Este estudo realizado polo Departamento de CIG-Migración é unha contribución a un mellor coñecemento da nosa sociedade, neste caso dun colectivo ainda non moi grande, pero que medra día a día: o das emigrantes retornadas. Os dados amosan as dificultades pra reincorporarse ó chamado mercado laboral, cando o emigrante decide (por fin) retornar á sua patria. Non podia ser doutro xeito, tendo en conta que en Galiza hai un 17% de asalariados no paro, a eventualidade abrangue ó 36,05% da operarios con contrato (3º trimestre de 1999, EPA) e a emigracion atingue a unhas 20.000 persoas anuais. As razóns pra voltar son, na maioria dos casos, as persoais ou familiares... en moi poucos as económicas. Esto é algo sobre o que debemos cavilar, xa que se trata de motivos que unen ó emigrante coa sua orixe, coa sua cultura, co seu entorno familiar e étnico. Son dados que afortalan a ideia de que o emigrante galego se produce por causas económicas, e que quere retornar unha vez acadados certos obxectivos monetarios ou que olla que estes xa son imposibeis de conseguir. O retorno dáse normalmente despois de moitos anos de emigracion, polo que adptacion a un mundo moi distinto ó que deixou non é doada, máxime cando é Latinoamérica ou Europa central o país de residencia. A información previa e unha vez retornado/da resulta fundamental. Fan falla en Galiza persoas especiliazadas, oficinas comarcais e programas específicos de reincorporación ó mercado laboral... pero tamén pra continuar os estudos ou aceder as pensions. A emigración é unha traxedia, tanto pró país receptor como pró provedor de man de obra. Unha traxedia individual e colectiva, unha demostración das disfuncións do sistema económico mundial, das desigualdades distributivas, e dos imperialismos tanto economicos como culturais ou raciais. O noso país foi, e segue sendo, unha terra de emigración, e polo tanto de desigualdades e inxustizas. Desde a CIG apostamos por políticas activas que desenvolvan os sectores productivos, unha economia autocentrada, a seguridade alimentaria, a protección do meio ambente, intercambios de mercadorias e tecnoloxia xustos,... pero tamén, e moi especialmente, polo pleno emprego, a harmonía territorial, e a incorporación dos retornados e inmigrantes á sociedade. Entendemos que Galiza debe ser a célula de universalidade da que falaba o egrexio galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Manuel Mera Sánchez. Presidente da CIG.
|