|
Preliminares
As institucións e organizacións non-gobernamentais asinantes desta Declaración Universal de
Dereitos Lingüísticos, reunidas en Barcelona, do 6 ó 9 de xuño de 1996,
Vista a Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948 que no preámbulo afirma a "fe nos
dereitos humanos fundamentais, na dignidade e no valor da persoa humana e na igualdade de dereitos de homes e mulleres",
e que no seu artigo segundo establece que "todo o mundo ten tódolos dereitos e tódalas liberdades"
sen distinción de "raza, cor, sexo, lingua, relixión, opinión política ou outra,
orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición";
Visto o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos do 16 de decembro de 1966 (artigo 27) e
o Pacto Internacional de Deretios Económicos, Sociais e Culturais da mesma data, que nos seus preámbulos
postulan que o ser humano non pode ser libre se non se crean as condicións que lle permitan gozar tanto
dos seus dereitos civís e políticos, como dos seus dereitos económicos, sociais e culturais;
Vista a Resolución 47/135, do 18 de decembro de 1992 da Asemblea Xeral da Organización das Nación
Unidas, que adopta a Declaración sobre os dereitos das persoas pertencentes a minorías nacionais
ou étnicas, relixiosas e lingüísticas;
Vistas as declaracións e convenios do Consello de Europa como o Convenio Europeo para a Protección
dos Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais do 4 de novembro de 1950 (Artigo 14); a Convención do
Consello de Ministros do Consello de Europa, do 29 de xuño de 1992, pola cal se aproba a Carta Europea sobre
as linguas rexionais ou minoritarias; a Declaración do Cumio do Consello de Europa, o 9 de outubro de 1993,
sobre as minorías nacionais; e a Convención-marco para a protección das minorías nacionais
do mes de novembro de 1994;
Vista a Declaración de Santiago de Compostela do PEN Club Internacional e a Declaración do 15 de
decembro de 1993 do Comité de Traduccións e dereitos lingüísticos do PEN Club Internacional
sobre a proposta de realizar unha conferencia mundial de Dereitos Lingüísticos;
Visto que na Declaración de Recife, Brasil, do 9 de Outubro de 1987, o XXII Seminario da Asociación
Internacional para o Desenvolvemento da Comunicación Intercultural recoméndalles ás Nacións
Unidas que tomen as medidas necesarias co obxectivo de adoptaren e realizaren unha Declaración Universal
de Dereitos Lingüísticos;
Vista a Convención número 169 da Organización Internacional do Traballo, do 26 de xuño
de 1989, relativa ós pobos indíxenas independentes;
Visto que a Declaración Universal dos dereitos colectivos dos pobos, Barcelona, maio de 1990, declara que
tódolos pobos teñen dereito a expresaren e desenvolverena a súa cultura, a súa lingua
e as súas normas de organización e, para o faceren, a se dotaren das propias estructuras políticas
educativas, de comunicación e de administración pública, en marcos políticos diferentes;
Vista a Declaración Final da asemblea xeral da Federación Internacional de Profesores de Linguas
Vivas en Pécs (Hungría) o 16 de agosto de 1991, que recomenda que os dereitos lingüísticos
sexan considerados como dereitos fundamentais da persoa;
Visto o informe da Comisión de Dereitos Humanos do Consello Económico e Social das Nacións
Unidas, do 20 de abril de 1994, sobre o borrador da Declaración dos dereitos dos pobos indíxenas,
declaración na que os dereitos individuais se valoran á luz dos dereitos colectivos;
Visto o borrador da Declaración da Comisión Interamericana de dereitos humanos sobre os dereitos
dos pobos indíxenas, aprobado na 1278 sesión do 18 de setembro de 1995;
Visto que a maioría das linguas ameazadas do mundo pertencen a pobos non soberanos e que os factores principais
que impiden o desenvolvemento destas linguas e aceleran o proceso de substitución lingüística
son a falta de autogoberno e a política de Estados que impoñen a súa estructura político-administrativa
e as súas linguas;
Visto que a invasión, a colonización e a ocupación, así como os casos de subordinación
política, económica ou social, implican a miúdo a imposición directa dunha lingua allea
ou a distorsión da percepción do valor das linguas e a aparicición de actitudes lingüísticas
xerarquizantes que afectan á lealdade lingüística dos falantes, e visto que, por estes motivos,
