ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, agosto de 2003

Nace en Venezuela unha nova central sindical: UNT
 

CIG-Internacional-

cig.internacional@galizacig.com


 
O congreso contou coa participación de 1.330 delegados e delegadas en representación de 612 sindicatos de base e 25 federacións rexionais, cun respaldo afiliativo de 510.000 traballadores e traballadoras.
 
O movemento sindical en Venezuela está pasando por unha reestructuración tan radical que se podería falar de refundación.

O mapa sindical estivo ata o de agora dominado pola CTV (Central de Trabajadores de Venezuela), aínda que existen outras centrais sindicais moito máis pequenas: CUTV (Central Única de Trabajadores de Venezuela), CGT (Confederación General del Trabajo) e CODESA (Confederación de Sindicatos Autónomos). Unha escisión na CGT deu orixe á CGT-Clasista. A maiores hai numerosas organizacións de 1º nivel (Sindicatos) ou 2º nivel (Federacións) que non están confederadas. Internacionalmente a CTV é membro da CIOSL e a CUTV está filiada na FSM. Na CTV hai unha corrente interna, ASI (Alianza Sindical Independiente), que forma parte da CMT. A taxa de afiliación oscila, segundo a fonte consultada, arredor do 15% e a maioría, máis do 70%, procede do sector público.

En 1958 chegouse a un acordo político, que será consolidado en 1961, entre os dous partidos maioritarios (AD: socialdemócratas e COPEI: demócratacristianos) para establecer a alternancia no Governo venezuelano excluindo calquera outra alternativa partidaria. Este reparto do poder tivo o seu correspondente traslado ao movemento sindical; aínda que nun primeiro momento se respectou o acordo, os de AD acabaron facéndose co control omnímodo da inmensa maioría das estructuras da CTV poñendo a Central ao servizo de intereses extrasindicais e persoais. Iniciouse un camiño que levou ao total desprestixio da CTV.

No interior da CTV existiron sempre correntes contestatarias e inconformes coas prácticas sindicais da dirección. Cando a disidencia podía pór en perigo a continuidade dos dirixentes, ou ben eran expulsados (se eran minoría) ou ben a dirección abandonaba o sindicato. En calquera dos dous casos o resultado era a creación dun novo sindicato. Este procedemento explica a existencia na CTV de máis de 100 federacións. Por poñer dous exemplos: no ensino hai 14 federacións que agrupan a 529 sindicatos e o sector petroleiro conta con 4 federacións e 54 sindicatos. As principais correntes internas da CTV que, nos últimos anos, mantiveron unha actividade destacada fronte á política da central son de orientación moi diversa: socialcristiana (ASI), comunista (Corrente Clasista de Traballadores), trostkista (Bloque Clasista e Democrático).

A partir da mitade da década dos 90 vaise formando unha corrente de pensamento sindical moi ligada ao “pensamento bolivariano” propugnado por Chaves e o MVR - Movemento 5ª República, plataforma política que o apoia. Esta corrente, denominada Frente Nacional Constituyente de Trabajadores (FNCT), vaise converter en setembro do 2000 na Fuerza Bolivariana de Trabajadores (FBT).

A FBT autocaracterízase como “unha organización político-social integrada por traballadores, traballadoras e dirixentes sindicais comprometidos co proceso de cambio posto en marcha en 1989 polo povo venezuelano”.

A Asembleia fundacional define á FBT como “espacio aberto á participación de todos os sectores que queiran construir un movemento de traballadores autónomo, democrático e participativo e que asume como programa de acción:

  • A reunificación do movemento sindical.
  • Rescate da soberanía das nosas organizacións sindicais.
  • A formulación de propostas orientadas ao rescate dos dereitos sociais dos traballadores...
  • A participación activa na elaboración das Leis que deberán definir un sistema de Seguridade Social eficiente...
  • A loita a fondo pola democratización do movemento sindical...”.

A FBT engloba no seu seo aos traballadores ligados ao MVR pero tamén a grupos socialcristiáns e á maior parte das correntes de carácter clasista que existían na CTV ou nas outras centrais. Este carácter de “espacio aberto” vai posibilitar que durante os dous anos seguintes se vaian sumando á FBT non só traballadores a título individual, senón sindicatos e federacións que se desvinculan da CTV para integrarse na FBT. Ao mesmo tempo, arredor de 150 sindicatos de nova creación pasan a formar parte da FBT. Correntes organizadas e algunha central (CUTV) participan neste proceso desde dentro da FBT, adheríndose ao programa de acción definido na Asembleia fundacional de setembro de 2000.

A construcción dunha nova central sindical non figurou como obxectivo, pois naqueles momentos considerábase posíbel facer unha “refundación desde dentro”. Como consecuencia desta posición maioritaria dentro da FBT, iniciáronse distintos procesos –por veces confusos e contradictorios– para disputar internamente o control da CTV.

O certo é que a pesar da política seguida, un tanto errática, a FBT incrementou de maneira espectacular a súa presencia e organización convertíndose no referente sindical de moitísimos traballadores e traballadoras. A identificación da maioría dos traballadores co chavismo, o papel desempeñado pola CTV en contra do Governo Chaves e o intenso traballo organizativo e axitativo desplegado, están na base deste espectacular despegue.

