-Migración

GalizaCIG-

Volver
Guía do retorno / Compéndio de textos legais que fan referéncia á emigración de retorno
Asisténcia sanitária
 
1. Asisténcia sanitária para emigrantes pensionistas retornadas
2. Asisténcia sanitária da Seguridade Social a persoas sen recursos económicos
 
 
1. Asisténcia sanitária para emigrantes pensionistas retornadasVolver ao sumário
 

1.1 Países Comunitários e do Espazo Económico Europeo

Cando unha persoa emigrante retorne ao Estado español procedente dun destes estados/países sendo titular dunha pensión a cargo dese país que lle dea direito ás prestacións sanitárias, terá cobertas, ela e os seus familiares ao seu cargo, as citadas prestacións unha vez que fixe a sua residéncia no Estado español.

Para iso, deberá acudir á oficina do INSS correspondente ao seu lugar de residéncia, apresentando o formulário E-121, que lle será proporcionado pola institución competente estranxeira para efeitos do Seguro de enfermidade. Unha vez efectuados os trámites oportunos, a oficina do INSS facilitará-lle o documento de asisténcia previsto para os/as pensionistas da Seguridade Social española.

Lexislación

Regulamentos CEE 1408/71 e 574/72.

1.2 Outros países cos que o Estado español ten subscrito Convénio de Seguridade Social que inclue a exportación de asisténcia sanitária en residéncia habitual

Cando a persoa emigrante retorne ao Estado español percebendo unha pensión a cargo dun destes países que lle dea direito ás prestacións sanitárias, terá cobertas, ela e os seus familiares ao seu cargo, as citadas prestacións unha vez que fixe a sua residéncia no Estado español.

Para iso, deberá acudir á oficina do INSS correspondente ao seu lugar de residéncia apresentando, segundo sexa o país de procedéncia, o seguinte formulário emitido polo organismo competente estranxeiro para efeitos do Seguro de enfermidade:

  • Andorra: Formulário E/AND-7 (*).
  • Brasil: Formulário EB-2 con validez definitiva (*).
  • Chile: Formulário E/CHL-09 (*).
  • Ecuador: Formulário EE-6.
  • Marrocos: Formulário EM-7 (*).

A Dirección Provincial ou Centro de Atención e Información do INSS (CAISS) facilitará-lles o documento de asisténcia sanitária previsto para os/as pensionistas da Seguridade Social, nos casos marcados con (*).

Noutro caso, co formulário e unha fotocópia, poderán acudir aos centros sanitários da Seguridade Social española.

Lexislación

Andorra: Convénio hispano andorrano da Seguridade Social do 14 de abril de 1978. Brasil: Convénio hispano brasileiro da Seguridade Social do 16 de maio de 1991. Chile: Convénio hispano chileno da Seguridad Social do 9 de marzo de 1997. Ecuador: Convénio hispano ecuatoriano da Seguridade Social do 1 de abril de 1960. Marrocos: Convénio hispano marroquí da Seguridade Social do 6 de novembro de 1979.

1.3 Suíza e outros países/estados cos que o Estado español teña Convénio da Seguridade Social que non inclua a exportación de prestacións sanitárias en residéncia habitual, así como países/estados cos que o Estado español non subscrebera Convénios en matéria de asisténcia sanitária.

As persoas emigrantes titulares dunha pensión ou que fosen beneficiárias de rendas ou cantidades a tanto alzado substitutivas desa pensión a cargo da Seguridade Social suíza ou doutros países/estados cos que non exista convénio en matéria de asisténcia sanitária, se ao transladar a sua residéncia ao Estado español non ten coberta esa prestación, poderán subscreber un Convénio Especial de asisténcia sanitária coa Seguridade Social española para ser beneficiárias da mesma. A cobertura sanitária fará-se extensiva aos familiares que vivan a expensas da persoa titular e non teñan direito por outro título ás prestacións de asisténcia sanitária.

Solicitude

Para subscreber o Convénio Especial terá que formular-se a solicitude diante da Dirección Provincial da Tesouraria Xeral da Seguridade Social do lugar de residéncia, no modelo oficial, acompañada do documento que acredite a percepción da pensión da Seguridade Social Suíza ou doutro país, debendo-se aboar mensualmente pola persoa interesada a cota fixada para o efeito. En caso de que a persoa interesada teña familiares ao seu cargo, deberá-se unir a documentación acreditativa de tal extremo.

As persoas pensionistas terán que probar a data do seu retorno ao território do Estado español e subscreber o convénio dentro dos 180 dias naturais seguintes á data indicada.

O Convénio Especial poderá-se subscreber tamén polos familiares da persoa titular cando, ao falecer esta, estivesen ao seu cargo e non tivesen direito por outro título á prestación de asisténcia sanitária. Neste suposto, o prazo de 180 dias contará-se a partir da data do falecimento.

Lexislación

Orde do 5 de maio de 1980. Orde do 18 de febreiro de 1981 (BOE do 26 de febreiro). Resolución 21 de abril de 1997 Secretaria de Estado da Seguridade Social (BOE do 5 de maio).

 
 
2. Asisténcia sanitária da Seguridade Social a persoas sen recursos económicosVolver ao sumário
 
Persoas beneficiárias

Todas as persoas do Estado español que teñan estabelecida a sua residéncia no territorio estatal e carezan de recursos económicos suficientes, entendendo-se como tais as persoas con rendas, de calquer natureza, que sexan iguais ou inferiores, en cómputo anual, ao salário mínimo interprofisional e non teñan recoñecida a asisténcia sanitária por calquer dos réximes da Seguridade Social.

Contido

A asisténcia sanitária recoñecida terá idéntica extensión, contido e réxime aos previstos no Réxime Xeral da Seguridade Social.

No caso de maiores de 65 anos a asisténcia que se recoñeza terá, para efeitos de prestacións, as mesmas características que correspondan no citado réxime aos pensionistas.

Solicitude

Para que se recoñeza o direito, deberá-se solicitar nos Centros de Saúde, Direccións Sectoriais e Unidades autorizadas das Direccións Provinciais do Instituto Nacional da Saúde (INSALUD) ou diante do órgao competente nas Comunidades Autónomas, apresentando ademais do modelo de solicitude, a documentación que se requira.

Obtención de modelos de solicitude

Os impresos de solicitude serán facilitados gratuitamente ás persoas interesadas en todos os Centros e Dependéncias do Instituto Nacional da Seguridade Social, nas Direccións Provinciais e Administracións da Tesouraria Xeral da Seguridade Social, nas Direccións Provinciais do Instituto Nacional da Saúde e nos Servicios de Saúde das Comunidades Autónomas que teñan transferidas as competéncias en matéria de asisténcia sanitária.

Lexislación

Real Decreto 1088/1989, do 8 de setembro (BOE 9 do setembro).
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/01/2001