mesmo as linguas dalgúns pobos que accederon á soberanía están inmersas nun proceso
de substitución lingüística por unha política que favorece a lingua das antigas colonias
e antigos poderes imperiais;
Visto que o universalismo se ten que basear nunha concepción da diversidade lingüística e cultural
que supere asemade as tendencias homoxeneizadoras e as tendencias ó illamento exclusivista;
Visto que para garanti-la convivencia entre comunidades lingüísticas, fai falta atopar uns principios
de orde universal que permitan asegura-la promoción, o respeto e o uso social público e privado de
tódalas linguas;
Visto que diversos factores de orde extralingüística (políticos, territoriais, históricos,
demográficos, económicos, socioculturais, sociolingüísticos e de actitude colectiva)
xeran problemas que provocan a desaparición, marxinación e degradación de numerosas linguas,
e que, polo tanto, é preciso que os dereitos lingüísticos se afronten dende unha perspectiva
global, para que se poidan aplicar en cada caso as solucións
específicas axeitadas;
Entendendo que é necesaria unha Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos que permita
corrixi-los desequilibrios lingüísticos de maneira que asegure o respeto e o pleno desenvolvemento
de tódalas linguas e que estableza os principios dunha paz lingüística planetaria xusta e equitativa,
como factor principal da convivencia social;
DECLARAMOS QUE
Preámbulo
A situación de cada lingua, vistas as consideracións previas, é o resultado da confluencia
e da interacción de multiplicidade de factores diferentes: político-xurídicos, ideolóxicos
e históricos; demográficos e territoriais; económicos e sociais; culturais; lingüísticos
e sociolingüísticos; interlingüísticos; e finalmente subxectivos.
En concreto, a situación actual caracterízase por:
- A secular tendencia unificadora da maioría
de estado a reduci-la diversidade e a favorecer actitudes adversas á pluralidade cultural e ó pluralismo
lingüístico.
- O proceso de mundialización da economía
e, en consecuencia, do mercado da información, a comunicación e a cultura, que afecta ós ámbitos
de relación e ás formas de interacción que garanten a cohesión interna de cada comunidade
lingüística.
- O modelo economicista de crecemento propugnado
polos grupos económicos transnacionais, que pretende identifica-la desregulamentación co progreso
e o individualismo competitivo coa liberdade, cousa que xera graves e crecentes desigualdades económicas,
sociais, culturais e lingüísticas.
- As ameazas que, no momento actual, presionan
as comunidades lingüísticas sexa pola falta de autogoberno, por unha demografía limitada ou
ben parcial ou enteiramente dispersa, por unha economía precaria, por unha lingua non codificada ou por
un modelo cultural oposto ó predominante, fan que moitas linguas non poidan sobrevivir e desenvolverse se
non se teñen en conta estes eixos fundamentais.
- Na perspectiva política, concibir unha
organización da diversidade lingüística que permita a participación efectiva das comunidades
lingüísticas neste novo modelo de crecemento.
- Na perspectiva cultural, facer plenamente compatible
o espacio comunicativo mundial coa participación equitativa de tódolos pobos, de tódalas comunidades
lingüísticas e de tódalas persoas no proceso de desenvolvemento.
- Na perspectiva económica, fundamentar
un desenvolvemento sostible baseado na participación de todas e todos e no respeto polo equilibrio ecolóxico
das sociedades e por unhas relacións equitativas entre tódalas linguas e culturas.
Por todo isto, esta Declaración parte das comunidades lingüísticas e non dos Estados, e inscríbese
no marco do reforzo das institución internacionais capaces de garantir un desenvolvemento sostible e equitativo
para toda a humanidade e ten como finalidade propiciar un marco de organización política da diversidade
lingüística baseado no respeto, a convivencia e o beneficio recíprocos.
TÍTULO PRELIMINAR - Precisións
conceptuais
Artigo 1
1. Esta Declaración entende como comunidade linguística toda sociedade humana que, asentada historicamente
nun espacio territorial determinado, recoñecido ou non, se autoidentifica como pobo e desenvolveu unha lingua
común como medio de comunicación natural e de cohesión cultural entre os seus membros. A denominación
lingua propia dun territorio fai referencia ó idioma da comunidade historicamente establecida neste espacio.
