega todos os valores sobre os que se fundou o Proceso de Barcelona.

5. Pedimos aos Gobernos do Partenariado Euromediterráneo que traballen activamente a prol de restablecer inmediatamente o respecto do Dereito Internacional, do Dereito Humanitario Internacional e dos Dereitos Humanos, e para poñer fin á ocupación do Iraq e da Palestina coa axuda das Nacións Unidas.

6. En Nápoles acollemos calorosamente aos participantes da sociedade civil dos futuros Países membros da Unión Europea. Chamamos aos Gobernos dos futuros Estados membros da UE a participar plenamente no Partenariado Euromediterráneo e a contribuír activamente á promoción dos ideais da democracia e dos dereitos do home, da participación da sociedade civil, do desenvolvemento sostíbel e dos intercambios culturais, sobre os que se construíu o Proceso de Barcelona. Insistimos en que a nova “política de veciñanza” da Unión Europea non reduce a importancia do Partenariado, senón que, polo contrario, incrementa o alcance da súa dimensión rexional.

Os participantes de Nápoles examinaron un conxunto de cuestións relativas ao reforzo da sociedade civil, ao desenvolvemento sostíbel e ao emprego. Unha síntese detallada dos debates e recomendacións do Foro Civil e das consultas nacionais que o precederon, será transmitida aos Ministros nun informe separado. Neste momento, á vista da reunión ministerial, queremos poñer o acento nos puntos seguintes:

7. A rexión mediterránea está caracterizada por unha pobreza amplamente expandida, pois o 30% da poboación dos Países do Sur viven con menos de 2 dólares USA por día, e por desenvolvementos económicos que teñen como consecuencia agravar a situación económica de certos sectores da poboación. Está ameazada por problemas medioambientais graves e persistentes, debido á natureza das actividades económicas e á ausencia dunha intervención governamental eficaz. A situación dos dereitos humanos deteriorouse, en xeral, nos últimos oito anos, e hai unha necesidade urxente de establecer, de reforzar e de garantir a igualdade home-muller, a dignidade e a participación da muller.

8. O desenvolvemento sostíbel debe converterse nun obxectivo central do Partenariado Euromediterráneo. Mentres o concepto figura en numerosas declaracións políticas, a realidade vai nun sentido oposto. Pedimos á Comisión Europea que finalice dunha vez a “Análise do Impacto da Sostibilidade” ao que se comprometeu en Stuttgart en 1999 e que foi referendado polos Ministros de Asuntos Exteriores en Valencia en 2002, quen fixeron un chamamento para que fose publicado no fin deste ano.

9. Pedimos encarecidamente aos Ministros que adopten o esquema de traballo orientado a unha Estratexia Euromediterránea para a Integración Medioambiental, elaborado na Conferencia de Ministros do Medio Ambiente de Atenas en 2002, e que tomen medidas para poñela en practica de inmediato.

10. Estamos extremadamente preocupados polas perspectivas do emprego na rexión, especialmente para as mulleres, os xoves e as persoas que teñen necesidades específicas. Pedimos aos Governos que organicen unha Conferencia Euromediterránea de Ministros de Traballo para examinar a situación e aplicar políticas e instrumentos de urxencia que enderecen a situación de desemprego.

11. Pedimos aos Estados membros do partenariado que apliquen instrumentos económicos e financeiros para eliminar os desequilibrios comerciais na rexión. Pedimos que os acordos de asociación non conduzan a un deterioro da situación socioeconómica no Sur. A este respecto, recordamos que ningún partenariado é posíbel sen unha integración subrexional Sur-Sur, baseada no reforzo das súas capacidades de producción e de competitividade e no respecto aos Estado de Dereito, nun contexto que estimule os investimentos productivos.

12. Pedimos aos ministros que tomen a iniciativa, coa plena participación da sociedade civil, dunha Política para unha Agricultura Mediterránea Sostíbel e polo Desenvolvemento Rural, a fin de asegurar mellores condicións de vida no medio rural, a protección do medio ambiente e a seguridade alimentaria, iniciativa que podería ser adoptada na súa próxima reunión.

13. Pedimos aos gobernos que consideren a migración como un recurso e un ben cultural e unha vantaxe para o desenvolvemento de toda a rexión e non como un problema persistente de seguridade.

14. Máis en xeral, pedimos que a dimensión social sexa incluída en todas a políticas do PEM e que o diálogo social sexa impulsado en cada País.

