-Migración

GalizaCIG-

Volver
Muller e retorno / Realidade socio-laboral da muller emigrante retornada a Galiza
1. Fundamentación
 
Esta investigación é unha iniciativa xurdida desde o noso departamento de Migración, o cal ven traballando hai moitos anos na información, orientación, actividades de integración e divulgación da problemática das persoas galegas retornadas. Ao longo destes anos de atención aos emigrantes que retornan observamos múltiples problemas, entre eses observamos que a muller emigrante retornada é a que máis tempo tarda na integración socio-laboral.

A historia de Galiza está marcada polo fenómeno da emigración, imprimíndolle á sociedade un selo dunha dorosa identidade «A Galiza emigrante». Hoxe enfrontámonos ao feito inverso que é o retorno. Este fenómeno das migracións, que tamén se manifesta no Estado español e na maioría dos países europeos, malia o cambio experimentado nas últimas décadas, segue a ter en Galiza unha presencia real en tanto que é un dos países europeos con maior número de traballadores fóra dos seus límites xeográficos, sen contabilizar as primeiras xeracións (fillos/as de emigrantes).

Esta emigración determinou a fragmentación do país e da súa xente, quedando unhas «dentro» mentres outras tiveron que quedar «fóra», polarizando as familias, os afectos, os roles, as xeografías, os hábitos e os entornos culturais.

O retorno como acontecemento non previsto e novo historicamente actualiza a dimensión socio-económico e política da emigración. Este proceso promove a nivel social un reacomodamento. Neste fenómeno de ida e volta, a sociedade galega ten que prepararse para incorporar e asumir este retorno, por ser un feito novo non innscripto na súa memoria histórica.

As persoas emigrantes retornadas malia ter bases comúns diferéncianse polo país de acollida de onde proceden, sendo diferentes as problemáticas dos procedentes de Europa, América ou as de primeira xeración (fillos/as de emigrantes). Sen embargo, todos eles teñen a grande tarefa de integrarse plenamente na súa terra diante desta nova situación do retorno.

As conceptualizacións do fenómeno migratorio fundamentáronse en análises derivadas da cuantificación dos países de procedencia, ano de retorno e países de acollida, realizados pola Administración. Este feito determina o deficitario coñecemento e comprensión da realidade social e laboral dos emigrantes.

No ano 1996 o departamento da CIG-migración fixo unha investigación «Os emigrantes Retornados a Galiza», que foi subvencionado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Dirección Xeral de Migracións), esta investigación permitiunos ter un primeiro achegamento cualitativo á problemática do retorno, as múltiples interrelacións psicosociais polos que transitan as persoas no movemento emigratorio e no retorno, e dos factores que inciden neste proceso de mútua interacción entre a persoa retornada e a sociedade galega.

Ao longo destes anos de traballo na atención aos emigrantes que retornan e aos seus fillos/as, observamos que a muller emigrante tarda máis tempo e ten máis problemas na integración socio-laboral. Se a muller xa ten problemas de relacións sociais desigualitarias, a esta situación engádeselle o feito de ser muller emigrante retornada.

Por esta razón, o obxectivo da nosa investigación ten a pretensión de detectar as necesidades das mesmas na súa realidade socio-laboral, para que nos permita reflexionar e intevir na procura da súa integración social e laboral máis rápida e nas mellores condicións.
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/12/2000