2. Esta Declaración parte do principio de que os dereitos lingüísticos son individuais e asemade
colectivos, e adopta como referente da plenitude dos dereitos lingüísticos o caso dunha comunidae lingüística
histórica no seu espacio territorial, entendido este non soamente como área xeográfica onde
vive esta comunidade, senón tamén como un espacio social e funcional imprescindible para o pleno
desenvolvemento dos dereitos que lles corresponden ós grupos lingüísticos aludidos no punto
5 deste mesmo artigo e os das persoas fóra do territoria da súa comunidade.
3. Para os efectos desta Declaración, enténdese que están tamén no seu propio territorio
e pertencen a unha comunidade lingüística as colectividades que:
i. se atopan separadas do conxunto da súa
comunidade por fronteiras políticas ou administrativas;
ii. están asentadas historicamente nun espacio xeográfico reducido, rodeado polos membros doutras
comunidads lingüisticas; ou
iii. están asentadas nun espacio xeográfico compartido cos membros doutras comunidades lingüísticas
de historicidade similar.
4. Para os efectos desta Declaración considéranse,
tamén, como comunidades lingüísticas dentro do seu propio territorio historico os pobos nómadas
nas súas áreas de edsprazamento ou os pobos de asentamento disperso.
5. Esta Declaración entende como grupo lingüístico toda colectividade humana que comparte unha
mesma lingua e que se atopa asentada no espacio territorial doutra comunidade lingüística, pero sen
unha historicidade equivalente, como sucede en casos diversos como os dos inmigrados, refuxiados, deportados ou
os membros das diásporas.
Artigo 2
1. Esta Declaración considera que, nos casos nos que diferentes comunidades e grupos lingüísticos
concorren nun territorio compatido, o exercicio dos dereitos formulados nesta Declaración tens que rexer
polo do espeto entre todos e dentro das máximas garantías democráticas.
2. No momento de establecer un equilibrio sociolingüístico satisfactorio, é dicir, a axeitada
articulación entre os respectivos dereitos destas comunidades e grupos lingüísticos e das persoas
que forman parte deles, débese ten en conta, ademais da súa historicidade relativa e da súa
vontade expresada democraticamente, factores que poden aconsellar un trato reequilibrador de obxectivo compensatorio:
o carácter forzado das migracións que conduciron á convivencia das diferentes comunidades
e grupos, ou o seu grao de precariedade política, socioeconómica e cultural.
Artigo 3
1. Esta declaración considera como dereitos persoais inalienables, exercibles en calquera situación,
os seguintes:
o dereito a ser recoñecido como membro
dunha comunidade lingüística;
o dereito ó uso dunha lingua en privado e en público;
o dereito ó uso do propio nome,
o dereito a relacionarse e asociarse con outros membros da comunidade lingüística de orixe;
o dereito a manter e desenvolve-la propia cultura;
e tódolos outros dereitos de contido lingüístico
recoñecidos no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos do 16 de decembro de 1966
e no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da mesma data.
2. Esta Declaración considera que os dereitos colectivos dos grupos lingüísticos, ademais dos
establecidos polos seus membros no apartado anterior, tamén poden incluír, de acordo coas puntualizacións
do artigo 2.2:
o dereito ó ensino da propia lingua e cultura;
o dereito a disporen de servicios culturais;
o dereito a unha presencia equitativa da lingua e a cultura do grupo nos medios de comunicación;
o dereito a seren atendidos na súa lingua nos organismos oficiais e as relacions socioeconómicas.
3. Os dereitos das persoas e os grupos lingüísticos
mencionados anteriormente non deben representar ningún obstáculo na interrelación e a integración
destes na comunidade lingüística receptora, nin ningunha limitacion dos dereitos desta comunidade ou
dos seus membros á plenitude do uso público da lingua propia no conxunto do seu espacio territorial.
Artigo 4
1. Esta Declaración considera que as persoas que se trasladan e se establecen no territorio dunha comunidade
lingüística diferente da propia teñen o dereito e o deber de manteren con ela unha relación
de integración.
A integración enténdese como unha socialización adicional destas persoas de xeito que poidan
conserva-las súas características culturais de orixe, pero compartan coa sociedade que as acolle
as referencias, os valores e os comportamentos suficientes para permitir un funcionamento social global sen máis
dificultades cás dos membros da comnidade receptora.
2. Esta Declaración considera, en cambio, que a asimilación, -entendida como a aculturación
das persoas na sociedade que as acolle, de tal maneira que substitúan as súas características
culturais de orixe polas referencias, os valores ou os comportamentos propios da sociedade receptora- non debe
ser en ningún caso forzada ou inducida, senón o resultado dunha opción plenamente libre.
