Finalidade do Convénio Mediante a subscrición do Convénio Especial, as persoas emigrantes retornadas pasan a estar integradas voluntariamente na Seguridade Social española, quedando en situación asimilada á alta, a fin de manter ou adquirir o direito ás prestacións de xubilación, invalidez permanente derivada de enfermidade comun ou acidente non laboral, morte e supervivéncia e servizos sociais, mediante o aboamento das cotas estabelecidas para o efeito. Persoas beneficiárias Persoas emigrantes retornadas e os seus fillos/as que traballasen en países/estados que teñan subscrito co Estado español un acordo ou convénio de Seguridade Social que cubra as prestacións mencionadas no apartado anterior e que ao retornar ao Estado español non estivesen incluidas obrigatoriamente nalgun réxime público de protección social no noso Estado. Estes países/estados son os seguintes: En Europa: Alemaña, Andorra, Aústria, Bélxica, Dinamarca, Federación Rusa, Finlándia, Franza, Grécia, Irlanda, Islándia, Itália, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos, Portugal, Reino Unido, Suécia, Suíza, Turquia e Ucránia. En Ásia: Filipinas. En África: Marrocos. En América: Arxentina, Brasil, Canadá, Chile, Ecuador, Estados Unidos, México, Paraguai, Peru, Venezuela e Uruguai. En Oceania: Austrália. Apresentación das solicitudes Direccións Provinciais da Tesouraria Xeral da Seguridade Social ou as suas Administracións da província de residéncia da persoa solicitante, en calquer momento despois do retorno. Unha vez subscrito o Convénio Especial, que comezará a producir efeitos a partir do dia primeiro do mes seguinte ao da apresentación da solicitude, a persoa interesada debe proceder de xeito periódico ao aboamento das cotas correspondentes. Documentación a apresentar - Certificado de emigrante retornado expedido pola Delegación ou pola Subdelegación de Governo da província de residéncia da persoa interesada.
- Calquer documento admitido en Direito que acredite a estadia e o traballo no estranxeiro.
Aboamento das cotas Para determinar a contia a ingresar por mes, en primeiro lugar, calcula-se a cota íntegra, que será o resultado de aplicar o tipo de cotización vixente no Réxime Xeral da Seguridade Social para estas continxéncias á base mínima de cotización estabelecida para traballadores maiores de 18 anos. O importe asi obtido multiplicará-se polo coeficiente que para tal efeito se estabeleza e o produto que resulte constituirá a cota a ingresar. A persoa subscritora do Convénio compromete-se a aboar ao seu exclusivo cargo a cota correspondente. Extinción do Convénio Especial O Convénio Especial extinguirá-se polas seguintes causas: - Falta de aboamento das cotas correspondentes a tres mensualidades.
- Quedar incluída a persoa interesada nun Réxime da Seguridade Social que teña estabelecido cómputo recíproco de cotizacións co Réxime Xeral.
- Converter-se a persoa interesada en pensionista por xubilación ou invalidez permanente en calquer dos réximes da Seguridade Social.
- Decisión da persoa interesada comunicada por escrito á Tesouraria correspondente.
- Falecimento da persoa interesada.
Lexislación Real Decreto 996/1986, do 25 de abril (BOE do 26 de maio); Orde do 14 de xaneiro de 2000 (BOE do 26). |