A primeira actividade realizada nesta campaña foi unha enquisa a rapazas e rapaces de institutos de ensinanza en idades comprendidas dende os 12 anos aos 16 anos.
Nesta primeira toma de contacto podemos apreciar unha actitude pouco racista pola parte das rapazas e rapaces; por exemplo na primeira pregunta da enquisa sobre que son os inmigrantes, respostan nun 87% que son persoas que buscan traballo noutro pais. Esta valoración dos emigrantes ten moita relación coa emigración que se viviu en Galiza anos atrás, de feito na segunda pregunta un 70% resposta que ten parentes noutro pais. En Galiza emigrouse por necesidade, nacida da falta de medios de vida de toda caste, tanto nas cidades como nos pobos. Dita emigración tivo fundamentalmente dous destinos e dous moventos cronolóxicos moi marcados: cara a América Latina desde mediados do século XIX ata aproximadamente 1.930 e cara a Europa Occidental, a partir dos anos 60 do presente século. E precisamente de América Latina chegan hoxe moitos inmigrantes na procura de traballo; isto é debido á mellora do noso nivel de vida e ó progresivo empeoramento do seu.
Un 71% das rapazas e rapaces está dacordo en que veñan inmigrantes ao estado español, fronte a un escaso 12% que manifesta non estar de acordo. Polo tanto unha ampla maioría afirma estar de acordo, non o ven como algo negativo senón como algo positivo, pois non só enriquecen a nosa sociedade coa súa forza de traballo, senón tamén culturalmente.
Un 26% cre que os inmigrantes quitan postos de traballo ós/ás galeg@s fronte a un 47% que cre que non é así. Esta valoración negativa está moi influenciada pola opinión d@s «adult@s» máis cercanos, pais e veciños; daquelas persoas con prexuizos raciais e que descoñecen os motivos polos que eses inmigrantes chegan o noso pais. Carecen dunha visión global da economía e dos movementos migratorios. Na análise da emigración ao longo da historia, confírmase a función da emigración como factor reequilibrador de recursos humanos; ainda que por diversas variables, non favorecen a equiparación económica entre paises dadores e receptores. A medida que avanzou a sociedade industrial, acentuouse ese perfil do fenómeno: mentres que uns paises, os economicamente centrais, demandan man de obra para principiar o seu despegue ou soster a súa industrialización, por teren escaseza de poboación ou un estancamento demográfico, outros, de carácter periférico, expulsan recursos humanos a causa do desequilibrio entre a súa poboación activa e as posibilidades das súas estructuras productivas, renunciando ou aprazando un desenvolvemento autocentrado.
As rapazas e rapaces cando ven a un inmigrante falando cun policía, un 43% cre que lle pide a documentación, un 35% cre que lle pide a infornación sobre a rúa, un 16% porque sospeita do seu aspecto e tan só un 3% pensa que robou ou está detido. As concepcións negativas sempre están moi influenciadas pol@s «adult@s», os seus prexuizos contáxianse as rapazas e rapaces, son polo tanto adquiridos, nunca innatos nun neno.
Entre os motivos sinalados polos cales emigrarían, atópase en primeiro lugar o traballo (51%), seguido da curiosidade por coñecer mundo (24%) e motivos de estudios (12%), os motivos sociais representan só o 3%. Son conscientes da emigración vivida en Galiza, e saben que foi por motivos laborais.
Na seguinte pregunta trátase de responder que inmigrantes lles gustaría como compañeiros: a maioría, un 26% os prefire a todos eles; os/as latinoamerican@s son os favoritos (22%), seguidos dos/as negroafrican@s (15%), os/as alemáns/as (14%), os/as norteamerican@s (13%), os/as portugueses/as (10%), os/as árabes (8%), os/as xude@s (6%), e por último os/as xitan@s (4%); este é o grupo contra o que existe máis racismo. A étnia xitana constitúe un grupo de poboación bastante máis grande que o conxunto de persoas extracomunitarias inmigradas, concretamente hai en Galiza aproximadamente 6.750 xitanos, que forman 1.350 familias. Desglosando en provincias, A Coruña é a máis numerosa con 3.280 xitan@s, seguida de Pontevedra con 1.983, Ourense con 806 e por último 685 en Lugo. No estado español cífranse entre 500.000 e 700.000, o que supón aproximadamente o dobre respecto dos inmigrantes extracomunitarios. En Europa é tamén a minoría étnica máis numerosa, cuns oito millóns de membros. O grupo máis numeroso é precisamente o máis discriminado.
Por cultura entenden formas de vida e expresións dun pobo, nun altísimo 77% fronte a un 17% que resposta que é ter moitos coñecementos e un 3% que é o avance científico e técnico.
E por último, diante da pregunta de como cren que viven os os/as inmigrantes en Galiza, pensan nun 65% regular, nun 24% mal e nun 8% ben. Son polo tanto conscientes da realidade, a súa visión non difiere moito da situación real dos inmigrantes en Galiza. |