Artigo 5
Esta Declaración baséase no principio de que os dereitos de tódalas comunidades lingüísticas
son iguais e independentes da consideración xurídica ou política de linguas oficiais, rexionais
ou minoritarias. O uso de designacións tales como lingua rexional ou minoritaria, non se adopta neste texto
porque, aínda que nalgún caso o recoñecemento como lingua minoritaria ou rexional pode facilita-lo
exercicio de certos dereitos, é frecuente o uso dos determinativos para restinxi-los dereitos dunha comunidade
lingüística.
Artigo 6
Esta Declaración exclúe que unha lingua poida ser considerada propia dun territorio unicamente polo
feito de se-la oficial do Estado ou de ter tradición de ser utilizada dentro deste territorio como lingua
administrativa ou de certas actividades culturais.
TÍTULO PRIMERO - Principios xerais
Artigo 7
1. Tódalas linguas son a expresión dunha identidade colectiva e dunha maneira distinta de percibir
e de describi-la realidade, por tanto teñen que poder gozar das condicións necesarias para o seu
desenvolvemento en tódalas funcións.
2. Cada lingua é unha realidade constituída colectivamente e é no seo dunha comunidade que
se fai dispoñible para o uso individual, como instrumento de cohesión, identificación, comunicación
e expresividade creadora.
Artigo 8
1. Tódalas comunidades lingüísticas teñen o dereito de organizar e xestiona-los recursos
propios co fin de aseguraren o uso da súa lingua en tódalas funcións sociais.
2. Tódalas comunidades lingüísticas teñen o dereito de dispor dos medios necesarios para
aseguraren a trasmisión e a proxección futuras da lingua.
Artigo 9
Toda comunidade lingüística ten dereito a codificar, estandarizar, preservar, desenvolver e promove-lo
seu sistema lingüístico, sen interferencias inducidas ou forzadas.
Artigo 10
1. Tódalas comunidades lingüísticas son iguais en dereito.
2. Esta Declaración considera inadmisibles as discriminacións contra as comunidades lingüísticas
baseadas en criterio como o seu grao de soberanía política, a súa situación social,
económica ou calquera outra, así como o nivel de codificiación, actualización ou modernizaión
que conseguiron as súas linguas.
3. En aplicación do principio de igualdade deben establecerse as medidas indispensables para que esta igualdade
sexa efectiva.
Artigo 11
Toda comunidade lingüística ten dereito a gozar dos medios de traducción directa ou inversa
que garantan o exercicio dos dereitos recollidos nesta Declaración.
Artigo 12
1. No ámbito público, todo o mundo ten dereito a desenvolver tódalas actividades na súas
lingua, se é a lingua propia de onde reside.
2. No ámbito persoal e familiar todo o mundo ten dereito a usa-la súa lingua.
Artigo 13
1. Todo o mundo ten dereito a acceder ó coñecemento da lingua propia da comunidade de onde reside.
2. Todo o mundo ten dereito ó poliglotismo e a coñecer e usa-la lingua máis axeitada para
o seu desenvolvemento persoal ou para a súa mobilidade social, sen prexuízo das garantías
establecidas nesta Declaración para o uso público da lingua propia do territorio.
Artigo 14
As disposicións desta Declaración non poden ser interpretadas ou utilizadas contra calquera norma
ou práctica máis favorable do réxime interno ou internacional ó uso dunha lingua dentro
do territorio que lle é propio.
TÍTULO SEGUNDO - Réxime
lingüístico xeral
Sección I. Administración pública e órganos oficiais
Artigo 15
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a que a súa lingua sexa utilizada como oficial dentro
do seu territorio.
2. Toda comunidade lingüística ten dereito a que as actuación xudiciais e administrativas, os
documentos públicos e privados e os asentos en rexistros públicos realizados na lingua propia do
territorio sexan válidos e eficaces e ninguén poida alega-lo descoñecemento.
Artigo 16
Todo membro dunha comunidade lingüística ten dereito a relacionarse e a ser atendido na súa
lingua polos servicios dos poderes públicos ou das divisións administrativas centrais, territoriais,
locais e supraterritoriais ós cales pertence o territorio de onde é propia a lingua.
Artigo 17
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a dispoñer e obter toda a documentación oficial
na súa lingua, en forma de papel, informática ou calquera outra, para as relacións que afecten
ó territorio de onde é propia esta lingua.
