-Migración

GalizaCIG-

Volver
Muller e retorno / Realidade socio-laboral da muller emigrante retornada a Galiza
4. Conclusións
 
Esta investigación parte dos datos obtidos a través de 350 enquisas a mulleres emigrantes retornadas nos últimos 10 anos. Esta cantidade é a referencia numérica sobre a que se aplicaron as variables de análise. As enquisas realizadas en toda Galiza en diferentes realidades da sociedade galega, permitiunos achegar á realidade socio-laboral destas mulleres.

Para a comprensión do retorno, temos que sinalar que a historia de Galiza está marcada pola emigración, o que significou a perda da súa poboación activa, coas consecuencia sociais e económicas que isto ocasionou. Desde as últimas dúas décadas enfrontámonos ao cambio de emigración polo fenómeno do retorno.

Este proceso de emigración e retorno representa o cambio máis fondo que sofre unha persoa xa que por unha banda a emigración constitúe a perda dos afectos, da cultura, costumes, a perda dos vencellos coa comunidade e o novo acomodamento nos países de acollida, con diferentes culturas, idiomas e estilos de vida. No proceso de retorno reprodúcese, con maior ou menor intensidade, o ciclo da emigración: o abandono das experiencias adquiridas no país de acollida, para comezar un novo proceso de acomodación á nova realidade da súa sociedade de orixe.

Os factores que determinaron a emigración son en primeiro termo os económicos representados pola falta de traballo. Outro dos factores importantes é o representado pola familia. Son desencadeantes deste fenómeno a superpoboación, o baixo desenvolvemento económico, a fragmentación excesiva da terra, etc, pola outra banda países con desenvolvemento económico con necesidades de man de obra, xa sexa unha primeira etapa cara a Amércia ou na última a Europa propiciaron as condicións deste fenómeno.

O retorno segundo a nosa investigación ten como factores en primeiro termo os familires e persoais, seguíndolle nas porcentaxes moitos máis baixas os económicos, sociais, laborais e políticos. Temos un 59% retornadas de Europa, un 40% de América e un 1% de Oceanía. Estes factores de retorno estan vencellados aos países de procedencia destas mulleres, e teñen motivacións e expectativas distintas segundo son mulleres retornadas de Europa ou de América. Nas primeiras o retorno está máis relacionado co de estar «cansa de estar fóra», ou «xa era a hora de voltar», a educación na terra de seus fillos, a xubilación, o investimento dos seus aforros, etc. No caso das mulleres de América a expectativa é a tranquilidade social, o mellorar a situación económica e laboral, a asistencia sanitaria, o reencontro coa terra. Esta situación xorde como consecuencia dos problemas económicos e sociais polos que estan atravesando estes países américanos.

Dentro destas mulleres retornadas temos que diferenciar o grupo das mulleres de 1ª xeración (fillas de emigrantes), que están mellor preparadas a nivel de estudios e as súas expectativas están máis vencelladas co desenvolvemento profesional, co traballo, coa identificación cultural e coa mellora social.

Hai un alto índice de mulleres que recibiron o subsidio de retorno, un 72%, o que evidencia unha mellor información dos dereitos á hora do retorno.
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/12/2000