-Colectivo da Muller / A muller traballadora

GalizaCIG-

Volver a Colectivo da MullerVolver a Actualidade
A muller traballadora
 
 

IlustraciónOs direitos das mulleres traballadoras

A integración social das mulleres pasa inevitabelmente pola sua integración laboral xa que só desde a independéncia económica é posíbel lograr a emancipación social.

Os cámbios económicos e sociais producidos na segunda metade deste século fixeron posíbel unha incorporación masiva das mulleres á povoación activa, mália ser nestas últimas décadas cando esta incorporación se produce dun xeito máis espectacular. Entre o ano 84 e o 94, mentres a povoación activa masculina aumentou nun 2,95%, a povoación activa feminina fixo-o nun 38,7%.

Porén, a configuración da oferta de traballo feminina apresenta graves desaxustes: o cámbio social e cultural que empuxa ás mulleres á vida laboral activa dá-se nun contexto de discriminación estrutural que determina a sua discriminación no aceso ao emprego, a segregación no mercado de traballo e o contínuo medre do peso que representa no paro total.

A CIG, como organización sindical, xoga un papel fundamental na loita pola eliminación dos obstáculos que impidan a igualdade real das traballadoras. A nosa central sindical, através da Secretaria da Muller, exixe medidas de acción positiva que aceleren a igualdade efectiva entre homes e mulleres.


Para isto propomos:

1. Introducir nos convénios colectivos medidas tendentes a evitar desigualdades, eliminando aquelas cláusulas dos convénios que supoñan discriminación expresa ou tácita por razón de sexo:

  • Eliminar a especificación do sexo e do estado civil nas ofertas de emprego. Non permitir diferenzas nen no salário base nen nos complementos salariais. "Igual salário para traballos de igual valor".
  • Cámbio de posto de traballo durante o embarazo e lactáncia en traballos submetidos a axentes, determinados produtos químicos, exceso de carga, posturas inadecuadas, etc.
  • Calquer traballadora ou traballador terá direito á reserva do posto de traballo por tres anos por nacimento ou adopción dun fillo ou filla, e o reingreso a este en idénticas condicións.
  • A empresa debe pór as medidas necesárias para a formación que capacite ás mulleres a ocupar cargos de responsabilidade.
  • Introducir revisións xinecolóxicas nas revisións médicas anuais que se efectuan nas empresas.
  • Os critérios de ascenso non poderán ser discriminatórios en razón de sexo.
  • Eliminación das discriminacións e os estereótipos sexistas na linguaxe utilizada nas circulares ou calquer outra forma de comunicación escrita.
  • Arbítrio das necesárias canles de denúncia adecuadas no interior da empresa para a correspondente sanción disciplinária aos actos de presión e acoso sexual no traballo por parte de compañeiros, superiores ou clientes.
  • Permisos retribuídos para mulleres e homes para o coidado dos fillos e fillas.
  • Desaparición de categorias explícita ou implicitamente femininas e da denominación sexuada destas.
  • Contratos a tempo parcial: As empresas terán a obriga de completar a xornada laboral daquelas traballadoras que teñen un contrato parcial, sempre que haxa necesidade de novo persoal ou quede algunha vacante.
  • Non se asinará convénio nengun que supoña discriminación expresa ou tácita por razón de sexo.

2. Derrogación do actual Real Decreto que regula as relacións laborais no servizo doméstico, aplicación da lexislación laboral comun e integración no Réxime Xeral da Seguridade Social.

3. Demandar das Administracións unha política de formación que posibilite o aceso das mulleres a postos de traballo cualificados.

4. Protección social para as mulleres que están nunha situación de necesidade (mulleres sen traballo retribuído), facendo aumentar traxicamente a feminización da pobreza.

5. Promover a criación de servizos sociais por parte das administracións: gardarias, servizos de atención aos enfermos, anciáns... que liberen ás mulleres desa carga.

IlustraciónAs mulleres da CIG, conscientes da necesidade de autoorganizar-nos para loitar por estes direitos que son, antes que nada, direitos humanos, constituímos a Secretaria da Muller desde a que impulsar a política sindical da CIG naqueles ámbitos que, dentro do mundo do traballo, afectan especialmente ás mulleres. A Secretaria da Muller, como organismo autónomo, rexe-se polos seus princípios programáticos e os seus estatutos aprobados en Congreso Nacional. Está presente en todos aqueles lugares en que está a nosa central e hai unha secretária en cada unha das oito comarcas en que se organiza a Confederación.

Sabemos que nos queda moito por conseguir, pero os avanzos, logo de tantos anos de loita, teñen que abrir portas e dar luces á esperanza e ao optimismo transformador das mulleres. A nova sociedade que se entrevé neste momento histórico pode ser o início da verdadeira história na que mulleres e homes seremos protagonistas. Deste futuro de esperanza, as mulleres somos hoxe a vangarda.

CIG-Muller

 
Volver a Colectivo da MullerVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/05/2004
cig.informatica