2. Os poderes públicos deben dispoñer de formularios, impresos e modelos en forma de papel, informática
ou calquera outra nas linguas territoriais, e ofrecerllos ó público nos servicios que afecten ós
territorios onde é propia a lingua respectiva.
Artigo 18
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a que as leis e outras disposicións xurídicas
que lle atinxen se publiquen na lingua propia do territorio.
2. Os poderes públicos que teñen nos seus ámbitos de actuación máis dunha lingua
territorialmente histórica deben publicar tódalas leis e outras disposicións de carácter
xeral nestas linguas, con independencia de que os
seus falantes entendan outras linguas.
Artigo 19
1. As Asembleas de representantes depen adoptar como oficiais a lingua ou as linguas historicamente faladas no
territorio que representan.
2. Este dereito inclúe as linguas das comunidades de asentamento disperso referidas no artigo 1 parágrafo
4.
Artigo 20
1. Todo o mundo ten dereito a usar de palabra e por escrito, nos Tribunais de Xustiza, a lingua historicamente
falada no territorio onde están ubicados. Os Tribunais deben utiliza-la lingua propia do territorio nas
súas actuacións internas e, se por razón da organización xudicial do Estado, o procedemento
se segue fóra do lugar de orixe, hai que mante-la lingua de orixe.
2. Así e todo, todo o mundo ten dereito a ser xulgado nunha lingua que lle sexa comprensible e poida falar,
ou obter gratuitamente un intérprete.
Artigo 21
Toda comunidade lingüística ten dereito a que os asentos dos rexistros públicos se fagan na
lingua propia do territorio.
Artigo 22
Toda comunidade lingüística ten dereito a que os documentos notariais ou autorizados por funcionarios
que exerzan fe pública sexan redactados na lingua propia do territorio onde o notario ou funcionario teña
demarcada a súa sede.
Sección II. Educación
Artigo 23
1. A educación debe contribuír a fomenta-la capacidade de autoexpresión lingüística
e cultural da comunidade lingüística do territorio onde é impartida.
2. A educación debe contribuír ó mantemento e desenvolvemento da lingua falada pola comunidade
lingüística do territorio onde é impartido.
3. A educación debe de estar sempre ó servicio da diversidade lingüística e cultural,
e das relacións harmoniosas entre diferentes comunidades lingüísticas de todo o mundo.
4. No marco dos principios anteriores, todo o mundo ten dereito a aprender calquera lingua.
Artigo 24
Toda comunidade lingüística ten dereito a decidir cal debe se-lo grao de presencia da súa lingua,
como lingua vehicular e como obxecto de estudio, en tódolos niveis da educación dentro do seu territorio.
preescolar, primario, secundario, técnico e profesional, universitario e formación de adultos.
Artigo 25
Toda comunidade lingüística ten dereito a dispór de tódolos recursos humanos e materiais
necesarios para consegui-lo grao desexado de presencia da súa lingua en tódolos niveis da educación
dentro do seu territorio: ensinantes debidamente formados, métodos pedagóxicos axeitados, manuais,
financiamento, locais e equipos, medios tecnolóxicos tradicionais e innovadores.
Artigo 26
Toda comunidade lingüística ten dereito a unha educación que lles permita a tódolos seus
membros adquiri-lo pleno dominio da súa propia lingua, coas diversas capacidades relativas a tódolos
ámbitos de uso habituais, así como o mellor dominio posible de calquera outra lingua que desexen
coñecer.
Artigo 27
Toda comunidade lingüística ten dereito a unha educación que lles permita ós seus membros
o coñecemento das linguas vinculadas á propia tradición cultural, tales como as linguas literarias
ou sagradas, usadas antigamente como linguas habituais da propia comunidade.
Artigo 28
Toda comunidade lingüísitca ten dereito a unha educación que lle permita ós seus membros
adquirir un coñecemento profundo do seu patrimonio cultural (historia e xegrafía, literatura e outras
manifestacións da propia cultura), así como o máximo dominio posible de calquera outra cultura
que desexen coñecer.
Artigo 29
1. Toda persoa ten dereito a recibi-la educación na lingua propia do territorio onde reside.
2. Este dereito non exclúe o dereito de acceso ó coñecemento oral e escrito de calquera lingua
que lle sirva de ferramente de comunicación con outras comunidades lingüísticas.
Artigo 30
A lingua e a cultura de cada comunidade lingüística deben ser obxecto de estudio e de investigación
a nivel universitario.