15. Solicitamos aos Gobernos esixir do Banco Europeo de Investimentos (BEI) e do emerxente Proxecto para o Investimento Euromediterráneo, que traballen sobre a base estricta dos estándares en materia de medio ambiente, de dereitos sociais e humanos, para todas as súas actividades na rexión, elaborando a súa actualización periódica cunha implicación significativa dass organizacións da sociedade civil da rexión.

16. Expresamos a esixencia de que o Partenariado introduza políticas e medidas susceptíbeis de reforzar a sociedade civil e a súa participación efectiva no PEM.

17. Neste contexto, pedimos aos Gobernos do PEM poñer fin ao actual réxime de visados e outros impedimentos á liberdade de circulación que, desde hai bastantes anos complican sistematicamente os encontros da sociedade civil, incluído este Foro de Nápoles. Estas restriccións constitúen un acoso aos actores da sociedade civil, aféctalles na súa dignidade e impídelles, por veces, reunirse.

18. O reforzo da sociedade civil significa en realidade respectar o Estado de Dereito e dar capacidade legal de actuación á sociedade civil. Isto significa o respecto efectivo da liberdade de asociación, de reunión e de expresión en todos os Países do PEM, incluíndo o dereito a crear sindicatos e a organizarse neles.

19. Isto implica igualmente, a liberación de todos os prisioneiros por motivos de opinión e o fin dos acosos recorrentes e dos hostigamentos de que son obxecto os defensores dos dereitos humanos en varios Países do PEM. Implica tamén o sostemento efectivo do seu dereito a actuar en conformidade coa Declaración das Nacións Unidas sobre os Defensores dos Dereitos Humanos de decembro de 1998, en particular o seu dereito a recibir incondicionalmente fondos internacionais.

20. Isto implica tamén a garantía dos dereitos das minorías e dos refuxiados onde queira que eles vivan, así como a loita contra todas as formas de racismo e xenofobia. Implica igualmente planos estratéxicos para integrar ás mulleres en todas os aspectos do PEM, por medio dunha forte acción afirmativa e potenciando a cuestión de xénero en cada un dos tres pilares do PEM. Condición previa para acadar estes obxectivos é que os Países parteneres levanten as súas reservas sobre a Convención para a Eliminación das Discriminacións contras as Mulleres (CEDAW) facendo da súa aplicación, tanto nas lexislacións nacionais como na axenda política do Partenariado, unha prioridade.

21. Saudamos a Comunicación da Comisión Europea sobre o Reforzo da Democracia e dos Dereitos Humanos no Mediterráneo e pedimos aos Gobernos do PEM que dean prioridade absoluta á súa efectivización. Recomendamos instituír un organismo xurídico para vixiar a aplicación da cláusula de dereitos humanos nos Acordos de Asociación.

22. Polo que atinxe á cultura, concluímos que o PEM debe adicarse prioritariamente a crear as condicións necesarias para un intercambio cultural baixo bases igualitarias. Insistimos no feito de que, para ser críbel, a Fundación Euro-mediterránea para o Diálogo das Culturas debe gozar dun estatuto xurídico independente e dun financiamento importante. Chamamos a que a Fundación apoie e promocione a dimensión contemporánea das culturas, a mobilidade de todos os actores culturais e a súa independencia a respecto dos poderes políticos e relixiosos. Chamamos a que as súas actividades se baseen na realidade dos, e das, que traballan nese terreo.

23. Queremos subliñar a nova aproximación participativa do Foro de Nápoles, que introduciu cambios cualitativos notábeis na relación da sociedade civil co PEM. Isto confirma a existencia dunha Sociedade Civil Euromediterránea independente e chea de vitalidade, que máis ca nunca, está desexando forxar alianzas, reforzar as solidariedades e construír pontes na rexión. Esperamos tamén estreitar os contactos e o diálogo cunha Asemblea Interparlamentaria Euromediterránea transparente e comprometida.

24. Por último, pedimos aos Governos do PEM que adopten un plano de acción para a sociedade civil na rexión Euromediterránea e para a inclusión sistemática do diálogo coa sociedade civil a todos os niveis, tanto nos procesos de decisión como nas postas en práctica. Desexamos que a posibilidade dada aos actores da sociedade civil, con ocasión da Conferencia dos Ministros de Asuntos Exteriores en Creta –en maio de 2002– de discutir sobre o resultado dos debates do For Civil, se converta nunha cita regular.


Nápoles/Castelvolturno, 30 de novembro de 2003.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/05/2004
cig.informatica