Desde a chegada de Chaves ao Governo, a CTV converteuse nun dos pilares da contrarrevolución bolivariana. Nunha permanente alianza entre patronal, partidos tradicionais (e un sector da ultraesquerda) e xerarquía católica, contando co apoio total dos medios de comunicación privados, a CTV figurou como convocante de todas as accións antiguvernamentais. Formou parte do grupo golpista de abril de 2002, convocou xunto coa patronal a folga xeral de case dous meses e fixo todo o posíbel para provocar a paralización do sector petroleiro.

Esta postura de máxima belixerancia, xunto ao definitivo desprestixio entre os traballadores, acabou convencendo á FBT da imposibilidade de facerse co control da CTV desde a disputa democrática interna. Como consecuencia decídese pasar de inmediato a establecer as bases dunha nova central sindical.

Nos primeiros anos do Governo Chaves practicouse unha política moi antisindical e antiobreira: atacábase a negociación colectiva en sectores importantes (como o petróleo), dificultábase a extensión de convenios a sectores sen regulación laboral, promoveronse despidos masivos...

A partir da promulgación no 2001 das chamadas “Leis Habilitantes” (un conxunto de 49 leis referidas a cuestións moi diversas: reforma agraria, protección da pesca artesanal, garantir o carácter público do sector petroleiro...) e visto o rexeitamento frontal de toda a oposición, patronal e CTV, o chavismo no Governo comezou unha tímida aproximación ao movemento obreiro disidente da CTV.

Pero foi a participación da CTV no golpe de abril de 2002 a que abriu definitivamente os ollos ao Governo: o movemento obreiro disidente tivo un protagonismo moi importante na derrota do golpismo; desde o Governo reorientouse a política socio-laboral e abrironse espacios de participación para os traballadores na toma de decisións políticas.O golpe de estado de abril de 2002 modificou profundamente a visión, e as relacións, que o chavismo no governo tiña do movemento obreiro.

O debate foi curto e polo camiño quedaron algunhas organizacións que a pesares de participar desde o principio, optaron por non integrarse “de momento”na nova central. É o caso de algún sindicato importante (SUNTISS-Industria siderúrxica con 5.000 afiliados) ou da propia CUTV.

Con todo, o 5 de abril de 2003 constituese formalmente a UNT - Unión Nacional de Trabajadores nunha Asemblea fundacional. Nomease unha dirección provisoria de 27 membros provintes dos sindicatos máis importantes, elexindo a Orlando Chirino como Coordenador Nacional da Xunta Directiva Provisoria da UNT. A mesma asembleia convoca o “1º Congreso da Unión Nacional dos Traballadores e Traballadoras de Venezuela” para o mes de xuño.

As manifestacións do 1º de Maio constituíron a primeira proba de fogo para a UNT. A CTV, co apoio masivo dos medios de comunicación, pretendeu deixar claro que era a central sindical da maioría dos traballadores e traballadoras pero as marchas convocadas demostraron unha gran inferioridade a respeito da UNT.

Despois de ser adiado por dúas veces, os días 1 e 2 de agosto tivo lugar en Caracas o Congreso co obxectivo de proceder á “elaboración e constitución ideolóxica e programática dos fundamentos da UNT”. Cinco comisións debateron outros tantos documentos de estatutos, declaración de principios, código de ética sindical, regulamento electoral e plano de loitas e documento de propostas de acción sindical.

O congreso contou coa participación de 1.330 delegados e delegadas en representación de 612 sindicatos de base e 25 federacións rexionais, cun respaldo afiliativo de 510.000 traballadores e traballadoras. Obxectivo para este ano: chegar a 1.000.000 de afiliados/as.

Gran parte do financiamento do congreso correu a cargo do conxunto da afiliación; 416.000 membros da nova central aportaron cada un a cantidade de 1.000 bolívares (0,59 euros) para posibilitar que se celebrara.

No acto de inauguración o dirixente da FBT Jacobo Torres de León, proclamou: “esta central enterra definitivamente a antiga caste burocrática da Confederación de Traballadores de Venezuela”. No discurso de clausura, Orlando Chirinos do sector téxtil e un dos principais referentes da UNT manifestou que “a fundación da central é outra manifestación do proceso revolucionario que está a viver Venezuela”.

Todos os documentos presentados foron aprobados logo de ser moi enmendados, agás os estatutos. Na comisión non se rematou a discusión do articulado completo e o plenario acordou prorrogar durante dous meses a discusión e aportación de enmendas nos sindicatos de base.

No relativo ás eleccións internas e unha vez aprobado o regulamento electoral, o plenario prorrogou por 6 meses o mandato da actual dirección. Neste período transitorio as organizacións da nova central elexirán ás direccións definitivas.

No aspecto organizativo apostouse decididamente pola incorporación á UNT das organizacións de cooperativas de campesinos e de xubilados; polo traballo sindical e organización entre os traballadores e traballadoras da economía informal (O 52% do total dos traballadores pertencen a este sector); pola organización dos desempregados e desempregadas e por “prestar unha atención especial ás especificidades das mulleres traballadoras”.

A independencia a respeito do Governo atravesou os debates en todas as comisións, querendo desde o primeiro momento evitar reproducir os sinais de identidade da CTV. Xa na dirección provisoria saída da Asembleia de abril, os membros pertencentes ao MVR son minoría. Por contra, as tendencias clasistas (socialistas, comunistas, trotskistas) e a corrente socialcristiana provinte da ASI teñen unha presencia considerábel na dirección e nas bases. Un punto de unión entre todas as tendencias é a forte ideoloxía nacionalista que impregna a todos os sectores que apoian proceso venezuelano.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/05/2004
cig.informatica