Sección III. Onomástica
Artigo 31
Toda comunidade lingüística ten dereito a preservar e usar en tódolos ámbitos e ocasións
o seu sistema onomástico.
Artigo 32
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a facer uso dos topónimos na lingua propia do territorio,
nos usos orais e escritos, e nos ámbitos privados, públicos e oficiais.
2. Toda comunidade lingüística ten dereito a establecer, preservar e revisa-la toponimia autóctona.
Esta non pode ser suprimida, alterada ou adaptada arbitrariamente, como tampouco pode ser substituída en
caso de cambios de conxunturas políticas ou doutro tipo.
Artigo 33
Toda comunidade lingüística ten dereito a autodesignarse na súa lingua. Así pois, calquera
traducción a outras linguas debe evita-las denominacións confusas ou despectivas.
Artigo 34
Toda persoa ten dereito ó uso do seu antropónimo na lingua que lle é propia e en tódolos
ámbitos, e a unha transcrición foneticamente tan fiel como sexa posible a outro sistema gráfico
cando sexa necesario.
Sección IV. Medios de comunicación
e novas teconoloxías
Artigo 35
Toda comunidade lingüística ten dereito a decidir cal debe se-lo grao de presencia da súa lingua
nos medios de comunicación do seu territorio, tanto nos locais e tradicionais como nos de maior ámbito
de difusión e de
teconoloxía máis avanzada, independentemente do sistema de difusión ou transmisión
utilizado.
Artigo 36
Toda comunidade lingüística ten dereito a dispor de tódolos medios humanos e materiais necesarios
para asegura-lo grao desexado de presencia da súa lingua e de autoexpresión cultural nos medios de
comunicación do seu territorio: persoal debidamente formado, financiamento, locais e equipos, medios tecnolóxicos
tradicionais e innovadores.
Artigo 37
Toda comunidade lingüística ten dereito a recibir, a través dos medios de comunicación,
un coñecemento profundo do seu patrimonio cultural (historia e xeografía, literatura e outras manifestacións
da propia cultura), así como o máximo grao de información posible de calquera outra cultura
que desexen coñece-los seus membros.
Artigo 38
Tódalas linguas e as culturas das comunidades lingüísticas deben recibir un trato equitativo
e non discriminatorio nos contidos dos medios de comunicación de todo o mundo.
Artigo 39
As comunidades descritas no artigo 1, parágrafos
3 e 4 desta Declaración, así como os grupos mencionados no parágrafo 5 do mesmo artigo, teñen
dereito a unha representación equitativa da súa lingua nos medios de comunicación do territorio
onde se estableceron ou se desprazan. O exercicio deste dereito debe estar en harmonía co exercicio dos
dereitos propios dos outros grupos ou comunidades do territorio.
Artigo 40
Toda comunidade lingüística ten dereito a dispor, no campo informático, de equipos adaptados
ó seu sistema lingüístico e ferramentas e productos na súa lingua, para aproveitar plenamente
o potencial que ofrecen estas tecnoloxías para a autoexpresión, a educación, a comunicación,
a edición, a traducción, e, en xeral, o tratamento da información e a difusión cultural.
Sección V. Cultura
Artigo 41
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a usa-la súa lingua e a mantela e potenciala en tódalas
expresións culturais.
2. O exercicio deste dereito debe poder desenvolverse plenamente sen que o espacio de ningunha comunidade sexa
ocupado de maneira hexemónica por unha cultura allea.
Artigo 42
Toda comunidade lingüística ten dereito a desenvolverse plenamente no propio ámbito culutal.
Artigo 43
Toda comunidade lingüística ten dereito a acceder ás obras producidas na súa lingua.
Artigo 44
Toda comunidade lingüística ten dereito a acceder ás programacións interculturais, a
través da difusión dunha información suficiente, e que se apoien as actividades de aprendizaxe
para estranxeiros/as ou de traducción, dobraxe, post-sincronización e subtitulado.
Artigo 45
Toda comunidade lingüística ten dereito a que a lingua propia do territorio figure nun sitio prioritario
nas manifestacións e servicios culturais tales como bibliotecas, videotecas, cines, teatros useos, arquivos,
producción informática, folclore, industrias culturais, e tódalas outras expresións
que deriven da realidade cultural.
Artigo 46
Toda comunidade lingüística ten dereito á preservación do seu patrimonio lingüístico
e cultural, incluídas as manifestacións materiais como por exemplo os fondos documentais, herdanza
artística, arquitectónica e monumental, e presencia epigráfica da súa lingua.
Sección VI. Ámbito socioeconómico
Artigo 47
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a establece-lo uso da súa lingua en tódalas
actividades socioeconómias dentro do seu territorio.
2. Calquera membro dunha comunidade lingüística ten dereito a dispor na súa lingua de tódolos
medios que require o exercicio da actividade profesional, como por exemplo documentos e libros de consulta, instruccións,
impresos, formularios, e equipos, ferramentas e programas informáticos.
3. A utilización doutras linguas neste ámbito só se pode esixir na medida que o xustifique
a natureza da actividade profesional desenvolvida. En ningún caso outra lingua chegada máis recentemente
pode subordinar ou agocha-lo uso da lingua propia do territorio.
Artigo 48
1. No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a usa-la súa lingua,
con plena validez xurídica, nas transaccións económicas de todo tipo, como por exemplo a compra-venda
de bens e ervicios, as operacións bancarias, os seguros, os contratos laborais e outros.
2. Ningunha cláusula destes actos privados pode excluír ou limita-lo uso dunha lingua no propio territorio.
3. No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a dispor na súa
lingua dos documentos necesarios para a realizacións das operacións mencionadas como por exemplo
impresos, formularios, cheques, contratos, facturas, recibos, albarás, pedidos e outros.
Artigo 49
No territorio da propia comunidade lingüistica, todo o mundo ten dereito a usa-la súa lingua en calquera
tipo de organización socioeconómica: laborais, sindicais, patronais, profesionais e gremiais.
Artigo 50
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a unha presencia predominante da súa lingua na publicidade,
a rotulacións, a sinalización exterior e no conxunto da imaxe do país.
2. No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a obter na súa lingua
unha información completa, tanto oral como escrita, sobre os productos e servicios que propoñen os
establecementos comerciais do territorio, como por exemplo as instruccións de uso, as etiquetas, os listados
de ingredientes, a publicidade, as garantías e outros.
3. Tódalas indicacións públicas referentes á seguridade dos cidadáns e cidadás
deben ser expresadas polo menos na lingua propia da comunidade lingüística e en condicións non
inferiores ás de calquera outra lingua.
Artigo 51
1. Todo o mundo ten dereito a usa-la lingua propia do territorio nas súas relacións coas empresas,
eatablecementos comerciais e entidades privadas e a ser reciprocamente atendido/a e correspondido/a nesta lingua.
2. Todo o mundo ten dereito, como cliente, consumidor ou usuario, a ser informado, oralmente ou por escrito, na
lingua propia do territorio nos establecementos abertos ó público.
Artigo 52
Todo o mundo ten dereito a exerce-las actividades laborais ou profesionais na lingua propia do territorio, non
sendo que as funcións inherentes ó posto de traballo requiran o uso doutros idiomas, como por exemplo
o caso dos profesores de linguas, os traductores, os guías turísticos.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira
Os poderes públicos deben de tomar tódalas medidas oportunas para a aplicación dos dereitos
proclamados nesta Declaración no seu ámbito de actuación, concretamente deben habilita-los
fondos internacionais para que as comunidades ostensiblemente faltas de recursos poidan exerce-los Dereitos Lingüísticos.
Do mesmo xeito, os poderes públicos deben achegar-lo apoio necesario para a codificación, a transcrición
escrita, o ensino das linguas das diversas comunidades e a súa utilización na administración.
Segunda
Os poderes públicos deben garantir que as autoridades, as organizacións e as persoas concernidas
sexan informadas dos dereitos e os deberes correlativos que se desprenden desta Declaración.
DISPOSICIÓNS FINAIS
Primeira
Esta Declaración propón a creación do Consello das Linguas no seo das Nacións Unidas.
Correspóndelle á Asemblea Xeral das Nacións Unidas acreación e a definición
deste Consello así como das persoas que deben compoñelo, e a creación do organismo de dereito
internacional que debe ampara-las comunidades lingüísticas nos dereitos recoñecidos nesta Declaración.
Segunda
Esta Declaración propuga e promove a creación dunha Comisión Mundial de Dereitos Lingüísticos
de natureza non-oficial e de carácter consultivo, formada por representantes de ONG e entidades do ámbito
do dereito lingüístico.
Barcelona, xuño de 1996.
|